You are on page 1of 13

NOTAS DAS CONFERENCIAS DO CURSO

HOME, AUGA E PAISAXE NA RIBEIRA SACRA

Curso celebrado en Monforte de Lemos do 9 ao 12 de novembro de 2010, organizado


pola Universidade de Compostela, a través do IBADER, e a área de Turismo da Deputación
Provincial de Lugo, coa colaboración co Concello de Monforte de Lemos, baixo a dirección de
Augusto Pérez Alberti e Manuel A. Rodríguez Guitián, actuando como secretarios Belén de
Nóvoa Fernández e Boris A. Hinojo Sánchez.

9 – XI – 2010

O VALOR DOS VALES FLUVIAIS COMO ARQUIVOS PALEOAMBIENTAIS:


O SISTEMA DE TERRAZAS
Pedro P. Cunha
Universidade de Coimbra

O profesor Pedro P. Cunha explicou que a través do


estudo das formas e do rexistro sedimentolóxico das terrazas
fluviais podemos ter coñecemento dos paleoambientes, do
mesmo xeito que as terrazas fluviais son lugares predilectos
para o achádego de restros paleontolóxicos e prehistóricos. A
continuación, co apoio de gráficas moi didácticas, explicou de
xeito xeral as características do sistema fluvial (tipos de fluxo, diferentes formas de transporte
de sedimentos por un río, formas de erosión…) e dos procesos de formación de terrazas
fluviais. Tamén se analizou a relación dos ríos co poboamento humano, destacando Pedro P.
Cunha as catástrofes asociadas á non planificación dos asentamentos humanos respectando o
leito de inundación dos cursos de auga.
OS VALORES DA XEOMORFODIVERSIDADE
Alberto Gomes
Universidade de Porto

O profesor Alberto Gomes explicou o súa propia


creación do concepto “xeomorfodiversidade” a partir da
unión de “xeomorfoloxía” e “biodiversidade”, entendendo que
na actualidade se presta atención á necesidade de
conservación da variedade de “monumentos” produto da
xeomorfoloxía (alcuñados como “xeomonumentos”), pola súa
singularidade, pois non hai dúas paisaxes iguais – do
mesmo xeito que, dende hai máis tempo, se valora a necesidade de preservar a
biodiversidade. Analizáronse tamén os proxectos de desenvolvemento económico que en
Portugal se están a levar a cabo en áreas declaradas como “xeoparques” pola súa
peculiaridade xeomorfolóxica, pensando en que un dos valores da Ribeira Sacra é o seu
carácter de monumento xeomorfolóxico.

A EVOLUCIÓN XEOMORFOLÓXICA DO SISTEMA SIL-MIÑO


Augusto Pérez Alberti
Universidade de Santiago de Compostela

A Ribeira Sacra está constituída por parte das


concas do Sil e o Miño.
Nas formas do terreo que atopamos,
observamos o contraste entre as chairas do centro –
a depresión de Monforte, drenada polo Cabe – e os
bloques dos canóns de Sil e Miño, onde predomina a
verticalidade, con vales encaixados de fondas
pendentes.
En canto ao tipo de rocha, dominan as rochas xisto-pizarrosas e cuarcíticas, habendo
tamén rochas sedimentarias terciarias e cuaternarias e, na zona oriental, rochas calcáreas. A
forma do relevo está en relación ao tipo de rochedo: as zonas máis escarpadas do canón
aparecen na zona de rochas graníticas (por exemplo, na zona sul de Sober), mentras que as
zonas xistosas son de menor pendente (por exemplo, a zona de Doade).
O relevo da Ribeira Sacra é froito da interacción da tectónica e da dinámica fluvial.
Esta zona, igual que o resto de Galicia, foi intensamente fracturada e presenta diferentes
orientacións na dirección das fracturas, que condicionaron o curso dunha rede fluvial galega
que é moi antiga. O encaixamento do Sil e o Miño produciuse a finais do Terciario e inicios do
Cuaternario, cando se ergueron os bloques do que hoxe son os canóns. Antes, o Paleo-Miño
pasaba polo que hoxe é a zona sarriana e o Paleo-Sil pola que hoxe é a depresión de Lemos,
pero os movementos tectónicos aludidos expulsaron ao Miño cara ao oeste e ao Sil cara o sul
(non obstante, o curso do Sil pola ribeira ourensá, polo que hoxe é Parada do Sil, ía máis ao
sul que na actualidade).
O retoque final a este produto xeolóxico que é a Ribeira Sacra realizárono as mans de
homes e mulleres, que fixeron desta unha paisaxe eminentemente antrópica. Os socalcos, que
permiten a fixación da terra necesaria para o cultivo da vide nunha zona de fortes pendentes,
son a gran obra humana da Ribeira Sacra, “a obra máis impresionante que ten Galicia”.

