You are on page 1of 12

Gato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Saltar ata a navegaciónSaltar á procura

Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Gato (homónimos).

Gato

Estado de conservación

Domesticado

Clasificación científica

Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Felidae
Xénero: Felis
Especie: Felis silvestris
Subespecie: F. s. catus

Nome binomial

Felis silvestris catus


Linnaeus, 1758

Sinonimia
Felis catus (combinación orixinal)[1]
Felis catus domestica (sinónimo inválido)[2]

O gato, gato doméstico, micho[3] ou mico[4] (Felis silvestris catus ou Felis catus)[5][6] é
un mamífero doméstico da familia dos felinos, con unllas retráctiles, carnívoro,
de pelaxe espesa e suave. Os humanos adoitan valorar a estes animais pola súa compañía e
pola súa capacidade de cazar pequenos animais coma os ratos. Existen máis de
setenta razas de gatos recoñecidas por varios rexistros.
Os gatos posúen unha anatomía semellante á doutros félidos, cun corpo forte e flexible,
rápidos reflexos, unllas retráctiles afiladas e dentes adaptados para a caza de pequenas
presas. Os sentidos de gato entran dentro dun nicho ecolóxico crepusculare predatorio. Estes
animais poden escoitar sons demasiado leves ou cunha frecuencia demasiado alta para
o oído humano, como os que emiten os ratos e outros pequenos animais, e poden ver en
condicións de escuridade. Ó igual que a maioría de mamíferos, os gatos teñen unha
peor visión en cor e un mellor sentido do olfacto que os humanos. Malia ser cazadores
solitarios, os gatos son unha especie social, e a súa comunicación inclúe o uso dunha
variedade de vocalizacións (por exemplo ronronandoou miañando) ademais da emisión
de feromonas e da linguaxe corporal específica.[7]
Debido á veneración polos gatos no antigo Exipto, a crenza popular máis común foi a de
atribuir a súa domesticación a esta época e lugar,[8] mais coñécense instancias de
domesticación máis temperás que datan do Neolítico, ó redor do ano 7500 a.C..[9]Un estudo
xenético de 2007[10] concluiu que tódolos gatos domésticos descenden de gatos salvaxes do
Oriente Medio, diverxendo destes ó redor do ano 8000 a.C. no propio Oriente Medio,[8][11] e
outro estudo de 2017 confirmou que os gatos domésticos descenden destes primeriros gatos
domesticados no Oriente Medio.[12][13] Por outra banda, un estudo de 2016 concluiu que
o Prionailurus bengalensis pasara por un proceso de domesticación independente na China ó
redor do ano 5500 a.C., malia que esta liña particular de gatos domesticados non deixou traza
nas poboacións domésticas actuais.[14][15]

Índice

 1Etimoloxía
 2Taxonomía e evolución
 3Bioloxía
o 3.1Anatomía
o 3.2Fisioloxía
o 3.3Sentidos
o 3.4Saúde e xenética
 4Comportamento
o 4.1Sociabilidade
 5Relacións cos humanos
o 5.1Mordeduras e transmisión de infeccións
o 5.2Historia e mitoloxía
 5.2.1Supersticións
 6Galería de imaxes
 7Notas
 8Véxase tamén
o 8.1Bibliografía
Etimoloxía
O seu nome común procede do latín vulgar cattus ("gato doméstico"), á súa vez
do latín catta (usado ó redor do ano 75 d. C. por Marco Valerio Marcial).[16][17] Considérase que
a palabra latina podería ter a súa orixe nunha lingua afroasiática, mais tódalas palabras destas
linguas propostas como orixe presentan problemas. Un gran número de referencias indican o
termo cabila kaddîska ("gato salvaxe") e o termo nubio kadīs como posibles fontes ou
cognados, pero segundo Lionel Bender o termo nubio é un préstamo
َّ ‫(ق‬qiṭṭa).[18] Jean-Paul Savignac suxeriu que a palabra latina procedía dun
do árabe ‫ِطة‬
precursor exipcio do copto ϣⲁ ⲩ (šau) ou da súa forma en feminino,[19] mais segundo John
Huehnergard "a fonte [...] era claramente non exipcia en si mesma, onde non se atestigua
ningunha forma análoga".[18]

