You are on page 1of 15

DOSSIER ELABORADO POLO CONSELLO MUNICIPAL DA MULLER DE VIGO

Presentado o día 17 de decembro de 2010 nas oficinas da VOZ DE GALICIA en Vigo

No devir da historia, as mulleres, co traballar calado dos pequenos feitos cotiáns, movemos a máquina que permite a vida, que permite o avance. Mais son os poderosos nomes masculinos os que fican impresos, laureándose mitificados nos libros estudados, nos feitos da memória. Nin tan sequera cando algunha muller sal desa masa anonima das heroicidades domésticas consegue un posto na táboa de nomes que son a nosa referencia. Hai mulleres que coa aportación das súas ideas, os seus estudos, o seu traballo, a súa forma de vida e, a pesar da sua valia, foron silenciadas ou mal interpretadas ou substituídos os seus nomes por nomes de homes que ficaban mellor na letra impresa. Mulleres sen dúbida que contaron con moitas outras que as alentaran facendo posible o que non tería acontecido en solitario. Contaron tamén con outras distantes no tempo, remotas no espazo, que compartían as mesmas loitas e rebeldías; mulleres que verteran nelas a sabiduría e as ansias atesouradas en seculos de opresión e silencio, rescatándoas da desmemoria e da negación. As mulleres das que imos falar neste dossier non son pois “heroínas illadas”, son as herdeiras das outras, todas as outras que conforman esa estirpe de rebeldes silenciadas que foran tecendo quedamente a outra Historia, a Nosa. Bo exemplo disto son: As Carrexonas, as mulleres das Conserveiras, as da Artística... Desde o Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo analizamos cunha grande preocupación a invisivilidade e o machismo amosado no Especial editado polo seu xornal con motivo dos 200 anos de Vigo. No artigo asinado por Eduardo Rolland baixo o titulo “Dos siglos de vigueses ilustres” cita a 20 vigueses, homes todos, dicindo que a cidade creceu grazas ao traballo de todos, é non é só un problema de linguaxe machista, neste caso e moito máis grave é que en 200 anos da historia da nosa cidade non foron quen de atopar, segundo o seu criterio, ningunha muller merecedora de ser nomeada no dito artigo. Desde o Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo queremos facerlles chegar unha pequena mostra biográfica para que non se volva a silenciar a achega das mulleres a historia da nosa cidade, porque as mulleres tamén fixemos, facemos e faremos historia.

CONCEPCIÓN ARENAL Nada nunha modesta casa de Ferrol Vello, o seu pai, Ángel del Arenal, foi un militar que sufriu cárcere pola súa ideoloxía liberal e por estar en contra do réxime monárquico absolutista do rei Fernando VII. Por mor das estancias na cárcere, caeu enfermo e morreu en 1829, quedando Concepción orfa de pai aos 18 anos. En 1829 marcha xunto coa súa nai a Armaño (Cantabria), de quen recibiu unha férrea formación relixiosa. En 1834 trasladase a Madrid, onde Concepción estuda nun colexio para señoras. Sete anos despois entra contra a vontade da súa nai, como oínte na Facultade de Dereito da Universidade Central (actual Universidade Complutense de Madrid), vestindo roupas masculinas, posto que na época a educación universitaria estaba vedada ás mulleres. Vestida tamén de home, Concepción participa en tertulias políticas e literarias, loitando así contra o establecido na época para a condición feminina. Acabada a carreira, casou en 1848 co tamén avogado e escritor Fernando García Carrasco. Anos despois colaborarían xuntos no xornal liberal La Iberia, ata que en 1857 Fernando morreu de tuberculose e Concepción quedouse soa e sen recursos. Forzada a vender as súas posesións en Armaño polas dificultades económicas que atravesaba, trasladouse á casa do violinista Xesús de Monasterio en Potes (Cantabria), onde fundou en 1859 o grupo feminino das Conferencias de San Vicente de Paúl para a axuda dos pobres. Dous anos despois, en 1861, a Academia de Ciencias Morales e Políticas premiouna pola súa memoria “La beneficencia, la filantropía e la caridad”. Era a primeira vez que a Academia premiaba a unha muller. En 1863 convértese tamén na primeira muller que recibiu o título de Visitadora de Cárceres de Mulleres, cargo que ostentou ata 1865. Posteriormente publicou libros de poesía e ensaio como “cartas aos delincuentes” (1865), “Oda a la esclavitud” (1866) premiada pola Sociedade Abolicionista de Madrid-, “El reo, el pueblo y el verdugo” ou “La ejecución de la pena de muerte” (1867). En 1868, é nomeada Inspectora de Casa de Corrección de Mulleres, e tres anos despois, en 1871, comeza a colaborar coa revista “ La Voz de la Caridad”, de Madrid, na que escribiu durante catorce anos sobre as miserias do mundo que a rodeaba. En 1872 funda a Construtora Benéfica, unha sociedade que se dedica á construción de casas baratas para obreiros. Posteriormente tamén colabora organizando en España a Cruz Vermella do Socorro, para os feridos das guerras carlistas, poñéndose ao fronte dun hospital de campaña para os feridos da guerra en Mirando de Ebro. En 1877 publica Estudos Penitenciarios. Con Concepción Arenal nace o feminismo en España, pois dende moza loitou por rachar os cánones establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller. Morreu o 4 de febreiro de 1893 en Vigo, onde foi soterrada. O seu epitafio é o lema que a acompañou durante toda a súa vida: “ ¨Á virtude, a unha vida, á ciencia”. Sen embargo, a súa frase máis celebre foi probablemente “Odia o delito e compadece ao delincuente”, que resume súa visión dos delincuentes como o produto dunha sociedade deprimida e represora.

