You are on page 1of 5

O Concello de Pontedeume concedeu no ano 2002 licenzas de obra en Centroña e Boebre a

pesar de que o informe xurídico era desfavorábel. Tal e como recolle a Lei de ordenación
Urbanística para o outorgamento das licenzas son preceptivos os correspondentes informes
técbicos e xurídicos sobre a súa conformidade coa legalidade urbanística. Se ben o informe
técnico era favorábel non así o xurídico asinado pola secretaria do Concello.

A finais de 2001 diversos promotores solicitaron licenza para poder construir 8 edificacións en
zona rural de Centroña e Boebre, algunhas en primeira liña de costa. A motivación do
Concello residía na aplicación das Normas Subsidiarias que permitirían o uso do solo como
urbanizábel se ben estas mesmas normas exixirían a aprobación do correspondente plano
parcial, algo que non se realizou.

Pero amais disto o informe da Secretaria alega razóns moi convincentes para non permitir a
concesión das licenzas: os artigos das Normas Subsidiarias que xustificaban estes permisos
quedaban derogados pola posterior Lei do Solo de Galiza e pola LRSV de ámbito estatal dos
anos 1997 e 1998.

Por se non abondase, a Secretaria recorda que o futuro PXOM que o Concello xa tiña
aprobado inicialmente consideraba estes terreos como zona de alto valor paisaxístico de
especial protección. Por todo isto, a Secretaria conclúe que “non procede a concesión das
licenzas urbanísticas solicitadas, toda vez que os proxectos presentados correspóndense a
vivendas unifamiliares illadas sen vinculación á explotacións agropecuarias de ningún tipo, polo
que se informa DESFAVORABLEMENTE as solicitudes enumeradas no punto primeiro do
presente informe”

A concesión das licenzas foi outorgada poa comisión municipal de goberno sobre a que
estaban delegadas as competencias urbanísticas. Dita comisión estaba formada, amais do
alcalde, por Manuel Allegue, Agustín Vilariño e Manuel Rei, estes dous últimos cabezas de
lista nas vindeiras eleccións municipais polo PSdeG e BNG respectivamente.

Cabe lembrar que nesas mesmas datas foron concedidas outras licenzas en Nogueirosa en
zona de protección costeira. A raíz destes permisos a CPTOPT denunciou ao Concello de
Pontedeume ante o Xulgado do Contencioso, que xa dictaminou a anulacióin de dúas destas
licenzas e está a dilucidar o destino doutras seis.

Esta dilixencia en permitir construcións en zonas de especial protección paisaxística amosan a


escasa sensibilidade do goberno local á hora de preservar o noso patrimonio natural máis
valioso: a paisaxe. Ademais demostran a xa habitual práctica de conceder licenzas á marxe da
legalidade, carecendo do máis elemental pudor á hora de asegurar publicamente que as
concesións axústanse á lei, ignorando os dictames da Secretaria, da CPTOPT e dos mesmos
xuices.

Dende o Colectivo Fusquenlla imos exixir á Consellaría de Política Territorial que interveña
do mesmo xeito que o fixo en Nogueirosa e poña estes feitos en coñecemento do poder xudicial.
As accións irresponsabeis do goberno local, máis que favorecer a particulares, están a
devastar un territorio do que nos sentimos moi orgullosos e que nos gustaría poidese ser
disfrutado polas xeracións vindeiras.

Rate