Taxonomía e evolución
O gato pertence á familia dos félidos, unha familia de mamíferos de rápida evoulción que
comparte un devanceiro común de hai entre 10 e 15 millóns de anos[20] e inclúe ós leóns,
os tigres e os pumas entre outros. Dentro desta familia, o gato (Felis silvestris catus) forma
parte do xénero Felis, que é un grupo de pequenos felinos composto por unhas sete especies
(dependendo do esquema de clasificación que se teña en conta).[5][21] Os membros deste
xénero atópanse en tódalas rexións do mundo e inclúen o Felis chaus no sueste asiático, o F.
silvestris silvestris europeo , o F. s. lybica africano, o F. bieti chinés e o F.
margarita de Arabia entre outros.[22]

Felis
F. chaus

F. nigripes

F. silvestris silvestris

F. margarita

F. silvestris lybica

F. silvestris catus

Cladograma do xénero Felis.[23]

O gato doméstico tería evolucionado do Felis silvestris lybica, que abarca un rango de grandes
porcións do Oriente Medio en dirección oeste cara á costa atlántica de África.[24][25] Hai entre
uns 70000 e 100000 anos, este animal daría lugar á liñaxe xenética que eventualmente
produciu os gatos domesticados,[26] diverxendo do gato salvaxe ó redor do ano 8000 a. C. no
Oriente Medio.[8][11]
Linneo clasificou inicialmente ós gatos como Felis catus na súa 10ª edición de Systema
Naturae publicada en 1758.[5][27]Debido á filoxenética moderna, os gatos domésticos adoitan
considerarse outra subespecie do gato salvaxe, F. silvestris.[5][28][29] Isto deu como resultado
unha mestura no uso dos termos, xa que o gato doméstico pode denominarse polo seu nome
de subespecie, Felis silvestris catus.[5][28][29] Os gatos salvaxes tamén recibiron en ocasións a
clasificación de varias subespecies de F. catus,[29] mais no ano 2003 a Comisión Internacional
de Nomenclatura Zoolóxica fixou o nome para os gatos salvaxes como F. silvestris.[30] O nome
científico máis común en uso para o gato doméstico é F. catus. En ocasións tamén se
denominaron Felis domesticus[31] seguindo a proposta do naturalista alemán J. C. P.
Erxleben en 1777,[32] mais estes non son nomes taxonómicos válidos e só se empregaron en
contadas ocasións na literatura científica.[33]
En comparación cos cans, os gatos non sufriron cambios maiores duarante o seu proceso
de domesticación, xa que as fromas e o comportamento do gato doméstico non é
radicalmente diferente á dos gatos bravos e os gatos domésticos son perfectamente capaces
de sobrevivir en liberdade na natureza.[34][35] É común que gatos domésticos completamente
domesticados se cruzen con poboacións silvestres de F. catus,[36] producindo híbridos como
o gato de Kellas. Esta limitada evolución durante a domesticación significa que a hibridación
pode darse con moitos outros félidos, sendo notable no caso do Prionailurus
bengalensis asiático.[37] Hai varios comportamentos naturais e características dos gatos bravos
que os predispuxeron para a súa domesticación como mascotas.[35] Entre estas características
está o seu pequeno tamaño, a súa natureza social, a súa linguaxe corporal obvia, o gusto polo
xogo e a súa relativa alta intelixencia.[38]
OS gatos manteñen unha relación ben mutualista ou comensal cos humanos. Existen dúas
teorías principais sobre a domesticación dos gatos. Nunha delas indícase que as persoas
domesticaron ós gatos deliberadamente mediante un proceso de selección artificial por seren
útiles predadores de alimañas.[39] Esta teoría foi criticada por improbable, xa que a recompensa
por un esforzo tal sería moi pequena. Os gatos xeralmente non seguen instrucións, e malia
que comen roedores, outras especies coma os furóns ou os cans Terrier poden ser mellores
para controlar este tipo de pragas.[28] A teoría alternativa indica que a xente simplemente
toleraba os gatos, e que estes diverxeron gradualmente dos seus parentes salvaxes mediante
un proceso de selección natural, adaptándose á cazar as alimañas atopadas preto dos
humanos nas aldeas e vilas.[28]

Bioloxía
Anatomía

Diagrama do esqueleto dun gato

Lenda[amosar]