DOCENCIA URANIA MELLA (alfabetizadora e mestra piano) Vigo 1900 - Lugo 1945 Presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo No Vigo dos anos trinta Urania Mella Serrano erixíase como a presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo, sección española de "Mulleres contra a guerra e o fascismo" creada pola Internacional Comunista tralo triunfo hitleriano en Alemaña. Urania viñera á vida nos albores do século XX, no seo dunha familia de profunda raigame anarquista, filla de Ricardo Mella Cea (xornalista, teórico do anarquismo e fundador do Sindicato Tranviario en Vigo) e de Esperanza Serrano (filla de Juan Serrano Oteiza, notario anarquista e director da Revista Social). De familia numerosa, tería doce irmáns, Urania foi educada en valores progresistas, modernos e non relixiosos. Adquiriu unha formación elevada que lle serviu para ser mestra de piano e estudar na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Culta e comprometida socialmente empezou dende moi cedo aprendéndolles a ler e escribir ás mulleres analfabetas na Casa do Pobo. Xa entrados nos anos trinta dirixiu como presidenta a organización feminina española máis importante do momento: a UMA (Unión de Mulleres Antifascistas), que contaba en xullo do 1936 con 50. 000 afiliadas no Estado Español. Casada con Humberto Solleiro Rivera e tendo catro pequenos: Humberto, Raúl, Alicia e Conchita, mantivo intactos os seus principios de participación pública ao longo dos anos 20 e 30, inculcándolles ao mesmo tempo as súas máximas de educación laica e toma de contacto cos movementos sociais máis representativos. O activo labor de Urania á fronte da UMA veríase truncada coa chegada do golpe militar en xullo do 1936. Ela principalmente era o obxectivo das autoridades rebeldes pola traxectoria progresista dos seus apelidos unida á súa incansable tarefa sociopolítica dende o barrio de Lavadores. Despois de fuxir a parella a Redondela nun intento desesperado de salvar as súas vidas, serían detidos e condenados cada un dos dous á pena de morte, sentenza que se cumpriu con Humberto Solleiro Rivera (presidente da Sociedade Cultural e Deportiva de Lavadores), pero que se conmutou para Urania en doce anos de prisión. Xa como viúva e deixando catro cativos en Vigo, foi enviada ao cárcere de Saturrarán (en Guipúscoa) onde estivo presa nove anos. Alí estableceu unha profunda amizade coa primeira alcaldesa da República en Galicia, Mª Purificación Gómez González, coa que compartiu a ardua experiencia do encerro. Fisicamente esgotada e cun tumor cerebral que levaba anos xestando no presidio, voltou a Vigo para recuperar o afecto da súa familia pero, atopándose un ambiente hostil e pouco afectivo, trasladouse a Lugo co seu fillo Raúl e coa familia de María Gómez. Alí faleceu aos 45 anos, despois de librar duras loitas na súa vida contra o fascismo, o franquismo e finalmente contra a enfermidade. Había un mes que recuperara a liberdade total.

ALFAU GALVÁN, Jesusa (docente e xornalista) (Vigo, 1895. México, 1943). A súa vida transcorreu entre o estado español, República Dominicana, Estados Unidos e México, país este último onde faleceu. Realizou un amplo labor no campo da investigación filolóxica e educativa. Foi profesora da Universidade de Wisconsin nos Estados Unidos de Norteamérica. Colaborou con varios xornais norteamericanos e do estado español, especialmente co semanario newyorquino As Novidades, dirixido polo seu pai entre 1916 e 1918. En 1912, con apenas 17 anos de idade, publicou a novela Os débiles en Madrid. MARIA DE LA CONCEPCION ALFAYA LÓPEZ (mestra e política) Estudou Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e Estudos Superiores de Maxisterio na Escola de Madrid. Pertenceu a 1a promoción (1909-1912) sección letras. Pertenceu ao Centro de Estudos Históricos. Hai constancia da sua participación en actividades públicas, como a conferencia pronunciada en Vigo en 1924 con motivo da Exposición de arte galega, na Escola de Artes e Oficios. Concorreu ás eleccións a Cortes Constituíntes en 1931 pola circunscrición de Pontevedra en representacion do Partido Republicano Vigués, integrado na Alianza Republicana. Aínda que as mulleres non podían votar, defendía un programa feminista. Con motivo daquelas eleccións participou como oradora en diversos actos públicos, así en Vigo falou sobre “A cultura feminina e a organización do traballo da muller”. Foi unha destacada dirixente da Izquierda Republicana. Por esta militancia foi sancionada, despois do levantamento militar co embargamento de bens . ERNESTINA OTERO SESTELO (pedagoga e presidenta do Conselho Provincial do Primeiro Ensino) Nace en Redondela o 23 de outubro de 1890 e xá dende moi nova demostra ser unha muller emancipada, protagonista do seu propio destino. A súa traxectoria estudantil é toda unha provocacion ao ensino decimonónico da época, ancorado em estruturas medievais no que as mulleres tiñamos pechadas as portas. Ingresa na Escola Normal de Pontevedra en 1904 onde inicia os seus estudos de Maxisterio que remataría no ano 1908 con cualificación de sobresaínte. Logo vaise a Madrid para estudar na Escola Superior de Maxisterio, recén aberta, na sección de Ciencias. Ernestina comeza a ter preocupacións na súa vida estudantil, participando na organización de numerosos actos culturais así como nos ciclos de conferencias organizadas pola escola, que polos seus diversos temas, científicos, pedagóxicos, políticos ou sociais afianzou o seu carácter de centro da cultura dentro do panorama intelectual madrileño, no que participaron personalidades tan relevantes como Emilia Pardo Bazán; estas actividades deixaron pegada na súa vida. Ao remate dos seus estudos volta a Galiza e en 1914, solicita a praza de Pedagoxía na Escola de Pontevedra, a mesma foille concedida cando tiña 25 anos. Ademais imparte clases a moitísimas mulleres, principiando así unha auténtica revolución cultural entre a mocidade feminina. Dende a súa incorporación à Escola de Maxisterio participou activamente nas labouras desta, non só nun senso estritamente académico senón tamén nas

