You are on page 1of 10

Sísifo e a informática: O Novo Nacionalismo para a Galiza do século XXI

Grupo Rosalía[1] gruporosalia@hotmail.com

1.- O Sísifo da Suevia.

O Sísifo foi castigado polos deuses a carregar unha pedra cara unha cuíña eternamente, posto que ao chegaren ambos arriba, a pedra rodaba inexorablemente monte abaixo. Co nacionalismo galego ocorre algo así. A nosa Terra cambia, evolui, e o nacionalismo vese obrigado a voltar a redefinirse, unha e outra vez carregando a laxe cara a cuíña da liberdade nacional galega.

Cando nacer o nacionalismo, pola evolución ideolóxica das Irmandades da Fala (Lugo, 1918) e a constitución do Partido Galeguista, a Galiza era un país marcado pola emigración americana de finais do XIX e a cuestión agraria. Galiza era un país de labregos e mariñeiros, apenas urbanizado, analfabeto e lonxano a respecto do poder político. Pero algo se movía, comezábase unha pequena urbanización, e unha emerxencia da sociedade de masas. A economía evoluía dun carácter eminentemente precapitalista e de subsistencia cara un carácter capitalista. Asemade, a posibilidade do autogoberno aberta pola República Española implicaba unha oportunidade política para a rexeneración do País. A pequena burguesía intelectual liderou un movimento político liberaldemocrático autonomista que foi a primeira afirmación política da nacionalidade galega. Os principios do Partido Galeguista (1931) expresan moi ben esta intención.

Despois veu a longa noite de pedra, a Ditadura feixista de Francisco Franco, a posibilidade do autogoberno esvaíuse, as transformacións que se iniciaran nos anos 1920-1930’s desapareceran nun retroceso socioeconómico brutal coma efecto da Guerra Civil[2]. O movimento político nacional resultara desartellado. España, que ata o momento non fora capaz de asentar unha identidade nacional española, fixou co Franquismo o significado de ser español: España construírase contra os ‘moros’, a Reconquista, a súa unidade era, polo tanto, un destino, un destino católico e castelánfalante.

Todo comezou a cambiar nos anos 1950’s, a Ditadura asumiu o fracaso da súa política autárquica e aillacionista e iniciou a modernización necesaria para a pervivencia do propio réxime: a reordenación do capitalismo avanzado iniciada co Plano de Estabilización Económica de 1957[3]. Tras delo, o desarrollismo e a nova configuración espacio-demográfica centrada no leste español.

Na Galiza este proceso tivo tamén os seus efeitos. Implicou a integración da colectividade galega na Formación Social Española e, asemade, o inicio de varios procesos de cambio social, económico e demográfico. En concreto, entre 1950 e 1975 a agricultura perdeu un 42’2% da poboación ocupada, ao tempo, que aumentaba un 55’2% a adicada à industria, un 93’9% a dos servizos e un 162’3% a da construcción. No que atinxe à distribución espacial da poboación as provincias costeiras comezaran a asumir a maioría da poboación, tendo esta transformación unha tendencia urbanizadora. Neste contexto de cambio, e en ruptura co galeguismo anterior, xurdiu o nacionalismo galego contemporáneo: marxista, de masas, composto socioloxicamente polos sectores mais novos e intelectualmente formados que sofrían os cambios referidos.

Nos últimos tempos do Franquismo este nacionalismo foi capaz de xerar un espazo sociopolítico propio, ainda que marxinal no conxunto do País. Nefeito, exactamente estas mesmas persoas foron quen lideraran o nacionalismo durante o período seguinte à transformación do Franquismo, consolidando e ampliando o espazo político nacionalista ata consolidalo en derredor dun 20% do eleitorado do País.

2.- A pedra abaixo, Sísifo mirando a lúa.

Sen dúvida a Galiza seguíu mudando, porque mudou o espazo político no que se insire coa emerxencia do Estado Autonómico e o longo e lento enterro do Franquismo, inda inacabado; porque mudou o espazo geopolítico no que se insire co ingreso español nas Comunidade Europeia; porque as dinámicas mais endóxenas derivadas da referida reordenación capitalista española e a integración da Galiza na Formación Social Española (Eixo Atlántico, cambio na estrutura de clases, cambios nos

usos lingüísticos coa queda de galego-falantes nas xeracións mais novas); porque a Globalización é un proceso que tamén chega à Terra, tanto nas súas vertentes ecómicas e sociais, coma nas políticas.

