Basílica de San Martiño de Mondoñedo

A Basílica de San Martiño de Mondoñedo é un templo de orixe prerrománica situado na Mariña Lucense, sé do bispado de Mondoñedo durante moitos anos, que se atopa en bo estado de conservación. Atópase na parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz, no norte da provincia de Lugo. Na actualidade, amais de estar aberta ó culto, alberga no seu interior un museo.

Historia
É unha antiga catedral fundada polo bispo de Dume no século IX, ao se refuxiaren en Bretoña a nobreza e o clero por medo ao perigo musulmán. Destruída a capital de Bretoña polos normandos nas invasións de 966 - 971, o rei Afonso III estableceu en Mondoñedo a nova sé, da cal o primeiro bispo foi Sabarico. Mondoñedo foi capital até 1112 da terra dos bretoñeses. A construción do templo prerrománico acostuma a relacionarse co bispado de San Rosendo. San Martiño de Mondoñedo é un templo orixinario do século VI, mais foi reedificado entre os séculos X e o XII, e o peche das naves no século XIII. Debemos salientar que foi a primeira catedral construída no sur de Europa. As obras principais deberon ter lugar entre o ano 925 e o 944. Entre os últimos anos do século XI e os primeiros do XII gobernou a diocese de Mondoñedo Gonzalo Froilaz, canonizado e venerado pola piedade popular como San Gonzalo. Probablemente nunha data do seu episcopado iniciáronse as obras do actual templo de San Martiño. Foi sé episcopal ata mediados do século XII, momento no que se trasladou á cidade de Mondoñedo, que recibiu o nome do topónimo de procedencia. No ano 2007 esta igrexa, en bo estado de conservación e na que o culto relixioso está vivo, foi declarada basílica polo Vaticano.

Descrición
Este templo caracterízase por ser un "rara avis" no seu contorno. Poucos edificios xuntan de xeito tan anárquico elementos e anacos prerrománicos, protorrománicos e románicos plenos como este, sendo o resultado material froito de tres etapas históricas coas súas correspondentes campañas construtivas co resultado dun crebacabezas estrutural e decorativo. Posúe unha nave única de aparello prerrománico, coas naves cubertas de madeira, a alturas e coberturas graduais, e tres ábsidas semicirculares que se abren directamente sen arcos triunfais, como continuidade espacial das naves, en consonancia coas novas formas litúrxicas de medio punto sobre semicolumnas acaroadas, e están cubertas con bóvedas de canón rematadas en cascarón. Unha destacada lanterna ovalada cega apoiase sobre trompas entre os brazos do pronunciado cruceiro que se cobren con bóvedas de canón semicirculares. Figuras antropomorfas nun capitel do interior Entre os elementos mais antigos conservados destacan os capiteis con columnas de mármore romanas reaproveitadas inseridas no muro oriental. A fábrica da súa tripla cabeceira debeu pertencer á súa primeira fase construtiva, a románico-lombarda, posiblemente realizada por mestres cataláns, porén debe terse en conta que a decoración con arquiños nas cornixas (moi propias deste estilo) das ábsidas laterais non se seguiu a empregar na ábsida central.

Conserva un conxunto de capiteis románicos con ricas representacións, no norte un representando un grifón, ou un banquete de Herodes, a historia de Lázaro ou unha muller con sapos nos peitos. Tanto as tres naves como a fachada occidental foron rematadas de levantar nunha terceira fase construtiva románica, tras o traslado en 1136 da sé do bispado a Valibría (a actual Mondoñedo). A construción deste edificio prolongouse durante un século. Tamén conserva pinturas murais dos séculos XIV ao XVI. Os grosos contrafortes que ten na actualidade son un engadido da restauración realizada no ano 1867. Acolle no seu interior o frontal do altar románico cun Cristo en Maxestade, e representando aos anxos e bispos das sete igrexas da Apocalipse, do século XII, e o báculo e o anel do Bispo Gonzalo "O Santo".