Os gatos domésticos teñen un tamaño semellante ó doutros membros do xénero Felis,


pesando habitualmente entre uns 4 e 5 kg.[23] Algunhas razas coma o Maine Coon poden
exceder en ocasións os 11 kg de peso. Pola contra, tamén existen rexistros da existencia de
exemplares de gatos domésticos moi pequenos, de menos de 2 kg de peso.[40] Adoitan medir
unha media de entre 23 e 25 cm de altura e uns 46 cm de lonxitude de cabeza e corpo, sendo
os machos habitualmente máis longos que as femias, con colas que miden de media uns
30 cm de largo.[41]
Os gatos posúen sete vértebras cervicais, da mesma forma que a maioría de mamíferos.
Teñen 13 vértebras torácicas, sete vértebras lumbares, tres vértebras do sacro e un número
variable de vértebras caudais na súa cola.[42] Este número de vértebras lumbares e torácicas
son as que lle outorgan ós gatos a súa mobilidade espiñal e flexibilidade. Unidas ó espiñazo
teñen 13 costelas, os ombros e a pelve.[43] A diferenza dos brazos humanos, as extremidades
superiores dos gatos únense ós ombros por medio de clavículas flotantes libres, que lles
permiten pasar o seu corpo por calquera espazo no que lles caiba a cabeza.[44]

Esquema da anatomía xeral dun gato macho

O cranio dos gatos é infrecuente entre os mamíferos por ter unhas órbitas de gran tamaño e
unha forte mandíbula especializada.[45] Na mandíbula os gatos posúen dentes adaptados para
matar as súas presas e desgarrar carne. Cando conseguen cazar unha presa, os gatos dánlle
unha mordedura letal no pescozo cos seus dous cairos, insertándoos entre as vértebras da
presa e cortándolle a medula espiñal, o que lles provoca unha parálise irreversible e a
morte.[46] Comparados con outros felinos, os gatos domésticos teñen os caninos moi preto o un
do outro, sendo isto unha adaptación á súa presa preferida de pequenos roedores con
pequenas vértebras.[46] O premolar e o primeiro molar compoñen o par carniceiro en cada lado
da boca, encargados de rillar de forma eficiente a carne en anacos, como se fosen
unhas tesoiras. Estes dentes resultan vitais na súa alimentación, xa que os pequenos molares
dos gatos fan que estes sexan prácticamente incapaces de mastigar.[47] Malia que os gatos
adoitan ter unha mellor dentadura que a maioría dos humanos, cun menor decaemento xeral
por mor dunha capa protectora de esmalte máis grosa, unha saliva menos destrutiva, menos
retención de partículas de comida entre os dentes e unha dieta na súa maioría libre
de azucres, están non obstante suxeitos ás perdas ocasionais de dentes e a infeccións.[48]
Os gatos son dixitígrados, camiñan directamente sobre as súas dedas, mentres que os ósos
dos seus pés compoñen a parte inferior da perna visible.[49] Son capaces de camiñar con gran
precisión, e ó igual que tódolos felinos pousan cada pata traseira directamente no mesmo
lugar onde pousan a pata dianteira correspondente, minimizando o ruído e pegadas visibles
que producen. Isto tamén lles proporciona un agarre máis seguro para as súas patas traseiras
cando atravesan terreos difíciles. A diferenza da maioría dos mamíferos, o andar dos gatos e
rítmico, movendo as dúas patas dun costado antes que as patas do outro. Comparten esta
característica cos camelos e coas xirafas. Cando aceleran o paso ata un ritmo de trote, o seu
andar cambia a un "diagonal", semellante ó da maioría de mamíferos e outros animais
terrestres coma os lagartos, no que as patas traseiras e dianteiras diagonalmente opostas se
moven de forma simultánea.[50]
Como case tódolos félidos, os gatos posúen poutas protráctiles e retráctiles.[51] Na súa posición
relaxada as garras quedan gardadas entre a pelaxe e a pel ó redor das dedas das súas patas.
Isto manén as unllas afiadas ó previr que entren en contacto co chan, e permítenlles asexar ás
presas de forma silenciosa. As garras das patas dianteiras adoitan ser máis afiadas que as
das patas traseiras.[52] Os gatos poden estender as garras de forma voluntaria, habitualmente
en defensa propia, para escalar, cando amasan ou cando precisan dunha tracción extra en
superficies brandas. A maioría dos gatos posúen cinco garras nas patas dianteiras, e catro
nas traseiras.[53] A quinta garra dianteira é proximal en relación ó resto. Tamén posúen unha
protusión que se asemella a unha sexta deda. Estas xemas carpais na parte interior
dos pulsos das patas dianteiras, presentes tamén nas gadoupas doutros grandes felinos e dos
cans, non teñen unha función no camiñar normal, mais sérvenlles como axuda para non
esvarar cando saltan. Algunhas razas de gatos son propensas á polidactilia, algo
particularmente común na costa nordeste de Norteamérica.[53][54]
Fisioloxía

