You are on page 1of 19

AXENDA GALICIA

Demandas prioritarias da Comunidade


Autónoma ao próximo Goberno de España

Santiago, 31 de outubro de 2019

 
Galicia, intereses permanentes

Galicia é hoxe un modelo de centralidade política. Unha centralidade


que ten unha dobre faciana: lealdade e esixencia. Lealdade plena a
todas as institucións do Estado, por riba da súa cor partidaria, e
esixencia de todo aquilo que en xustiza precisa a cidadanía galega.
O autogoberno implica compromiso coa España constitucional e
autonómica, e defensa dos intereses galegos nos diferentes ámbitos
administrativos.

A Autonomía galega non está contra o Estado como


lamentablemente se ve noutras partes de España. É e séntese parte
fundamental do Estado e, como tal, debe propoñer as súas
demandas e reclamar o cumprimento de compromisos adquiridos. A
Xunta de Galicia entende que é o momento oportuno para facelo.

En primeiro lugar, a política española sofre unha situación de


bloqueo que está afectando a decisións fundamentais para o
correcto funcionamento do Estado das Autonomías, co prexuízo
conseguinte para Galicia. En segundo termo, encamiñámonos a
unhas novas eleccións nas que se corre o risco de que a atención se
desvíe de asuntos que afectan á vida da xente para centrarse
noutros de menor relevancia. Por último, o desafío permanente e
desleal do independentismo pode facer que o Goberno entrante
descoide a xestión de cuestións galegas que requiren respostas
urxentes dende a administración central.

A Xunta considera que Galicia é unha cuestión de Estado. De aí que


esta Axenda Galicia estea destinada ao próximo Goberno de
España, con independencia de cal sexa a súa configuración e de
quen asuma o seu liderado. Os intereses galegos son permanentes,
afectan ao ben común, atinxen ao presente e o futuro do noso país, e
non poden depender da orientación partidaria que teña o Executivo.

Con determinación, coa Constitución e o Estatuto de Autonomía


como respaldo, e o aval de necesidades obxectivas, a Xunta propón
unha relación detallada de prioridades cuxa satisfacción non
depende da xenerosidade ocasional senón da boa xestión dos
asuntos públicos e das prioridades. A ela apelamos para que o
próximo Goberno lles dea resposta, coa lealdade e a esixencia que
definen a centralidade política de Galicia.

 
UN FINANCIAMENTO XUSTO

1. Pago da débeda pendente con Galicia

Galicia, ao igual que o resto das comunidades autónomas, leva


máis dun ano agardando que se aboe completamente a débeda
de 700 M€ que o Goberno central asumiu por diversos conceptos
financeiros. O Consejo de Ministros aprobou o pasado 11 de
outubro o pago das entregas a conta (330 M€), pero é preciso
axilizar o seu ingreso para non comprometer os servizos públicos
que presta a Comunidade. A maiores, segue pendente o pago
dunha mensualidade do IVE correspondente a 2017 (200 M€), así
como as compensacións ás comunidades cumpridoras como
Galicia (170 M€).

2. Novo sistema de financiación autonómica

Esta necesidade foi aprazada a nivel nacional desde hai varios


anos, pero cómpre acometela de forma urxente na próxima
lexislatura nacional. É imprescindible consensuar un modelo que
supere a idea do reparto por territorios e garanta un financiamento
igualitario a cada un dos cidadáns españois. Para iso, a cesta de
recursos debe repartirse en base a necesidades obxectivas de
gasto de cada territorio e non á súa capacidade fiscal.

No caso específico de Galicia, considérase preciso ponderar en


maior medida o envellecemento e a dispersión da poboación, que
teñen un efecto directo no custo de prestación dos servizos
públicos. Ademais, débese cumprir o acordo alcanzado na
Conferencia de Presidentes de xaneiro de 2017, referido a que o
sistema de financiamento autonómico inclúa unha peza separada
para a Sanidade Pública, dado o impacto que esta área ten ao
supoñer arredor da metade dos presupostos das comunidades.

