You are on page 1of 6

Cara a unha esquerda nacional galega

Marcos S. Pérez

O nacionalismo galego ten que ser sincero consigo mesmo e coa propia sociedade galega,
debe repensar o seu presente, a súa historia e sobre todo o seu futuro, e debe facelo de contado,
porque o tempo non xoga ao seu favor, todo o contrario. O BNG ten un problema de base,
estrutural, que parte dunha incorrecta análise da sociedade galega, dunha falta de comprensión da
súa realidade e da súa dificultade para relacionarse con ela, nomeadamente cos seus actores máis
activos, que deberían ser a súa base social, precisamente, aqueles máis interesados nun cambio
transformador. Esa é a razón de que a organización acumule unha década de descensos electorais,
nos que perdeu case a metade dos seus votos, uns douscentos mil, o que dá como resultado que o
apoio electoral ao nacionalismo se sitúe por debaixo dos niveis que rexistraba en 1993. E hai que
ser consciente diso. Se isto non se quere ver, e creo que mesmo dende sectores que podemos chamar
renovadores dentro do partido esta realidade non se quere asumir na súa completa dimensión, o
BNG estaría incidindo nun dos seus grandes problemas, que é o dun certo conformismo ou o de ter
desbotado de entre os seus obxectivos o de liderar a sociedade galega, ou o de se converter nunha
forza hexemónica. O outro gran problema do BNG é a súa tendencia a botarlle a culpa dos seus
problemas a actores e a factores externos, que certamente sempre teñen unha incidencia, obviando a
súa parte de responsabilidade. Quen vexa na actual situación do nacionalismo galego unha crise
conxuntural, produto de decisións tácticas erróneas adoptadas nos últimos anos está condenando ao
nacionalismo a manter a súa devacle. E quen queira resolvelos cunha orixe ás esencias da
organización, aos ideoloxemas que o BNG leva repetindo como mantras trinta anos, substituíndo a
realidade polo texto e o problema pola declaración de principios estará agravando o problema.
Devacle é unha palabra dura, pero creo que é así como debemos definir os resultados dun partido
que nunha década pasou de ter o 25 e mesmo o 30 por cento dos votos nas sete cidades galegas a
caer por debaixo do dez por cento en case todas elas, con expectativas mesmo peores nas eleccións
municipais que terán lugar esta primavera.
A esquerda nacional galega debe dirixirse a unha sociedade complexa, social e
ideoloxicamente diferenciada e contraditoria. Debe traballar pola conquista da propia sociedade
civil a través da potenciación da súa autoorganización. Aquí hai varios conceptos que son clave: o
primeiro, o referido a que debemos ser consciente de que nos movemos nunha sociedade
necesariamente complexa para a que non serven receitas librescas ou caudillistas. A sociedade
galega continúa sendo inmatura, segue estando desconectada internamente, desactivada. Pero a
solución a isto non son políticas de dirixismo social levadas a cabo dende organizacións políticas
que se consideran a súa vangarda. Os proxectos transformadores só se poden dar en sociedades cun
nivel elevado de desenvolvemento da sociedade civil, sociedades con capacidade de
autoorganización. É necesario que a esquerda galega contribúa á creación da conciencia cívica, da
conciencia democrática, que contribúa ao enriquecemento interno da sociedade civil para deste
xeito conquistar a hexemonía no seu seo, entendida en termos gramscianos. Dá a impresión de que
o nacionalismo renunciou a transformar a sociedade, a liderala, de que carece dun modelo para aquí
e agora, e que se limita a aceptar ou rexeitar os acontecementos que a dereita ou a propia realidade
impoñen.
