You are on page 1of 8

RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.

A ORATORIA NO MARCO DOS XÉNEROS LITERARIOS: RETÓRICA E ORATORIA

Nunha república tan grande e antiga onde as máis brillantes


recompensas se lle conceden á elocuencia, todos desexaron posuír a
habilidade da palabra.
Cicerón, De Oratore,
1, 4, 13

A crítica literaria antiga considerou a elocuencia unha manifestación orixinal do


xenio romano. O sistema político romano baseado durante toda a Républica na
consulta popular e na liberdade de expresión foi o escenario idóneo para o seu
desenvolvemento. A actividade asemblearia no Senado e nos comicios populares
esixía o recurso constante á habilidade oratoria. O sistema xudicial gozaba da
independencia suficiente como para estimular a avogados a entregarse ás causas
dos seus clientes. Había que convencer a cidadáns que tiñan capacidade de
elixir e a xuíces que debían resolver as causas, polo aue había que coñecer os
mecanismos da retórica. Deste xeito a oratoria converteuse na máis importante
arma política.

En Roma a aplicación da retórica, é dicir, da normativa literaria, ós discursos


políticos, xudiciais e epidícticos (demostrativos ou encomiásticos), unía ó valor
funcional a esixencia estética. O apoxeo da retórica e a súa aplicabilidade
directísima á oratoria, que alcanza o seu máximo grao en Roma na figura de
Cicerón, fan deste xénero unha das principais manifestacións artísticas no
campo da literatura.

Falar de oratoria romana implica necesariamente falar de retórica. A pervivencia


da retórica é máis prolongada que a da oratoria: a súa aplicación a outros
xéneros literarios e o seu valor preceptivo danlle unha entidade que excede o
marco simple da oratoria. A oratoria acadou o seu su maior desenvolvemento no
marco das loitas paxionais que caracterizaron a historia de Roma do último
século da República. Agora ben, a oratoria, que é incomprensible sen a retórica,
deixa de existir cando desaparece o contexto sociopolítico que a propicia. Os
valores republicanos son condicións imprescindibles para a supervivencia da
oratoria. A evolución da retórica permite pór de manifesto de que xeito o
sistema educativo, xurdido en Grecia, introduce unhas pautas e proporciona uns
recursos que condicionan a creación literaria.

Retórica e filosofía foron en Grecia dous sistemas diferentes de aproximación á


verdade que nun momento determinado chegaron mesmo ó enfrontamento:
lembremos a polémica que no século IV a. C. mantivo Platón contra Isócrates e
os sofistas.

A retórica, que logo de Isócrates chegou a ser considerada como subsidiaria da


filosofía, sería reivindicada por Hermágoras no século II a. C. como
independente, o que suporá un fito neste debate. Xa Aristóteles matizara a
afirmación sofística da ausencia de límites para a retórica, reducíndoa ó que
para sempre serían considerados os tres tipos aristotélicos: deliberativo,

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 1


RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.)

xudicial, demostrativo.

A RETÓRICA EN ROMA

Esta disciplina comeza a ser coñecida en Roma a través dos rhetores gregos
traídos polas clases altas e influintes para educar os seus fillos na primeira
metade do século II a. C. Apareceu neste contexto toda unha corrente filohelénica
en torno ó Círculo dos Escipións que xenera un cambio esencial no contido e na
forma da educación romana: a lingua e a literatura gregas chegan
acompañadas dun sistema novo de ensino que colocará á retórica como
alicerce fundamental. O primeiro paso cara a esta transformación será a
ampliación do currículo educativo do romano: o estudo e exégesis da
literatura clásica grega. Este chanzo do ensino resultaba imposible ata
entonces, polo descoñecemento da literatura helénica, e tamén pola
inexistencia dunha literatura nacional romana. Posteriormente, co nacemento
de devandita literatura autóctona, engadirase a retórica como terceiro e último
chanzo. Catón enfrontouse duramente ós renovadores filohelénicos, que se
xuntan no Círculo dos Escipións.