actividades extra-académicas ou culturais. No curso 1915-16 organizou viaxes culturais ao exterior; en todos elas tentaba dar ao seu alumnado a posibilidade de coñecer instalacións industriais, centros de investigación, museos, lugares históricos, ..., como un xeito de non limitar o ensino ás actividades das aulas e ampliar a bagaxe cultural dos e das futuras ensinantes. Estaba ben certa de que esta cultura chegaría dalgún xeito as crianzas e que da formación dos e das ensinantes dependía o futuro do noso país. A chegada da República é a grande esperanza para toda a sociedade en xeral e os e as educadoras en particular, tentan eliminar o desigual acceso à cultura. Nestas circunstancias Ernestina apoia toda clase de iniciativas. Foi elixida pola República como a persoa máis idónea cara á posta en marcha da reforma educativa en profundidade, por iso confíanlle as dúas institucións máis importantes a saber: a Escola de Maxisterio da que foi directora, e o Consello Provincial do Primeiro Ensino do que foi presidenta (1.933-1.935). Desde estas responsabilidades desenvolve aspectos tan importantes como o fomento da asistencia á escola; creación de rouperías e cantinas escolares; un novo concepto de escola rural moi centrado na realidade da Galiza; estimula o ensino de persoas adultas; impulsa a creación de escolas; organiza cursos de perfeccioamento para ensinantes; introduce a utilización de campos agrícolas experimentais, obradorios artesanais e industriais relacionados co desenvolvemento do noso país; potencia a investigación do estudo das características históricas, xeográficas e culturais de Galiza; fomenta a coeducacion onde os espazos masculinos e femininos deixan de ter razón de ser por separado e así neste momento a Escola Normal de Pontevedra, creada en 1840, e a súa homónima feminina nacida 20 anos máis tarde unificaron os seus espazos sociais e académicos. No período 1931-1935 houbo um aumento dun 43% de ensinantes na provincia e un 50% de incremento das escolas existentes, moitas delas na cidade de Vigo; organizou “colonias” para crianzas no Rebullón de Vigo. En febreiro de 1933 un grupo de intelectuais publican un manifesto a favor do Estatuto da Galiza evidenciando o seu apoio público. Ernestina Otero Sestelo asina este Manifesto , xunto con Maria Cruz Pérez compañeira da Escola Superior de Maxistério son as únicas mulleres que aparecen asinando o dito manifesto. O rexime franquista reprimiu brutalmente a Ernestina e a todo o seu contorno familiar e de amizades. Ao se ter negado Ernestina a presentar ningún prego de descargo pola súa actuacion ao longo da República, o día 11 de novembro recibe a comunicacion oficial de quedar suspensa de emprego e soldo. Nesta comunicacion aparece o seu nome nunha lista de 60 profesionais de toda Galiza na que figuran entre outros Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Castelao e catro mulleres entre elas Enriqueta Otero. A situacion semellaba pouco fácil para a resistencia mais ela conseguiu saír para diante dando aulas particulares e aínda adica o seu tempo a diferentes actividades como axudar as presas e presos políticos tanto coñecidos como aos que estaban na illa de San Simon ou noutras cadeias. Nunha revision do seu expediente en decembro do 1939, deciden readmitila, mais é desterrada a Ourense e inabilitada para cargos de direción e confianza; alí permanece 10 anos. No ano 1951 volta á Escola de Maxistério de Pontevedra. Morre repentinamente o 12 de febreiro de 1956 a idade de 65 anos. Nunca renunciou aos seus principios e intentou co seu pensamento e a súa prática transmitilos a súa familia e a todas as persoas que dunha ou doutra maneira tiveran relacion con ela.