A ESTRUTURACIÓN DO TERRITORIO NA RIBEIRA SACRA


Augusto Pérez Alberti
Universidade de Santiago de Compostela

Os elementos estruturais da Ribeira Sacra son as superficies de aplanamento e os


bloques escalonados.
No Miño, abundan as aldeas en interfluvios. No canón do Sil a ocupación do territorio
mudou moito nos últimos 50 anos.
Prodúcese unha ocupación diferencial do territorio nos canóns, atopando maior
poboamento nas zonas xistosas que nas graníticas e un poboamento máis continuo nas zonas
de menor pendente. Nas zonas de canón, de Miño e Sil, os lugares aséntanse en paleoterrazas
e interfluvios, aínda que tamén se aproveitan as partes altas da ladeira e as bocarribeiras.
- nas zonas de val encaixado, as aldeas sitúanse fóra do val.
- cando hai paleoterrazas, aprovéitanse estas para o asentamento dos lugares.

- nas zonas onde o val se abre, os lugares sitúanse a media ladeira (as aldeas das
ladeiras orientadas ao norte soen ubicarse a maior altura cá as orientadas ao sul).

- nas zonas máis abertas as aldeas aproveitan os fondos dos vales.

10 – XI – 2010

CARACTERÍSTICAS E POTENCIALIDADES DO TURISMO NA RIBEIRA SACRA


Mario Crecente Maseda
Mario Crecente & Asociados Consultores, S. L.

O ponente defendeu que a clave dun


desenvolvemento equilibrado dun territorio coma a
Ribeira Sacra é integrar o Turismo na planificación
territorial, algo que non se está a facer aquí. Para el, a
maior vantaxe do territorio no eido turístico é contar
cunha marca identificativa xa recoñecida: Ribeira Sacra.
Para analizar o impacto da actividade turística no
territorio que abarca o PDT (Plan de Desenvolvemento
Turístico) da Ribeira Sacra falta unha recollida
sistemática de datos estatísticos fundamentais, co cal só
se pode facer unha aproximación.
[O territorio do PDT abarca 2.463,4 qm, conta con 66.702 hab (2009) e 364 parroquias,
unidade que xa dá a medida do cuantioso patrimonio material desta zona. O PDT Ribeira Sacra
é froito da colaboración entre o Estado, Xunta e Concellos, que reparten o financiamento ao
33%, aínda que na práctica tamén as Deputacións de Ourense e Lugo financian este plan.
Para Mario Crecente, o feito de que exista un órgano de coordenación, o Consorcio Turístico
do PDT RS, entre as distintas administracións que se concitan no territorio da Ribeira Sacra é
positivo, independentemente do seu funcionamento, pois “ao turista non lle interesa a xeografía
administrativa”. O PDT contou cun orzamento de case 3.000.000 € no periodo 2005-2007.]

* Análise da oferta turística na Ribeira Sacra.