Termografía de varias partes do corpo dun gato

A fisioloxía dos gatos aseméllase á do resto de animais carnívoros, mais con varias
características pouco frecuentes que se atribúen á súa ascendencia de especies nativas
dos desertos.[31] Os gatos son capaces de tolerar temperaturas relativamente altas. Mentres
que os humanos adoitan comezar a sentir incomodidade cando a súa temperatura superficial
na súa pel supera ós 38 °C, os gatos non amosan incomodidade ata que a súa pel acada uns
52 °C,[55] e son capaces de tolerar temperaturas de ata 56 °C se teñen acceso a auga.[56] Os
valores fisiolóxicos normais dos gatos son uns 38,6 °C de temperatura corporal, un ritmo
cardíaco de entre 120 e 140 latidos por minuto, e un ritmo respiratorio de entre 16 e 40
respiracións por minuto.[57]
Os gatos conservan calor reducindo o fluxo de sangue cara a súa pel e perden calor por
evaporación a través da súa boca. Os gatos posúen unha capacidade mínima de suar, con
glándulas localizadas principalmente nas dedas das patas,[58] e só arfan para aliviar a calor a
temperaturas moi altas.[59] A temperatura corporal dun gato non varía durante o día, o que
forma parte da falta xeral de ritmos circadianosdos gatos e reflicte a súa tendenza de estar
activos tanto polo día como pola noite.[60] As feces de gato son comparativamente secas e os
seus ouriños presentan unha alta concentración, ámbalas dúas adaptacións que lles permiten
reter unha alta cantidade de auga corporal.[31] Os seus riles son moi eficientes, e poden
sobrevivir nunha dieta consistente só de carne, sen auga adicional,[61] e poden incluso
rehidratarse bebendo auga mariña.[60][62] Malia que os gatos domésticos saben nadar, son
xeralmente reticentes a entrar na auga xa que isto esgótaos con rapidez.[63]
Sentidos

Detalle do ollo e pupila dun gato

Os gatos posúen unha excelente visión nocturna e son capaces de ver a un sexto do nivel
de luz que require a visión humana.[64] Isto débese en parte a que posúen un tapetum
lucidum nos seus ollos, o cal reflicte a luz que atravesa a retina de volta ó propio ollo,
aumentanto a súa sensibilidade á luz ténue.[65] A diferenza doutros felinos maiores como por
exemplo os tigres, os gatos posúen pupilas en forma de fendidura vertical,[66] capaces de
enfocar baixo condicións de luz brillante sen sufrir aberración cromática.[66] A baixos niveles de
luz, as pupilas dos gatos expándense ata cubrir a maioría da superficie dos seus
ollos.[67] Porén, os gatos domésticos teñen unha pobre percepción da cor, e só posúen dous
tipos de conos, optimizados para a sensibilidade ó azul e ó verde amarelado, o que lles deixa
cunha capacidade limitada para distinguir entre o vermello e o verde.[68]
Os gatos teñen un excelente sentido do oído e poden detectar un amplo rango de frecuencias.
Poden oir sons máis agudos que os cans e os humanos, sendo capaces de detectar
frecuencias dende os 55 Hz ata os 79 000 Hz, nun rango de 10,5 oitavas,[69][70] sendo máis
efectivo no rango de entre 500 Hz e 32 kHz.[71]Os gatos poden oír ultrasóns, algo que lles
axuda na detección e caza de roedores que emiten este tipo de sons.[72][73] Estas capacidades
auditivas vense aumentadas polas súas grandes orellas exteriores móbiles, que amplifican os
sons e axúdanlles a detectar a direccións das que proceden os mesmos.[72]

