Estimado/a alumno/a Unha parte do Proxecto de "Titoría de orientación académica e profesional" 2012/2013 ten moita relación co uso

axeitado de internet como recurso de información que nos axude na toma de decisións de futuro. Para iso, é necesario coñecer algunhas das fontes de información que nos proporciona a rede. Antes de comezar, é necesario que teñades moi en conta a autoría da información -cando visitades un recurso web hai que investigar quen escribe para entender os contidos que nos ofrece e a actualidade da información -os datos de información académica teñen que estar actualizados e proceder de fontes fiables -a poder ser diversas-.

No IES García Barbón dispomos de moita información organizada para axudar no complexo proceso de toma de decisións sobre o teu futuro académico e profesional. En febreiro de 2005 creamos o Blog do Departamento de Orientación que constitúe unha ferramenta de información especializada moi útil para o conxunto da comunidade educativa. Por iso, aconsellamos que o alumnado se suscriba ás novidades do blog para ter toda a información directamente no seu correo electrónico. No blog de Orientación podedes atopar moitos e interesantes recursos que se atopan ordenados por categorías (barra lateral dereita do blog). Como cada curso, xa dispomos do Programa de Orientación Escolar "Orienta 2012/2013" actualizado. Para facerse cunha copia do Programa é necesario solicitalo ao correo electrónico do orientador -veigaorama@gmail.com-. O antedito programa proporciona unha manchea de información sobre os distintos itinerarios académicos e inclúe cuestionarios que nos axudan a elixir a nosa futura opción académica e profesional. Outro medio de información e comunicación moi recomendable é a nosa rede social Barbonblog. Verín en Facebook. Calquera alumno ou alumna do centro pode solicitar formar parte da rede social e beneficiarse da información especializada que se publica de maneira habitual.

Para complementar os recursos xa comentados, quero recomendar tamán a nosa páxina de Netvibes -unha mostra de páxinas web de potencial interese para o alumnado e as súas familias-. Aquí temos, entre outras cuestións, unha boa mostra de tests e cuestionarios que nos axudan na toma de decisións sobre o noso futuro, información sobre becas e axudas, ligazóns para informarse sobre a oferta de Universidades, estudos de Formación Profesional, fontes informativas de diverso tipo que nos poden axudar na toma de decisións -consellos- e unha mostra de múltiples itinerarios profesionais.

Para rematar, non podo deixar de lembrar a fundamental importancia da necesaria planificación do estudo diario. É imprescindible establecer un horario de traballo diario e realizar unha aprendizaxe activa. Para axudar no logro de tan importante meta, quero recomendar o blog de hábitos e técnicas de estudo e as webs específicas da páxina de Netvibes.

--

Daniel Veiga Martínez (Orientador)

BLOG

http://orientacion.blogia.com

CORREO ELECTRÓNICO veigaorama@gmail.com

http://www.facebook.com/barbonblog.verin http://twitter.com/#!/barbonblog
http://www.netvibes.com/guia-de-informacion-academica-e-profesional