- CATAMARÁNS
A maior afluencia de visitantes é no mes de agosto.
Nº de visitantes:
DOADE + CATAMARÁN
BELESAR AQUA
(Viajes
Hemisferios)
ANO 2006 15.000 aprox 20.000 aprox

ANO 2009 28.570 aprox 28.950 aprox

O ponente sinalou a necesidade de ofrecer unha web conxunta dende a cal o


visitante ou turista poida informarse e reservar calquera das rutas. Tamén sinalou que é
chocante percorrer a motor un río que está a producir enerxía eléctrica.

- PARADORES
O ponente considera que a rede Paradores fai unha gran promoción do territorio
onde se asenta. Destacou a función do Parador construído no mosteiro de Santo Estevo,
que primeiramente se pensara destinar a arquivo administrativo da Xunta de Galicia.

- BUS PROMOCIONAL DO PDT


- TREN GALAICO EXPRESO
- VIÑO BUS

Mario Crecente acha a necesidade de paquetizar en produtos os recursos existentes.

- OFERTA DE RESTAURACIÓN
133 restaurantes
4.400 prazas de restauración
3 axencias de viaxes (1 en Chantada e 2 en Monforte)
- ALOXAMENTOS (2010)
108 establecementos (25 hoteis, 39 casas de TR, 42 pensións, 2 campings)
1207 cuartos

* Análise da demanda.

Faltan datos estatísticos.


A maioría dos visitantes proceden do Estado, e un 50% deles da propia Galicia. De fóra
do territorio estatal destaca a presenza de visitantes de Portugal.
Un 36% das persoas que visitan a RS non son turistas, senón visitantes (non pernoctan);
só un 64% dos visitantes pernoctan na zona e só un 44% o fai en aloxamentos turísticos.
A estancia media é de 2/3 noites.
En canto ao aloxamento elixido, un 31% alóxase en casa ou apartamento de familiares
ou amigos; do resto, o maior volume alóxase en casas de Turismo Rural.
A motivación para a visita é ocio ou descanso no 62% dos casos.
A actividade maioritaria é o paseo.

Finalmente, Mario Crecente explicou unha proposta, da súa autoría en parte, de


actuación turística na zona de confluencia do Cabe o Sil, realizada no ano 1999, que incluía o
aproveitamento da estación de tren de Santo Estevo e dos edificios ferroviarios como
infraestruturas turísticas.
Como conclusións, o ponente sinalou que:
- o Turismo debe integrarse na planificación territorial.
- débese priorizar a conservación do recurso a explotar.
- en ámbitos modificados, a reciclaxe territorial é a clave.
- débese valorar dende a orixe a capacidade de “carga” que ofrece un territorio.
- o Turismo ha de priorizarse na acción política e económica.

OS PROCESOS DE DESENVOLVEMENTO RURAL


NO MARCO DA UNIÓN EUROPEA.
O CASO DA RIBEIRA SACRA
María do Mar Pérez Fra
Universidade de Santiago de Compostela

A ponente fixo unha análise da evolución dos


programas de desenvolvemento rural implementados pola Unión Europea, dende o inicio da
PAC ata a actualidade (Axenda 2000), momento no que, en teoría, o modelo de
desenvolvemento rural que propugna a UE debe ser un proceso endóxeno, que atenda á
diversificación e á sustentabilidade (entendida como duración no tempo, nos aspectos
ambiental, social e económico) e que se impulse dende o nivel local.
12 – XI – 2010

FORMAS E RITMOS NA PAISAXE DA RIBEIRA SACRA


Roxelio Pérez Moreira
Universidade de Santiago de Compostela

Roxelio Pérez Moreira ofreceunos un percorrido fotográfico,


con fermosas diapositivas da súa autoría, polo curso do río Sil
dende o seu nacemento, na comarca de Babia, ata a confluencia co
Miño, nos Peares.
Destacou a fermosura do río co seu carácter de curso fluvial
castigado polo sobre-aproveitamento hidroeléctrico e mineiro.
Do Sil na chamada Ribeira Sacra dixo que é un lugar onde se conxuga o que Otero
Pedrayo denominaba tempo xeolóxico, biolóxico e histórico: a fractura do canón coa mixtura de
influencias atlánticas e mediterráneas e a paisaxe humanizada.