3. Estratexia nacional fronte ao reto demográfico

A vacante dos últimos seis meses no Alto Comisionado fronte ao


reto demográfico está a retrasar a redacción dunha Estratexia
nacional fronte ao reto demográfico. A única aprobación dunhas
liñas xerais, sen contido nin dotación orzamentaria, é insuficiente

 
para acometer un dos principais problemas que condiciona o futuro
de Galicia, como do resto das comunidades. Por iso, considérase
necesario que esta Estratexia sexa asunto prioritario do Goberno
de España.

Derivado do anterior, é preciso que se teñan en conta as


características demográficas á hora de asignar fondos ou de
aprobar novas medidas xa que elementos como o envellecemento
da poboación e a baixa natalidade condicionan a práctica
totalidade das actuacións.

4. Defensa dos intereses galegos no marco das relacións coa


UE: Brexit e Fondos de Cohesión

Na actualidade, hai negociacións en marcha no seo da Unión


Europea nas que está en xogo o futuro de moitos cidadáns e
empresas galegas. En primeiro lugar, é de vital importancia que o
Goberno central e as comunidades sigamos defendendo
conxuntamente os intereses afectados polo Brexit, con especial
atención ao sector pesqueiro. A comisión de seguimento debe
manterse activa ata que se complete a saída da UE do Reino
Unido para que os plans de continxencia respondan ás
necesidades do tecido laboral e industrial.

Por outra banda, ante o novo escenario financeiro da UE para o


período 2021-2027, Galicia precisa que a asignación procedente
dos Fondos de Cohesión non se vexa diminuída de forma abrupta.
Para conseguilo, desde a Xunta de Galicia xa se trasladou esta
demanda ás autoridades europeas e, de feito, a Comisión
Europea recoñece esta situación excepcional, común a outras
rexións europeas. En todo caso, é necesario que o Goberno
central defenda esta cuestión nas futuras negociacións e logre un
trato compensatorio para as comunidades que, como Galicia, se
ven afectadas por esta situación.

 
IMPULSO ÁS INFRAESTRUTURAS PENDENTES

5. AVE e outras demandas ferroviarias

Galicia leva moito tempo agardando pola alta velocidade


ferroviaria e soportando sucesivos atrasos nunha infraestrutura
que outras comunidades desfrutan desde hai décadas. O último
seguimento feito polos técnicos da Xunta revela que os galegos
teremos que asumir unha nova dilación, toda vez que ven inviable
o remate das obras previsto para este ano 2019. Ante esta
situación, mantense a demanda de que todo o relacionado co
AVE a Galicia se aborde coa máxima transparencia e rigor
informativo, e se clarifique o calendario en todas as cuestións
seguintes:

 Conexión a Madrid, que debe estar en servizo en todos os seus


tramos e a disposición a venda de billetes antes do próximo
Xacobeo 2021. Dotación a esta liña ferroviaria dos trens de
ancho variable de última xeración, que permitan un
aproveitamento óptimo da infraestrutura en canto a velocidades
e frecuencias.

 Planificación e execución da conexión de AVE a Lugo no


horizonte de 2021, incluíndo tanto a electrificación da vía como
as variantes de trazado para que a cidade estea conectada con
Madrid en 4 horas.

 Execución, tamén conforme a un cronograma claro, das obras


planificadas nas estacións ferroviarias de Galicia, adaptándoas
á chegada da alta velocidade e ao programa de
intermodalidade.
 Execución da Variante exterior en Ourense.

 Axilización dos prazos de tramitación previstos para o impulso


do AVE a Vigo por Cerdedo.

 Planificación completa de obras e investimentos de


modernización das conexións ferroviarias de Galicia,
aproveitando a oportunidade da inclusión da Comunidade no
trazado do Corredor Atlántico Europeo. Concretamente:

 
o a execución a saída sur de Vigo e conexión con Porto,
o a renovación da conexión A Coruña-Ferrol,
o a renovación Ferrol-Ribadeo,
o a renovación da Coruña-Lugo-Monforte,
o e as conexións ferroviarias coas principais plataformas
loxísticas e cos portos de interese xeral do Estado.

 Reforzo dos servizos de viaxeiros, competencia do estado, coa


vista posta no Xacobeo 2021, singularmente na liña Ourense-
Santiago-A Coruña-Vigo; e mellora da política tarifaria a través
do abaratamento do prezo dos billetes e flexibilización do
sistema de bonos no ferrocarril.