Hai unha xeración de galegos que teñen, digamos, unha conciencia nacional moi clara e que
non están no BNG nin se identifican cunha etiqueta de nacionalistas, pero son xente que está na
sociedade civil facendo cousas moi interesantes e sempre cunha visión de país e en boa medida en
galego, ou cunha conciencia clara de que o galego é a súa lingua propia. Esta xente saíu á luz, por
exemplo, con Nunca Máis. Daquela o Bloque non foi poroso a esa realidade, a eses sectores, e unha
vez máis tratounos como compañeiros de viaxe. O BNG mantén unha cultura política moi
hermética, moi pechada, que a fai moi pouco atractiva para a xente que non estea no seu interior. De
aí vén esa falta de conexión cos sectores máis activos do país, que se moven en estruturas sociais e
mentais máis líquidas, máis transversais, máis capilares, lonxe dos ideoloxemas sobre os que o
BNG constrúe a súa visión da realidade. Non me refiro só aos movementos sociais organizados que
todos podemos ter na cabeza, senón a unha masa crítica moi numerosa, de ideoloxía progresista, e
que nestes momentos non milita en movemento social ningún. Unha masa crítica conformada
principalmente por clases medias urbanas, novos ou de mediana ideade, e seguramente bilingüe, uns
sectores dos que o nacionalismo desconfía, aos que rexeita, a pesar de que constitúen claramente a
súa base social natural. Unha masa crítica, por outra banda, que representa en boa medida os
douscentos mil votos que o BNG perdeu na última década. En realidade, dá a impresión de que o
nacionalismo populista que ten dominado o BNG dende a súa formación hai trinta anos desconfía
da sociedade urbana, considerándoa puro axente desgaleguizador disolvente da singularidade
nacional.
Non quero falar demasiado sobre o conflito lingüístico, porque non son sociolingüísta, pero
creo que é evidente que a situación é extremadamente grave e que as actitudes resistencialistas que
se seguen percibindo nunha parte importante do nacionalismo só contribúen a empeorala. Non se é
culpa dun erro de análise, o que sería grave, ou dunha actitude que coloca os intereses electorais por
riba do futuro da lingua galega, o que sería gravísimo. Non sería a primeira vez, evidentemente, en
que o BNG esquecese que, como forza nacionalista, que é todo o que sexa bo para o país ten que ser
bo para ela mesma, aínda que de continuo ten realizado o razoamento contrario, que é incorrecto:
todo o que é bo para o partido é bo para o país. A situación da lingua é grave, non hai máis que saíra
á rúa ou achegarse a un quiosco de prensa para constatalo, pero ten elementos que convidan a un
certo optimismo se un se decide a actuar en función deles, en función da realidade que existe e non
da realidade que a nós nos gustaría que existise. Falo desas clases medias urbanas aparentemente
desgaleguizadas, castelanfalantes cunha conciencia clara de que a lingua do seu país é o galego,
bilingües non diglósicos, moitos deles neofalantes, é dicir, xente que a nivel persoal iniciou o
camiño da recuperación da lingua. O auxe e caída do voto urbano do BNG, no que ten moito que
ver a lingua; estaba claro que unha das fortalezas electorais do BNG era a mocidade urbana e que
había unha contradición social no sector social máis castelanizado do país, o que implicaba un risco
evidente para o Bloque, que non soubo ver que para fidelizar ese electorado no tema da lingua tiña
que renovar o seu discurso. Como podemos gañar a hexemonía do país dicíndolles á metade ou
máis dos cidadáns que son falantes de segunda e que a ver cando se cambian?
Creo que cómpre igualmente dedicar uns minutos para falar dos medios de comunicación.
Debe ser por deformación profesional e tamén por estar neste edificio, e porque os medios cumpren
un papel fundamental na vertebración da sociedade e de orientación da opinión pública. Ademais, é
un asunto que nas últimas semanas deu moito que falar, polos recentes peches de Vieiros e da
versión impresa de A Nosa Terra, e polos problemas da Peneira. Levo escoitando varios meses o
debate sobre as razóns polas que o nacionalismo, ou a poboación galegofalante, non é quen de
soster medios na nosa lingua. Creo que neste debate se están empregando moitos elementos errados.
