You are on page 1of 1

Revista “O Xas”. Número 2.

Setembro de 1999

“O Aire”
Un dos maleficios que aínda pervive na mente das nosas vellas é o coñecido como “o aire”. O chamado “aire” afecta ós máis cativos da casa. O neno posuido, da noite para a mañá, comenza a poñerse amarelo, a deixar de comer, vóltase intranquilo e chorón e, nuns días, a súa vitalidade desaparece e o seu peso pode chegar a diminuir. Entón, podemos dicir que existen varios ritos para sacarlle do corpo este mal ó neno, que se puido coller de distintas maneiras e ser transmitido, por exemplo, por un animal ou mesmo un difunto. Para non colle-lo aire dun morto, aconséllase a aquelas mulleres embarazadas que non acudan a xunto del, xa que senón o neno pode nacer có chamado “aire seco”. Tamén se recomenda que aqueles meniños de meses permanezan despertos mentres pasa o cortexo fúnebre. Hoxe en día, para sacar este mal do corpo, o mellor é acudir a unha desas “curandeiras” que empregará o seu método de cura. Temos coñcemento de varias desas técnicas: - A da cinza: a cinza reflexará un aspecto do ente que lle tranmitiu o aire. Por exemplo se o transmisor foi un gato, o face-lo remedio, aparecerán, en vez da borralla, os pelos dun gato. - Entremezcla de varios ritos: aparecen o poder da auga das pontes, dos metais e das oracións relixiosas. O neno afectado pásase por debaixo dunha ponte pola que corre auga mentres a curandeira reza unhas oracións. Logo frótalle a barriga cun obxeto de metal semellante a unha moeda mentres continúa cos seus rezos. Este ritual, para que sexa efectivo, haino que facer durante tres días consecutivos. - A FONTE DO AIRE. É unha das tradicións xa perdidas pero lembrada ainda por algunhas vellas da parroquia. Cóntannos que se acudía a ela para cura-los males daqueles nenos que padecían eses síntomas tan específicos ó que ós médicos non daban remedio: “o aire”. Entón os pais, aconsellados polos máis vellos e á vez os máis sabios, recurrían ó que sería a solución milagreira, a fonte. Había que levar ó enfermo ata ela e unha vez espido era sumerxido nunha pía chea de auga. Alí lavábase para así sacarlle o mal aire que tiña metido no corpo. Unha vez feito isto secábase e vestíase ó neno cunha roupa nova e tirábaselle toda a que xa estivera en contacto con el. Despois deste ritual, sen saber cómo nin por qué, o neno, por un poder máxico, quedaba san. A mencionada fonte atopábase ós pés do cruceiro da Igrexa. Constituíaa unha pequena pía de pedra, que unha vez que foi quedando en desuso e no esquecemento do pobo desapareceu, ou mellor dito, posiblemente a roubaran para darlle outro uso ben distinto. Na actualidade atópase debaixo da pista veciñal que serve de cruce de camiños entre a Igrexa, Romai Vello e o Frieiro. Claro está que, nestes intres non precisamos, ó noso pesar, de recurrir a esta fonte milagreira xa que os nosos eruditos médicos teñen explicación ciéntifica para tódolos nosos males ou iso nos fan crer. Se non o tivesen teriamos que amolarnos porque a famosa fonte quedou, antes da súa desaparición, no esquecemento da memoria i en desuso.
Loly Pérez Pérez Begoña Porto Bermúdez

9