 Integración dos principais servizos ferroviarios da Comunidade


no sistema do Transporte Metropolitano, coa fin de ofrecerlles
aos cidadáns as vantaxes dun sistema de pago único de
transporte público que bonifique os billetes e incentive o seu
uso, especialmente entre a mocidade.

 Elaboración e desenvolvemento dunha planificación sobre o


ancho de vía no conxunto da rede ferroviaria destinada a
garantir que a rede ferroviaria galega e, por extensión do
noroeste español, sexa competitiva, tanto a nivel de transporte
de mercadorías como de pasaxeiros.

 Estratexia para a adaptación da xestión aeroportuaria de cara


ao impacto da chegada do AVE a Galicia.

6. Necesidades en materia de estradas

 Execución das obras para mellorar a funcionalidade e


conectividade da AP-9 con cargo aos orzamentos do Estado:
enlace Orbital e Orbitaliño, nó de Bombeiros en Pontevedra;
vial 18 ou Alfonso Molina, entre outras.

 Plan de bonificacións para usuarios frecuentes e en horarios de


menor tráfico para a AP-9 e a AP-53.

 
 Axilización das obras da Autovía Lugo-Santiago co fin de
garantir a súa plena entrada en servizo no Xacobeo 2021.

 Impulso á execución da Variante de Ourense e do resto da


Autovía Ourense-Lugo.

 Impulso á execución da nova Autovía Vigo-O Porriño.

 Impulso á execución da Autovía da Mariña.

 Integración do treito A Coruña-Arteixo da AG-55 na rede de


estradas do Estado, configurando un itinerario continuo e libre
de peaxe de acceso ao Porto Exterior da Coruña.

 Posta en marcha das medidas que permitan solucionar de


forma definitiva os problemas ocasionados pola néboa na A-8.

 Impulso á Variante de Ponteareas, unha vez que o Goberno


central declarou que sería unha actuación da súa competencia.

 Avances para a conversión da AP-9 en Vigo nun treito máis


urbano.

 Execución das obras que permitirán integrar a FE-14 en Ferrol.

 Impulso da circunvalación de Pontevedra procurando o máximo


consenso social no trazado das seguintes fases.

 Impulso, en colaboración do Goberno de Portugal, dunha nova


conexión internacional por autovía que facilite o acceso da
poboación do norte luso á liña do AVE Madrid-Galicia a través
da Gudiña.

 Aprobación e impulso dun programa de eliminación de todos os


treitos de concentración de accidentes identificados na rede
estatal de estradas.

 Transferencia a Galicia da titularidade da AP-9, dotada dos


recursos necesarios para a súa xestión e para a execución de
todas as obras planificadas no seu trazado, así como para
cumprir o compromiso de liberación da peaxe de Redondela,

 
evitar novas subas de tarifas extraordinarias asociadas ás
obras e implementar un plan de bonificacións para usuarios
frecuentes e horas de menor tráfico.

7. Investimentos necesarios en materia de augas

 Implicación no saneamento integral das rías e ríos galegos co


impulso, execución e financiamento das obras hidráulicas
declaradas de interese xeral do Estado, tales como a nova
depuradora de Santiago de Compostela, o saneamento de
Raxó en Poio ou na Illa de Arousa.

 Implicación, a través das correspondentes Confederacións


Hidrográficas no apoio aos concellos do seu respectivos
ámbitos territoriais nas súas necesidades de asistencia para o
correcto exercicio das súas competencias en abastecemento e
saneamento de auga.

 Implicación, a través das correspondentes Confederacións


Hidrográficas no apoio aos concellos do seu respectivos
ámbitos territoriais na necesidade de actuación para minimizar
o risco de inundacións no novo contexto de cambio climático.

 Execución do proxecto comprometido da dragaxe da Ría do


Burgo como proxecto de rexeneración do litoral
complementario aos proxectos de saneamento das augas
executados pola Xunta.

 Axilización da elaboración do estudo de alternativas acordado


coa Xunta e co Concello de Vigo para solucionar os problemas
estruturais do sistema de abastecemento da cidade e de toda a
área sur da provincia de Pontevedra, declarando esta
actuación de Interese Xeral do Estado en Galicia.

