DÍA INTERNACIONAL DA ARQUEOLOXÍA

Hoxe 29 de xuño celébrase o día Internacional da Arqueoloxía , ciencia á que lle atinxe entender o pasado e tentar reconstruílo a partires das pegadas, dos sinais materiais producidos polo ser humano, sobre todo en épocas de ausencia da escrita. É a única vía de achegamento e de resposta á infinidade de cuestións suscitadas. Afondar no mundo da nosa arqueoloxía significa afondar no coñecemento da nosa historia e polo tanto da nosa identidade diferencial como pobo, é por iso que dende as distintas administracións teñen a obriga de velar polo estudo, a conservación e a difusión do patrimonio arqueolóxico galego chegando a todas as cidadás e a todos os cidadáns.

Dende Anova esiximos un novo xeito de política cultural: precisamos dunha visión clara de país capaz de mirar no global, e que non opte só por limitar as e os protagonistas; como exemplo o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, deixando no esquecemento a mellor arte rupestre gravada do mundo, "a monte", coa ameaza destrutiva do lume ou desatendendo os centros pechados de San Cibrán ou o de Mogor. Mais semella que escavar na terra remove caletres e só interesa silenciar o noso pasado.

Pedimos unha nova lei da actividade arqueolóxica e esixímoslle á Xunta o cumprimento e o desenvolvemento da Lei de Patrimonio, que na actualidade abrangue unha cativa e anticuada catalogación, entre outras eivas. Este ano, como tantos outros, vén marcado pola falta de atención dende o desgoberno. Isto provocou nos últimos anos a creación de moitos colectivos e asociacións por toda a nosa xeografía, organizados para defender e promover toda riqueza cultural e patrimonial, descuberta ou agochada baixo os nosos pés.

Nestes últimos días toman máis forza noticias con epicentro en Lugo con políticas de exterminio cultural, coma o xacemento de Coeses, con achados únicos e excepcionais para poder esclarecer a vida dos nosos devanceiros, e se non se pon solución será engulido polos tornados burocráticos e intereses empresariais. Noutros casos é preciso estar en alerta diante das ameazas de campos de golf, parques eólicos e minería extensiva a ceo aberto polas actitudes permisivas da propia Xunta.

O litixio de anos pola colección de Álvaro Gil no Museo Provincial de Lugo é outra triste nova, facendo fincapé na súa colección de ourivería de pezas prehistóricas e protohistóricas dunha importancia notábel, onde a administración foi incapaz de ofrecer unha solución satisfactoria reflexo do seu desinterese. Esiximos poder gozar destes tesouros na nosa terra como propiedade de todos, e agradecemos o interese dos responsábeis por intentar declaralas BIC (Ben de Interese Cultural) e deste xeito garantir a súa protección e coidado.

A través da educación, queremos sementar nas xeracións futuras unha escola comprometida co medio, salientando a posta en valor do noso, primando a nosa contorna. Nós somos as gardiás e os gardiáns da nosa cultura e do noso patrimonio, cerne da nosa identidade e posíbel fonte de recursos económicos aínda sen un bo aproveitamento.

Sign up to vote on this title
UsefulNot useful