A pesar das dificultades que esta cultura ten para abrirse paso -hai que recordar
a modo de exemplo a expulsión no 161 a. C. dos rhetores gregos (ludus
impuditiae) e no 92 a. C. dos latinos; esta última por razóns diferentes- obtén
un éxito relativamente inmediato. A proba diso é que os políticos da segunda
metade do século II a. C. dos que temos datos referentes á súa oratoria
manifestan unha educación marcada pola retórica e os contidos culturais de
Grecia: entre outros moitos persoeiros os irmáns Graco.

OS MANUAIS DE RETÓRICA EN ROMA

Os primeiros manuais utilizados nas escolas retóricas romanas quizais fosen


traduccións dos gregos, xa que os profesores o eran na súa maioría. Os primeiros
libros latinos, a Rhetorica ad Herennium e o seu contemporáneo De
inventione, o primeiro manual escrito por Cicerón, son basicamente gregos polo
seu contido. Son obras de carácter normativo que prescriben os modos de
composición dos discursos, aplicables tamén a outros xéneros literarios. Estudan
detidamente as actividades que leva a cabo un orador para preparar e
pronunciar un discurso, é dicir, os oratoris oficia: a inventio ou procura de
argumentos, a dispositio ou ordenación do material, a elocutio ou forma verbal
do contido, a memoria ou regulamentación mnemotécnica, e a pronuntiatio ou
guía para o embelecemento do discurso mediante a voz e o xesto.

Como arte do discurso trataban tamén da organización das diversas partes do


mesmo: exordio ou introducción, proposición ou narración dos feitos,
argumentación ou exposición das probas, refutación do adversario e por último
a digresión ou epílogo.

Seguindo a tradición aristotélica xa mencionada, establecen tres tipos de

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 2


RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.)

discursos ou genera causarum. O genus demonstrativum para encomiar ou


vituperar a alguén; o deliberativum que se aplica nos casos en que hai que
persuadir ou disuadir a alguén de algo nas asembleas deliberantes; o iudiciale
que se utiliza para defender ou acusar ante un tribunal.

O carácter estrictamente técnico destes manuais evoluciona da man de Cicerón


cara a tratados teóricos que profundan en cuestións retóricas desde novos
puntos de vista. A aridez do libro técnico dá paso ó diálogo parafilosófico, a
rixidez escolar a unha aplicación das normas máis flexible e racional. A división
dos discursos efectúase non só en función do tema e do escenario no que se
pronuncian, senón tamén de acordo coas súas características estéticas. Xorde así
unha teoría sobre o estilo que Cicerón exporá, finalmente, no Orator e que
clasifica, como veremos, as pezas oratorias en tres genera dicendi:
grandiloquens (vehemente) destinado a convencer, médium, destinado a
gustar, e tenue (sutil), a impresionar, deliñando unha forma de adecuación
entre o estilo e o contido.

ORATORIA PRECICERONIANA

Se acordamos que só o discurso escrito é obxecto posible de estudo como xénero


literario, non podemos falar de que existise como xénero nos séculos III e II a. C.
Con todo, existen referencias claras de que tales discursos se escribiron nalgún
caso. O Brutus, a única historia literaria chegada ata hoxe de época
republicana, presenta unha copiosa lista de oradores nos comezos de tal
práctica e se un personaxe desenvolveu unha función importante nun
acontecemento público de envergadura, debía necesariamente ser un bo orador.
Esta oratoria totalmente funcional, da que non coñecemos normativa nin
existencia dela, e que parece un produto autóctono xerado pola necesidade,
sofre unha modificación fundamental coa conquista da Magna Grecia, Sicilia,
Macedonia e Grecia propiamente dita, e coa entrada das súas influencias
culturais.

Os discursos políticos e xudiciais, as arengas militares e os encomios ós mortos,


manifestacións espontáneas previas á formalización que supuxo a retórica,
comezan a recibir recursos xa experimentados dunha disciplina importada que
marca todos os xéneros, pero que ten unha especial incidencia no caso da
oratoria. E iso tanto porque esta deriva directamente da retórica e se fai máis
eficiente grazas a ela, como porque a sociedade romana e as súas tradicións fan
desta forma literaria elemento esencial da vida sociopolítica. A formación
retórica, co paso do tempo, faise imprescindible en Roma para poder
desempeñar un cargo na administración do Estado. E esta retórica que a cultura
romana asume é enteiramente grega desde a súa creación ata o seu
perfeccionamento.