8. Condonación débeda infraestruturas portuarias.

Solicítase ao Goberno de España igualdade de trato e


consideración ás diferentes autoridades portuarias galegas en
relación á de Valencia, no relativo ao financiamento e asunción

 
das débedas contraídas pola acometida de infraestruturas
necesarias para a súa operatividade e competitividade.

APOIO AOS SECTORES PRODUTIVOS

9. Prezo da enerxía viable para as industrias electrointensivas

O tecido industrial vinculado ao ámbito enerxético require que


canto antes se poñan en marcha medidas que favorezan un prezo
eléctrico estable. O incremento nun 50% nos últimos dous anos
impide a este tipo de industrias competir en igualdade de
condicións co resto de Europa. No caso de Galicia, isto pon en
risco arredor de 5.000 empregos e, no caso específico de Alcoa
San Cibrao, disto depende que a empresa peche ou non a curto
prazo, coas consecuencias que isto tería para a economía da
Mariña lucense e de toda a provincia en xeral.

A única medida adoptada ata o momento (compensacións de


CO2) é claramente insuficiente. Por iso, urxe a aprobación dun
Estatuto para os consumidores electrointensivos que permita
rebaixar o prezo do MW ata os 35-40 euros, polo que estas
industrias levan agardando desde hai un ano e do que nin tan
sequera se coñece un borrador. Ante esta situación, a Xunta
elaborou unha proposta que ten enviado aos partidos políticos a
nivel nacional co obxectivo de que o próximo Goberno de España
poida proceder á súa aprobación practicamente de forma
inmediata.

10. Transición enerxética xusta

Galicia defende abordar unha transición ordenada no eido


enerxético, en lugar de adoptar medidas abruptas que traian
consigo consecuencias irreversibles a nivel laboral e industrial. De
xeito específico, é preciso tomar medidas para evitar o peche da
central térmica das Pontes, facer posible a súa reactivación e
buscar alternativas que permitan á planta seguir sendo
competitiva e manter os postos de traballo de 750 familias.

 
Algunhas das propostas son a eliminación do imposto ao carbón
(como se fixo co gas) e outras medidas fiscais, a creación dunha
mesa de traballo que aborde a evolución enerxética da planta, a
aprobación da Estratexia de Transición Xusta 2019-2021, a
activación do convenio con Galicia que o Goberno xa ten
avanzado con outras comunidades (Asturias, Castela e León, e
Aragón), e a inclusión de Galicia na Plataforma Europea de
Rexións Mineiras en Transición, que permitiría á nosa
Comunidade acceder a fondos europeos destinados a mitigar o
impacto da reestruturación enerxética.

Por outra banda, o próximo Goberno de España debe implicarse


na busca dunha alternativa industrial ao peche da térmica de
Meirama xa que, ata agora, descoñécense os proxectos que se
levarán a cabo na comarca para paliar o desmantelamento
industrial e laboral que supón o final desta central.

11. Actividade no dominio público marítimo terrestre

As incertezas xeradas ao respecto do regulamento da Lei de


Costas ten consecuencias moi negativas xa que afecta de xeito
integral ou parcial a case 5.000 edificacións que se atopan nos
2.500 quilómetros de costa galega. A proposta de modificación
respecto á interpretación que se viña facendo contraveñen o
previsto na Lei 2/2013, do 29 de maio, para as concesións de
ocupación de dominio público marítimo-terrestre, ao pretender que
o prazo concesional extraordinario establecido en 75 anos se
contabilice desde a data inicial da concesión, e non desde a
tramitación da renovación.

Cómpre reverter esta cuestión xa que tería consecuencias moi


prexudiciais en sectores económicos clave para Galicia. No sector
pesqueiro, afecta a máis 100 empresas vinculadas á cadea mar-
industria (depuradoras, cetáreas, fábricas de conservas…). No
sector forestal, compromete o futuro de Ence e das 80.000
familias que viven da madeira nesta Comunidade. A maiores,
tamén ten efectos en diversos servizos públicos xa que cuestiona
a legalidade de depuradoras, colexios ou escolas infantís, por
poñer algúns exemplos.

