You are on page 1of 13

DEDICATORIA

Aos pobre pinos que sobreviviron a tantas queimas.

PRESENTACIÓN
Este traballo foi elaborado pola Xunta de Montes en Man Común da Illa de Arousa no
ano 1986. Nel recóllense as labores de repoboación e loita contra incendios realizada
polos membros da comunidade veciñal.
Presentado a un concurso de AFRIFOGA, durante a Feira da Semana Verde de Silleda
do ano 1986, mereceu o primeiro premio á labor realizada en defensa dos montes
veciñais.
SITUACIÓN XEOGRÁFICA

A Illa verde de saudosas brétemas, do poeta, enmarcada entre os 8º 51' 08"/ 8º


53' 30" de lonxitude Norte e os 42º 31' 22"/ 42º 34' 30" de latitude oeste, está situada a
cabalo das provincias de Pontevedra e A Coruña, no medio da máis fermosa das rías, -a
da Arousa-, ten forma de sete alongado, cunhas dimensións máximas de 6 e 2 Km., e
unha superficie de 600 Ha.

Pertence ó Concello de Vilanova de Arousa1 (Pontevedra) desde 1837, e todo o


seu territorio forma a parroquia de San Xiao da Illa de Arousa. Ten unha poboación
duns 6.000 habitantes repartidos entre os barrios A Aldea, O Campo, O Cantiño, O
Cruceiro, O Charco, As Laxes, O Monte, Pedracerrada, A Salga e A Torre.

ASPECTOS HISTÓRICOS

Ten a Illa de Arousa unha secular tradición agrícola, gandeira e forestal, que
perduraría fundamentalmente ata comezos dos anos sesenta do presente século, no que a
economía pesqueira rematou coa "Horta da Ría", nome co que era coñecida en todo o
Val do Salnés.

As primeiras referencias existentes, con respecto a aqueles aspectos, atopámolas


nun arrendo da Illa de Arousa, feito polo abade de San Martiño (San Martín Pinario) no
ano 1223, no cal se exceptuaba do mesmo "ós coellos", debido á súa abundancia na Illa,
polo que o Mosteiro os reservou para el.

Pero o documento fundamental atópase na división foral (13 foros) realizada en


1548 por San Martiño Pinario, e que deron lugar ó nacemento da agrícola illa moderna,
xa que as condicións do foro eran:

"... facer dentro dos 4 anos seguintes unha casa tellada, no lugar do foro, plantar
en ese tempo 30 árbores de dar froito e outras árbores, carballos e salgueiros. Deben
deixar ceibos os camiños antigos e montes para as eguas e vacas e todo o demais gando
que trouxera o Mosteiro á Illa ... Cada ano por cabeza, home ou muller, deben pagar
dúas cargas de pan, unha de centeo e outra de trigo, e unha media de millo, ..., deben dar
aloxamento e axuda ó enviado do Mosteiro para encerrar e zurrar así as vacas como as
eguas, e levalas ó Mosteiro. Non poden cazar na Illa coellos nin perdices sen licencia
expresa do abade, nin ter furóns nin cans de caza. Deben pagar un carro de leña posto en
Vilanova. Non poden ter gando de bestas nin eguas, nin con licencia nin sen ela. Non
poden ter vacas nin bois, excepto aqueles que lles parecese ó Mosteiro para a labranza
(seis pezas de armentíos de bois e vacas) e os que tiveren sen licencia os perderán.
Poden ter cabras e ovellas sempre que non fagan dano na Illa ...".

Na revisión de foros realizada en 1609 explícase perfectamente cal era o pago


das forais, coma exemplo unha delas: "... renda 12 ferrados de trigo, 26 de centeo, 25 de
millo, 2 galiñas, un carro de palla triga ou de orxo e un de leña, o quinto de viño e
luctuosa ...", e nos Anovados (1651) "... corenta e tres ferrados e medio de trigo, 42 de
centeo, 30 de millo e 17 marabedís ...".

A importancia da gandería pode explicarse polo documento da visita pastoral


realizada á Illa de Arousa o 7 de setembro de 1791, na que di o visitador: "... pediu o
cura 6.000 reas ó Excmo. Sr. Bocanegra, debido á necesidade e pobreza da súa igrexa, e
como non chegaban os cartos para ensanchala ou mudar, empregou o capital en gando
vacún co consentimento do visitador (1782), e dedicándose á compra e venda de gando,
na presente visitación ascendían as ganancias a máis de 2.000 reas ...", e na de 1800 "...
declara que hai existente en gando de parcería a cantidade de 18.381 reas de vellón
propios desta igrexa, destinados para a construcción doutra nova ...".