O nacionalismo galego contemporáneo, que soubo xerar nos 1980’s a mais importante organización política xenuinamente galega contemporánea, o Bloque Nacionalista Galego, non é capaz de compreender a importancia destes cambios, como recoñeceu Xosé Manuel Beiras[4]: Ora ben, a mutación da estrutura de clases da Galiza foi tan considerábel dende 1980 a 2000 (...) que a morfoloxía da base social do noso proxecto e da base socioeleitoral da nosa prática institucional à altura do 19992001 era rotundamente diferente da do 1982. E non fixemos a análise nen a diagnose desa drástica mutación. É mais: en rigor, nen sequer fomos conscientes desa drástica mutación (...).

3.- Como é a nova pedra, a Galiza contemporánea?

Hoxendía pódese dar por finalizado o proceso urbanizador da Galiza, a maioría da poboación vive nas provincias costeiras con hábitos e vivencias urbanos ou rururbanos, dáse un cambio de valores xeracional cara o postmaterialismo, precisamente en sectores que se distinguen pola súa experiencia vital alonxada da sociedade tracional e a asunción do castellano coma língua normal de expresión falada[5], pois na escrita o castellano continúa a ser práticamente a única língua.

Tamén se pode dar por enterrado o tecido económico tradicional, a conxunción labrega e mariñeira da doutrina oficial do nacionalismo xa non explica a economía galega. A galega é unha economía fundamentalmente de servizos, cunha crecente relevancia do sector turístico[6]. En relación co entorno, a economía galega mantén un peso superior da agricultura, ora ben, cunha tendencia à reducción[7] como consecuencia do cambio dun modelo de producción de supervivencia cara un modelo orientado ao mercado, e das deficiencias dese cambio.

Politicamente, Galiza ten mudado de ser unha sociedade hexemonizada pola direita máis tradicional[8] ata ser unha sociedade cun sistema de partidos tripartito[9] estábel, no que o voto se reparte en dúas metades con unha certa tendencia cara à esquerda desde 2003 e un nacionalismo marxinal estabilizado en derredor dun 20%. A direita nútrese fundamentalmente dos mecanismos clientelares e do usufructo do poder para manter a súa hexemonía político-ideolóxica no conxunto do País e nomeadamente nas zonas mais rurais e menos modernizadas.

Todo o proceso de transformación derivou tamén, precisamente nestes eidos de hexemonía totalizadora da direita, nun despoboamento e un envellecimento da poboación das áreas rurais e interiores, ata o ponto que nas provincias de Lugo e Ourense o 40% da poboación vive das transferencias da Seguridade Social, existen mais xubilados do que nenos e a os activos soman un número inferior aos pensionistas. Asemade, milleiros de mozos e mozas emigran cada ano ao non encontrar traballo na Terra relacionado coas súas vivencias e formación. Son os restos da Galiza Tradicional que morre, e que marca, lastrando coma unha áncora, a Galiza Moderna que nasce.

4.- U-lo novo Sísifo?

Mas se hai unha Galiza que xa non ten a ver coa Galiza que veu nascer o nacionalismo contemporáneo, non existe o nacionalismo que interprete e artelle as demandas políticas do País.

O nacionalismo político segue definindo relixiosamente a Galiza coma colonia española, sen estabelecer as consecuencias desta definición (na análise de clases, na estrutura das relacións económicas, na institucionalidade política, etc). Tamén se analisa a política en chave ideolóxica, de españolismo versus nacionalismo, estabelecendo que os non nacionalistas son maus galegos, ou galegos incompletos, tarados, cando supoñen o 80% da poboación.

Curiosamente, os nacionalistas vivimos as nosas vidas con independencia das crenzas nacionalistas, que coma as relixiosas –se tivermos- gardamos para o ámbito privado e a procesión do 25 de Xullo.

Xa abonda de fe. É preciso unha revisión da teoría nacionalista, e, como di o aserto, dado que non hai teoría sen prática, unha revisión do actuar nacionalista.

Cómpre un Novo Nacionalismo Galego.

5.- Sísifo 3.0: actualizar Castelao 1.0 e Reboiras 2.0 para a Galiza da Globalización.

A historia dos últimos 500 anos é a historia da emerxencia, expansión e universalización do sistema-mundo capitalista. O capitalismo é ese sistema económico que subsume as relacións sociais, todas, sob o obxectivo da procura do beneficio privado. Iso implica, naturalmente, a conversión en líquidos, en liquidábeis segundo a terminoloxía económica ao uso, de todo o material –incluídos os nosos corpos- e inmaterial –incluídas as nosas culturas-.