10

 
Por outra banda, solicítase que se modifique a normativa básica
estatal en materia de costas para permitir a autorización de usos
en construcións tradicionais preexistentes á Lei 22/1988 de
Costas, en calquera ámbito do noso litoral ou, cando menos,
dentro da zona de servidume de protección, por suposto sen
permitir en absoluto a construción de novas edificacións para eses
usos. O que se persegue é evitar que se siga ocupando o territorio
e aumentando a dispersión poboacional, tendo en conta que
Galicia goza dun valiosísimo patrimonio construído por todo o
litoral, cunha ocupación tradicional que en nada ten desvirtuado a
protección do dominio público marítimo terrestre.

12. Poxas de enerxías renovables

Galicia está a facer un gran esforzo no impulso das enerxías


renovables, especialmente da eólica (coa redución dos prazos de
tramitación á metade a través da declaración dos proxectos
eólicos de especial interese). Deste xeito, prevese a posta en
funcionamento dunha vintena de parques antes de final de ano,
chegando así aos 4.000MW de eólica instalada en Galicia
(8.000MW se suman todas de enerxías renovables). Para
continuar por esta senda e lograr unha Galicia máis verde, é
preciso a colaboración do resto de administracións: no caso do
Goberno central, a través da convocatoria de novas poxas de
renovables.

13. Defensa do sector da automoción e subestación eléctrica


de Balaídos

As dúbidas xeradas nos últimos meses ao respecto do futuro do


diésel en España están tendo efectos negativos para o sector da
automoción, que en Galicia ten un peso fundamental. A incerteza
nos consumidores traduciuse nunha redución nas vendas que
ascende ao 15,5% no acumulado de xaneiro-setembro). Por iso,
cómpre trasladar mensaxes claras e prudentes para non
comprometer esta área estratéxica. Promover un sector
sustentable é compatible con que non se restrinxa ningunha
tecnoloxía. A maiores, considérase necesario non incrementar a
fiscalidade sobre o diésel nun momento de desaceleración na
compra de vehículos.

11

 
Tamén vinculado ao sector da automoción, é imprescindible que o
próximo Goberno de España cumpra o compromiso de conectar
Vigo á rede de transporte de 220kV, unha demanda que foi
incluída na planificación de Rede Eléctrica Española (REE) en
vigor pero que non chegou a materializarse. A construción da
nova subestación eléctrica en Balaídos é fundamental para a
competitividade da industria da automoción, ademais de para
ofrecer tamén un servizo de calidade aos fogares de Vigo.

14. Navantia: novos contratos e estaleiro 4.0

Na actualidade, existe un baleiro de actividade en Navantia Ferrol,


derivado de retrasar durante dez meses a formalización do
contrato das fragatas F-110 así como da decisión de restar carga
de traballo en favor das instalacións que a empresa pública ten en
Andalucía. De non resolverse esta situación, non haberá carga de
traballo no estaleiro ferrolá ata 2022, data prevista para o corte de
chapa das fragatas. De feito, nas empresas auxiliares xa
empezaron os despidos por falta de carga de traballo.

Por iso, o próximo Goberno de España debe garantir carga de


traballo para os 2-3 próximos anos e cumprir o compromiso de
adxudicar un buque de aprovisionamento para a Armada española
que sirva de barco-ponte nese período baleiro.

Igualmente, cómpre impulsar o estaleiro 4.0, infraestrutura


fundamental para lograr que as instalacións de Navantia en Ferrol
sexan competitivas no futuro. Non promover a innovación e as
novas tecnoloxías suporá partir dunha situación de desvantaxe
con respecto a outros estaleiros cos que compite Navantia Ferrol
para a adxudicación de novos pedidos.

15. Sector pesqueiro


En canto a este sector, Galicia demanda desde hai meses que o
Estado promova o cambios necesarios para evitar que a
aplicación do artigo 10 do regulamento do Fondo Europeo
Marítimo Pesqueiro (FEMP) obrigue a inadmitir as solicitudes de
axudas das confrarías para vixilancia ou asistencia técnica, entre
outras, por pequenas infraccións que están catalogadas como
pesca ilegal e que impiden a concesión de axudas ao abeiro do

12

 
FEMP. Trátase de infraccións menores que, ao levar aparellada a
inadmisión das solicitudes de achegas, se converten nun
importante problema económico para as confrarías e que supoñen
un importante prexuízo para o desenvolvemento da súa
actividade.