CICERÓN: O EIXO DA ORATORIA ROMANA

E chegamos así ó eixo sobre o que vira a oratoria latina: Cicerón, que para

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 3


RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.)

Quintiliano era “o nome, non dun home, senón da elocuencia mesma”. El é o


punto de partida para axuizar a fase que lle precede e exemplo da época
posterior. A súa obra é un obxecto imprescindible en calquera achegamento ó
xénero dado que Cicerón xunta na súa figura o culmen da oratoria e ser o
principal teórico latino de retórica. Despois de Cicerón ninguén podía compoñer
un discurso, ou escribir con pretensións literarias sen que o autor e o público
fosen conscientes do gran modelo.

A formación de Marco Tulio Cicerón como a da maioría dos romanos


contemporáneos, ten a base grega. Na súa educación xuvenil, Cicerón tomou
contacto co epicureísmo a través de Fedro, co estoicismo por medio de
Diodoto, e co academicismo de Filón de Larisa e conxugou estes ensinos co da
literatura grega e romana, concedendo sempre un papel fundamental á
aprendizaxe da teoría retórica. A idea epicúrea de que vida pública non é o
espazo idóneo para o sabio non o comprace. A Cicerón atráenlle os sistemas que,
como o estoicismo, colocan a retórica como a disciplina propia do sabio. Hai
que ter en conta nesta fase da súa educación teórica a influencia do sector
práctico da aprendizaxe oratoria, fundamental neste xénero. Os ensinos directos
de Antonio 143/87 a. de C. e Craso 140/91 a. de C. (esta parella de oradores
dominou o foro romano nos últimos anos do século II. a. C.), así como as súas
actuacións, contempladas polo novo alumno, marcarán o camiño a Cicerón.
Ambos, do grupo dos optimates (homes benpensantes, honestos, exemplares),
van ser os guías da formación oratoria de Cicerón nun momento no que o
filosófico, o retórico e o político se conforman como un todo relacionado ó que
é preciso dar coherencia

Tras a súa educación romana marcha Cicerón a Grecia, como era costume entre
os contemporáneos da clase social alta, para perfeccionar os seus estudos:
Grecia, berce dos saberes xa arraigados en Roma, segue sendo a fonte de
discusión e perfeccionamento das doutrinas imperantes no campo da filosofía e
a retórica.

Cicerón coñece en Grecia todas as tendencias, visita as diferentes escolas e


percibe os contrastes: á beira da exaltación estoica da retórica, do desprezo que
dela fan os epicúreos e do emprego subsidiario que lle dan os académicos, os
peripatéticos propoñen outros coñecementos básicos como o da política.
Imbuído de tales influencias, Cicerón volve a Roma, onde o xénero oratorio non
é senón unha actividade práctica e útil na que as condicións sociopolíticas
engaden un novo punto de vista ó contido teórico.

Os seus coñecementos de retórica previos á viaxe a Grecia quedaran plasmados


nun manual de mocidade absolutamente técnico, froito dos ensinos dos seus
profesores de elocuencia romanos. O De inventione é unha preceptiva escolar
que non se enriqueceu coa profundización filosófica, pero que apunta os
problemas que Cicerón tratará de resolver máis adiante.

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 4


RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.)