Como é sabido, os líquidos teñen a propiedade de adaptarse a calquer espazo continente, o homo sapiens do capitalismo é líquido, que non ten patria, porque pode ter calquera, un home que non ten xénero, porque pode ser calquera, un homo sapiens sen cultura, porque pode ter calquera... sempre que iso non vaia contra a creación dun mercado, da reproducción da mao de obra, e da intercambiabilidade xeral. O homo sapiens do capitalismo é o ser humano, un ser totalmente intercambiábel con calquera dos seus semellantes.

Que nos pergunten a nós, os e as galegas. Se non tivemos que emigrar e afrontar unha desterritorialización e unha aculturalización. Ou sen emigrarmos, se non tivemos que aprender castellano e deixar a aldea en función da sacrosanta unidade do mercado español e as necesidades da economía.

Zygmunt Bauman ten definido este proceso coma desancoraxe. A Globalización é a reproducción deste proceso a nivel terráqueo e a extensión a todos os eidos da vida e a existencia.

O nacionalismo en tempos da Globalización, o novo nacionalismo galego, só pode ser, polo tanto, a reancoraxe da persoa, a reterritorialización do Homo CocaColens[10].

¿O qué é a reancoraxe nacionalista galega?

En primeiro termo, supón a asunción de que se vive nunha xeira histórica con os seus riscos específicos, mália que, coma ben dixo Alex Callinicos, a posmodernidade non é máis do que outra fase da modernidade. O nacionalismo debe asumir que o Estado-Nación está en crise e que se o está, aledémonos, para os Estados-Nación estabelecidos, tamén o está para os proxectos de Estado-Nación alternativos coma o noso proxecto nacional. O Estado-Nación non é a única fórmula para a sobrevivencia do feito nacional galego. Asemade, asumir a pluralidade social, rachando coa identidade entre galego e nacionalista. Non hai futuro político nacional para Galiza sen o nacionalismo, ben seguro, mas non son menos galegos os nosos compatriotas que non desexan un futuro nacional para o País. O novo nacionalismo deve ser postestatalista.

En segundo lugar, se o proceso de desdibuxamento capitalista ten efeitos perniciosos para a nosa nacionalidade, condeándoa à morte, non devemos esquecer os efeitos positivos da aparición da noción de ser humano: o enunciamento da igualdade esencial entre todas as persoas realmente existentes na súa pertenza à Humanidade. Politicamente iso implica que o nacionalismo debe defender a superación da democracia precaria fundamentada no binomio voto-representación, mediante a construción procesual dunha Democracia Avanzada: Novas formas de participación, o reforzamento do papel da cidadanía coma orientación básica da Administración, o apoderamento popular mediante o reforzamento do papel da autoorganización popular no ámbito da autonomía do social, un modelo de seguridade que corrixa as irracionalidades da economía privada[11]. No contexto español, o nacionalismo galego deve ser unha forza democratizadora do Estado Español. O novo nacionalismo deve ser Republicano Democrático e defensor do valor do laicismo.

En terceiro termo, a opresión da economía privada sobre os corpos, a luita de clases, tense expandido e diversificado, hoxendía é un conflito multisemántico que non admite unha análise unívoca, nen o estabelecimento dun itinerario premarcado. O nacionalismo deve asumir as problemáticas de xénero, das oposicións capital/traballo, capital/ecología e capital/cultura-sociedade e da liberación das potencialidades humanas (Identidades Sexuais). O suxeito político antagonista contemporáneo é múltiple e diverso. O novo nacionalismo deve ser Socialista, Feminista, Ecoloxista e defensor do valor do antiteleoloxicismo.

En derradeiro lugar, para a terceira faceta dos homo sapiens, a non material – os corpos-, a non universal –os seres humanos-, para a persoa, o nacionalismo deve ser capaz de dotar de sentido ao ser galego en si mesmo, e fronte à disolución española opór unha identidade galega livre, múltiple e desacomplexada[12], a liberdade implica que cada povo e cada persoa póidase desenvolver segundo as súas capacidades e necesidades[13]. O nacionalismo deve ser o motor da liberación das potencialidades do ser galego, é dicir, as potencialidades dos galegos, de quen vivir e traballar na Galiza, ser galego é unha forma de ser/estar no mundo. O home é ese ser que conta historias, e a historia que conte o nacionalismo galego deveria ser a historia da liberdade e da xustiza

social en galego. O novo nacionalismo deve impulsionar o Consenso Nacional Básico (língua, territorio, geopolítica) e defender o valor do galeguismo.

