QUE É E QUE DEBE FACER ProLingua (Notas que presentamos os asinantes, membros de ProLingua, para seren debatidas na asemblea

do vindeiro día 15 de setembro)

1. PL, e así naceu, é unha plataforma que debe levar a cabo as accións e os labores, teóricos, de divulgación, información e convencemento da sociedade que outras plataformas non fan. 2. Debemos ser complementarios, pero nunca redundantes nin dependentes. 3. Deixar para quen o fai mellor e ten máis medios (económicos, humanos, materiais e organizativos) aquelas accións que fagan a pronta resposta na rúa, as campañas reivindicativas, as manifestacións e concentracións... Accións todas nas que PL poderá, e mesmo deberá, apoiar e colaborar. 4. Así haberá de lle corresponder a PL o traballo de análise, valoración, denuncia e de proposición de solucións alternativas favorábeis para a defensa e promoción da lingua galega. Debemos crear discurso, outros farán as accións de reivindicación directa. 5. Crear os equipos de traballo que elaboren, comparen e estuden a realidade lingüística de Galicia. 6. Destapar e denunciar os enganos, as mentiras e as falsidades que sobre a lingua galega se verten a diario nos medios de comunicación, desde as institucións públicas, desde as organizacións sociais e económicas, desde os estamentos xurídicos... 7. Estudar, debater e propoñer á sociedade en xeral e aos órganos sociais, económicos e políticos alternativas de normalización lingüística e camiños que dean lugar ao exercicio das maiores posibilidades de uso normal da lingua galega por parte da cidadanía. 8. Estabelecer acordos de colaboración coas organizacións educativas que atenden á normalización da lingua galega no eido que lles é propio, para a recollida de datos, experimentación, elaboración e divulgación dos traballos, publicacións e actividades levados acabo polos equipos de traballo de PL. 9. Levar á sociedade galega a imaxe de PL como a cara amábel, profesional e científica da defensa e promoción da lingua propia de Galicia. 10. A todo o anterior débeselle engadir a elaboración e presentación pública de todo tipo de comunicacións á sociedade que as circunstancias e decisións devidas dos poderes públicos fagan necesarios para a debida información e orientación da cidadanía no tocante aos seus dereitos lingüísiticos e aos deberes que a lexislación impón a aqueles.

11. Isto obriga a nos organizar en grupos de traballo, estudo e elaboración xurídicos, sociolingüísticos, educativos... E unha comarcalización que estude, aplique e difunda mediante todo tipo de accións (mesas, debates, proxeccións, conferencias...) os traballos, publicacións e todo tipo de documentos que elabore PL. Así coma a un aproveitamento eficaz da páxina web e das redes. Agustín Fernández Paz Manuel Bragado Martin Pawley Xabier P. DoCampo

Sign up to vote on this title
UsefulNot useful