Manifesto da Navegación Tranquila

(Slow Sailing) 1.- O importante non é o barco, senón a túa relación con el e co mar. Tanto dá a eslora, o prezo ou o equipamento do teu barco. Tanto dá que sexa un bote de remos ou un gran iate. O importante é que non o consideres un obxecto máis de todos os que tes, senón un compañeiro de viaxe que che pode proporcionar pracer, experiencias inesquecibles e un coñecemento do mar e, sobre todo, de ti mesmo. 2.- Pasa tempo a bordo do teu barco, aínda que sexa amarrado en porto. Convérteo nunha parte do teu espazo vital. Traballa no teu barco, fai algunha tarefa a bordo, de maneira que algunha parte do barco sexa obra túa, e que algunha parte da túa obra estea vinculada ao barco. Isto reforzará os lazos entre o teu barco e ti. 3.- Deixa as présas no peirao cando saias a navegar. Sal sen unha hora de regreso, coma se foses facer unha longa viaxe. Esquécete do reloxo e déixate guiar polo sol. Se eliminas a velocidade e o tempo da ecuación, só queda o espazo: o mar. 4.- Sal a navegar sen rumbo, sen ter un punto de destino. Simplemente navega, déixate levar polo vento e o mar. Non penses nin nas millas que fixeches nin nas que che quedan para chegar. Non vas a ningunha parte. Só navega e goza do momento. 5.- Desconecta a electrónica e navega como se fixo sempre. Aprende a non depender dos instrumentos. Canto fai que non tomas unha demora ou a altura dun astro? Sitúate e debuxa o rumbo sobre unha carta de papel. Esquécete dos cataventos: sente o vento na cara ou na caluga. Aprende a arte de navegar que é o que define aos navegantes de verdade. 6.- Desconecta o móbil, a radio e o equipo de música. Corta durante un tempo os lazos que te unen a terra. Silencio! Escoita o rumor do mar: a onda na proa, o latexado da vela, o alento do vento. .. 7.- Non te aferres á caña ou á roda. Cede o temón a algún tripulante e déixate levar. Canto tempo hai que non che deitas en cuberta ou sentas na proa cos pés colgando? Se vas só, amarra o temón, equilibra o barco coas velas e déixate levar. Confía na tripulación e no teu barco. 8.- Escribe un diario de navegación. Describe con detalle as saídas que fagas e anota as sensacións que experimentes. Así conservarás as emocións de cada saída e poderalas revivir moito tempo despois. Comparte estas experiencias e emocións con outras persoas a través dun blog ou como mellor che pareza. 9.- Fai regatas, se che gustan, pero non pensando no premio, senón porque regateando aprendes a coñecer mellor o mar, o teu barco e a ti mesmo. Non hai premio máis estimulante que esta aprendizaxe. 10.- Non abandones ao teu barco, o nunca o faría contigo. 11.- Contempla o mar un intre cada día, enchóupate da súa enerxía e lévaa contigo alí onde vaias.

Sign up to vote on this title
UsefulNot useful