6.- Temos o software, o Novo Nacionalismo, e do hardware, ¿algún sabe algo?

Coma efeito da resemantización proposta, a liberación nacional e social non é un proceso liñal, nen unívoco. Iso implicará que se o Novo Nacionalismo prender, de certo serán muit@s nov@s nacionalistas, os novos nacionalismos, quen realmente existan e non unha organización concreta, o coñecimento e o respeito pola diferenza son os mellores mecanismos democráticos de procura dos intereses colectivos e sociais. Esa é a garante, precisamente, do carácter nacional e non de patriotismo de partido da proposta. Doutra banda, o novo nacionalismo devería sobardar o político, para ser efectivamente nacional.

De todas formas, a historia política recente da Terra dinos que o nacionalismo político se caracteriza por dúas tendencias contraditorias simultáneas, unha a nível micro e outra a nível macro; respeitivamente: o minifundismo político e a unificación organizativa no BNG. O minifundismo político consiste na proliferación de pequenas igrexas nacionalistas, portadoras da verdade oficial do nacionalismo, que semella que nacionalistas hainos tamén de primeira e de segunda, algúns son ‘españolistas’ disfarzados e outros ‘esquerdistas manipulados pola España’. Claro que tamén hai nacionalistas gilipollas, e guapos, e feos, e obesos, e altos e baixos, e ogallá os houver de todas as cores e foran maioría social, mas non é o caso. Para algunas das igrexas o reloxio parouse meses antes de 1989 e funcionan coma burocracias partidarias que só procuran o crescimento do seu poder tanxíbel –cárregos institucionais ou partidarios- ou intanxíbel –prestixio, visibilidade-. Sen dúvida, o patriotismo de partido é a maior traición à Patria Galega que se poida imaxinar, a obriga do nacionalismo é compreender a realidade nas súas dimensións e repensala nacionalmente, o patriotismo de partido autodito nacionalista é o antinacionalismo máis subtil e perigoso.

A unificación organizativa no BNG é un feito máis coñecido e evidente. Nomeadamente desde 1990, en que se postula coma proxecto común nacionalista, o BNG vai asumindo o cambio político ocorrido desde o Franquismo, pasando de ser unha forza residual e case extrasistema a ser un dos elementos do trípode político galego (1989-...). Desde a definitiva incorporación da Unidade Galega en 1994, dicir nacionalismo político[14] é dicir BNG.

É por isto que o novo nacionalismo só pode frutificar se se refundar o BNG. Albert Hirschman ten estudado os posíbeis posicionamentos políticos perante unha situación dada, estabelecendo tres condutas posíbeis: a saída (exit), a participación (voice) e a lealdade (loyalty).

Se analisarmos o BNG devemos estabelecer que a saída non é posíbel, pois todo o nacionalismo que marchou do BNG (FPG, Nós-UP) acabou reproducindo a escala micro o minifundismo político e sendo politicamente residual. Doutra forma, sendo ferramentas inservíbeis para a liberación da Galiza. Ademais, no BNG confluen o capital humano e o amor polo País coa tradición asemblearia e a anovación política, pois ningún pode negar que o BNG é un modelo organizativo sui generis, que permite unha grande pluralidade organizativa interna e unha participación directa d@s filiad@s.

Tampouco é posíbel a lealdade. O BNG ten sido un instrumento xenial para situar o nacionalismo político no mapa do País. E o facto de que o próximo governo da Xunta teña a participación do BNG, non se deve esquecer que o nacionalismo non é, nen de lonxe, a ideoloxía hexemónica na Galiza e que máis voto BNG non é máis consciencia nacional[15]. A estratexia contemporizadora do BNG con respeito aos votantes do PSOE deu réditos mentres este partido sufriu o impacto da corrupción e da indefinición (1993-2000), toda vez acabada esta xeira, o BNG non foi quen de fidelizalos. Os fracasos eleitorais de 2003-2004 (as municipais, as españolas e as europeias) son boa prova disto.

A única opción é a participación no BNG. O novo nacionalismo esixe unha nova estrutura política, un novo hardware, un novo BNG. O BNG Pentium 4.

7.- O Novo Hardware: BN-PG (1979) 286, BNG (1982) 386, BNG (1990) 486, ¿BNG Pentium 4?

