Amnistía Internacional

Informe Anual 2005

Prólogo de Irene Khan, secretaria xeral de Amnistía Internacional

O pasado mes de setembro, nun campo provisorio nas aforas de El Jeniena, na rexión sudanesa de Darfur, escoitei unha muller describir o ataque perpetrado contra o seu pobo pola milicia apoiada polo goberno. Morreron tantos homes que non quedou ningún para enterrar os mortos, e as mulleres tiveron que realizar esta lutuosa tarefa. Escoitei a rapazas que foran abandonadas polas súas propias comunidades despois de as violaren membros da milicia. Escoitei a homes que o perderan todo, excepto o seu sentido da dignidade. Eran persoas correntes de extracción rural. Talvez non entendesen as sutilezas dos «dereitos humanos», mais coñecían o significado da palabra «xustiza». Non podían entender por que o mundo non facía algo para remediar a súa difícil situación. Era un exemplo máis da mortífera mestura de indiferenza, deterioro e impunidade que caracteriza hoxe o panorama dos dereitos humanos. Os dereitos humanos non constitúen só unha promesa incumprida, senón tamén traizoada. Sinalemos, por exemplo, a incapacidade de pasar da retórica á práctica en materia de dereitos sociais e económicos. A pesar das promesas recollidas na Declaración Universal de Dereitos Humanos e nos tratados internacionais sobre dereitos humanos, segundo as cales toda persoa terá dereito a un nivel de vida adecuado e a dispor de comida, auga, teito, educación, traballo e asistencia médica, máis de mil millóns de persoas carecen de auga non contaminada, 121 millóns de nenos non van á escola, a maioría dos 25 millóns de persoas con VIH/sida en África non teñen acceso a asistencia médica e medio millón de mulleres morren cada ano durante o embarazo ou o parto. A delincuencia e a brutalidade policial tamén afectan máis aos pobres. En setembro do ano 2000, dirixentes de todo o mundo adoptaron a Declaración do Milenio —que tiña como tema central os dereitos humanos— e estabeleceron os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, nos que se fixaban metas concretas e viábeis para 2015. Estas metas ocúpanse de cuestións como o VIH/sida, o analfabetismo, a pobreza, a mortalidade infantil e materna e a axuda ao desenvolvemento. Mais os avances na realización dos obxectivos foron exasperantemente lentos e dunha insuficiencia desoladora. Non poderán conseguirse sen un firme compromiso co respecto igualitario de todos os dereitos humanos, tanto os económicos, sociais e culturais como os civís e políticos. Resultan sorprendentes a indiferenza, a apatía e a impunidade que permiten que persista a violencia contra millóns de mulleres. En países de todo o mundo as mulleres sofren múltiples formas de violencia, como a mutilación xenital, a 1