TIPOLOXÍA DE DISCURSOS PARA UNHA REALIDADE CONVULSA

A tradición aristotélica asumida por todas as escolas retóricas establece tres


tipos de discurso, como quedou dito: deliberativo, xudicial e demostrativo. Os
dous primeiros modelos encaixan perfectamente na realidade sociopolítica
romana: durante a República era actividade cotiá dos maxistrados someter ó
pobo e ó Senado calquera asunto sobre o que houbese que tomar unha decisión;
e a actividade incesante dos tribunais, reflectida na rica casuística do dereito
romano, proporcionaba ós avogados continuas ocasións de pór de manifesto o
seu dominio do genus iudiciale. En cambio o genus demonstrativum apenas se
actualiza nalgúns eloxios de antepasados, escasos e mal coñecidos: por algunhas
referencias que atopamos no propio Cicerón, as Laudationes funebres
axustábanse a formas preestablecidas e tiñan pouco que ver coa realidade:
consistían en encher un esquema cunha serie de datos sobre o defunto, a súa
familia e as súas fazañas, sen que importase demasiado que fosen ou non certos.

Os dous tipos de discurso nos que o orador vai ter necesidade de conxugar os
seus coñecementos teóricos coa súa habilidade e capacidade de adaptación ó
problema práctico son o xudicial (forense) e o político (deliberativo).

Os manuais retóricos que chegaron ata nós presentan diáfanamente eses tipos de
discursos. A casuística articúlase perfectamente nas características dun e doutro
tipo: guías de composición, obxectivos, fontes argumentais, etc. No entanto, no
caso de Cicerón e dos numerosos discursos del conservados, atopamos escasos
exemplos de causa xudicial ou de debate político nos que as liñas
diferenciadoras entre unha e outra sexan absolutamente claras. O momento
político que vive Roma no último século da República, loita partidista, a
axitación popular, as querelas polas parcelas de poder e a progresiva
deterioración dun sistema de goberno son causas suficientes para facer do
mundo político e xudicial un todo dificilmente discernible e para establecer á
vez o marco ideal para o desenvolvemento dunha oratoria que suporía en Roma o
nivel máis alto do xénero.

Xa na época anterior á súa viaxe a Grecia, da que só conservamos un par de


discursos, atopamos nun deles un problema de índole práctica que se superpón á
aplicación de normas teóricas: no caso do Pro Roscio Amerino (80 a. C.) a
demanda criminal encobre cuestións de carácter político relacionadas co
sistema ditatorial de Sila e imbricadas, polo menos polo que respecta a Cicerón,
co terror que supuxeron as proscripcións. Este feito demostra que, a pesar dos
intentos de escola por normativizar a casuística oratoria, os modelos de
discurso, de argumento, etc., a realidade que non ofrece modelos puros, obriga
á oratoria como actividade práctica a acomodarse ó carácter mixto dos casos ós
que se aplica.

O problema apuntado no caso do Pro Roscio Amerino repetirase continuamente


e con características máis evidentes: considerar o exemplo do Pro Milone
unicamente como un problema xudicial, como unha acusación de vi (de

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 5


RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.)

violencia), é pechar os ollos a un transfondo de loita política que neste caso


precisamente se impón ó problema xudicial. A Acusación contra Verres non é
simplemente un proceso de concusión (cobro arbitrario de impostos feita por un
funcionario público en proveito propio) contra un gobernador de provincia que
utilizou o seu poder para o propio enriquecemento, senón un debate por
arrebatar o dominio das quaestiones de repetundis (acusacións de corrupción)
ós tribunais senatoriais; o poder que Sila devolvera ó Senado concedía ó político
a xurisdición sobre os seus propios membros, de forma que os propios senadores
deste grupo xulgaban os desmáns cometidos en provincias polos seus
compañeiros de grupo.

Con variantes sobre o caso de Verres, pero coa mesma dualidade de fondo,
poderían citarse moitos máis casos: acusacións de vi como o Pro Sestio e o Pro
Caelio encobren cuestións políticas, e casos de concusión como o Pro M.
Aemilio Scauro ou o Pro C. Rabirio Postumo teñen detrás a mesma
problemática.

Non todos os casos que ofrece o dereito no último século republicano teñen este
carácter. Existirían seguramente neste ambiente xuízos que non se interferisen
con temas estraños en teoría ó debatido e avogados cunha actividade
exclusivamente xurídica. Pero o noso coñecemento do xénero está marcado
polos discursos conservados, e estes son os de Cicerón. O feito de ser a un
tempo orador e tratadista de retórica produce influencias mutuas entre ambas
as actividades; hai ademais un dato importante que engade complexidade ós
seus discursos: a procura do éxito da súa carreira política marca de modo
fundamental todo o seu quefacer xudicial, e a súa profesión xurídica condiciona,
á súa vez, a súa actuación como orador político.