O novo BNG seráo porque suporá unha Nova Política, unha Nova Ideoloxía e unha Nova Organización.

Unha Nova Política porque o BNG deverá manter unhas relacións diferentes coa sociedade, que deve integrarse no quefacer diario do BNG. Tanto para manter a

necesaria ósmose que permite a circulación de ideas e proxectos (reunións, conferencias sectoriais), coma a que permite a execución conxunta de actividades (todas as organizacións da autonomía do social, desde o empresariado ata o terceiro sector) para mellorar a representatividade e a capacidade de artellamento de intereses. Tamén unha Nova Política porque o BNG vencella Ética e Política, sendo un baluarte anticorrupción e de racionalidade política, aplicando o sentidiño e a visión de País contra a superoferta e a demagoxia dos políticos ao uso. A Nova Política é unha outra forma de facer nas institucións.

Unha Nova Ideoloxía porque o BNG non se verá a si mesmo coma unha totalidade senón coma parte da Terra, asumindo a democracia e o pluralismo social. Porque defenderá un nacionalismo laicizado e non doutrinario, pragmático e crítico co Estado-Nación. Porque defenderá unha esquerda aberta, plural e achegada à diversidade do suxeito transformador. A Nova Ideoloxía é unha outra forma de pensar, de pensarnos, de pensa-los.

Unha Nova Organización elástica e adaptábel, capaz de integrar à sociedade no seu actuar interno, capaz de estabelecer alianzas eleitorais no eido local, na España e na Europa. Unha Nova Organización aberta e participativa, plural e diversa, con unha militancia activa e ben formada, conectada coas dialécticas cotidianas das nosas xentes. A Nova Organización é unha outra forma de estar na sociedade.

8.- Galiza livre coma proceso, o ser nacional do século XXI.

Nen dicer ten, que o novo nacionalismo é, asemade, unha urxencia social e unha potencialidade, non poderemos elexir as condicións da nosa actuación, embora sí a súa dirección. Se querermos unha Galiza à altura do século XXI necesitamos un nacionalismo contemporáneo. O viño novo estrágase nos odres vellos.

Só se trata de entender a autodeterminación como un proceso progresivo de conquista de poder político e de parcelas de soberanía[16].

E o que iso significa na súa totalidade.

[1] Colectivo de nacionalistas de diversos ámbitos e militancias, o artigo producido polo Grupo está apoiado polos seguintes membros: I.J. Ansotegi Soares, N. Paleo Mosquera, B. Valcarce Méndez e X.M. Villegas Garcia. [2] Fernández Leiceaga, X., López Iglesias, E. (2000) Estrutura económica de Galiza, Compostela: Laiovento [3] Paniagua, F.J. La ordenación del capitalismo avanzado en España: 1957-1963), Barcelona: Anagrama [4] ‘Aportacións para unha análise e diagnose da situación do BNG após as eleccións do 14-M ás Cortes do Estado’ [5] O 42’6% dos menores de 30 anos aprenderan a falar en castellano, fronte o 18’07% dos maiores de 50, o 52’38% dos menores de 30 falan só ou maioritariamente castellano, fronte o 22’42% dos maiores de 50. [6] É xa o 10%, espérase que chegue ao 20% en poucos anos. [7] Entre 1989 e 1997, do 50% das explotacións e do 46% da poboación adicado. [8] O 61’1% do voto en 1979, fronte ao 27% da esquerda. [9] Partido Popular, Partido dos Socialistas de Galicia-Partido Socialista Obrero Español, Bloque Nacionalista Galego. [10] A expresión é de Joseph Ki-Zerbo. [11] Como é sabido, as racionalidades instrumentais privadas xeran irracionalidades colectivas. [12] A fin do autoodio. [13] Seguindo Amartya Sen. [14] A nível de representatividade social e impacto eleitoral. [15] En Tempos Novos nº20, ‘O desputado voto do galeguismo de centro’, páxs. 20-25, publicaran hai uns anos unha análise dos votantes do BNG e a maioría conceitualizaba Galiza coma unha rexión (58’1%) e sentianse máis galeg@s que españoles o 49’5% fronte un case idéntico 46’8% que se sentían igualmente galegos do que españoles. Nen que dicer ten que é nos territorios onde viven as franxas máis españolizadas lingüística e culturalmente onde se efectúa o groso do voto do BNG. [16] VIII Asemblea Nacional BNG