You are on page 1of 3

PROXECTO DAS ACTUACIÓNS PREVISTAS POLO CLUB DE LECTURA “AS

CAMPAÍÑAS”
Introdución
No CPI Aurelio M. Rey García de Cuntis existe desde o curso pasado (2008-09) o Club de Lectura
‘As Campaíñas’. Este ano temos a intención de continuar coa tarefa, con cambios, na coordinación
e na relación de profesorado, membro do club debidos aos traslados de centro dalgúns dos
compoñente do club máis implicados durante o curso anterior.
A creación do club veu motivada polo interese pola lectura amosado por un grupo significativo de
alumnos e alumnas e, tamén, ás eivas apreciadas na redacción do Plan Lector do Centro na
competencia lectora do alumnado, imprescindible para acadar uns resultados académicos
satisfactorios.
Tamén se pretende contribuír á mellora do funcionamento da Biblioteca escolar, coma un espazo de
lectura e convivencia, no que se comprometan todos os membros da comunidade educativa.
No CPI temos alumnos de 3 a 15 e máis anos. O Club non pode deixar de lado aos alumnos de
Infantil e Primaria, polo que ademais de contar co eles como membros activos do Club, as
actividades programadas teraos tamén a eles como destinatarios. Temos o propósito de que as
actividades levadas a cabo polo club transcendan ao ámbito do club, repercutindo no proceso
educativo desenvolvido en xeral no Colexio.
Finalidade
 Crear un ámbito de goce e aprendizaxe arredor do hábito lector.
 Impulsar a lectura coma unha actividade de lecer e de mellora da formación persoal e
académica.
 Desenvolver a competencia lectora.
 Favorecer a competencia literaria.
 Contribuír á mellora da competencia lingüística.
 Facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal e da interacción social a través do libro e
o coloquio.
 Mellorar a expresión oral e escrita.
 Impulsar a colaboración e a comunicación entre o alumnado de diferentes niveis educativos,
e cos pais e profesores.
 Crear un ambiente lúdico e cooperativo arredor da lectura e corresponsable na toma de
decisións que afectan ao funcionamento do club.
 Fomentar a competencia dixital dos participantes por medio da creación e mantemento
colectivo dun blog do grupo.
 Educar no uso crítico da información.
 Fomentar o hábito da lectura.
 Apoiar a adquisición das competencias básicas.
Actividades previstas
- Información e difusión da existencia do club e das súas actividades (tríptico, carteis, panel do
Club, blog, comunicados, prensa, marca páxinas...).
- Lectura guiada de libros seleccionados.
1
- Proxección de filmes creados a partir dunha obra literaria.
- Recreación das obras escollidas (relacións coas artes plásticas, audiovisuais, ambientación
temática...).
- Saídas culturais: Bibliotecas, Salón do Libro, rotas literarias, editoriais, presentación de libros
- Visita de escritores/as, ilustradores/as, etc.
- Participación en actividades de animación á lectura, conta contos, obradoiros, etc.
- Realización de concursos para todo o Centro: micro-relatos, banda deseñada, etc.
- Colaboración co Equipo da Biblioteca, co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística
do colexio, cos Departamentos da ESO e Ciclos de Infantil e Primaria, e ca Biblioteca municipal
de Cuntis.
- Participación nas celebracións levadas a cabo no Centro: Día do Libro, Día das Letras Galegas,
Xornadas Culturais D. Aurelio, Día da Muller, Día dos Dereitos Humanos, Día da Paz, etc.
- Mantemento e actualización do blog do Club: http://www.blogoteca.com/ascampainhas/
- Elaboración dunha guía de ‘Comentario dun libro’.
- Edición e distribución entre os membros da comunidade educativa de guías de lecturas temáticas.
- Elaboración e uso dunha axenda persoal de lectura do club.
- Deseño e creación dun carné persoal de pertenza ao Club.
- Creación e mantemento dun expositor con propostas de lectura temáticas e coas novas
adquisicións realizadas polo Club e a Biblioteca.
- Propostas de compras a realizar pola Biblioteca en función do interese e da actualidade.
- Creación de espazos de lectura (na Biblioteca e/ou noutros espazos do Centro) atractivos e
cómodos.
- Realización de enquisas sobre o hábito lector entre os membros da comunidade educativa.
- Difusión e colaboración co Concello de Cuntis en actividades relacionadas coa lectura.
- Desenvolvemento de reunións do Club en espazos simbólicos da bisbarra: Casa da Cultura e
Biblioteca Blanco Torres; Castrolandín; Campaíñas, parque do Castro, Monumento ao Sagrado
Corazón, etc.
- Colaboración con outros clubs de lectura da comarca: centros educativos de Caldas, A Estrada,
etc.
- Deseño e encargo dunha camiseta do Club
- Bookcrossing: creación e mantemento dun espazo para intercambio de libros.
- Lecturas, narracións e dramatizacións (dentro do Club e para o Colexio).
Composición e número de participantes aproximado
O club está composto por membros dos diferentes sectores que compoñen a comunidade educativa:
- Profesorado: Eladio Anxo Fernández Manso (CC SS, Coordinador), Fernando Pazos (Lingua
Galega) e Norma Pillado (Educación Física), Silvia López (Educación Física, Primaria), María
Ocampo (Lingua Castelá), Luisa Vidal (Lingua Castelá), Emilia Monteagudo (Primaria)
- Alumnado: Aproximadamente 35 alumnos dos distintos niveis educativos.
- Persoal non docente: Carmen Iglesias (Cafetaría).