Por outra banda, tamén é razoable a petición do sector pesqueiro


de que se teña en consideración a especialidade do traballo no
mar para impedir que a aplicación da normativa estatal sobre o
control de horarios de traballo dificulte burocraticamente a
actividade. O sector marítimo-pesqueiro é moi complexo de
regular polas súas peculiaridades e por iso mesmo está exento
doutras normativas, que tamén parece viable neste caso.

MELLORA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

16. Educación Pública máis equitativa

Galicia apoia de forma rotunda a necesidade de que a próxima


lexislatura nacional sirva para materializar un Pacto pola
Educación que garanta estabilidade ás próximas xeracións e
impida que se vexan sometidos a cambios normativos
permanentes.

Neste contexto, considérase que un dos obxectivos prioritarios e


urxentes é lograr que o modelo sexa máis equitativo. De xeito
concreto, proponse que se establezan fórmulas no menor prazo
posible para a coordinación entre as comisións encargadas de
elaborar as probas de acceso á Universidade, co obxectivo de
garantir a igualdade de oportunidades no conxunto do Estado. A
este fin tamén pode contribuír que se aprobe un modelo de
acceso á profesión docente semellante ao MIR que reforce o
profesorado como piar do sistema educativo.

17. Sanidade Pública: máis profesionais

Máis alá da necesidade de abordar de forma completa a


viabilidade da Sanidade Pública para o futuro, é convinte que o

13

 
próximo Goberno de España dea resposta a dúas cuestións
prioritarias. En primeiro lugar, precísase a adopción de medidas
para paliar a escaseza de profesionais en prazas de difícil
cobertura ou especialidades deficitarias, como por exemplo
Medicina de Familia ou Pediatría. Algunhas delas, foron
acordadas no Consejo Interterritorial en abril de 2018, pero están
pendentes de materializarse.

Por exemplo, reclámase eliminar a taxa de reposición de efectivos


nas ofertas públicas de emprego, ou a modificación do RD
1146/2006, de 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral
especial de residencia para a formación de especialistas en
Ciencias da Saúde. Igualmente, tamén se considera necesario
impulsar unha norma que axilice o procedemento de acreditación
de unidades docentes para a Formación Sanitaria Especializada
de forma que permita aumentar a oferta de prazas de formación
de especialistas.

Co mesmo obxectivo, proponse restablecer o modelo de


formación sanitaria especializada (troncalidade), sobre todo en
canto a determinadas especialidades que estaba previsto ampliar
ou fusionar, así como dotarse dos medios necesarios para reducir
os prazos de tramitación e resolución dos expedientes de
homologación de títulos de especialista extracomunitarios. A
maiores, reclámase analizar os criterios establecidos na normativa
de incompatibilidades do persoal médico ao servizo dos centros e
institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, e poñer en
marcha un Rexistro Estatal de Profesionais sanitarios para
realizar, en base aos seus datos, un estudio de necesidades de
especialistas, que xa estaba previsto para finais do ano 2018.

18. Dependencia: cumprimento do cofinanciamento do 50%

Na actualidade, a Xunta de Galicia inviste tres veces máis que o


Goberno central en prestacións de dependencia, achegando o
76% fronte ao 24% estatal. De acordo co espírito da Lei de
dependencia aprobada en 2006, a participación das comunidades
autónomas e do Executivo central debe ser equitativa e, de feito,
se o Goberno de España aportase o mesmo que a Comunidade,
non existiría lista de agarda en dependencia.

14

 
Nesta mesma área, tamén corresponde o incremento da achega
estatal para compensar os gastos de transporte. No caso concreto
de Galicia, o Goberno central debe tomar en consideración á hora
de asignar fondos as características do territorio galego, tanto no
relativo á súa orografía como no relativo á dispersión da
poboación, elementos que encarecen o servizo de transporte para
as persoas maiores ou con discapacidade.