Tamén non padróns e catastros da Idade Moderna se contempla a importancia


agrícola da Illa. Así, no padrón Calle-Hita de 1708 aparecen 71 cabezas de familia
labradores, dos cales 35 son mareantes a medias. E no catastro de Ensenada (1752) 48
son labradores e 33 labradores e mariñeiros, facendo constancia destes últimos que "la
mayor parte del año se dedican a la tierra, solo tres meses a la pesca ...".

Aínda que a importancia agrícola-gandeira decaeu entre 1780 e 1815 debido á


chegada dos cataláns e o incremento da actividade pesqueira, esta desapareceu da Illa
debido a unha sobreexplotación do mar, ata a década dos 60 deste século, co comezo do
marisqueo o os parques flotantes de mexillón.

Foi en esta época (1815-1960) cando a importancia do monte é primordial para a


economía da Illa de Arousa, tan mal habituada ós anos de vacas gordas do mar. É a
época das primeiras desamortizacións que fixeron o monte máis accesible, algún deles

1
É concello independente desde o ano ...
ceibo para os veciños, que podían traballar neles sen pedirlle permiso a ren. É cando se
comeza a moderna e contemporánea explotación forestal e gandeira, cunha limpeza total
do monte para diversidade de oficios caseiros, gandeiros e agrícolas, como máis adiante
subliñamos.

A dictadura do xeneral Primo de Rivera trae á Illa a liberdade total dos montes e
o remate do réxime foral. Pero ó mesmo tempo, tamén a propiedade dos montes para o
Estado (a Forestal), e será logo da "liorta entre irmáns" cando se procede polos
organismos da administracións a facer unha auténtica labor de repoboacións en base a
Pinus pinaster e Eucalyptus, restos das cales aínda se atopan na Illa cando os veciños
recibímo-lo monte.

PROMOCIÓN DA RIQUEZA FORESTAL - MEDIO AMBIENTE

IMPORTANCIA ECOLÓXICA DO MONTE

Na Natureza dáse un proceso evolutivo mediante o cal os seres vivos colonizan


os espacios inhabitados e modifican as condición ecolóxicas dos mesmos, permitindo a
implantación de outras especies que, ó traveso de varios ciclos, provocan unha sucesión
de especies ata acadar un "clímax" ou fase estable.

No caso dos montes, esta sucesión comeza coa colonización das rochas polos
liques e a transformación das mesmas en finas partículas de area que permiten a
implantación doutras especies vexetais, primeiro herbas e despois matogueiras, e a
progresiva formación dunha grosa capa de terra que acadará o "clímax" coa formación
dos bosques.

Esta sucesión evolutiva pode verse alterada polos impactos ecolóxicos naturais
ou humanos. Así, por exemplo, os incendios ou as talas imprudentes provocan un
proceso inverso debido a que a capa de terra formada é arrastrada pola auga das choivas
e polo vento, e en consecuencia redúcese o grosor da capa de terra, podéndose
retroceder a calquera dos puntos anteriores de matogueira, herba ou incluso o
rexurdimento da rocha nai.

Da mesma forma que o home pode provocar estes procesos inversos de


desertización, tamén pode actuar en favor dos procesos evolutivos naturais por medio da
plantación das especies arbóreas máis axeitadas a cada tipo de terreo, sendo este aspecto
o que nos propuxemos coa creación da Xunta de Montes en man común da Illa de
Arousa.

AQUÍ CHEGAMOS NÓS2

Vendo a necesidade de botarlle unha man ó monte, "Aquí chegamos nós".

Con moi pouca experiencia e moitas gañas de ver árbores no monte, fai 4 anos
organizamos unha plantación de pinos (Pinus pinaster e Pinus insignis) cos rapaces do
Grupo Escolar e a colaboración da 4ª Brigada do Departamento do Forestal de
Pontevedra. Fixemos traballos de limpeza durante os sábados e domingos con xente
voluntaria. Non era suficiente.

Co paso dos montes ós veciños, tivemos que asumi-la responsabilidade de botar


man dos montes, vendo o estado de abandono no que se atopaban, e conscientes da
importancia que teñen as árbores en canto a combate-los efectos da erosión debida ós
fortes temporais que no inverno afectan á Illa de Arousa, sendo a única defensa que o
pobo pode ter, xa que é un terreo pouco accidentado e practicamente a súa totalidade se
atopa na cota 1 de praias e costas, ou sexa, case ó nivel do mar.