O RÍO SIL COMO VÍA DE COMUNICACIÓN: O REXISTRO ARQUEOLÓXICO DA SÚA


ENTRADA EN GALICIA
Carlos Fernández Rodríguez
Universidade de León

1. Introdución: o papel do Sil como vía de entrada da especie humana en Galicia.

Os achádegos de restos de grandes mamíferos nas marxes dos ríos xunto a restos de
industrias líticas prehistóricas conduciron á idea de que estes animais poidesen ter actuado
como guías de colonización de espazos para a especie humana (os elefantes, por exemplo,
sempre se desprazan cara lugares onde hai auga). A chegada de elefantes á zona galaica está
documentada en Buxán (Lugo), onde se atoparon restos de Elephas primigenius.
Na zona de Lemos, os achádegos paleolíticos son de material lítico. As condicións
edafolóxicas (sólos acedos) fan difícil aquí a conservación de materiais orgánicos.
Os ríos, aínda que vías de comunicación, tamén presentan problemas para o
asentamento paleolítico (e posterior). Os asentamentos humanos prehistóricos soen atoparse
en ríos secundarios (por exemplo, o Cabe), pois os cauces principais soen ter grandes
variacións. O río Sil presenta un gran inconvinte para o asentamento humano: o seu
encaixamento, que dificulta a mobilidade.
INDUSTRIAS LÍTICAS NA ZONA DE LEMOS
* Paleolítico Inferior Clásico – 620.000 – 128.000
BP (antes do presente).
Chao do Fabeiro
As Lamas
As Gándaras

* Paleolítico Medio – 128.000 – 40.000/30.000 B. P.


O Regueiral (datado en 69.000 anos antes do
presente).
Mañente
As Gandariñas de Abaixo
Gullade
As Lamas (datación de hai 39.000 anos)

* Paleolítico Superior – 40.000 – 10.000 B. P.


Valverde
Áspera
Costa Grande

2. Resumo dunha prospección arqueolóxica, realizada a inicios dos anos 90, dunha zona
do parque natural da Serra da Enciña da Lastra (concello de Rubiá), por onde entra o Sil no
territorio administrativo de Galicia.

A zona é caliza, polo que abundan as covas, ás que aquí se lles chama “palas” (as minas
romanas que hai pola zona denomínanas “covas”).
Os restos de actividade humana máis antigos atopados na zona son materiais líticos do
Paleolítico Medio.
NEOLÍTICO FINAL (IV milenio a. C. ) – IDADE DO BRONCE (II milenio a. C.)
PALA DA VELLA
Presenta varias fases de ocupación.
Hai restos de fauna pleistocénica non asociados a restos de ocupación humana.
Do IV milenio a. C. documéntanse vértebras de homo, carbón e cerámica a man (similar
á atopada na cova de Tres Ventanas, no Bierzo, datada c. 4000 a. C.). Nesta fase de
ocupación non hai evidencias de agricultura, estimándose que os ocupantes da cova eran
grupos gandeiros (hai restos de vacas, ovicápridos e outra fauna asociada, con predominio dos
ovicápridos). Da mesma época atopáronse restos humanos que semellan un enterramento, con
dous adornos relacionados: un canino de cervo perforado e unha peza de caliza cristalizada.
Do Bronce (II milenio a. C.) hai materiais cerámicos, un punzón en óso, restos de fauna
(predominio de ovicápridos e pequena importancia da caza), entre os que cabe destacar restos
de moluscos fluviais e peixe, que evidencian o aproveitamento dos recursos do río.
Noutra cova (hoxe inaccesíbel) tamén se atoparon un punzón e restos de cerámica da
Idade do Bronce.
[O depósito da Idade do Bronce de Santo Estevo do Sil, con armas e obxectos metálicos,
vincúlase a outros depósitos en ríos do Bronce Final, entendidos como depósitos votivos ou
funerarios.]
Noutra cova, atopáronse restos de oso das cavernas (c. 20.000 – 15.000 B.P.) sen
vinculación a ocupación humana.
Do IIº milenio a. C. hai restos de cerámica, moita realizada a man.
ÉPOCA CASTREXO-ROMANA
Castelo de Valencia do Sil, castro plenamente romanizado.
Tramo da Vía Nova (XVIII).
Montefurado.
Pontes romanas:
- A Cigarrosa – basamentos romanos -
- Sobradelo – posíbel vía secundaria que enlazase as Médulas coa Vía XVIII -
ANTIGÜIDADE TARDÍA
Na Pala do Meandro atopáronse materiais do s. IV – VI d. C. en covas, coma sigillata
hispánica tardía e unha palmatoria (das que hai escasísimos exemplos no noroeste
peninsular), que pode estar en relación con eremitas.
IDADE MEDIA
Achádegos de materiais cerámicos en covas.
Mosteiro do s. X no lugar de Covas, en relación cos mosteiros que nesta época se
crearon para agrupar eremitas.
IDADE CONTEMPORÁNEA
En algunhas covas pareceron materiais de finais do s. XIX e XX, que se relacionan coa
construción do ferrocarril e a actividade pastoril.