É preciso ter en conta ademais que os casos tratados por Cicerón dos que
conservamos o discurso expoñen cuestións de gran envergadura na vida romana
do seu tempo; ata nas situacións nas que as aparencias farían pensar en
problemas de pouca sona, Cicerón trata no fondo temas de máis importancia:
pensemos no Pro Archia ou no De domo sua ad pontífices, nos que a defensa
do dereito de cidadanía ou a reclamación dunha casa dan pé a Cicerón para
expor as súas ideas sobre a poesía e a ciencia ou para escribir un tratado sobre
dereito de Estado.

O PROBLEMA DE CLASIFICACIÓN DOS DISCURSOS DE CICERÓN

Á vista do dito ata agora, hai un feito claro que xeralmente non se pon de
relevo: os manuais retóricos, guía imprescindible do xénero oratorio, clasifican
con nitidez a tipoloxía dos genera causarum. Pero cousa moi distinta é tratar de
agrupar de acordo coas diferenzas propostas por devanditos manuais os discursos
ciceronianos, xurdidos teoricamente deles de xeito directo. Cicerón teoriza e
constrúe discursos de acordo coa súa teoría. Pero na práctica prodúcese a
distorsión que acabamos de mencionar. De feito, os historiadores da literatura
non entran xeralmente no problema da clasificación dos discursos ciceronianos,

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 6


RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.)

e iso tendo en conta que o propio Cicerón afirma que é un dos factores iniciais
na súa construción. Esta omisión é facilmente explicable: pódese afirmar con
que ocasión se redactou, a que lei se apelaba na denuncia, que tribunal xulgou o
caso e baixo que condicións tivo lugar o proceso, pero a lectura do discurso
exclúe desde o principio a posibilidade dun encasillamiento limpo, sen bordos
escuros que supoñan influencias estrañas ó plantexamento inicial.

Nun discurso como o Pro Marcello, pronunciado no ano 46, xa case ó final da
vida de Cicerón, independentemente do tema de que se trate, atopamos
características dos tres xéneros: con el pide Cicerón o perdón para o exiliado M.
Marcelo, axuizando en certa medida as circunstancias do exilio a consecuencia
da guerra civil, e pronunciando de paso un encomio de César.

A importancia de Cicerón para o desenvolvemento e consideración futura da


elocuencia é, pois, dobre: se o observamos desde o punto de vista da retórica e
estudamos por orde cronolóxica os tratados que escribiu ó longo da súa vida,
veremos que se produce unha certa evolución na súa forma de concibir a arte
retórica. A súa primeira obra teórica, o De inventione, é, como dixemos, un
manual escrito na súa mocidade, produto dos ensinos recibidos dos seus
profesores de elocuencia en Roma, anterior ó seu coñecemento das doutrinas
filosóficas gregas e á súa experiencia como orador no foro. É, xa que logo, un
tratado de carácter escolar no que se limita a repetir as normas consagradas xa
desde a retórica grega, e no que a delimitación excesivamente clara das
diferentes taxonomías nas que se encadran os discursos contrasta fortemente
coa aplicabilidade de feito de tales normas.

O estudo profundo da filosofía grega faille a Cicerón reconsiderar, á súa volta de


Grecia, as tres condicións básicas da elocuencia: ingenium, usus e ars. A visión
fortemente técnica da retórica como ars (preceptiva), manifestada no De
inventione, empeza a sufrir unha seria modificación: desde os presupostos
platónicos esta ars vai tendendo a converterse nunha cultura xeral baseada
fundamentalmente na filosofía, a historia e os coñecementos xurídicos.
Historia e filosofía fanse imprescindibles para o genus deliberativum, dereito
e práctica forense son necesarios para o genus iudiciale. Sobre este alicerce
do coñecemento totalizador construirá Cicerón a súa teoría da gran oratoria.