Pensamos que os montes da Illa non deben levar un tratamento estrictamente


forestal, posto que hai que barallar a cuestión socio-económica do pobo, que de darse un
plan de infraestructuras turísticas nas Rías Baixas, o sitio máis adecuado é a Ría de
Arousa, e máis concretamente a Illa de Arousa.

Por eso a nosa labor é combinada, repoboación e creación de zonas de recreo


naqueles lugares máis pintorescos, dando os servicios mínimos necesarios e así protexer
as repoboacións que no futuro lle van dar moita máis beleza da que hoxe teñen.

Seguindo estes e outros criterios, a nosa labor céntrase principalmente en dous


montes, pola incapacidade económica de afrontar os demais: Monte de Arousa ou
Campelo (80 Ha) e Monte de Carreirón (Parque de Carreirón, con 75 Ha).

2
Somos chovinistas un montón ...
MONTE AROUSA OU CAMPELO

Neste monte atópanse os puntos máis altos da Illa de Arousa, dándolle un


atractivo especial.

En contra da acción dos temporais do sur, fixemos unha repoboación de 30 ha de


Pinus pinaster a modo de cortaventos e protección de repoboación de frondosas; e en
bagoadas máis protexidas e con mellor terra, 10 Ha de Pinus insignis. Na parte máis
alta, e protexida por unha pequena repoboación de pinos de 30 anos, plantáronse 210
Cedrus deodara de 3 a 4 m de altura, nunha franxa de 200 metros a xeito de
cortaventos.

Neste monte existen dúas bagoadas de boa terra orientadas cara ó oeste e
protexida, dos ventos, nas que se plantaron 1.000 nogais e 800 castiñeiros. Cabe dicir
que para plantar estas frondosas vímonos obrigados a eliminar un eucaliptal inservible
que fora pasto do lume e se atopaba en fase de retonos non aproveitables.

O sistema que usamos nas repoboación foi a base de bancais de 25 a 40 cm de


altura. Posto que nos atopamos cun terreo que foi moitas veces pasto do lume, e non
cabía dexeneralo máis, tivemos que limpar o toxo, que lle foi comendo o terreo a outras
plantas.

O reto co que nos atopamos foi conseguir unha barreira o suficientemente


espesa a base de Pinus pinaster que resiste moi ben os temporais e o salitre, así como de
chopos, Tamarix e outras especies resistentes, que nos permitiran plantar no interior
frondosas e especies máis delicadas. A pesar dos efectos do vento e o salitre, contamos
cun terreo fértil e un clima benigno, xa que non existen xeadas gracias ó efecto térmico
do mar, e nunca as temperaturas baixan dos 7 ºC.

Neste monte estamos a construír dúas zonas de recreo: Con do Forno e Con da
Grañeira.

CON DO FORNO

É a zona máis elevada da Illa, consta de dúas partes, mirador e zona de recreo.
Desde o mirador pódese apreciar todo o pobo, parte da Ría de Arousa e a ponte de
acceso.
A zona de recreo estará constituída por unhas mesas, barbacoas, bancos e unha
fonte, así como unhas escaleiras de acceso ó mirador, e media hectárea de repoboación
de frondosas.

CON DA GRAÑEIRA

O tratamento desta zona é un pouco especial, pois está enfocada máis ó descanso
e deleite da paisaxe. Aquí o arborado está constituído por un arboredo cunhas especies
testemuñais, de cara a que os rapaces da escola poidan coñece-las distintas especies de
árbores. Por suposto, tamén se instalarán mesas, bancos e unha fonte. O acceso realízase
por medio dunhas escaleiras de pedra polo leste, e mediante unha pista de acceso para
coches polo oeste. Para conectar as dúas zonas de recreo tivemos que facer unha pista
de 2.500 metros.

Todo esto estase a realizar cun presuposto do Departamento de Montes de


Pontevedra (parte da obra), con cartos dos veciños, e a colaboración do Concello de
Vilanova de Arousa en canto a parte da man de obra.

MONTE - PARQUE DE CARREIRÓN

Sitio dunha beleza inimaxinable, no que se atopan plantas de dunas que xa


desapareceron noutros lugares, unha lagoa de auga doce de importancia ornitolóxica,
marismas, e un bo número de calas e praias.

Aquí é onde máis esforzos debemos realizar, pois é unha zona na que as
actuacións que se realicen non deben magoar a riqueza faunística e ecolóxica xeral.

Neste intre, xestionamos a súa protección diante de Medio Ambiente Natural, e


atópase declarado refuxio de caza. Ó mesmo tempo, mediante xestións co Concello
pasou a ser zona peonil, e para que esto fora máis efectivo, cerrouse con postes de pedra
a distancias de 1,20 metros, a xeito de facilitarlle o paso ós peóns e poñerllo difícil ós
vehículos.