RECURSOS TURÍSTICOS E PATRIMONIO INMATERIAL: UNHA INICIATIVA DE


DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO NA RIBEIRA SACRA
Xavier Simón Fernández
Universidade de Vigo

Comezou Xavier Simón a súa exposición


comentando o papel que, ao seu xuízo, debe representar
a Universidade na nosa sociedade, debendo ir máis alá
de facer traballos académicos, pois estes débense
vincular co tecido social e económico circundante.
Xa que a Universidade ten posibilidade de innovar (tecnoloxica e socialmente), debería
impulsar accións que conducisen á cohesión social e territorial. Ademais, a Universidade debe
formar capital humano, formar cidadáns e cidadás.
O papel da Universidade no medio rural debería prestar atención a:
- contribuír ao desenvolvemento económico local.
- reducir as disparidades territoriais.
- fixar poboación no medio rural.
- apoiar iniciativas agroecolóxicas.
O proxecto Agroturismo en Terra de Lemos é unha iniciativa piloto, impulsada polo Grupo
de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, que resultou gañadora dun concurso
convocado polo programa in.ci.te, da Consellería de Innovación e Industria, para o periodo
2008-2011. Trátase dun proxecto de comercialización de novos produtos turísticos, centrados
no patrimonio inmaterial, no ámbito da Terra de Lemos e arredores [Bóveda – Pobra de Brollón
– O Incio – Monforte de Lemos – Sober – Pantón – O Saviñao – Chantada – Taboada]. Os
seus obxectivos son:
- potenciar o desenvolvemento económico mediante o turismo, aproveitando o patrimonio
inmaterial da Terra de Lemos.
- contribuír á conservación do patrimonio cultural inmaterial (PCI) da comarca mediante a
súa difusión.
Tras o contacto cos axentes da zoza incluiuse un novo obxectivo ao proxecto: o
patrimonio material, representado polas igrexas románicas de Pantón, Sober e O Saviñao.
A Universidade coordina a comercialización de doce produtos turísticos de fin de semana
(que se poden consultar e mercar na web www.agroturismoterradelemos.gl) que poñen en
contacto ao visitante cos pequenos produtores e artesáns da zona; ademais, foméntase a
ocupación nas casas de turismo rural da Ribeira Sacra, pois a condición para acceder a estes
produtos é aloxarse, polo menos unha noite, nalgún establecemento colaborador. No proxecto
colaboran, ademais da Universidade de Vigo e a Consellería de Economía e Industria, a
Deputación de Lugo, a asociación de profesionais do turismo Lugosur, o bispado de Lugo
(convenio para visitar as igrexas románicas) e os concellos de Monforte de Lemos, Pobra de
Brollón, Chantada, Taboada e Pantón. O proxecto está en marcha dende xullo de 2010 e
prevese a súa continuidade ata xullo de 2011.
Xavier Simón rematou cunhas conclusións sobre o papel da Universidade no medio rural,
froito desta experiencia da que el é coordinador:
- na Universidade debe ter máis importancia o social.
- a colaboración e a coorperación de moitos axentes fortalecen o local no global.
- podemos contribuír á cohesión territorial mediante iniciativas locais non demandantes
de grandes recursos.
- pequenos avances poden ser propulsores de dinámicas transformadoras a maior
escala.
- construíndo no local podemos resistir no global.
A ORIXE DO VIÑO EN GALICIA
Pablo Ramil Rego
Universidade de Santiago