O seu enterro, será multitudinario e constituíu unha auténtica manifestación de solidariedade e dor que foi recollida na prensa da época ( Faro de Vigo, Pueblo Gallego,...) así como na acta da sesión extraordinaria da Escola Normal de Pontevedra celebrada co motivo do seu pasamento. SANIDADE OLIMPIA VALENCIA (Médica) Olimpia Valencia López naceu en Baltar, provincia de Ourense, o 14 de decembro de 1898. Cando tiña doce anos marchou a Vigo, onde residirá, agás a etapa universitaria en Santiago de Compostela e Madrid. Filla única dunha familia acomodada, a súa vida representa á vez un caso singular, mais tamén significativo, da incorporación da muller ao eido académico e profesional no primeiro terzo do século XX en España, avance dramaticamente interrompido pola sublevación militar de 1936. Na Academia Minerva de Vigo preparouse para se presentar por libre aos exames de Bacharelato e Maxisterio. Mais, como non lle gustaba a docencia, preferiu estudar Medicina, decisión que foi respectada pola súa familia pero peor acollida por moitas das súas amizades, por consideraren que non era unha carreira axeitada para mulleres. En 1919 ingresa na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e, como as escasas alumnas doutras facultades, facía unha vida austera: estudar e pasear pola Ferradura. Tivo como profesores a Novoa Santos, Gil Casares e Romero Molezún. En 1925 converteuse na primeira muller galega en obter a licenciatura en Medicina. O seu expediente académico inclúe dezanove matrículas de honra e premio extraordinario de licenciatura. A Olimpia Valencia teríalle gustado ficar na clínica do doutor Gil Casares, onde se trataban enfermidades do pneumotórax, mais neste caso por presións familiares (naquel tempo non se xulgaba oportuno que as mulleres tratasen medicamente os homes) e tamén por influencia dos catedráticos, que pensaban que tiña que dedicarse a cuestións relativas á maternidade, inclinouse pola especialización en Xinecoloxía. Trasladouse a Madrid para preparar a súa tese de doutoramento, “Variaciones de la colesterina en relación con la anestesia”, baixo a dirección do acreditado doutor Recaséns. En Madrid instalouse na Residencia de Señoritas, dirixida por María de Maeztu. Ligada a Institución Libre de Ensino, 23 de febreiro de 1928 estableceuse en Vigo e deuse a coñecer cunha placa na porta e cun anuncio na prensa: "Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer". Nun principio tivo moitas dificultades para que lle recoñecesen a súa condición de "médico", mais pouco a pouco foi gañando prestixio profesional. Muller de inquietudes culturais, vencellada a Galicia, tivo relación con varios recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Paz Andrade, Álvaro de las Casas ou Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do si no Plebiscito do Estatuto Galego, ambos os dous documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista (acusación que ela negará) e de ter trato con xente de esquerdas. Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade. Os anos seguintes foron de gran

dureza: acusada de "roja", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu entrar na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960. A guerra e o franquismo fixeron que esta muller vivise retirada e centrada na vida familiar e no traballo. No seu haber hai que salientar tamén que foi membra fundadora da Academia Médico-Quirúrgica e da Alianza Francesa de VIgo. Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de oitenta anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Foi recoñecida sempre pola súa elegancia persoal, discreción e calidade humana. Morreu no verán do ano 1987. TRABALLADORAS E SINDICALISTAS CARMEN ÁLVAREZ Destacada oradora e propagandista ligada ao Directorio de Teis, constituído en 1907, de importancia decisiva para a consolidación do agrarismo galego. A idade de 20 anos participou activamente en mitins, reunións de sociedades e axitacións campesiñas. Salientou na campaña antiforal de 1909. Nas súas intervencións alén de fustigar ao caciquismo, tentaba convencer as mulleres para que se incorporaran na loita en prol de Galiza. MARIA ARAUJO “A GALEGA” (Conserveira) María Araujo nace en Carril o 28 de outubro de 1904 no selo dunha familia mariñeira. De nena, con menos de dous anos emigra cos seus pais a Cuba. Consegue fazer os estudos primarios asistindo a aulas nocturnas. De volta en Galiza no 1927 María Araujo comeza a traballar nunha fábrica de conservas en Vigo. A súa experiencia de loita sindical e política fai que pronto destaque e a nomeen dirixente do Sindicato de Conserveiras. Tivo un labor sindical moi activo e comprometido, conquerindo o obxectivo de que todas as conserveiras da Galiza tiveran igual salario por igual traballo. En 1935 viaxa a Madrid para participar nun Congreso Obreiro e pouco depois a París onde participa como delegada nun congreso antifascista. O golpe militar do 36 sorpréndea en Vigo, recén parida e en plena actividade sindical. María segue en Vigo e grazas a intervención do Consul cubano consegue salvar a vida. Novamente é detida e pasa un ano na cadea de Vigo coa sua filla máis nova, de onde consegue saír máis unha vez . María Araujo tiña acumulados 120 expedientes así como unha sentenza de morte pola valente postura de reafirmarse na súa condición de comunista perante os que a xulgaban. Comutáselle a pena e coa identidade da súa irmá, Emilia, logra, en 1944, marchar para Cuba en plena II Guerra Mundial . En Cuba tivo unha participación activa no derrocamento do réxime de Batista. Morreu na Habana en dezembro de 1989 a idade de 85 anos. ROSARIO HERNÁNDEZ DIÉGUEZ, ‘A CALESA’(Vendedora de xornais) rúa en marzo 2008 En 20 de xullo de 1936 convócase en Vigo unha folga xeral, os tranvías non funcionan, os comercios e as industrias permanecen pechados, paralízanse todos os servizos; os rumores da sublevación, fascista contra a República percorreran toda a cidade, a partir das 9,00h concentranse milleiros de persoas ante o cuartel de