Vista lateral da cabeza dun gato

O sentido do olfacto dos gatos é agudo, en parte polo seu desenvolvido bulbo olfactivo e unha
gran superficie de mucosa olfactiva.[74] Son sensibles a feromonas como o 3-mercapto-3-metil-
1-butanol,[75] que utilizan para comunicarse por medio dos seus ouriños e glándulas
odoríferas.[76] Entre o 70% e o 80% dos gatos son tamén mois sensibles a determinadas
plantas que conteñen nepetalactona, especialmente á herba gateira, xa que son capaces de
detectar esta substancia en proporcións de menos dunha parte por mil millóns.[77][78]Outras
plantas tamén producen este tipo de respostas nos gatos, como por exemplo a Actinidia
polygama e a Valeriana officinalis.[79]
Os gatos posúen relativamente poucas papilas gustativas en comparación cos humanos, ó
redor dunhas 470 en comparación das 9 000 da lingua humana.[80] Os gatos domésticos e os
bravos comparten unha mutación xenética que lles imipde que as súas papilas gustativas para
o doce se unan a moléculas azucradas, o que lles impide detectar este sabor.[81] Pola contra,
as súas papilas son sensibles ós ácidos, ós aminoácidos como as proteínas e ós
sabores amargos.[82] Ó igual que outros animais, posúen un órgano de Jacobson na boca que
usan no proceso de comportamento coñecido como reflexo de Flehmen, que lles permite
detectar certos aromas. Ademais, os gatos teñen unha preferencia de temperatura distinctiva
para a súa comida, preferindo a comida a uns 38 °C (100 °F) de temperatura, asemellándose
á temperatura dunha presa recentemente cazada, e rexeitando de forma rutineira a comida
fría ou refrixerada.[80]
Os gatos posúen ducias de vibrisas, especialmente na súa cara. Estas axúdanlle na
navigación e na obtención de sensacións, e fornécenlles información sobre a anchura de
buracos e da localización de obxectos na escuridade, tanto ó tocar estes obxectos
directamente como sentindo correntes de aire. Tamén posúen reflexos corneais para protexer
os seus ollos.[83] Cando caen dende lugares altos, entre os 90 cm e os 3 metros de altura,[84] os
gatos poden xirar o seu corpo de forma reflexa e endereitarse grazas ó seu agudo sentido do
equilibrio e a súa flexibilidade,[85] o que se coñece domo reflexo de endereitamento dos
gatos.[86] Os gatos sen cola (como moitos espécimes das razas manx e cymric) tamén posúen
esta capacidade, xa que os gatos utilizan principalmente o movemento das pernas e a
conservación do momento angular para aterrar desta forma.[87]
Saúde e xenética
A esperanza de vida media dos gatos domésticos foi en aumento dende os anos 1980. A
comezos desa década era duns sete anos, [88][89] aumentando ata os 9,4 anos en 1995[88]e ata
os 15,1 anos en 2018.[90] Existen non obstante rexistros de gatos que viviron ata superar 30
anos de idade,[91] e o gato máis lonxevo coñecido, Creme Puff, chegou ós 38 anos de
idade.[92] Castrar ou capar ós gatos incremente a súa esperanza de vida. Os gatos machos
castrados viven de media o dobre que os non castrados, mentres que as femias castradas
viven de media un 62% máis que as non castradas.[88] A castración resulta beneficiosa para a
saúde dos gatos, xa que os machos castrados non poden desenvolver cancro testicular, as
femias non desenvolven cancro uterino ou ovárico, e ámbolos dous pasan a ter un menor risco
de cancro de mama.[93]
Os gatos poden verse afectados por unha ampla serie de problemas de saúde,
incluíndo doenzas infecciosas, parasitos, feridas e doenzas crónicas.
Existen vacinas dispoñibles para moitas destas doenzas, e os gatos domésticos adoitan recibir
tratamentos para eliminar parasitos como por exemplo os vermes e as pulgas.[94] O gato
doméstico é un organismo diploide que posúe 38 cromosomas[95] e aproximadamente
20 000 xenes.[96] Identificáronse ó redor de 250 trastornos xenéticos nos gatos, moitos deles
semellantes ós erros conxénitos no metabolismo dos humanos.[97] O alto nivel de semellanza
entre o metabolismo dos mamíferos permite que moitas destas doenzas felinas se
diagnostiquen empregando probas xenéticas orixinalmente deseñadas para os humanos, e de
forma inversa permite que os gatos sirvan de organismos modelo no estudo de doenzas
humanas.[98][99]