O Brutus é unha historia da elocuencia romana que culmina na súa persoa: el


reúne as calidades necesarias para todo bo orador e acumula o progresivo
perfeccionamento que o xénero oratorio latino experimentou desde as súas
orixes. O De oratore expón de forma definitiva toda esta problemática, que
encerra en si unha contradición: se por unha banda existe unha necesidade de
regulamentación técnica e por outro se precisan uns coñecementos filosóficos
que negan a validez de tal normativa, é evidente a necesidade de modificar
estas formulacións en busca de coherencia.

Cicerón necesita da retórica e debe combater os académicos, que insisten en


prescindir dela, pero ten á súa vez que aceptar certos postulados platónicos,

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 7


RETÓRICA E ORATORIA: CICERÓN (106 a.C.-43 a.C.)

como os de que a dialéctica e os contidos filosóficos en xeral teñen que formar


parte do núcleo do seu sistema. Na pretensión de manter dita coherencia,
Cicerón xuntará aspectos que na retórica parecen estar disociados: a súa idea da
imbricación inventio-elocutio supón en si a consideración da idea como un
elemento esencial da expresión literaria: a rerum copia (riqueza de ideas)
proporciona verborum copia (riqueza verbal); o traballo relativo á inventio
asegura, pois, a súa mellor fonte á elocutio.

As posturas que Craso e Escévola manteñen no libro III do De oratore,


sustentando respectivamente os pareceres de Isócrates e en certo xeito de
Platón, son unificadas por Cicerón nun intento persoal de dar validez ó traballo
conxunto de ambas as tendencias: admite o valor dado á razón, pero considera
que o sabio necesita da palabra para dominar os artificios do discurso.

O labor sistematizador e unificador de Cicerón consistiu en engadir á retórica a


necesidade dun coñecemento amplísimo sobre cuestións filosóficas, históricas e
xurídicas que substituíse a rixidez da ars (preceptiva) e permitise o emprego
desta como medio de carácter subsidiario.

Se o orador é eloquens, é dicir, se caracteriza polo dominio da elocutio, desde


aquí terá que responder ás cuestións que lle son propias: docere (instruir),
delectare (agradar), movere (conmover). Cicerón cre conveniente adscribirlle
a cada función o seu estilo correspondente (genus dicendi): o sinxelo á función
probatoria, o intermedio á do agrado e o vehemente a dobregar o ánimo:

será vir eloquens aquel que no foro e nos tribunais fale de tal modo que
probe, agrade e dobregue o auditorio.

Cicerón no seu retrato do orator optimus e na súa teoría dos estilos, expostos
no Orator, recorre como exemplo a discursos pronunciados por el mesmo: a
ilustración dos estilos grande, medium e tenue co Pro Caecina, De imperio Cn.
Pompei e Pro Rabino Postumo, pon de manifesto que as coordenadas público-
tema-personaxes-etc, son decisivas na construcción dunha peza oratoria.

Os discursos de Cicerón enchen o mellor momento da oratoria latina. A súa


capacidade como orador, a ampla formación recibida e o momento político
idóneo que lle tocou vivir fixeron posible unha ascensión fulminante deste
xénero na literatura latina. Duns primeiros discursos nos que se adapta ás pautas
escolares, abundantes en lugares comúns, pasamos a partir das Verrinas a unha
maior liberdade de composición: o enriquecemento da lingua cos contidos da
filosofía e a cultura gregas, e o seu extremado coidado da forma unidos entre si,
como foi o seu ideal, fan del a figura clásica por excelencia da prosa latina.

(As ideas fundamentais para a elaboración deste tema están tomadas esencialmente do
capítulo Oratoria de Mª Josefa Cantou Llorca, Carmen Codoñer Merino, Agustín Ramos
Guerreira en Géneros literarios latinos. Ed. Universidade de Salamanca 1987. Tamén
foi importante para cuestións de tipo social e histórico a obra de S.L. Utchenko,
Cicerón y su tiempo. Akal, Madrid 1978)

José M. Otero. I.E.S. San Tomé de Freixeiro. Vigo Páxina 8

You might also like