You are on page 1of 5

OS XOGOS OLÍMPICOS NA ANTIGA GRECIA.

A ORIXE.

Manuel Rodríguez Santos

Podemos afirmar que o problema da orixe dos Xogos Olímpicos é a cuestión


máis debatida polos estudiosos do deporte na antiga Grecia, se ben parece clara a súa
vinculación coas cerimonias fúnebres como o demostra o feito de que se celebrasen
cerca da tumba de Pélope e outras mencionadas por Pausanias.

A tradición grega asignaba a fundación do festival a diferentes deuses, heroes e


figuras lendarias. O primeiro na lista de fundadores é o propio Zeus, quen tería
arrebatado o poder ó seu pai Crono vencéndoo nas paraxes que logo serían o marco no
que se desenvolverían os xogos. Sen embargo, a lenda máis estendida atribúe a
fundación a Hércules, fillo de Zeus e Alcmena, unha xeración antes da guerra de Troia
datada polos antigos a finais do século XIII ou comezos do XII A.C.

Pasada a época de Hércules, as nosas fontes coinciden en sinalar que os Xogos


entraron nunha etapa de decadencia ata que Ífito, sucesor de Oxilo, conseguiu asinar
unha tregua (ε κ ε χ ε ι ρ ι α ) con Licurgo, lexislador de Esparta, e o rei de
Pisa, Cleóstenes, pola que se declaraba sagrado e inviolable o santuario de Olimpia á
vez que se garantía a seguridade de cantos atletas ou peregrinos acudisen a presenciar
ou a participar na festa olímpica. Gracias a esta tregua sagrada, podían organizarse de
forma estable as festas de Olimpia.

A medida que os Xogos Olímpicos ían converténdose nunha festa panhelénica, a


tregua estendíase a tódolos pobos de fala grega comprendendo, non só os días de
celebración da festa, senón tamén o tempo necesario para dirixirse a ela dende os
rincóns máis remotos do mundo helénico e para regresar ó lugar de orixe.

Un século despois da institución da tregua sagrada, no ano 776 A.C., tivo lugar a
primeira Olimpiada histórica, na que un tal Corebo de Elide foi o triunfador da única
proba que conformaba o programa, a carreira do estadio. Este dato constitúe o primeiro
resultado oficial dunha competición no mundo do deporte.

A partir do ano 776 A.C. os Xogos Olímpicos celebráronse cada catro anos,
servindo estes de referencia ós historiadores antigos ata o ano 393 D.C., data na que
foron suprimidos polo emperador Teodosio.

A ORGANIZACIÓN.

Nos primeiros tempos, ó tratarse dunha festa local, unha soa persoa bastaba para
dirixir os cultos e as escasas manifestacións agonais que os acompañaban.

Instaurada a tregua sagrada, a progresiva complexidade das festas de Olimpia


acabaron por esixir unha organización máis elaborada, a eficacia da cal estaba garantida
por un amplo equipo directivo no que cada membro desempeñaba funcións propias e
específicas.A dirección técnica e a administración económica corría a cargo da Bulé ou
Consello Olímpico. Os seus membros escollidos expresamente para cada Olimpiada
estaban obrigados a residir en Olimpia durante o desempeño do seu cargo, é dicir,
mentres organizaban a Olimpiada seguinte.

Agora ben, a maior responsabilidade recaía nos chamados helanódicas, isto é,


xuíces dos gregos, o número dos cales quedou fixado en dez en época histórica. A súa
misión consistía, ante todo, en velar por que os atletas cumprisen as regras de cada
proba, resolvendo os eventuais litixios que puidesen darse entre os participantes. A eles
competía, ademais, a distribución por idades nas categorías de homes e nenos
(α ν δ ρ ε eπα ι δ ε ), a supervisión dos adestramentos previos á competición,
o emparellamento dos atletas que debían enfrontarse entre si e a coroación dos
vencedores.

As funcións litúrxicas corrían a cargo do colexio sacerdotal dos theocolos.


Pódense considerar tamén como organizadores os espondóforos, que proclamaban por
toda Grecia a tregua olímpica, os heraldos que anunciaban o nome dos vencedores e os
trompetistas encargados de dar o sinal de saída.

O DESENVOLVEMENTO DOS XOGOS.

Un mes antes do comezo das compenticións, os atletas, que tiñan que ser
gregos e varóns, concentrábanse en Élide e alí levaban a cabo os adestramentos previos
á competición baixo a supervisión dos helanódicas, que finalmente decidían os que
podían inscribirse como participantes nos Xogos. Tras isto, dirixíanse todos xuntos
(atletas, adestradores e helanódicas) en procesión cvara a Olimpia, onde se instalaban.

A procesión dende Élide ata Olimpia, o xuramento ante Zeus e a inscrición


definitiva dos atletas ocupaba a mañá do primeiro día dos Xogos propiamente ditos.
Dende 396 A.C., a tarde dese mesmo día adicouse a competicións de trompetistas e
heraldos. Destes, ós primeiros clasificados encomendábaselles a tarefa de dar o sinal de
saída das carreiras, anunciar as decisións dos xuíces e proclamar o nome dos
vencedores.

