You are on page 1of 2

Na quinta edición da Semana Cultural que leva o nome do que fora

párroco de Aguiño

TEATRO E RELIXIOSIDADE CONFLÚEN ESTA FIN DE


SEMANA PARA SIGNIFICAR A LEMBRANZA DE
FRANCISCO LORENZO MARIÑO

Santa Uxía de Riveira, 13 de xaneiro de 2010.- Dúas funcións teatrais e


distintos actos que teñen a devoción e a relixiosidade como eixos
principais confluirán esta fin de semana principalmente na parroquia de
Aguiño co fin de celebrar a quinta edición da Semana Cultural Francisco
Lorenzo Mariño. O seu programa de actividades foi presentado hoxe
polo concelleiro de Cultura e Festexos, Luciano Fernández; o párroco
de Santa Uxía de Riveira e da Nosa Señora do Carmen de Aguiño,
Cesáreo Canabal; e o presidente da Asociación Francisco Lorenzo
Mariño, Unai González.

Este elenco de actividades pretenden conmemorar e significar a


importancia da figura do párroco de Aguiño que da nome á citada
asociación, falecido o 16 de decembro de 2004. Cesáreo Canabal, quen
abriu o acto de presentación, subliñou que “ninguén está morto mentres
haxa alguén que o lembre” e manifestou a este respecto que “Paco
está sempre presente”. Así mesmo, animou a que a xente se sume ás
actividades deseñadas con este motivo.

Pola súa parte, Unai González explicou polo miúdo a programación, que
arrancará ás 20.30 horas deste venres, día 15 de xaneiro, coa xornada
“O momento cristián galego en torno a Paco”, que se celebrará no
Salón de Actos da Casa do Mar de Aguiño. Intervirán neste encontro o
teólogo e filósofo Vitorino Pérez Prieto; Xabier Blanco, coordinador das
Romaxes dos Crentes Galegos; e o devandito Unai González.

O sábado 16 terán lugar os actos conmemorativos coincidentes coa


propia data do pasamento hai seis anos de Francisco Lorenzo. Estes
iniciaranse ás 17.30 horas cunha ofrenda floral e lectura de manifesto
no Cemiterio de Porto do Son, co acompañamento do Grupo de Gaitas
A Gandaina de Palmeira. Ás 19 horas oficiarase unha misa solemne na
Igrexa do Carme de Aguiño, mentres que ás 20 horas o Conservatorio
de Aguiño será escenario da representación da obra de teatro
“Hotelris@humor.con”, a cargo do grupo Candelexas de Noia. Ao
remate servirase un viño galego.

Xa o domingo día 17 desenvolverase unha función de teatro infantil e


familiar na que a compañía profesional Talía Teatro escenificará
“Valentino Rufino e Âquil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)”.
A representación terá lugar ás 18 horas no Conservatorio de Aguiño.

Pola súa parte, Luciano Fernández refrendou o compromiso do


Concello de Riveira e en especial da Área que el dirixe, con este
acontecemento, e recalcou que son as asociacións cultuais do
municipio as que fan posible o éxito de iniciativas como a promovida
pola Asociación Lorenzo Mariño.

Ademais da Concellería de Cultura e a parroquia de Aguiño, colaboran


na organización dos actos as asociacións irimia, Candelexas e A
Gandaina.

50 aniversario
Por outra banda, Unai González informou de que en todos estes actos
estarán a venda os libros conmemorativos do 50 aniversario da
fundación da parroquia de Aguiño que editou a súa asociación. O prezo
de compra é de 25 euros.