Infantería que estaba situado na parte posterior do pazo de Xustiza na rúa Galán. As 13,00h saen os militares, realizan varias cargas disparando tiros contra a multitude. Producindo unha situación de grande pánico, unha verdadeira masacre, que remata con máis de 20 persoas mortas, decenas de persoas feridas e contusionadas entre as que se atopan crianzas, mulleres e persoas de idade avanzada. Nesta concentración atopábase Rosario Hernández Diéguez, “A Calesa”. “A Calesa” era unha rapariga vendedora de xornais, o seu posto estaba ao carón do Círculo “El Gimnasio” no centro de Vigo; era unha muller alegre, revolucionaria, moi apreciada polos seus compañeiros e compañeiras de gremio, afiliada a UXT e moi orgullosa de ser socialista, participando activamente no movemento sindical e político da cidade. Cando gañaron os sublevados fascistas, un grupo de xoves falanxistas secuestraron à Calesa levándoa a un dos cuarteis da falanxe do barrio onde ao longo de varios días a someterían a todo tipo de vexaciónse abusos sexuais amosando a súa faciana máis reaccionaria e machista. Depois de tela secuestrada varios días, matárona cando só tiña 16 anos, arrincáronlle os peitos e botaron o seu corpo à altura das illas Cíes atándolle unha prancha de ferro. ANTIFASCISTAS MERCEDES NÚÑEZ GUITART (campos concentración) Nada facía presaxiar que a filla do bergondés afincado en Barcelona José Núñez Otero e a catalá Ángela Guitart ía ter que enfrontarse á represión dun cárcere franquista e un campo de concentración nazi. Nada en 1911, Mercedes afíliase de nova ás Xuventudes Socialistas e no 1936, ano da súa creación, ao PSUC. Para o partido traballaría na sede da Pedrera e desenvolvería tamén labouras administrativas no consulado de Chile cando Pablo Neruda estaba a súa fronte. Cando Barcelona está asediada polos golpistas, Mercedes foxe a Galiza, convencida de que as súas orixes serían o acaído acubillo para salvarse da represión. Trabúcase na decisión e en 1939 é detida na rúa Real da Coruña, pasa polo cárcere de Betanzos e A Coruña até ingresar no madrileño penal de Ventas, o 7 de marzo de 1940. Na súa condea consta a acusación de "axuda á rebelion". Por un erro no procedemento, sae en liberdade o 19 de xaneiro de 1942 e promete non voltar pisar un cárcere de Franco. A experiencia é tan dura que marcará toda a súa vida e dela deixará constancia no libro Cárcere de Ventas (Col. Mulleres, A Nosa Terra), escrito no seu exilio de París. Mais antes, Mercedes voltará vivir moi de preto o inferno. Atravesa a fronteira con Francia, e convértese en enlace da resistencia até que é novamente detida e comeza a terríbel peregrinaxe que a levará ao campo de concentración de Ravensbrück, terrorífico destino onde máis de cen mil mulleres pasaron os peores días da súa vida e unhas noventa mil atoparon alí a fin das súas biografías. En Ravensbrück Mercedes vive a beira da morte, tentando sobreviver cada día as duras condicións do campo nazi, ao terrorífico appel (horas interminábeis en posición de firmes á intemperie), a fame e as torturas que facían cada día efecto nos corpos das mulleres. Destinada a unha fábrica de armamento, Mercedes ten aínda forzas para sabotar o proceso de produción, coa ideia de gañar terreo para unha guerra da que ela aínda se sente combatente. A liberación colle a Mercedes na enfermaría, xusto nos días nos que se prevía o seu traslado a cámara de gas. Ela lembra como moitas das persoas deportadas agardaron ese día coi último fío de vida

para morrer en canto se sentiron liberadas. Non foi o seu caso, Mercedes sae do horror nazi e, depois de pasar por varios sanatórios e centros de repouso, continúa o seu exilio en París. Baixo o terror do campo de Ravensbrück escribiría Mercedes o libro en catalán Els carretó dels gossos, un exemplo de literatura memorialística concentracionaria. O exilio de Mercedes só remata coa morte de Franco. Entón cando atravesa de novo a fronteira e vive primeiro entre Barcelona e Galiza, para instalarse definitivamente en Vigo, onde pasaría os últimos anos da súa vida. Tanto na sua estadía en París como no regreso à terra, Mercedes continuaría coa súa militancia comunista, traballando de xeito activo tanto en campañas como na actividade habitual da organización. Como representante na Galiza da Asociación Amical de Mauthausen (criada na clandestinidade en 1962) percorre centros de ensino e asociacións contando a súa experiencia no campo, en actos nos que proxecta o filme Noite e néboa de Resnais. A loita de Mercedes é agora para que nunca máis se repita todo o que ela viviu. Tarefa súa será tamén ir recolectando os nomes das persoas galegas que estiveron nos campos de concentración. Morre en Vigo o 4 de agosto de 1986 sen conseguir que as instituicións galegas recoñecesen o papel dos e das deportadas mais depois de ter contribuído coma ninguen a que a verdade e a xustiza triunfasen baixo o exterminio que ela coñecera tan de preto. PLACERES CASTELLANOS (Xornalista e feminista) Pontecaldelas 1896 - Vigo 1971 Muller culta con simpatías comunistas. Durante a República, Placeres atreveuse a participar activamente en política. O seu home, o mestre, sindicalista e político Víctor Fraiz, orador espléndido, fixo campaña a prol do Estatuto de Galiza. Circunstancialmente, o alzamento de 1936 sorprendeuna en Madrid, a onde se desprazara cunha comisión do Socorro Rojo Internacional para asistir a unha asemblea, polo que puido salvar a vida, mais non a de moitos membros da súa familia. Os falanxistas masacraron un dos seus fillos, Víctor Jesús, que contaba só con 19 anos. Un ano máis tarde, en 1937, mataron a Víctor Fraiz, que estivera fuxido, vagando polos montes do sur de Galiza. E aínda Placeres tivo que aturar a morte de dous fillos máis, Vicente e Moncho. Lonxe de Galiza, impotente ante a traxedia que afectaba a súa familia, afanouse nas tarefas de solidariedade e coidado de nenos e feridos. Xa en Valencia exerceu como secretaria de Solidariedade Antifeixista Galega. A poucos días da caída da República Placeres embarcou no Burrington Combe rumbov ao sur de Francia, onde permaneceu en campos de internamento, nos que se activou entre as mulleres un enorme sentido da solidariedade e da necesidade de colaboración ante as terríbeis e inhumanas condicións que tiveron que soportar: frío extremo, fame e miseria. Nun destes campos coñeceu a Josef Spirk, un checoslovaco que fora brigadista durante a Guerra Civil española, e a través do cal Placeres entrou en contacto coa Resistencia francesa. Nas profundidades boscosas do departamento pirenaico do Ariège Placeres volveu responsabilizarse de tarefas de solidariedade cos presos: proporcionáballes comida e cartos, portaba mensaxes e facilitaba os contactos. O aparato organizativo do maquis solicitoulle un maior compromiso, o que implicaba máis responsabilidade e un incremento considerábel dos riscos. Pasou a ser a guerrilleira de enlace da III Brigada de Guerrilleiros da forza FFI (Franc Tireurs de

