You are on page 1of 1

Ferrol

30 de maio de 2018

MEDO Á ASEMBLEA XERAL


Na sección sindical de CCOO celebrada o pasado venres, o compañeiro Galán afirmou que NON VAI HABER ASEMBLEAS
XERAIS porque Gañemos CCOO e a CIG as usan para montar lío. Nin sequera queren facer asemblea xeral para decidir a
sinatura do convenio, senón un referendo.
Durante meses, os aparatos de CCOO e UGT mantiveron negociacións secretas coa empresa e a SEPI, que se intensificaron nas
semanas previas á constitución oficial da mesa negociadora o día 22 deste mes. A primeira reunión que nos consta foi o 8 de
setembro, coa participación de Galán e Matesanz. Ademais, traballadores de Madrid afirman que, nas semanas previas á
constitución da mesa, Matesanz estaba alí continuamente, metido na 2ª planta (a do despacho do Xefe de Persoal). Tamén, un ex
membro da executiva pola lista de Galán dixo publicamente o venres que lle preocupaba que o documento entregado pola
empresa o 21 de maio conteña unha frase que el lle escoitou a un dirixente sindical. E onte mesmo coñeceuse un documento, do
23 de abril, que significativamente se titula “Proposta de acordo Plan Estratéxico de Navantia”. Se o 23 de abril se estaba
manexando unha “proposta de acordo” é porque había negociacións.
Este estilo de acción sindical ten un problema: os traballadores. ¿Por que? Porque a nosa participación pode facer abortar os
acordos pasteleados en secreto. Por iso non queren convocar asembleas xerais: son un perigo, como demostrou o IV Convenio.
Non temos nada en contra dos referendos, pero se a asemblea xeral é o método tradicional do movemento obreiro é por algo. Nun
referendo só se vota a cuestión decidida polos dirixentes sindicais. Pero unha asemblea xeral permite que se debatan e voten máis
alternativas porque calquera traballador pode facer unha proposta. A asemblea permite expoñer outros puntos de vista que ó
mellor responden máis ó sentir dos traballadores.
Estamos, por tanto, ante UNHA VONTADE CONSCIENTE DE NINGUNEAR ÓS TRABALLADORES, DE DIFICULTAR A
PARTICIPACIÓN DE TODOS NA TOMA REAL DE DECISIÓNS.
O 15 de xuño do ano pasado, unha asemblea xeral aprobou un documento presentado polo comité que di o seguinte:
1) “A mesa de negociación estará constituída polos representantes directos dos traballadores/as, a través da coordinadora
unitaria dos comités de empresa”.
2) “Convenio de transición”.
¿Cal é a realidade hoxe?
1) A mesa non está constituída polos comités de empresa, senón polos sindicatos (en concreto polas seccións sindicais,
porque a negociación polas federacións no ámbito dunha empresa é ilegal, como GañemosCCOO denunciou).
2) Non se está a negociar un convenio de transición, senón todo o convenio.
É dicir, estase a facer O CONTRARIO DO APROBADO POLA ASEMBLEA XERAL sen que os traballadores tivésemos ocasión
de opinar. ¿Motivo do cambio de criterios? “Estamos noutra situación”. ¿Estamos realmente noutra situación? ¿Esa suposta nova
situación aconsella cambiar de criterios? Nós pensamos que non, pero en calquera caso quen ten que avalialo e tomar as
decisións oportunas é O CONXUNTO DOS TRABALLADORES. O comité de empresa non pode facer o que lle peta, non pode
impoñerlle a súa vontade ós traballadores. Ten que informalos e consultalos porque está ó seu servizo. Lonxe disto, o que vemos
é unha política de feitos consumados sen información nin asembleas. ¿Que explicación ten isto? A única que lle atopamos é que
nas negociacións secretas se alcanzou un acordo e agora se trata simplemente de ESCENIFICAR UNHA NEGOCIACIÓN.
De feito, comparando o documento secreto de abril e o documento público entregado pola empresa o 21 de maio, é moi evidente
que o segundo sae do primeiro. Pero, paradoxalmente, o de maio é máis curto. Exemplo: o documento público só fai referencia ás
vacacións no título dun apartado. O secreto concreta: programaranse en función das expectativas de carga de traballo, a súa
interrupción xustificada e imprevista non poñerá o contador a cero e calquera ausencia ó traballo por vacacións deberá contar coa
aprobación previa do mando.
Outro exemplo: o apartado do complemento de xubilación ocupa 1 liña no documento público e 19 no secreto. O público só di que
se modificará por non responder nin ás funcións nin ó espírito co que foi creado. O secreto concreta: convertelo nunha garantía
persoal, eliminalo do articulado do convenio e que o dereito ó complemento “quedará extinguido no momento en que, no seu caso,
se produza unha promoción ó Grupo Profesional 2 ou superior”. En poucas palabras: o documento de maio é un resume moito
máis inconcreto do documento de abril, cando o lóxico sería o contrario. O documento de abril indica claramente que O QUE SE
BUSCA CON ESTE CONVENIO É RECORTAR DEREITOS E/OU CONVERTER DEREITOS COLECTIVOS EN GARANTÍAS
PERSOAIS, FACÉNDOOS DESAPARECER COMO TALES DEREITOS COLECTIVOS.
¿Como se vai tentar “convencer” ós traballadores? Por dúas vías: o discurso do medo e dividindo á plantilla co caramelo das
prexubilacións.
Respecto ó discurso do medo, o venres tivemos unha boa dose: como a SEPI di que sen convenio non hai plan, temos que ser
“valentes” e “explorar” todas as posibilidades no convenio porque o plan é imprescindible porque a empresa está en quebra,
Bruxelas pide explicacións, nos xogamos o futuro, etc., etc., exactamente os mesmos “argumentos” usados para defender a
sinatura do IV Convenio. Respecto ás prexubilacións, a campaña tamén está xa en marcha: pedir saídas ós 60 anos durante toda
a vixencia do plan, o que significa máis da metade da plantilla. Das condicións, nada se di.
E para xustificar facer todo a presa e correndo, un “argumento” ó fío da situación política: ¡hai que apurarse porque o goberno do
PP pode caer! É realmente patético que haxa sindicalistas preocupados pola caída dun goberno de ladróns e corruptos que tanto
dano causou á clase obreira cos seus recortes, reformas laborais, etc.
O que vemos lembra moito o IV Convenio. Tamén daquela o comité non informaba, tamén daquela non quería facer unha
asemblea xeral, tamén daquela pedía que se lle deixasen as mans libres para negociar, que os traballadores xa decidiríamos ó
final. Pero como dixemos daquela os que impulsamos a oposición ó IV Convenio, as decisións teñen que tomalas os traballadores
e teñen que tomalas ANTES: hai que decidir antes que convenio queremos, cales son as nosas reivindicacións, que liñas
vermellas poñemos... Como dixemos daquela, se toda a plantilla imos de excursión e o comité quere levarnos a Barcelona e hai
compañeiros que propoñen ir a Cádiz, a decisión hai que tomala antes de saír de Ferrol, non irnos a Barcelona e decidir ó chegar
aló. HAI MOITO DO QUE FALAR, HAI MOITO QUE DECIDIR. O COMITÉ TEN QUE CAMBIAR DE ACTITUDE E CONVOCAR
UNHA ASEMBLEA XERAL XA.

You might also like