violación, os maos tratos a mans das súas parellas e os homicidios en nome do «honor». Aínda que grazas aos esforzos realizados polos grupos de mulleres existen na actualidade leis, políticas, tratados e mecanismos internacionais concibidos co propósito de as protexeren, estes instrumentos seguen sen estar á altura das circunstancias. Alén diso, existe un perigo real de se producir unha reacción violenta contra os dereitos humanos das mulleres por parte de elementos conservadores e fundamentalistas. Os dereitos humanos das mulleres non son a única vítima do ataque contra os valores fundamentais que está sacudindo o mundo dos dereitos humanos. A este respecto nada ten sido tan prexudicial como os esforzos do goberno estadounidense para atenuar a prohibición absoluta da tortura. Amnistía Internacional publicou en 1973 o seu primeiro informe sobre a tortura. Nel dicíase o seguinte: «A tortura prospera co segredismo e a impunidade. Levanta cabeza cando se eliminan as barreiras xurídicas contra ela. Aliméntase da discriminación e o medo. Gaña terreo cando non é absoluta a súa condena oficial». As fotografías de detidos baixo custodia estadounidense en Abu Ghraib (Iraq) demostran que o que era verdade hai 30 anos segue a selo na actualidade. Malia a indignación practicamente unánime provocada polas fotografías de Abu Ghraib e os indicios que sinalan que estes métodos están a ser empregados con outros presos baixo custodia dos Estados Unidos en Afganistán, Guantánamo e outros lugares, nin o Congreso nin o goberno estadounidenses pediron que se efectuase unha investigación completa e independente. Polo contrario, o goberno estadounidense empregouse a fondo para restrinxir a aplicación dos Convenios de Xenebra e «redefinir» a tortura. Tentou xustificar o emprego de técnicas de interrogatorio coercitivas, a práctica de manter «detidos fantasma» (persoas que se encontran detidas en réxime de incomunicación non recoñecida) e a «cesión» ou entrega de prisioneiros a terceiros países onde se sabe que se practica a tortura. O centro de detención de Guantánamo converteuse no gulag da nosa época, consolidando a práctica da detención arbitraria e indefinida en violación do dereito internacional. Os xuízos ante comisións militares foron unha parodia da xustiza e das garantías procesuais. Estados Unidos, na súa calidade de hiperpotencia política, militar e económica sen rival no mundo, marca a pauta do comportamento dos gobernos no ámbito mundial. Cando o país máis poderoso do mundo se burla do estado de dereito e dos dereitos humanos, está dando permiso para que outros países cometan abusos con impunidade e audacia. De Israel a Usbequistán, de Exipto a Nepal, os gobernos desafiaron abertamente os dereitos humanos e o dereito internacional humanitario en nome da seguridade nacional e a loita contra o terrorismo. Hai sesenta anos, un novo ordenamento mundial xurdiu das cinzas da Segunda Guerra Mundial, estabelecendo como principal obxectivo da ONU o respecto dos dereitos humanos, xunto á paz, a seguridade e o desenvolvemento. Na actualidade, a ONU non parece mostrarse capaz nin desexosa de pedir responsabilidades aos seus estados membros. 2

Nun último exemplo de parálise, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas non conseguiu unir vontades para emprender accións efectivas en Darfur. Neste caso foi refén dos intereses petroleiros de China e do comercio de armas de Rusia. Como consecuencia deste fracaso, os mal equipados observadores da Unión Africana son testemuñas de crimes de guerra e crimes de lesa humanidade sen poderen facer nada por os evitar. Queda por ver se o Consello de Seguridade da ONU segue a recomendación da Comisión Internacional de Investigación e remite o caso de Darfur á Corte Penal Internacional. A Comisión de Dereitos Humanos da ONU converteuse nun foro onde se chalanea cos dereitos humanos. O ano pasado deixou de analizar o caso do Iraq, foi incapaz de adoptar medidas sobre Chechenia, Nepal ou Cimbabue e gardou silencio sobre Guantánamo. A capacidade do estado para protexer os dereitos humanos está en crise no ámbito nacional. Nalgúns lugares, os grupos armados —caudillos militares, bandas de delincuentes ou xefes de clans— controlan a vida da xente. En moitos países, a corrupción, a má xestión, o abuso de poder e a violencia política socavaron a gobernanza dos asuntos públicos. Nunha economía globalizada, os acordos sobre comercio internacional, as institucións financeiras internacionais e as grandes empresas marcan cada vez máis a pauta. Porén, existen poucos mecanismos para abordar os seus efectos sobre os dereitos humanos, e aínda hai menos sistemas adecuados de rendición de contas. Chegou o momento de volver analizar con serenidade o que debemos facer para revitalizar o sistema de dereitos humanos e a nosa fe nos seus valores permanentes. Ese é o sentido das sentenzas da Corte Suprema dos Estados Unidos sobre os detidos de Guantánamo e dos xuíces lores do Reino Unido sobre a detención indefinida de «presuntos terroristas» sen cargos ni xuízo. Esa é a mensaxe da participación multitudinaria e espontánea de millóns de persoas nas manifestacións levadas a cabo en España en protesta polos atentados con explosivos de Madrid, dos levantamentos populares de Xeorxia e Ucraína, do crecente debate sobre os cambios en Oriente Medio. No seo da propia ONU, o nomeamento en 2004 dun novo alto comisionado para os Dereitos Humanos e o informe encargado polo secretario xeral da ONU a un Grupo de Alto Nivel sobre as Ameazas, os Desafíos e o Cambio crearon un contorno favorábel ás reformas e á renovación do sistema de dereitos humanos. Estas deben basearse en valores e obxectivos compartidos, no estado de dereito máis que nun poder arbitrario, na cooperación mundial máis que nunha actitude temeraria unilateral. A credibilidade do sistema internacional de dereitos humanos depende da súa capacidade para reafirmar a primacía dos dereitos humanos e o seu papel fundamental á hora de abordar todas as ameazas á paz e á seguridade internacionais. Os desafíos que debe afrontar o liderado da ONU e os seus estados membros son evidentes: — reafirmar e reiterar os dereitos humanos como a encarnación dos valores 3