Il”Interieur) co número 35435. Actuar de enlace entre os guerrilleiros non era doado: había que ser discreta e controlar en todo o momento os nervios. Calquera imprudencia podía custarlle a vida a ela mesma, ademais de pór en perigo a dos compañeiros. Moito valor e sangue frío había que ter para superar, sen erguer a máis mínima sospeita, os numerosos controis que os nazis montaban na Francia ocupada. Foi testemuña da crueldade dos nazis cara á poboación civil francesa e de como os alemáns torturaron e asasinaron persoas por simpatizar coa Resistencia. Placeres portaba daquela comprometedores paquetes, acollía na súa casa guerrilleiros, fuxidos e mesmo militares, que desempeñarían un importante papel na contenda internacional. Aínda que se mantiña activa e coa mente ocupada mentres combatía o fascismo, non esquecía o que lles fixeran aos seus nin esquecía que en Galiza ficaban desamparadas e orfas as súas fillas e fillos. Combateu o fascismo por ideoloxía e compromiso político e colaborou coa Resistencia francesa co convencemento e, sobre todo, coa esperanza de que Franco caese con Hitler e Mussolini. O tempo veu a defraudar esta esperanza de poder regresar a Galiza. O seu activismo feminista levouna a representar a Marsella, onde traballaba como xornalista, no Congreso Internacional de Mulleres que se celebrou en París en novembro de 1945. Alí coincidiu con mulleres como Dolores Ibarruri, a Pasionaria, e outras moitas, chegadas de todos os continentes, atraídas pola necesidade de intercambiar opinións sobre os acontecementos. DEPORTE LUZ VIZCAÍNO COLOMA (Xogadora hockey herba do “Atlantida Hockey Club de Vigo”) Xunto con Anita Baker, puxo a andar este deporte en Vigo en novembro de 1932 e axiña se estendeu por outras vilas e cidades galegas. Entrenaba no club de campo ou na base naval de Ríos. CARMELA SANJURJO (Xogadora hockey herba do “Atlantida Hockey Club de Vigo”) En 1934 participou nuna liga autonómica con outro equipo de Vigo, outro da Coruña, un de Pontevedra e outro de Vilagarcia de Arousa. Este equipa foi un das mellores de Galiza: bateu dúas veces en Vigo ao campión de España. ANTONINA SANJURJO ARANAZ Tonina Sanjurjo foi o motor fundamental para que as mulleres de Vigo se adiantaran a todas as de Galicia e tamén aos homes na práctica do hockey sobre herba, a partir de 1931. Cando se creou a federación deste deporte na nosa ciudade foi un home, sen embargo, quen ocupou a presidencia. Na súa actividade deportiva foi axudada por Annita Baker, filla do director do Cable Alemán. A nosa personaxe, que estudara Comercio pasou tamén pola Residencia de Estudiantes, en Madrid, e marchou a Estados Unidos nos anos trinta para; despois de facer un máster, conseguiu unha cátedra na Universidade de Nova York. Enfermou naquel país e a familia foi buscala, para que se repusexe en Vigo. O seu pasamento foi en 1939, cando tiña 29 anos.

ARTE MARÍA LUÍSA SANJURJO OZA (pianista, compositora) Vigo 1896Alumna oficial do Conservatorio Nacional de Madrid, finalizou a carreira con brillante expediente e obtivo no Concurso de 1913 o 1o premio. Cursou Armonia e clase de acompañamento ao piano. Compuxo varias obras e daba clase de música nuns estudos establecidos na rúa Pracer de Vigo. E autora de Miña terra, composición para piano . ELINA MOLÍNS FERNÁNDEZ (pintora) Vigo 1875-1956 Formouse en Londres, seguiu estudos de debuxo e pintura en Madrid e Sevilla. De volta a Galiza instalou o seu estudo en Vigo e participou en varias ocasións na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid. Abandonou a pintura e foi conselleira de Tranvías Eléctricos de Vigo AURORA ARGIBAY (Yoya) (pintora naif) Xeve 1904-Vigo1994 Descubriu a súa afección pola pintura ao contemplar o traballo da súa filla e tamén pintora Mercedes Ruibal ao regresar de Bos Aires. Comezou a pintar en segredo no estudo da filla e, en 1973, fixo en Vigo a súa primeira exposición , presentada por Blanco Amor . Expuso posteriormente en Madrid, Bilbo e na Sala de Arte de CaixaVigo en 1985. MERCEDES RUIBAL Xeve1928-Vigo2003 Pertence a unha familia de artistas comeza a pintar en Bos Aires tendo como mestre a Laxeiro a quen seguiu moi de cerca nos seus inicios. Máis tarde derivou a un expresionismo deliberadamente inxenuista e mesmo feroz. O seu mundo plástico é inquietante porque hai denuncia e ate ferocidade testemuñal. Ten amizade con Rafael Alberti quen lle adicou un dos seus poemas. O Concello de Vigo adicoulle unha exposición antolóxica en 1993. Ademais a súa obra figura en importantes museos galegos, e no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid e nos fondos de Caixanova. XULIA MINGUILLÓN (pintora) Lugo 1906 - Madrid 1965 Os primeiros contactos coa pintura datan da época en que viviu cuns tíos paternos en Burgos e en Valladolid, mentres estudaba o bacharelato. Cando volve a Lugo con 17 anos, en 1923, fai o retrato dun coñecido vendedor de xornais, Cascarilla. O lenzo, exposto nun escaparate local, tivo un grande éxito. Xulia consegue unha bolsa de estudos da Deputación, coa que vai a Madrid e estuda na Escola de Belas Artes.. Orienta os estudos cara á escultura pero un desengano lévaa a optar pola pintura. Paralelamente desenvolve unha intensa actividade pictórica como retratista de prestixiosos personaxes da sociedade galega, entre a que conta con moitos amigos. A artista é a única muller que obtivo a primeira medalla de Primeira Clase nunha Exposición Nacional de Belas Artes. Foi a do ano 1941, grazas á súa obra máis

