A Praza de Fefiñáns é recoñecida por todos nós como un símbolo da
nosa vila. Un lugar emblemático, enmarcado polo Pazo de Fefiñáns e a igrexa de San Bieito. Sen dúbida unha atracción turística, e é a típica imaxe para postal. Pero.. nas postais aparecen coches? Non.
O Concello de Cambados, encabezado por Xosé Manuel Cores Tourís,
opúxose desde sempre a unha peonalización da Praza. Porén, na súa web a Praza de Fefiñáns aparece sen coches. Ocúltannos a nós e aos turistas a realidade.
O paso de tráfico pola Praza pode considerarse un atentado contra a
imaxe de Cambados, un atentado contra o patrimonio histórico e artístico. E xa non só polo impacto visual, resulta que a Praza está danada polo paso dos vehículos.
É obvio que cómpre unha peonalización da praza. Pero se ademais
pretendemos que Cambados sexa unha vila para vivir, onde os cidadáns gocen dun certo benestar, o lóxico sería una peonalización da Praza e dos arredores. Pode parecer complicado, porque desviar todo o tráfico segnifica unha boa planificación e sobre todo aparcamentos públicos, o que xa é hoxe un grande problema.
Tradicionalmente algúns comerciantes da zona opóñense á
modernización da vila, coa creación deste espazo para os peóns. Alegan futuros problemas á hora de vender, fuga de clientela. Mais, despois de observar outros casos de zonas peonalizadas, como en Pontevedra, este argumento perde todo o valor. A peonalización tradúcese en moita máis xente na zona, máis posíbeis clientes para as tendas. Cando se habilitan zonas para os cidadáns, os cidadáns utilízanas. Quen pensou hai un ano que ía pasar toda a xente que pasa polo Pombal? Co paseo marítimo sucede. Sucedería o mesmo en Fefiñáns. É necesario por respecto, a nós e á vila. Pero é necesario para abrir Cambados aos cidadáns. Por iso, Fefiñáns: Coches fóra!