comúns e das normas universais de dignidade, igualdade, xustiza e decoro humanos. Recoñecelos como a base da nosa seguridade común e non como un obstáculo capaz de minala; — oporse aos esforzos para atenuar a prohibición absoluta da tortura e os tratos crueis, inhumanos e degradantes. A tortura é ilexítima e moralmente condenábel. Deshumaniza tanto a quen a sofre como a quen a practica. Representa a máxima corrupción humana. Se a comunidade internacional permite a erosión deste piar fundamental, non pode esperar salvar os demais; — condenar de maneira inequívoca os abusos contra os dereitos humanos perpetrados polos que levaron a humanidade a cotas de bestialidade e brutalidade descoñecidas até agora, voando trens de proximidade en Madrid, tomando como reféns os nenos dunha escola de Beslán e decapitando traballadores de axuda humanitaria no Iraq, mais subliñar con firmeza a responsabilidade que teñen os gobernos de xulgar os responsábeis dentro dos límites do estado de dereito e do marco dos dereitos humanos. O respecto dos dereitos humanos é o mellor antídoto contra o «terrorismo»; — erradicar a impunidade e a insuficiencia dos mecanismos de rendición de contas en materia de dereitos humanos. No ámbito nacional, unha investigación completa e independente do uso da tortura e outros abusos contra os dereitos humanos por parte de funcionarios estadounidenses sería moi eficaz á hora de restaurar a confianza en que a verdadeira xustiza non se pode aplicar con dobre criterio. No ámbito internacional, debe apoiarse a Corte Penal Internacional para que se converta nun eficaz instrumento de disuasión capaz de evitar crimes horrendos e nun eficiente motor que impulse os dereitos humanos; — escoitar a voz das vítimas e responder ás súas demandas de xustiza. Os membros do Consello de Seguridade da ONU deben comprometerse a non utilizar o veto en casos de xenocidio, crimes de lesa humanidade, crimes de guerra ou outros abusos a grande escala contra os dereitos humanos. Deben promover un tratado internacional e outros instrumentos para controlar o comercio de armas pequenas, que causan a morte de medio millón de persoas cada ano; — reformar con urxencia e en profundidade a maquinaria de dereitos humanos da ONU co fin de aumentar a súa lexitimidade, eficiencia e efectividade. Reforzar en especial a capacidade da ONU e das organizacións rexionais para protexer as persoas que corren o risco de sufrir abusos contra os dereitos humanos; — vincular a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio — formulados cuantitativamente— co logro cualitativo dos dereitos humanos, en especial os dereitos sociais e económicos e a igualdade das mulleres. Someter os axentes empresariais e financeiros aos mecanismos de rendición de contas en materia de dereitos humanos; — protexer os activistas de dereitos humanos, cada vez máis ameazados e máis tachados de subversivos. O pensamento liberal está en retroceso, e a intolerancia en auxe. Hai que manterse vixilantes na protección da sociedade civil, pois a busca da felicidade depende tanto dela como do estado de dereito, 4

dun poder xudicial independente, duns medios de comunicación libres e duns gobernos elixidos democraticamente. Asumirán os gobernos e a ONU este programa? A comunidade de activistas de dereitos humanos debe cumprir o seu cometido agora máis ca nunca, mobilizando a opinión pública para que presione os gobernos e as organizacións internacionais. Durante 2004, a mobilización popular en favor das vítimas dos atentados de Madrid e do maremoto do océano Índico demostrou de múltiples formas a capacidade da xente corrente para promover a esperanza, a acción e a solidariedade en lugar do medo, a inacción e a indiferenza. Amnistía Internacional ten fe na capacidade da xente corrente para propulsar cambios extraordinarios e, xunto cos nosos membros e simpatizantes, continuaremos actuando en 2005 en favor da xustiza e da liberdade para todos. Seguiremos a ser eternos sementadores de esperanza.

Texto do prólogo do Informe Anual 2005 de Amnistía Internacional, que foi presentado o 25 de maio do 2006

5