coñecida: A escola de Doloriñas. Desde 1941 volvéranse organizar as exposicións nacionais e ese foi o escaparate en que Xulia logra importantes éxitos. Déronlle sona os retratos. Moitas das súas encargas eran de fillas e esposas destacadas na elite dos anos corenta e cincuenta das cidades onde viviu (Clementina Bussman, as irmáns Regojo, etc.) Desde o ano 1933, en que expuxo por vez primeira no Concurso Nacional de Retratos, Xulia participou en varias exposicións. Conseguiu unha terceira medalla na Exposición Nacional de 1934 coa obra Xesús con Marta e María e o Primeiro Premio do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1948 coa obra Xuventude. O seu nome figura entre as mulleres académicas correspondentes da Real Academia Galega. En Vigo ten unha rua adicada. MARIA VALVERDE (Soprano) María Valverde naceu na Rúa Nova de Santiago de Compostela, cidade na que estudou piano no Conservatorio da "Sociedad Económica Amigos del País". Desde moi cedo, foi unha adiantada na música e fundamentalmente no canto, tanto, que participou en diversos orfeóns da súa cidade así como nos coros da catedral. De moza vai para Madrid, onde se formou. O seu debut foi interpretando à Azucena de "Il Trovatore" de Verdi. Actuou tamén no teatro San Carlos de Nápoles na ópera "Fedra" de Pizzetti. Depois do éxito en Italia, viaxa por varios países europeos como Suiza, Franza, Dinamarca, Suecia, Portugal, e percorre diversos escenarios do estado español, confirmándose como unha das mellores voces do "lied" e dando a coñecer con grande éxito a version musicalizada por Guervós, das Rimas de Gustavo Adolfo Bécquer. Pouco a pouco as cancións galegas van sendo incluídas nos seus repertorios e os alalás foron escoitados moi lonxe das fronteiras da Galiza. En 1921 foi para Cuba, e actúa en diversos lugares da Habana, onde hai que destacar a súa actuación no Teatro Nacional cun programa que incluíu numerosas cancións galegas. Durante o ano 1929 regresa a Galiza e segue a cantar nos escenarios da súa terra: Vigo, Lugo, Pontevedra, Ourense e Santiago de Compostela. Durante a Guerra Civil, María estivo en Barcelona onde seguiu a cantar para o reduto republicano que alí resistiu ata afin da guerra. O avance das tropas nacionais fai que María se exilie, nun primeiro momento, e como centos de republicans máis, cara a Francia. Desde ese país vai a América. Así, o 15 de xaneiro de 1941 embarca nun barco francés, o "Alsina" con destino a América, sufrindo o que se converteu nunha das travesías máis longas do exilio. O barco tivo que deterse en Dakar, onde estiveron cinco meses, recluídos no campo de concentración de Kasbach Tedla en Marrocos. Desde este lugar sae no vapor portugués "Quanza" cara a Veracruz, Cuba e Bos Aires. Finalmente, en abril de 1942, chegan cinco das persoas refuxiadas do barco a Uruguai, entre elas María Valverde . No Río da Prata, María continúa as súas actuacions e comeza a súa etapa como mestra de canto, interesándose cada vez mais pola canción galega e en concreto polas cantigas medievais. O teatro "18 de Julio" ou o "Sodre" foron algúns dos escenários nos que actuou en Montevideo. Nese país tamén colaborou nos ciclos "Arte y Cultura Popular" que organizaba María V. de Muller no Palacio Salvo, así como no Paraninfo da Universidade da República, no Servicio Oficial de Difusión Radioeléctrica, ou no Servicio de Arte e Cultura do Ministerio de Instrucción Pública. María Valverde morreu exiliada en América a finais dos anos cincuenta.

