You are on page 1of 1

‘A nena e o grilo’

Magín Blanco, unha das figuras máis senlleiras do pop galego, dá o salto ao público infantil co espectáculo ‘A nena e
o grilo’, que presentará polos escenarios de Galicia trala saída do prelo do libro-CD-DVD homónimo da man da
editora OQO. Nese traballo bibliodiscográfico, producido na parte musical por Uxía Senlle e ilustrado por Iván Prieto,
veñen de colaborar músicos coma Guadi Galego, Ugía Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila. O compositor
ourensán exhibe un fato de cancións que, nas súas palabras, “non parten de ningún estilo en concreto” e que son
“unha amalgama” das músicas que todos os colaboradores levan escoitado ao longo das súas vidas. Porén, resultan
claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk. Como traballo conceptual, ‘A nena e o grilo’
sitúase a medio camiño entre o pop e a música de autor, de feito, as armonías vocais son o recurso musical máis
empregado. “Interesábanos transmitir o feito de cantar como xogo, divertimento e forma de comunicación, máis que
outra cousa”, resume Magín Blanco.

Agora, o resultado dese traballo de equipo será presentado en directo, nun espectáculo familiar no que Magín
(guitarra, voz) estará acompañado por Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Sales (teclado) e Charo Pita (voz e
narración). A parte falada adquire unha vital importancia, xa que nos relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a
historia de amizade entre a nena e o grilo. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosará a
parte gráfica realizada por Iván Prieto. Estamos ante unha obra ambiciosa, cosmopolita, que invita a ter fe nos
demais, a través dunhas cancións que reparten aloumiños a eito e amosan un mundo inconformista nas letras e unha
concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades, sen excluir ao público adulto.

Magín Blanco admite que é a primeira vez que non traballa coas súas propias emocións “ao cento por cento”, senón
que partiu dunhas historias xa escritas, os contos. Por este motivo, tentou resaltar o sentido dos mesmos construíndo
unha “madeixa de fíos” que se entrelazan e se complementan para “colorear” o eixo de toda esta historia: as
emocións e o universo que van descubrindo os dous personaxes, a nena e o grilo. En definitiva, estamos ante un
espectáculo con vocación universal partindo dunha lingua rica en palabras e xiros ao servizo dos mundos imaxinarios
dos protagonistas destas trece cancións de conto.
FICHA TÉCNICA:

Magín Blanco: voz, guitarras


Xoán Curiel: voz, guitarras
Sergio Sales: teclado
Charo Pita: voz e narración

[Contratación: Noa Díaz | noa@nonsi.es | Tel (+34) 981 578 281 / (+34) 606 672 041 | www.nonsi.es]

Nonsí? Servizos Culturais | Rúa Nova 38, 1º esqda, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña)
T. (+34) 981 578 281 / (+34) 606 672 041 | info@nonsi.es

You might also like