O profesor Pablo Ramil Rego, experto en paleobotánica,


fixo unha exposición sobre a historia da vide, incardinándoa
coa historia desta planta en Galicia.
Os rexistros máis antigos sobre vide son da era
Terciaria, de hai c. 35.000 millóns de anos antes do presente. Estas vides aparecían nas
ribeiras das zonas lacustres. Só hai rexistros desta planta nas terras do hemisferio norte (no
austral non hai videiras ata que as introduce o ser humano).
Co enfriamento climático do final da era Terciaria, extínguense moitas especies, mentras
outras reducen a súa área de distribución, como no caso da vide, que se replegou ao sul do
continente euroasiático.
No Neolítico inicial, cando c. 10.000 anos antes do presente (VIII milenio a. C.) se inicia o
proceso de domesticación de especies botánicas e zoolóxicas salvaxes, non se constata a
domesticación da videira.
Entre 6.500 – 6.000 a. C. dátanse os primeiros rexistros de vide domesticada no territorio
do actual estado transcaucásico de Xeorxia e as primeiras evidencias de uso desta planta para
a elaboración de viño. Aquí aparecen sementes que indican un proceso inicial de
domesticación (aparecen pés de vide hermafroditas; as videiras salvaxes tiñan pés femia e pés
macho) e acháronse en cerámicas de c. 6.000 a. C. restos de tecidos biolóxicos, coma o ácido
tartárico, que só se producen durante o proceso de elaboración do viño. Restos de ácido
tartárico tamén se documentan en múltiples xacementos neolíticos máis recentes do Próximo
Oriente, coma en Susa, entre 6.000 e 3.000 a. C., polo que se supón unha expansión deste
cultivo dende o Cáucaso. Progresivamente, o cultivo da vide tamén se expande dende Xeorxia
cara o Mediterráneo oriental, con rexistros de cultivo da vide en Chipre c. 4.500 – 3.900 a. C. e
co achádego de sementes de vitis claramente prensadas en Macedonia de c. 4.600 – 4.000 a.
C. Entretanto, en Galicia non se documenta a existencia de vide no Neolítico.
Entre 3.000 e 1.500 a. C., os pobos mesopotámicos e exipcios cultivan e expanden a
vide por todo o Mediterráneo oriental.
O viño ten unha gran importancia comercial
e cultural para estas civilizacións, nas que é
distintivo das clases acomodadas. En
Mesopotamia, Hammurabi (c. 1750 a. C.)
establece as reglas do comercio do viño. En
Exipto, o viño vai desprazando a outras bebidas
(coma a cervexa) ata ser a bebida real por
excelencia. Hai que ter en conta que o viño exipcio
non só é froito da fermentación da uva, senón que
o zume de uva se mixturaba co de granada e outras froitas, con pedras e resinas, entre outros
compoñentes. O viño exipcio mellor considerado era o de perla negra. Na cultura xudea a vide
ten unha grande importancia simbólica, sendo a primeira planta que cultiva Noé tras o diluvio.
Entretanto, na Galicia do Calcolítico e do Bronce non hai evidencias da existencia de videiras.
Entre 1.500 e 900 a. C. prodúcese unha segunda expansión do cultivo da vide a través
dos gregos, exipcios e fenicios, chegando ata Cartago, Sicilia e o sul da península Ibérica.
Namentres, arredor do 800 a. C. prodúcese un arrefriamento climático que dificulta o cultivo de
vide en zonas coma Galicia.
Para Grecia, o consumo de viño é un elemento fundamental da cultura,
costume que Roma importa do pobo grego. Lémbrese que nestas culturas o
