ACORDOS DA ASEMBLEA NACIONAL DE ESPAZO ECOSOCIALISTA

A Asemblea Nacional de Espazo Ecosocialista ( Ecogaleguistas ) reuniuse hoxe para analizar o proceso de converxencia da esquerda nacional e do galeguismo político e decidir sobre a súa orientación estratéxica tras uns días de reflexión nos que se recibiron múltiples achegas de adheridos/as e simpatizantes. Espazo Ecosocialista cre que estamos nun período de transición no que aínda debemos esforzarnos máis por buscar o encontro da esquerda nacional e do galeguismo político, para os que necesitamos espazos de experimentación nos que superar o sectarismo e a fragmentación política. Para Ecogaleguistas débese avanzar nos maiores espazos de unidade que fagan posible alternativa democrática e electoral ao PP e posibilitar no futuro a recomposición da esquerda en clave nacional e de renovación. Laiámonos de non ter acado a máxima unidade electoral que demanda a cidadanía e defendida desde o primeiro momento polos Ecogaleguistas. O debate nas últimas semanas en CxG puxo de relevo dúas concepcións de construción do proxecto: a fundacional da cooperativa política inclusiva situada na esquerda renovadora e a do partido nacional neutro defendida por outros, ambas lexítimas pero desde o noso punto de vista incompatibles. Espazo Ecosocialista mantívose con lealdade ata o último momento, mesmo aparcando a posibilidade de participar como un membro máis da nova coalición, para facilitar un acordo de incorporación de CxG á alianza ampla que nunca chegou. O acordo de Coalición EU-Anova é un paso importante na unidade da esquerda e na concentración electoral fronte ao PP, mesmo supón unha nova experiencia na procura de superar a división da esquerda nacionalista/non nacionalista baixo un proxecto nacional, aínda que non resolve satisfactoriamente a alternativa ampla, necesaria e crible para a cidadanía. Temos diante de nos dúas tarefas fundamentais: reconstruír o espazo da esquerda nacional renovadora e conseguir a derrota electoral do PP. Tarefas unicamente posibles de conseguir desde a máxima unidade posible hoxe representada por Alternativa Galega de Esquerdas. Por todo isto, a Asemblea Nacional de Espazo Ecosocialista ACORDA:

1. Por unanimidade abandonar o proxecto político de Compromiso por
Galicia.

2. Abrir o diálogo político coa coalición electoral Alternativa Galega de
Esquerdas para incorporar o Espazo Ecosocialista a esta coalición, facilitando a incorporación dun necesario sector social cidadá que doutro xeito non se mobilizaría ante o imprescindible cambio político. 3. Conscientes de que o proceso de renovación e converxencia da esquerda galega non remata o 21-O, e de acordo coa nosa idea de cooperación política na pluralidade, Espazo Ecosocialista manterá aberto o diálogo e facilitará os espazos de encontro necesarios con todas as forzas progresistas e galeguistas.

En Compostela a 12 de setembro de 2.012