19. Cofinanciamento para garantir a gratuidade total do 100%


das prazas de escolas infantís para todas as familias galegas

Sen ningún cofinanciamento estatal, Galicia introducirá o ano que


vén a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para os
segundos fillos e sucesivos en todas as escolas infantís de Galicia.
A maiores, solicítase a colaboración económica do Goberno
central para que esta medida poida introducirse para o 100% das
prazas e o 100% das nenas e nenos.

20. Prestacións servizos sociais

Existen unha serie de ingresos procedentes do Goberno de


España para os servizos sociais que se considera prioritario recibir
nos próximos meses. Son os seguintes:

 Compensación estatal polo incremento do salario contemplado


no XV Convenio Colectivo para as entidades que traballan coa
discapacidade. A suba decidida polo Goberno central (sen
acompañala dos fondos necesarios para poder afrontala) tivo
que ser asumida pola Xunta en solitario para evitar a quebra
das asociacións. A axuda extraordinaria ascende a 3,6 M€.

 Cumprimento dos compromisos no Cegadi. A Xunta puxo en


marcha a área de rehabilitación para persoas con
discapacidade pero é preciso que o Goberno central impulse a
residencia así como a apertura dunha delegación do Centro de
referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas, que
lle compete segundo o convenio asinado entre ambas partes.
Ademais, nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018, que
seguen en vigor, contémplase un investimento de medio millón
de euros para este centro que aínda non fixo efectivo.

15

 
 Recuperación das axudas para a atención e a acollida dos
Menores Estranxeiros Non Acompañados (Menas). Estes
fondos, regulados no Real Decreto 1340/2018, do 29 de
outubro, deberían contribuír en maior medida a que Galicia
atenda a afluencia destes menores, que experimentou un
incremento exponencial nos últimos anos. Non en van, en 2016
Galicia rexistraba 57 menos e agora suma 193. Pola contra, se
o pasado ano a comunidade dispuxo de 423.000 € para esta
materia, no presente exercicio recibiu cero euros.

 A conxelación das contías que o Goberno central destina ao


Plan Concertado e ao Plan de desenvolvemento xitano son
insuficientes para poder atender a demanda actual de servizos
sociais e as necesidades da poboación máis vulnerable, polo
que cómpre proceder a un aumento.

 Recuperación dos fondos para a loita contra a pobreza infantil.


Ao tratarse dunha área de tanta importancia, Galicia considera
imprescindible recuperar como mínimo o mesmo nivel de
fondos que existía o pasado ano, xa que no presente exercicio
destináronse a esta Comunidade 400.000 € menos para esta
cuestión.

21. Creación de novas unidades xudiciais para completar o


mapa galego.

A competencia para a creación de novas unidades xudiciais


radica na Administración do Estado. Cando o Ministerio de
Xustiza decide a creación de novas unidades para Galicia, son a
Xunta e o TXSG os que propoñen de forma pactada onde se
situarán estes novos xulgados, tendo en conta sempre criterios
obxectivos de pendencia e carga de traballo.

Este ano, a pesares de que a Xunta e o TSXG trasladaron unha


petición consensuada e baseada en datos obxectivos, o
Ministerio de Xustiza desoíuna. Galicia solicitara a creación de
xulgados en Vigo, Santiago de Compostela e Lugo, pero o
Goberno central rexeitou crear o xulgado en Lugo. Neste senso, a
Xunta, aínda que non pode decidir a creación de novas unidades

16

 
xudiciais nin fixar o seu número, mantén a súa disposición a
acoller e dotar cantas unidades xudiciais decida o Ministerio.

22. Necesidades prioritarias en materia de seguridade

 Completar a dotación da Unidade de Policía Adscrita a Galicia.


A Xunta xa ten solicitado en diversas ocasións a necesidade
de completar o cadro de persoal con 100 axentes máis. É
imprescindible para facer fronte ao aumento de competencias
que asumiron nos últimos anos, por exemplo, coa
incorporación da protección das mulleres vítimas de violencia
de xénero. Pero ademais, a curto prazo prevese que a carga
de traballo aumente previsiblemente a partir do 2020 debido a
outros motivos, como a celebración do Xacobeo en 2021.