viño se consumía rebaixado con auga. En Pompeia acháronse variedades
cultivadas de vide e puídose constatar que a videira silvestre era xa escasa (s.
I d. C.).
En Galicia, na Idade do Ferro (c. 800 a. C. ata a romanización) hai
menos especies agrícolas que no Neolítico e non se constata a presenza de
videira.
Na época galaico-romana (s. I a. C. – V d. C.) non hai evidencias seguras de cultivo de
vide en Galicia (hai lagares, pero non está constatado que fosen para a elaboración de viño). Sí
hai evidencias de consumo deste produto, con ánforas desta época que conteñen viño, pero
ningunha delas fabricada na Gallaecia. Un selo coas letras AAD dunha ánfora romana
elaborada na costa valenciana ou catalá foi interpretado acriticamente como “de Amandi” e
atribuído ao Amandi da Ribeira Sacra, orixe da famosa confusión sobre os “viños de césares” 1.
Ademais, os autores greco-romanos que escriben sobre a agricultura e/ou sobre Galicia non
mencionan o cultivo de vide no noso país. Non o fai Catón, en De agri cultura, que fala dos
tipos de viño consumidos en Roma, da enxeñería vitícola ou dos sistemas de transporte de
viño, nin Plinio, nin Columela, nin Estrabón, que di que o viño é levado aos galaicos polos
romanos.
Na Galicia sueva (s. V – VI) achamos as primeiras evidencias de cultivo de vide, ademais
de mencións sobre este nos textos de Martiño de Dume. Un dato que apoia a hipótese da
expansión do viñedo en Galicia en época sueva é que as variedades de vide galegas están
relacionadas xeneticamente coa zona do Rin e co este de Europa.
No s. VIII, no testamento de Odoario menciónase a plantación de pomares e viñas. Nesta
época pódese supoñer o inicio do cultivo vitícola na Ribeira Sacra, impulsado polos bispos de
Lugo, que “colonizan” esta zona.
A partir de aquí, unha historia do viño en Galicia dende a Idade Media xa non se pode
facer apoiándose na paleobotánica, pois no noso país non houbo tradición de aplicar as
técnicas paleobotánicas máis aló da época romana.
O viño chega a Galicia antes que a vide: os romanos tran o viño a Galicia, como produto
comercial, pero que non é ata época sueva cando se inicia o cultivo da vide no noso país.
Non hai ningunha evidencia de que na Ribeira Sacra, coma no resto de Galicia, se
cultivase viño en época romana, polo que a historia do viño de Amandi consumido polos
emperadores de Roma non é máis cá unha ensoñación.
Ata aquí as notas das conferencias. Calquera erro é só atribuíbel á transcrición, non aos
ponentes.
A cuestión de porqué nos interesan máis as películas de romanos cá a complexa e
interesante realidade que pouco a pouco imos desentrañando é outro asunto, relacionado coa
teima de ver todo con ollos de consumidor, e será que ao consumidor lle interesa máis a Roma
imperial imaxinada que unha comarca campesiña da Romania mais, como deixou dito Kant,
“cómpre distinguir aquilo que ten dignidade do que só pode ter valor” *.

* En: BERMEJO BARRERA, JOSÉ CARLOS; ¿Para que serve a Historia de Galicia? ”páx 27”. Ed. Lóstrego, Santiago de Compostela, 2007.

NOTAS

1
[Máis sobre as “enganosas ánforas de Amandi” neste artigo:
http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2010/10/13/0003_8780428.htm]

Paula Vázquez Verao. 21 – XI – 2010.


O COLADO DO VENTO, 2010.
www.coladodovento.blogspot.com

You might also like