O tratamento que estamos a seguir consta de 4 partes:


ZONA DE ESPECIAL PROTECCIÓN

Compóñena a lagoa, as dunas e unha ampla zona de toxo. Nesta zona, a


actuación que se levou a cabo foi a plantación de 310 bidueiros de 4 a 7 metros, a xeito
de protección da lagoa e configurando un bosque.

Nunha zona encharcada, apegada á lagoa, procedeuse á apertura dunha franxa


circular, configurando no centro unha illeta de 200 m2 como futuro sitio de cría para
certas aves que habitan na lagoa.

Estase xestionando a conservación de plantas, que de non protexerse diante da


masiva afluencia á Illa desde a apertura da ponte, poderían desaparecer.

ZONA DE RECREO

Carreirón é unha gran zona de recreo de por si. A xeito de controlar as


actividades que puideran poñer en perigo o parque, é obrigado o acondicionamento
dunha zona para estas actividades. É por esto polo que estamos actuando sobre unha
franxa próxima á entrada na que a xente que veña a visitar o parque, e comer de campo,
se atope cómoda e estea localizada sen supoñer riscos.

ARBOREDO E XARDÍN BOTÁNICO

Unha nota de cor e gran interese cultural é a creación dun arboredo con especies
testemuñais, que á súa vez divide a parte de tratamento especial da parte de
repoboación. Aquí plantáronse 2.000 árbores de 52 especies diferentes, a xeito de
bosquetes; Pseudotsuga, Sequoia, castiñeiros, nogais, Liquidambar, abetos, magnolios,
etc.

ZONA DE REPOBOACIÓN

Nesta zona atópanse bosquetes de pinos que creceron por diseminación dunha
repoboación realizada fai 30 anos e que foi pasto do lume. Estes bosques que corrían un
grande perigo de incendios, foron limpados e entresacáronse as árbores que sobraban,
atopándose na actualidade practicamente limpos. Estes pinos representan un 15 % da
zona, os cales serven de protección a novas repoboacións posteriores.
Na actualidade fixéronse unha serie de sendas cortalumes que reducen o risco de
incendios, e facilitan o acceso ós distintos lugares do parque.

Nesta zona procedeuse á colocación de casetas-niño cos rapaces da escola, e á


solta de 30 parellas de perdices (doadas por Medio Ambiente Natural), logo dun
proceso de adaptación.

PREVENCIÓN E LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

SITUACIÓN ATA 1985

Na Illa de Arousa os montes comunais tiveron unha gran importancia para a


economía familiar ata arredor dos anos cincuenta. Dos montes aproveitábanse as polas e
as follas secas para quenta-lo fogar, os fornos do pan e tamén como sistema de
calefacción. Así mesmo, as herbas, matogueiras e follas secas servían de alimento ou a
modo de cama para o gando vacún, porcino e lanar.

Naqueles tempos, e polos motivos xa expostos, os montes comunais mantíñanse


limpos e o perigo de incendios era practicamente nulo. Foi a partir dos anos 50 cando a
mingúa da importancia gandeira a costa do desenvolvemento pesqueiro, así como a
transformación das cociñas a leña polas de gas, induciron a un abandono da colleita e
acumulación de matogueira, herba e follas secas no chan dos bosques, e o consecuente
aumento dos riscos de incendio.

Cando comezaron os primeiros incendios, os veciños eran convocados para


apaga-lo lume por medio do repique de campás e polas sereas das fábricas; pero cando
os incendios, provocados ou non, se fixeron frecuentes, os veciños perderon o interese e
foi necesario que a Garda Civil viñera a recrutar xente para sufoca-las queimas.

Nos derradeiros anos chegouse a unha situación crítica, pois xa eran tan escasos
os bosques que os veciños non tiñan ningún interese, posto que xa non quedaba nada
que protexer. Os incendios eran apagados polos hidroavións contra incendios de
ICONA, gracias ós cales aínda se conserva algún que outro pequeno grupo de árbores,
de anteriores repoboacións, máis ou menos dispersos polos montes da Illa de Arousa.

Segundo testemuña dos vellos e fotografías antigas, a Illa de Arousa tivo


importantes zonas arboradas, o cal contrasta cos anos anteriores á creación desta Xunta
de Montes, na que non só nos atopamos cunha reducida masa forestal, senón tamén que
os terreos estaban en fase de degradación debido ó arrastre da capa de terra por efecto
da erosión das choivas e dos ventos.