MARÍA VICTORIA DE LA FUENTE ALONSO (pintora) (Vigo,1927-Madrid,2009). Destacada pintora viguesa e participante activa das tertulias do café Derby. Membra de honra da Fundación Torre-Pujales Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte, situada en Corme, faleceu aos 82 anos de idade en Madrid. Era unha figura destacada na pintura galega e estatal. O seu éxito viuse reflectido nos diferentes premios que recibiu durante a súa traxectoria profesional, entre os que destacan a medalla de ouro Castelao, o primeiro Premio da Crítica do Ateneo de Madrid, así como numerosas medallas recibidas polas súas exposicións. Integrante da Real Academia A nosa Señora do Rosario, participou na Bienal de Venecia. Filla do arquitecto Genaro de la Fuente e amiga de figuras como Laxeiro, Cristina Mallo ou María Antonia Dans, dedicou toda a súa vida á pintura. As súas últimas exposicións realizáronse na galería Atlántica da Coruña, na Casa de Galicia da Xunta en Madrid, e no Museo de Pontevedra. A aula magna dunha facultade de ciencias da Universidade de Santiago de Compostela alberga un significativo mural, que realizou nos anos cincuenta, e que forma parte do patrimonio artístico galego . CÁNDIDA OTERO Cándida Otero foi unha pontevedresa que se afincou en Vigo co seu marido, o actor teatral e fotógrafo Felipe Prósperi, italiano que no seu traballo fixo relativamente invisible a súa muller, colaboradoura estreita de Prósperi na arte da fotografía, ala polo 1870. Cando el morreu seguiu no negocio ate que en 1907 se asociou co portugués Jaime Pacheco e continuou activa ate o seu pasamento, en 1915, en que Pacheco herdou as placas da súa familia. SARAH ESCARPIZO Esquecida esta escritora que, procedente de Pontevedra, se estableceu en Vigo nos anos noventa do século XIX. Daquela, o pai de nosa personaxe comprou aquí unha botica e viu residir á nosa ciudade, o que sen dúbida arrastrou á familia. Sarah Escarpizo Couto (ás veces firmaba Escarpizo Lorenzana, aínda que aquel era seu segundo apelido), publicou innumuerables poesías e tamén prosa e en Vigo ademais foi directora dun colexio de infantil. Tamén publicou aqui unha revista que antes había editar en Pontevedra, co título de El Ángel del Hogar. MARGARITA LOSADA PARDO E AGUSTINA ÁLVAREZ DE ROVINA Margarita Losada Pardo, poeta, e Agustina Álvarez de Rovina, xornalista, foron as primeiras concelleiras do concello vigués ala polo 1927, nunha corporación presidida por Mauro Alonso Giménez-Cuenca. Agustina era xornalista, tamén a primeira en traballar como redactora para o Faro de Vigo e a primeira que ingresou na Asociación da Prensa. Margarita, católica de exercicio, publicou moita poesía na prensa e deu á imprenta en 1933 o libro “De estirpe galiciana”, unha novela que ao final leva varios poemas de súa autoría. Ela figura, como Sarah Escarpizo, na obra de Aurora Marco “As precursoras. Achegas ao estudo da escrita femenina (Galiza 1880-1936)”. Biblioteca Galega, A Coruña, 1993. Agustina e Margarita non se libraron da visión machista na súa actividade edilicia no Concello vigués. Bernardo Bernárdez, no seu libro “Tratado de viguismo” di delas que eran “damas de excelente trato, de sólida cultura e de ánimo e arranque varoniles”.

CARMEN GIRÁLDEZ Naceu en Vigo o 18 de febreiro de 1922. Mucha, como a chamaban os seus coñecidos comeza de moi noviña a militar nas xuventudes socialistas; a idade de trece anos. Afiliase ao PSOE no ano 1933 e a UGT no ano 1975.Foi coñecida no Calvario pola sua solidaridade cos problemas de persoas ,axudando a buscarlles traballo ou conseguir unha vivenda social.Loitadora incansable ata súa morte,carecía de estudos e aprendeu a ler moi tarde , aínda así chegou a ser Senadora no ano 1992,substituindo a Manuel Cuña Novás.Foi presidenta honorifica da Agrupación Local Vigo -leste PSOE e tamén presidenta de honra da Asociación Veciñal do Calvario.Na rúa Aragón o colexio infantil leva o seu nome. Foi nomeada Viguesa Distinguida pola súa labora humanitaria, sempre axudando a aqueles que o necesitaban, os máis humildes. IRENE CEBALLOS Outra das mulleres que perpetuou o seu nome, foi Irene Ceballos, por quen o primeiro instituto vigués con sede propia leva o nome de Santa Irene. Foi a esposa de José Policarpo Sanz, que no seu testamento de finais do XIX deixou a cidade recursos para construir un instituto, así como unha boa colección de pintura que foi parar ao museo de Castrelos. Dende que se fixo o testamento ate que o instituto foi unha realidade pasaron máis de cincuenta anos, precisamente porque Irene gozaba en vida da herdanza de seu defunto esposo. Morreu en 1935. ELVIRA DOMÍNGUEZ RODRÍGUEZ Unha moza exemplar foi Elvira Domínguez Rodríguez, filla dun notario que chegara a esa posición social dende o seu primeiro traballo como ferreiro. Elvira foi a primeira bacharel en Vigo e na provincia, alá polos anos oitenta do século XIX. Aprobou o ingreso nese nivel de escolarización en 1884, cando os exames se facían moitas veces separando os mozos das mozas. Ía á sociedade Gimnasio, onde se daban clases de ximnasia, montaba na bicicleta… era unha rupturista, en definitiva. Ademais foi a nai de Eugenio Montes, considerado un bo escritor e xornalista, pero relegado nos últimos anos posiblemente porque se adscribiu ao chamado Movemento Nacional. CLARA DEL RÍO Das innumerables mulleres que no pasado poderiamos destacar polas súas obras caritativas, imos a detenernos soamente en Clara del Río, que ademais de axudar á implantación dos Salesianos en Vigo e colaborar co establecemento na cidade do Instituto de San José de Cluny, para serventas sen colocación, foi a fundadora, en 1903, do Asilo do Neno Xesús de Praga. Esta institución docente destinouse en orixe a coidar e educar gratuitamente ás fillas/fillos pequenas/os de obreiros/as que non podían ser atendidos/as polos seus pais/nais durante a xornada laboral. Tamén colaborara, en 1898, na recepción dos soldados españois que voltaban de Cuba como auténticas piltrafas humanas; a varios deles os acolleunos na súa propia casa.