Fálase da redución de axudas públicas ou do afogo económico do actual goberno, que existe, é
innegable. En realidade deberíamos preguntarnos se o preocupante non é que unha ideoloxía que
chegou a recibir máis de 400 mil votos e agora mantén uns 200 mil non sexa quen de convencer a,
digamos, dez mil persoas, para que paguen un euro diario, ou dous euros e pico por un semanario,
ou 39 euros ao ano por unha subscrición a unha revista mensual. Unha ideoloxía que conta cun
entramado de organizacións sociais moi desenvolvido e activo. Un movemento que, por exemplo,
foi quen de xuntar no Obradoiro cincuenta, oitenta ou cen mil persoas reivindicando o seu dereito a
vivir en galego (unha reivindicación que afortunadamente vai alén das siglas do BNG, pois no PP,
no PSOE e en EU hai milleiros de persoas que defenden a lingua galega). Por que non é posible
mobilizar o dez por centro desas persoas para que consuman medios galegos de calidade? O
problema non é a ausencia de masa social. Hai masa social, hai sociedade, hai unha sociedade
galega con sectores maduros e activos. E a culpa de que non haxa medios en galego non é de Núñez
Feijoo. O nacionalismo galego ten a manía de botarlle a culpa dos seus problemas e dos problemas
de Galicia aos de fóra, sempre aos de fóra, cando as máis das veces o problema está na dirección
das propias organizacións nacionalistas, na súa xestión e da súa análise da realidade. Neste caso, en
concreto, non deixa de sorprenderme a hipocrisía que detecto en moitos simpatizantes nacionalistas,
que se laian da ausencia de medios nacionalistas mentres seguen mercando a diario La Voz de
Galicia ou o Faro de Vigo. Non dubido que o xornal máis lido polos militantes do BNG é La Voz de
Galicia, non o Xornal de Galicia, por exemplo, e iso é moi revelador. Falaba antes dun problema de
xestión. Eu son a persoa máis interesada é a que máis defende que haxa medios en galego, medios
plurais, medios valentes, medios de esquerdas, medios cunha visión nacional do noso país, e
paréceme moi ben que haxa campañas públicas que xunten sinaturas e defendan isto mesmo. Pero
precisamente por iso creo que hai que realizar as análises correctas, porque calquera outras cousa
implicaría un autoengano e revelaría un conformismo inaceptable. Tamén me están parecendo moi
sorprendentes algunhas declaracións dos responsables de A Nosa Terra, que están botando balóns
fóra, eludindo a súa parte de culpa no fracaso da publicación, que é grande. No semanario
investiuse máis dun millón de euros, un millón de euros! Aos catro meses de poñer en marcha a
edición dixital, cunha redacción moderna e cara, e un moi bo equipo de profesionais, a empresa
decidiu desmantelala, seguramente porque non lle gustaba a liña editorial. Hai uns meses reduciuna
aínda máis, á mínima expresión. E agora, entre choros e culpas ao PP, despide á meirande parte dos
traballadores sen indemnización, tratándoos como lixo, ao mellor estilo neoliberal que supoño que
criticaría noutras empresas. Como xornalista debo denuncialo, porque se trata de colegas, de
traballadores, e porque é o xusto, e ademais porque estamos nesta facultade. As declaracións que
Pucheiro está realizando a través dos medios de comunicación parécenme inmorais e dunha
completa desfachatez e non fan máis que ocultar o verdadeiro problema.