2
- Familias: En principio contamos con cinco pais.
Implicación doutro profesorado do centro
O Club de Lectura conta coa colaboración inestimable de Anxo Fernández (Matemáticas); Mª.
Hortensia Fernández Torre (Educación Plástica e Visual), José Manuel García (Orientación), Xosé
Álvarez (Lingua Galaga); José Manuel Correa (Departamento de Extra-escolares, Primaria); Marco
A. Figueroa (Matemáticas); Ana Vilas (Infantil), Monserrat Villanueva (Infantil)
Forma de organización e funcionamento
O Club conta cun coordinador e seis profesores que se encargarán de supervisar o funcionamento
do club, da dinamización das sesións e da xestión do blog. Este núcleo de profesores contará coa
colaboración de oito profesores para a realización das actividades: elaboración das guías de lectura,
proxección interna e externa do club, deseño e edición de material, actividades da Biblioteca,
planificación de saídas culturais e as visitas de autores., etc. Ademais, cada ámbito de traballo
contará coa participación do alumnado e dos pais implicados no proxecto.
O funcionamento do club de lectura rexerase de acordo coas seguintes disposicións: estableceranse
os tempos de lectura individual dos seus compoñentes para acadar acadar uns obxectivos comúns de
lectura para as reunións, nas que terán lugar os coloquios guiados favorecendo a participación de
todos os integrantes.
Para pertencer ao club, o alumnado debe: Contar coa autorización dos pais; participar polo menos
en dúas reunións mensuais ou participar no blog; ler un mínimo dunha obra por mes.
Nas reunións e en todas as actividades do Club rexerá o Regulamento de Réxime Interno do
Colexio.
As reunións terán, unha periodicidade semanal, e a xuntanza do grupo terá lugar na Biblioteca do
Centro. En determinados períodos lectivos (avaliacións, por exemplo), ou cando a análise do
funcionamento do Club así o aconselle, establecerase un calendario de reunións máis espazado.
Os membros do club poden realizar as lecturas que prefiran, baixo a supervisión do profesorado.
En determinadas datas o profesorado, escoitados os alumnos e os pais, pode propoñer lecturas
comúns dunha mesma obra ou sobre un mesmo tema, estando obrigados todos os membros a seguir
as orientacións acordadas por consenso.
Horario e calendario previsto para as reunións de carácter presencial
• Horario: o club reunirase os mércores entre as 14:10 e 15:10. Esta elección vén motivada
polo horario lectivo do CPI, que contempla xornada partida de luns a xoves con saída ás
13:20 polas mañás e entrada ás 15:30 polas tardes para a ESO.
Medios previstos para a súa difusión entre a comunidade escolar
- Entrega aos pais dunha nota anunciando a continuación do Club de Lectura este curso.
- Colocación no Centro de carteis.
- Realización e mantemento dun panel do Club na entrada do Colexio onde se difunden as distintas
actividades ou anuncios.
- Distribución entre a comunidade educativa das Guías de Lectura.
- A través do blog do Club e das diferentes webs e bitácoras do colexio.
- Envío á prensa da información xerada en torno ao club.

You might also like