Ante a necesidade de poñer fin a esta situación, a Xunta de Montes en Man


Común da Illa de Arousa creou unha comisión de incendios.

SITUACIÓN ACTUAL

Esta Xunta de Montes comezou a funcionar com Xunta Provisional en xaneiro


de 1985. Desde o primeiro momento a maior parte do noso esforzo centrouse en
preparar o monte de cara ó verán, pois non tiñamos capacidade para repoboar, e o monte
era un barril de pólvora.

Dada a situación do monte, tódolos esforzos se centraron en illar aqueles


bosquetes de pinos que corrían un risco máis grande de incendio, e por outro lado
xestionamos no Departamento do Forestal a construcción de sendas cortalumes, posto
que o monte levaba moitos anos abandonado e todo era unha selva inaccesible de
matogueira.

As xestións deron froito e chegamos ó verán cunha serie de sendas que daban un
certo apoio en caso de incendio. Temos que dicir que eramos inexpertos na prevención e
combate de incendios.

Coa construcción da ponte, os terreos na Illa, que xa de por si tiñan un valor


razoable, revalorizáronse un 500 %. Terreos que estaban abandonados, pois actualmente
a Illa é totalmente mariñeira nun 85 %, para os seus propietarios soamente teñen o valor
que se lles da para edificar. Estes terreos estaban cheos de matogueiras, eran imposibles
de identificar porque os marcos estaban tapados polo toxo. ¡Cal sería a nosa sorpresa ó
comprobar que á xente en vez de limpalos resultáballe máis práctico prenderlle lume!.

Por esta serie de feitos vímonos desbordados, pois tiñamos incendios en


propiedades particulares tódolos días. Tivemos que movernos a tódolos niveis para
solicitar axuda, e temos que destacar a recibida polo Departamento do Forestal, o cal
nos facilitou 2 motobombas, 6 extintores e 6 batelumes; pero era insuficiente, pois as
motobombas só eran efectivas cerca dun punto de auga, e tamén se avariaron a miúdo.
Máis tarde, á vista de que estabamos traballando ben e da cantidade de incendios
que tiñamos, pequenos porque os combatíamos a tempo, compráronnos un depósito de
poliéster de 3.000 litros que o metíamos no remolque dun tractor cedido pola Confraría
de Pescadores da Illa de Arousa.

Fixemos xestións diante de Protección Civil de Pontevedra, pois tivemos 4 casas


a punto de arder, puidémonos xactar de habelas zafado, consta en partes da Garda Civil
e nos que mandamos tanto a Montes coma ó Goberno Civil.

Formamos o grupo de Pronto Auxilio, que non existía no Concello de Vilanova,


e déronnos un pouco de material.

Temos que facer constar que empezamos combatendo os incendios 14


individuos que nos vimos desbordados, pois viñamos de traballar e íamos apaga-lo
lume, e moitas veces deixa-lo traballo e para o monte. Chamábannos ignorantes,
chalados, parvos, etc. Estivemos case a punto de abandonar; pero ¿cal foi a nosa
salvación?, a primeira casa que correu perigo, xa que despois nos empezaron a admirar.

Cando se rematou a temporada eramos moitos máis, chegamos a ter máis de 300
persoas apagando o lume de noites.

Hoxe xa temos máis experiencia e temos o monte máis limpo e con máis sendas.
Contamos con 50 persoas que saben manexa-lo material. De cara a esta temporada cabe
destacar a adquisición dunha cisterna especialmente deseñada contra incendios que
temos adquirida e que será exposta o día 28 na Feira de Silleda. Esta cisterna foi
subvencionada nun 50 % polo Concello de Vilanova e outro 50 % pagámolo os veciños.

A nosa previsión de incendios para a próxima temporada é moito menor, pois a


febre da ponte xa pasou e séntese o monte máis vixiado, pois a nosa recompensa foi ver
que a xente está moito máis sensibilizada polo monte, diríamos que á xente entroulle a
febre do monte.

A nosa labor centrouse principalmente en facer ver que os montes son unha
herdanza que nos deixaron os antepasados, e que a temos que coidar e mellorar para
deixarlla ós nosos fillos.
FOTOGRAFÍAS

O traballo completábase cunha reportaxe fotográfica mostrando tódalas accións


levadas a cabo.

Sentimos non poder incluír de momento estas fotos, xa que o presente


documento foi reescrito a partir dunha fotocopia na que as imaxes saíron cunha calidade
moi mala. Prometemos incluílas se atopamos o traballo orixinal.

You might also like