Os novos movementos sociais supoñen non só movementos sociais reais na vida política
senón tamén un indubidable enriquecemento do pensamento progresista. As organizacións políticas
de esquerda deben fuxir de tentacións instrumentalizadoras, achegándose aos movementos sociais
sen preconceptos, incorporando dun xeito creativo as achegas dos novos movementos sociais ao
proxecto social alternativo da esquerda. O feminismo, os dereitos civís, a liberdade sexual, o
ecoloxismo, o altermundismo, as ideas que inciden nun comercio internacional xusto, aquelas que
reclaman unha democracia radical. En boa medida é nestes movementos onde a esquerda está
renovando a súa ideoloxía, atendendo ás necesidades radicais dos individuos, e en moitos casos
establecendo nexos entres elas, por exemplo o que se pode facer entre a defensa da natureza, da
diversidade natural, e a das linguas minorizadas, da diversidade cultural. Cal é a base social dun
proxecto de esquerdas aquí e agora, nun recanto da Unión Europea, nun país rico e desenvolvido a
comezos do século XXI? Cal é o seu suxeito revolucionario? O proxecto debe ser de maiorías
sociais, debe dirixirse ás clases traballadoras nun senso amplo, dende os obreiros aos profesionais e
os pequenos comerciantes, clases subalternas todas, debe dirixirse a todos aqueles que manteñen
necesidades radicais. A realización dun proxecto de transformación require da construción dun novo
bloque social que inclúe tanto aos traballadores que conscientemente optan polo proxecto de
transformación social como a outros colectivos sociais con independencia da súa procedencia de
clase capaces de expresar necesidades de clase incompatibles coa organización capitalista da
sociedade. O campo do posible é moito máis amplo e realizable do que a ideoloxía dominante nos
permite sospeitar. Cómpre establecer unha triangulación, unha sinerxía, entre primeiro un proxecto
nacional cívico, cidadán, non esencialista; segundo, un proxecto de esquerda transformadora e
axustada ao tempo presente e ás reivindicacións actuais das clases subalternas; e terceiro, un
proxecto da sociedade civil e a súa parte máis activa, as organizacións sociais. Todo cun gran énfase
nos valores republicanos, cunha vontade racionalizadora e ilustrada que recupere para a esquerda os
valores de liberdade (parece mentira como a dereita nos roubou este valor), igualdade e
fraternidade, como ben salienta Antoni Domènech.
Este proxecto de transformación social debe aproveitar e reivindicar as ferramentas que
están neste momento ao seu alcance, tanto no que respecta ás institucións e bases legais do noso
autogoberno, coma no que se refire ás estruturas propias do Estado social, do Estado do Benestar,
conquistas de 150 anos de loitas que a esquerda debe facer súas e defender. É a través desta base por
onde se poderán canalizar as múltiples e complexas aspiracións sociais. O mesmo sucede coas
posibilidades de autogoberno coas que actualmente contamos. A autodeterminación non se pide,
exércese; a autodeterminación é un proceso, parece unha obviedade, un proceso de construción
nacional no que as actuais ferramentas institucionais e legais de autogoberno son claves e deben
converterse en instrumentos eficaces e en referencia obrigada da opinión pública. Cómpre ser
conscientes de que nos últimos trinta anos Galicia só empregou unha parte das súas posibilidades de
autogoberno, por falta de vontade política, todo o contrario que Catalunya, cun nivel competencial
moi semellante. Non é que a sociedade galega estea españolizada, que o está, é que Galicia foi
incapaz nos últimos trinta anos de construír un proxecto propio, moderno e atractivo no que a
sociedade se puidese recoñecer, e nisto o nacionalismo é o principal culpable, porque é iso é non
outra cousa o que debería constituír o seu obxectivo. Cando ti camiñas pola rúa en Barcelona
decátaste de que ese país vive unhas dinámicas sociais de seu; iso non sucede cando camiñas pola
Coruña, ou por Ourense, ou por Valencia ou Zaragoza. A construción nacional debe facerse sobre
todo no nivel social, no proceso de autoconcienciación da sociedade civil. A verdadeira diferenza
con Catalunya é sobre todo a riqueza da sociedade civil e das súas organizacións, que son quen
exercen o autogoberno. É a sociedade galega a que debe exercer o seu autogoberno.
Nunha das súas obras máis coñecidas, Carlo María Cipolla divide o mundo, as persoas, en
malvados, estúpidos, intelixentes e incautos, e escribe: “nun país en decadencia, entre os individuos
que están no poder prodúcese unha alarmante proliferación de malvados cunha elevada porcentaxe
de estúpidos, mentres que entre os que non están no poder dáse igualmente unha elevada porcentaxe
de incautos. E conclúe: "tal situación conduce ao país á ruína”. O problema é a análise que o BNG
fai da sociedade galega e a forma en que se relaciona con ela e en xeral está na concepción que o
BNG ten da sociedade. O BNG, o nacionalismo, a esquerda nacional galega, non pode ser un fin en
si mesmo, non pode ser unha axencia de emprego para os seus militantes, nin unha plataforma
electoral, debe ser un instrumento para a transformación da realidade en mans da propia sociedade
galega.

You might also like