Comportamento

Un gato deitado sobre un palleiro

Os gatos adoitan estar activos tanto de día como de noite, aínda que tenden a estar máis
activos polas noites.[100][101] Estes períodos de actividade son flexibles e variados, polo que os
gatos domésticos poden ser máis activos ó amencer e ó anoitecer en resposta a unha maior
actividade humana nestes momentos do día.[102] Malia que os gatos domésticos pasan a
maioría do tempo nos arredores do fogar ó que pertencen, poden afastarse a varios centos de
metros do seu punto central, e establecen territorios que poden variar considerablemente de
tamaño.[101]
Os gatos conservan enerxía ó durmir máis que a maioría doutros animais, sendo isto máis
pronunciado segundo se fan máis vellos. O tempo que pasan durmindo varía, sendo habitual
unha media de entre 13 e 14 horas ó día, aínda que poden chegar a durmir ata unhas 20
horas ó día. Cando durmen os gatos pasan por curtos períodos de sono REM, acompañados
habitualmente de tics musculares, o que suxire que están a soñar durante eses momentos.[103]
Pasan unha cantidade de tempo considerable lambéndose a pelaxe para mantela
limpa.[104] A lingua dos gatos posúe unhas espiñas orientadas cara a atrás duns 500 μm de
longo, denominadas papilas. Estas conteñen queratina, o que fai que sexan
ríxidas,[105] actuando en forma de peite. Algúns gatos, en particular os de pelo largo, regurxitan
en ocasións bolas de pelo que se acumula nos seus estómagos debido a este tipo de aseo.[104]
Sociabilidade
O comportamento social dos gatos domésticos é variable, e vai dende a individuos solitarios
ata colonias de gatos silvestres que se xuntan ó redor dunha fonte de alimento, baseados en
grupos de femias cooperativas.[106][107] Porén, algúns gatos domésticos mantidos como
mascotas presentan unha pobre socialización. En particular os gatos máis vellos poden ser
agresivos cara á gatos novos recentemente chegados, comportamento coñecido como
agresión asocial felina.[108]
Malia que os gatos e os cans adoitan caracterizarse como inimigos naturais, poden vivir
xuntos se están correctamente socializados.[109] A vida na proximidade de humanos e outros
animais domésticos deu lugar a unha adaptación social simbiótica nos gatos, que poden
chegar a expresar un grande afecto cara ós humanos e outros animais. Etolóxicamente o
dono humano dun gato pode realizar a función dunha especie de "infancia estendida", unha
forma de neotenia do comportamento.[110] Os sons agudos que os gatos emiten para pedirlle
comida ós humanos poden simular os choros dun bebé humano con fame, algo difídil de
ignorar para as persoas.[111] Considérase que o feito de restregarse con humanos ou con
outros gatos para impregnar o seu olor é un medio de unión social para os gatos.[112] Os gatos
domésticos usan diversas vocalizacións para comunicarse, como por exemplo cando miañan
ou cando gruñen.[7] A súa linguaxe corporal, incluíndo a posición das orellas e da cola ou a
relaxación do corpo, é un indicador do seu estado de ánimo. A cola e as orellas son un
mecanismo de sinais sociais particularmente importante nos gatos.[113][114]

Relacións cos humanos

Unha nena sostendo a un gato

Xunto cos cans, os gatos son as mascotas máis comúns en todo o mundo.[115][116] Houbo varios
intentos de levar a cabo un censo de gatos, tanto por medio de asociacións nacionais ou
internacionais, como o realizado pola Canadian Federation of Humane Societies,[117] coma a
través de Internet.[118][119] As estimacións xerais da poboación global de gatos domésticos varían
amplamente entre os 200 e os 600 millóns.[120][121][122][123][124][125]
Ademais de manterse como mascotas, os gatos tamén se usan nas industrias internacionais
de peles e coiro para facer sombreiros, abrigos, mantas, xoguetes, zapatos e
luvas.[126][127][128] Estes usos prohibíronse nos Estados Unidos, Australia e na Unión
Europea.[129] Na tradición intelectual occidental, a idea de gatos como obxectos comúns serviu
en varias ocasións para ilustrar problemas da mecánica cuántica, como por exemplo na
disquisición teórica do gato de Schrödinger.[130]
Mordeduras e transmisión de infeccións
Os gatos poden morder ós humanos cando se sinten atacados, durante o xogo ou cando son
agresivos, e estas mordeduras poden chegar a dar lugar a complicacións de saúde.[131] Unha
mordedura de gato difire das mordeduras doutras mascotas xa que os dentes dos gatos son
afilados en forma de punta, polo que poden provocar perforaciónsprofundas, que a pel adoita
cubrir rápidamente atrapando microorganismos que poden provocar infeccións.[131][132]
Os gatos poden estar infectados ou infestados
de virus, bacterias patóxenas, fungos, protozoos, artrópodos ou vermes que poden transmitir
doenzas ós humanos.[133][134] As probabilidades de que unha persoa enferme depende da idade
e do estado inmune da persoa. Aqueles que viven con gatos no seu fogar ou preto deles teñen
unha maior probabilidade de infectarse, mais aqueles que non teñen gatos como mascotas
tamén poden infectarse por medio de feces e parasitos procedentes de gatos.[133][135] Algunhas
das infeccións máis preocupantes que poden transmitir os gatos son a salmonelose, a doenza
por rabuñadura de gato e a toxoplasmose.[134]
Historia e mitoloxía
Véxase tamén: O gato na cultura popular galega.

