You are on page 1of 2

Sr.

Conselleiro:

Ante as súas manifestacións aparecidas nos medios de comunicación e que nalgún caso
fan referencia ao grupo Profes co Galego, queremos precisar que non temos nada que ver
con ningún partido político, nin con ningún sindicato, nin con ningunha outra asociación.
Non somos máis que un grupo de docentes que ten moi claro que a defensa da nosa
lingua non debe estar ligada a ningún tipo de ideoloxía política.
A lingua identifícanos como galegas e galegos, non como votantes de ningún partido e que
é precisamente a súa responsabilidade saír na defensa do galego como patrimonio común
de toda a cidadanía.
Lamentamos observar que, até agora, as súa actitude fica lonxe das nosas expectativas e
por iso clarexámoslle dúas cuestións que achamos fundamentais:

1. QUE COMO FUNCIONARIOS PÚBLICOS QUE SOMOS DEBEMOS CUMPRIR AS


NORMAS. O Estatuto Básico do Empregado Público obríganos a someternos á
Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, pero respectando sempre o principio
constitucional de xerarquía normativa. Así, por riba do Decreto para o“Plurilingüismo”, e en
clara contradición con el, observamos a seguinte lexislación:
· A Constitución, que fixa o principio de igualdade e establece o mandato de remover todos
os obstáculos para conseguila. O Decreto ignora esta obriga e impídenos situar ao galego
nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.
· O Estatuto de Autonomía para Galicia, que establece que os poderes públicos
potenciarán o galego en todos os ámbitos e disporán os medios necesarios para facilitar o
seu coñecemento. Lonxe disto, o decreto impide que se tomen medidas nas aulas para o
coñecemento da terminoloxía propia das materias científicotecnolóxicas.
· A Lei Orgánica de Educación (LOE), que fixa como obxectivo fundamental a competencia
nas dúas linguas. Todas as institucións e informes (RAG, CCG, IGE, ICE, Universidades,
MRPs, ...) indican que o galego require especial atención noensino xa que é a lingua en
inferioridade de condicións no resto dos ámbitos da sociedade: medios de comunicación,
medios audiovisuais, internet, sanidade, xustiza, comercio... O Decreto, ignorando a
totalidade destes datos sociolingüísticos e de competencias, reduce a presenza horaria da
lingua galega en todos os niveis educativos.
· A Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias, que obriga a asegurar a
presenza do galego en todos os niveis educativos, de xeito que o ensino sexa
fundamentalmente en galego. O Comité de Expertos do Consello de Europa que fai o
seguimento dos compromisos adquiridos por este Tratado elaborará un novo informe a
finais deste ano 2010. Se xa no informe do 2007 advertían que o que se estaba facendo
era insuficiente, que cre, señor Conselleiro, que dirán agora?
· A Lei de Normalización Lingüística, que establece que as autoridades educativas
arbitrarán as medidas encamiñadas a promoveren o uso progresivo do galego no ensino.
Este Decreto é claramente regresivo: a presenza do galego nas aulas pasa de “polo
menos un 50%” do anterior a “como moito un 50%”.

2º - QUE NON VAI HABER INSUBMISOS, porque nós non o somos, senón que sabemos
que a lei está da nosa parte e o único que imos facer é cumprila. Queremos deixar claro
que non temos nada en contra do castelán, máis ben ao contrario, parécenos unha
enorme riqueza dispoñermos de dúas linguas, e podermos falar, escribir e ler en calquera
delas. Pero recordámoslle que o informe Pisa indicou que a competencia do alumnado
galego en castelán é superior á media española. O único que está en xogo é a adquisición
da competencia en lingua galega, até o extremo do 20% da mocidade se declarar incapaz
de falar en galego (MSG 2004). Queremos que sexa consciente desta eiva educativa e
dispoña medidas para resolvela. Ademais consideramos que empregar esta lingua en
materias como Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía contribúe a eliminar o
prexuízo de non ser válida para determinados ámbitos educativos.
Polo tanto, e coa lei na man, seguiremos impartindo as nosas aulas en galego como un
exercicio de profesionalidade, responsabilidade e civismo porque consideramos que é a
mellor estratexia para o noso alumnado adquirir as mesmas competencias que en
castelán. Queremos formar persoas lingüisticamente libres, capaces de se comunicaren
nas dúas linguas e de as percibiren igualmente válidas. Trataremos de manter a calidade
no ensino a pesar dos recortes de medios e profesorado, mentres se malgastan os cartos
públicos en publicitar un decreto pernicioso e ilegal e en substituír uns libros de texto en
perfecto uso e que non teñen máis “tara” que estaren escritos na lingua que dá sentido ao
cargo que vostede ocupa.

You might also like