Inicialmente o festival non debía durar máis de un ou dous días, pois unicamente
se celebraba, como temos dito, unha competición: a carreira do estadio. Posteriormente,
e conforme se foron engadindo probas, quedou fixada a súa duración en cinco ou seis
días. En efecto, á carreira do estadio engadíronse o diaulo - comparable ós catrocentos
metros actuais- o dólico ou carreira de fondo, o pentatlon, a loita libre, o boxeo e o
pancracio - loita onde todo era válido, agás morder-. Polo que respecta ás disciplinas
levadas a cabo no hipódromo, introducíronse varias probas hípicas, sendo as carreiras
de cuadrigas as máis populares.

Rematado o primeiro día, o segundo era ocupado coa disputa das


competicións para nenos. A mañá do terceiro dedicábase a competicións ecuestres
e pola tarde interviñan os pentatletas. Ó anoitecer tiña lugar unha cerimonia relixiosa
ante a tumba do heroe Pélope, mítico primeiro vencedor olímpico. O cuarto día,
coincidente co plenilunio, estaba todo el dedicado ós deuses. Neste tiña lugar a
cerimonia central dos Xogos, consistente no sacrificio de cen bois ofrecidos a Zeus
polos organizadores. O quinto día a expectación estaba centrada nas probas
atléticas: as carreiras pedestres pola mañá e pola tarde as disciplinas pesadas (loita,
boxeo, pancracio) e tamén a carreira con armas. Por fin, o sexto e último día era o da
proclamación e coroación dos vencedores, ós que se lles colocaba na cabeza unha
coroa trenzada con ramas de oliveira. Á coroación seguía unha ofrenda de acción de
gracias a Zeus, e finalmente, ó atardecer tiña lugar o gran banquete que os xuíces
ofrecían ós vencedores e ós representantes oficiais da cidade. Ó día seguinte atletas e
espectadores abandonaban Olimpia. Estes últimos, despois de acudiren durante varios
días a aquel estadio cun aforo de case 50.000 persoas, procedían de tódolos currunchos
do mundo coñecido e das máis diversas extraccións sociais, incluíndo bárbaros e
esclavos, para os que probablemente non estaba prohibida a asistencia ós Xogos, só
vetada ás mulleres.

A VICTORIA.

Se participar nos Xogos era xa unha honra inestimable, lograr a victoria era un
regalo dos deuses máis preciado que a propia vida.

As victorias dos campións proporcionaban certo prestixio ás súas cidades de


orixe. Aínda que en Olimpia non se outorgaban premios de valor material, sabemos que
algunhas cidades compensaban economicamente ós seus campións olímpicos para
corresponder ó prestixio aportado.

Segundo Plutarco, as cidades abrían un oco nas súas murallas para que por elas
fixese a súa entrada apoteósica o vencedor, en pé sobre un carro triunfal tirado por
cabalos brancos, coroadas as súas sens coa oliveira sagrada, ataviado cun manto de
púrpura , escoltado por bigas e cuadrigas e rodeado por un público enfebrecido de
entusiasmo.

Ó clamoroso recibimento uníanse outras valiosas recompensas: erixíanselle


estatuas na ágora; inscribíase o seu nome no rexistro de honra da cidade, do consello da
cal entraba a formar parte; concedíanselle exencións de impostos; acuñábanse moedas
coa súa efixie e o seu nome, e cando morría levantábaselle un monumento especial e ás
veces tributábaselle culto de heroe.

A poesía entraba tamén a formar parte das cerimonias en honor dos vencedores.
Na cerimonia de coroación ante o templo de Zeus entoábanse himnos tuiunfais. Cada
atleta victorioso era recibido polos seus concidadáns; tiña lugar un cortexo triunfal no
que un coro de xoves cantaban himnos ó son da lira, da frauta ou de ámbalas dúas á vez.

A CHAMA SEGUE VIVA.

Durante case milenio e medio, Olimpia estivo oculta ós ollos dos homes, aínda
que sempre presente como punto de referencia vital para os estudiosos e amantes da
Antiga Grecia. No século XVIII foi descuberta, e a partir do XIX, exhumadas as súas
ruínas. Deste xeito renaceu o espírito dos Xogo Olímpicos, espírito que propiciou a idea
da creación dunha competición deportiva mundial que favorecese a paz universal.

No ano 1894, por iniciativa do francés Pierre de Fredy, Barón de Coubertin,


foi fundado o Comité Olímpico Internacional (C.O.I.) e xurdiu o acordo de celebrar,
coma na antigüidade, Xogos Olímpicos, sendo Atenas a sede da 1ª Olimpiada en 1896.
A partir desa data veñen celebrándose cada catro anos en distintas cidades do mundo,
deles os últimos remataron fai dous anos en Pekin. En todo este tempo só foron
suprimidos durante as dúas guerras mundiais. Dentro de outros dou anos, no 2012, de
novo, e por terceira vez en Londres, o pebeteiro volverá arder co lume da sagrada
chama olímpica.

You might also like