Os antigos exipcios momificabangatos mortos en sinal de respecto da mesma forma que


momificaban ás persoas.[136]

Tradicionalmente os historiadores tenderon a crer que o Antigo Exipto foi o sitio onde tivo
lugar a domesticación do gato, debido as representacións de gatos domésticos en
pinturas exipcias de hai uns 3600 anos de antigüidade.[28] Porén, no ano 2004 atopouse
nunha tumba neolítica escavada en Shillourokambos, Chipre, ósos dun humano e dun
gato depositados preto o un do outro. A estimación sobre a antigüidade desta tumba
indicou que tería uns 9500 anos, atrasando not tempo a primeira asociación coñecida
entre os humanos e os gatos de forma significativa.[11][137][138] Este descubrimento,
combinado con estudos xenéticos, suxeriu que os gatos probablemente foron
domesticados no Oriente Medio, na Crecente Fértil coincidindo co desenvolvemento da
agricultura, e foron levados dende alí ata os actuais Chipre e Exipto.[10][13]
No antigo Exipto os gatos eran animais sagrados, e son comúns as representacións da
deusa Bastet en forma de gato, tomando en ocasións o aspecto guerreiro
dunha leoa.[139] Matar gatos estaba completamente prohibido,[136] e segundo o
historiador grego Heródoto, cando un gato pertencente a un fogar falecía, a familia enteira
pasaría a estar de loito e afeitarían as cellas.[136] As familias levaban ós seus gatos mortos
á cidade sagrada de Bubastis,[136] onde se embalsamaban e soterraban en depósitos
sagrados.[136] Os historiadores indican que os gatos foron introducidos en Grecia e no sur
de Italia por primeira vez no século V a. C. polos fenicios.[140] A evidencia máis temperá da
posesión de gatos domésticos por parte dos gregos provén de dúas moedas da Magna
Grecia que datan de mediados do século V a. C., nas que se representa
a Iocasto e Falanto, fundadores lendarios de Rhegione Taras respectivamente, xogando
cos seus gatos mascota.[141][142]
Mosaico romano dun gato matando a unha perdiz, na Casa del Fauno de Pompeia

Porén, os gatos eran aparentemente extremadamente raros entre os antigos gregos e