 Habilitar o mecanismo necesario para que se poida levar a


cabo a comarcalización dos parques de bombeiros das
cidades. Esta opción, moi avanzada en varias áreas, só se
pode materializar se o Goberno central amplía a taxa de
reposición de efectivos xa que, do contrario, non se pode
efectuar a convocatoria do número de prazas necesario para a
comarcalización.

23. Axilizar as axudas para a extensión da banda larga

No marco de colaboración entre Xunta e Goberno central véñense


desenvolvendo actuacións para mellorar a cobertura de
telecomunicacións no rural. As liñas de actuación de despregue
de fibra previstas por parte do Goberno galego están todas
adxudicadas e con data de remate no 2020. Así mesmo, é
relevante que por parte do Estado se axilice a execución dos
fondos FEDER asignados a esta finalidade co obxectivo de que
Galicia poida cumprir co obxectivo que a UE establece para 2020,
que o 100% dos cidadáns deberán dispoñer dunha cobertura de
30 Mb cando menos.

17

 
COLABORACIÓN CULTURAL

24. Apoio ao Xacobeo 2021

O próximo Xacobeo será o acontecemento cultural máis


importante de Europa no ano 2021 e, por tanto, é un fenómeno
internacional que o conxunto de España debe aproveitar para
reforzar a súa imaxe exterior. Galicia xa está a traballar con ese
obxectivo e, de feito, está aprobado pola Xunta o Plan Estratéxico
do Xacobeo 21, cunha orientación e con orzamentos definidos.

Con todo, o Ano Santo transcende á Comunidade autónoma e,


por este motivo, solicítase ao próximo Executivo estatal que
tamén aprobe un plan estratéxico, dotado con fondos suficientes e
cunha visión a longo prazo para aproveitar o ciclo 2021-2032,
período no que celebraremos tres xacobeos. Entre outros
aspectos, Galicia reitera as seguintes peticións:

 No eido do patrimonio, desenvolvemento do Plan de Bens de


Interese Cultural do Camiño de Santiago, por un importe de
100 millóns de euros.

 En materia viaria, acometer as accións comprometidas por


valor de 13 M€ para mellorar a seguridade das estradas polas
que transcorren as diferentes rutas xacobeas.

 No referido á promoción turística, un calendario de accións que


dea prioridade ao Camiño de Santiago e á temática xacobea
desde os primeiros meses de 2020, así como apoio para o
desenvolvemento conxunto de actuacións incluídas na
programación que realizará Galicia.

 Ampliación do Consejo Jacobeo. Actualmente, está composto


unicamente polas comunidades atravesadas por Camiños de
Santiago declarados Patrimonio da Humanidade. Isto exclúe a
autonomías como Andalucía ou Estremadura, polas que
discorren itinerarios xacobeos como a Vía da Prata, e que
tamén deberían participar neste órgano.

 Cunha visión 2021-2032, cómpre o deseño dun Plan Nacional


dos Camiños de Santiago, dotado economicamente, e que

18

 
inclúa medidas para delimitar e sinalizar de forma máis
axeitada os Camiños de Santiago en España.

 Finalmente, existen varios investimentos culturais que o


Goberno de España debe ter en conta nos primeiros meses da
próxima lexislatura. Por poñer algúns exemplos, reitérase a
necesidade de desenvolver unha estratexia para planificar
dotacións culturais e turísticas nos faros sen habitar, cómpre
axilizar o remate do Museo Arqueolóxico de Ourense, así como
consignar unha partida orzamentaria o próximo ano para iniciar
o proxecto construtivo da Biblioteca de Vigo.

25. Mantemento do apoio ás candidaturas a Patrimonio


Mundial

É preciso un apoio decidido –como se vén dando nos últimos


anos– para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio
Mundial pola Unesco en 2021. Neste momento encara a recta
final, pois nos próximos meses iniciará a súa avaliación.

Así mesmo, Galicia conta con outras dúas candidaturas na


actualidade na Lista Indicativa da Unesco, Cíes-Parque Nacional
das Illas Atlánticas de Galicia e Ferrol da Ilustración, que precisan
manter o apoio inequívoco para referendar os pasos que se dan
tanto desde a Xunta como desde o Concello ferrolán.

19

You might also like