os romanos.[142] Heródoto expresaba o seu asombro dos gatos domésticos en Exipto, xa
que anteriormente só tiña visto gatos bravos.[142] Incluso en épocas posteriores,
os furóns eran moito máis habituais como mascotas,[142] e considerábanse os cazadores
de roedores ideais no lugar dos gatos.[142] A palabra en grego antigohabitual para "gato"
era ailouros, que significa "cousa coa cola ondeante",[143][142] malia que esta palabra tamén
se podía aplicar a calquera dos "varios carnívoros de longa cola que mantiñan para cazar
ratos".[142] Os gatos case non se mencionan na literatura grega antiga,[142]mais Aristóteles si
afirmou na súa Historia dos animais que as "gatas femias son
naturalmente lascivas."[144][142] Posteriormente os gregos levaron a cabo un sincretismo da
súa propia deusa Ártemis coa deusa exipcia Bastet, adoptando as asociacións desta
última cos gatos e adscribíndoas a Ártemis.[145] Nas Metamorfoses de Ovidio, cando os
deuses escapan ó Exipto e toman formas animais, a deusa Diana(equivalente romana de
Ártemis) tórnase nun gato.[146]
Os gatos eventualmente desplazaron ós furóns como o control de pragas elixido xa que se
consideraban máis agradables para ter ó redor do fogar e eran máis entusiastas na caza
de ratos.[147] Durante a Idade Media, moitas das asociacións de Ártemis cos gatos foron
implantadas na Virxe María.[147] Os gatos adoitaban representarse en iconografía relixiosa
sobre a Anunciación e sobre a Sagrada Familia.[147] e segundo unha lenda italiana, na
mesma noite que María deu luz a Xesús, unha gata virxe en Belén deu a luz a un
gato.[147]Os gatos domésticos espalláronse a gran parte do resto do mundo durante a Era
dos descubrimentos, levándose como gatos de barcos en veleiros para controlar os
roedores a bordo e como talismáns de boa sorte.[148]
Varias relixións antigas crían que os gatos son ánimas exaltadas, compañeiros ou guías
para os humanos, que son omniscientes pero mudos, e polo tanto non poden influenciar
as decisións tomadas polos humanos. No Xapón, o gato maneki neko é un símbolo de
boa fortuna.[149] Na mitoloxía nórdica, Freia, deusa do amor, da beleza e da fertilidade,
represéntase montada nun carro tirado por gatos.[150] Nas lendas xudías, o primeiro gato
vivía no fogar do primeiro home Adán como unha mascota que cazaba ratos.[151] Segundo
estas mesmas lendas, o gato era compañeiro do primeiro can, mais este último rompeu un
xuramento que fixeran ambos, o que deu como resultado a enemizade entre os
descendentes destes dous animais.[151] Nas lendas xudías tamén se indica que nin os
gatos nin os raposos están representados na auga, mentres que tódolos outros animais
teñen unha especie mariña que os encarna.[151] Pola súa banda, malia que no Islam non
hai especies sagradas, os musulmáns veneran ós gatos. Segundo algúns escritores
occidentais, Mahoma tiña un gato favorito, chamado Muezza.[152] Segundo estes, Mahoma
tería amado tanto ós gatos que "prefería quedarse sen poder coller o seu manto en lugar
de molestar a un [gato] que estivese durmindo sobre este".[153] Porén, esta historia non ten
orixe nos escritores musulmás temperás, e semella ser unha confusión dunha historia dun
santo sufí posterior, Ahmed ar-Rifa'i, que data de séculos despois de Mahoma.[154]
Supersticións

Un gato negro

Un gran número de culturas posúen supersticións negativas sobre os gatos. Un exemplo


destas é a crenza de que cruzarse no camiño cun gato negro trae mala sorte. Outras
culturas teñen relacionado ós gatos como espíritos familiares das meigas usados para
aumentar os seus poderes máxicos. En Ieper, Bélxica, conmemórase a matanza de gatos
en época medieval cunha cabalgata anual coñecida como Kattenstoet.[155] Segundo James
George Frazer e Norman Davies, existen rexistros tamén de que na Francia medieval
queimábanse gatos vivos como superstición e como entretemento:[156]
"Era costume queimar unha cesta, barril ou saco cheo de gatos vivos, que se colgaba
dun alto mastro no medio dunha cacharela; en ocasións queimaban un raposo. A xente
recollía as brasas e cinzas do lume e levábanas ás súas casas, crendo que traían boa
sorte. Os reis franceses adoitaban estar presentes nestes espectáculos e incluso
prendían a luminaria coas súas propias mans. En 1648 Luís XIV, coroado de rosas e
levando unha presa de rosas na súa man, prendeu o lume, bailou perante del e tomou
partido no banquete que tivo lugar despois no concello da vila. Mais esta foi a última
ocasión na que un monarca presidiu a cacharela de verán en París. En Metz prendíanse
lumes de verán cunha gran pompa na esplanada, e unha ducia de gatos, metidos en
gaiolas de vimbio, queimábanse vivos neles, para o divertimento da xente. De forma
semellante, en Gap, no departamento dos Altos Alpes, éra habitual asar gatos sobre as
fogatas de verán."[157]

Un dos mitos presentes nun gran número de culturas é que os gatos posúen múltiples
vidas. En moitos países a crenza indica que teñen nove vidas, mais
en Italia, Alemaña, Greciae algunhas rexións de fala castelá dise que teñen sete
vidas,[158][159] mentres que nas tradicións árabes e turcas o número de vidas é de
seis.[160] Este mito atribúese á flexibilidade e axilidade natural que exhiben os gatos á hora
de escapar de situacións ameazadoras para a súa vida. Outro dos factores que alimenta
este mito é o feito de que a miudo os gatos que se caen aterran cos seus pés, usando un
reflexo instintivo para xirar os seus corpos. Non obstante e maila este reflexo, os gatos
poden resultar igualmente feridos ou falecer a causa dunha caída desde gran altitude.

You might also like