You are on page 1of 14

LONXE

Caryl Churchill

personaxes

(acto I)
JOAN, rapaza
HARPER, a súa tía

(acto II)
JOAN, moza
TODD, mozo

(acto III)
TODD
HARPER
JOAN
I

A casa de Harper. Noite.

JOAN. Non podo durmir.


HARPER. Estrañas a cama.
JOAN. Non, acomódome a calquera sitio.
HARPER. Tes frío?
JOAN. Non.
HARPER. Queres beber algo?
JOAN. Creo que teño frío. É tarde?
HARPER. As dúas.
JOAN. Vas ir durmir?
HARPER. Queres beber algo quente?
JOAN. Non, grazas.
HARPER. Vou ir durmir daquela.
JOAN. Si.
HARPER. Estás a tremer. Tes febre?
JOAN. Non, estou ben.
HARPER. Estás exhausta. Vai durmir. Eu tamén vou ir.
JOAN. Saín.
HARPER. Onde? Xusto agora?
JOAN. Xusto agora.Saín pola fiestra.
HARPER. Non estou segura de que iso me guste. Cando a xente vai durmir debería quedar
na cama.
JOAN. Si, desculpa.
HARPER. Ben, abonda de aventuras por esta noite. Agora durmirás. Vai pois. Mírate, se
quedas durmida de pé.
JOAN. Había unha razón.
HARPER. Para saír?
JOAN. Oín un ruído.
HARPER. Unha curuxa?

2 2
JOAN. Un brado.
HARPER. Entón unha curuxa. Aquí hai toda clase de paxaros, poderías chegar a ver
ouriolos. A xente vén aquí a propósito a mirar os paxaros. Pola maña verás que
lugar tan fermoso.
JOAN. Parecía unha persoa berrando.
HARPER. Parece unha persoa berrando cando se oe unha curuxa.
JOAN. Era unha persoa berrando.
HARPER. Pobriña, que susto debiches levar ao imaxinar que escoitaras alguén berrando.
Deberías ter vido directamente aquí onda min.
JOAN. Quería ver.
HARPER. Estaba escuro.
JOAN. Si pero eu vía.
HARPER. Dime que pensaches que viches no escuro.
JOAN. Vin o meu tío.
HARPER. Falácheslle? Supoño que terías medo de que che dixese que estás a facer fóra da
cama tan tarde…Non te viu?
JOAN. Non.
JOAN. Estaba empurrando alguén. Estaba metendo alguén no alboio.
HARPER. Debía estar metendo un saco grande no alboio. Traballa ata moi tarde.
JOAN. Non estou segura de se era unha muller.
HARPER. A ver como cho explico, son uns amigos do teu tío, estaban facendo unha festa.
JOAN. Era unha festa?
HARPER. So unha pequena de festa.
JOAN. Si, porque tan só estaba aquela persoa. Había un camión, cando acheguei a orella
contra a balda do camión oín xente chorando dentro.
HARPER. Podería haber cousas que non nos importa cando estamos de visita na casa de
alguén.
JOAN. Si, mellor sería non telo visto. Síntoo.
HARPER. Ninguén te viu?
JOAN. Estaban pendentes do seu.
HARPER. Creo que é unha sorte que non ninguén te vise.
JOAN. Se é unha festa, por que había tanto sangue?
HARPER. Non hai sangue ningun.
JOAN. Si.

3 3
HARPER. Onde?
JOAN. No chan.
HARPER. No escuro? Como o puideches velo no escuro?
JOAN. Esvarei nel. (Ergue o seu pé descalzo) Case o limpei todo.
HARPER. Foi aí onde atropelaron o can esta tarde.
JOAN. É terrible, debeuche de dar moita pena, había tempo que o tiñas?
HARPER. Non, era novo, escapou, non foi nunca moi obediente.
JOAN. Como se chamaba?
HARPER. Lóstrego.
JOAN. Por que había nenos no alboio?
HARPER. Que nenos?
JOAN. Non sabes que nenos?
HARPER. Como puideches ver que había nenos?
JOAN. Había unha luz acendida. Así foi que puiden ver o sangue. Puiden ver as caras e
cales tiñan sangue.
HARPER. Descubriches algo secreto. Sabes iso verdade?
JOAN. Si.
HARPER. Algo que non deberías saber.
JOAN. Si, síntoo.
HARPER. Algo do que nunca debes falar. Porque se o fas poderías poñer en perigo a vida
de moita xente.
JOAN. Por que? De quen? A do meu tío? A túa?
HARPER. Claro que non estás tola?. Vouche dicir o que pasa. Teu tío esta axudando a esa
xente. Estalles axudando a escapar. Estalles dando refuxio. Algúns deles aínda
estaban no camión e por iso estaban chorando. Teu tío vainos meter a todos
dentro do alboio é alí estarán a salvo.
JOAN. Tiñan sangue na cara.
HARPER. Iso ven de antes. De cando foron atacados pola xente da que o teu tío os protexe.
JOAN. Había sangue no chan.
HARPER. Un deles tiña feridas graves pero o teu tío vendóullelas.
JOAN. El esta axudándolles.
HARPER. Iso é.
JOAN. Non había ningún can. Nin era unha festa.
HARPER. Non, agora estouche confiando a verdade. Nunca debes falar disto ou poñerás en

4 4
perigo a vida do teu tío e a miña e mesmo a túa. Nin tampouco debes dicirlles
nada a teus pais.
JOAN. Podo axudar ao tío no alboio e coidalos.
HARPER. Non, ten que facelo el mesmo. Pero grazas pola túa oferta, es moi amable. E
despois de toda esta excitación non pensas que poderías ir durmir?
JOAN. Porque o meu tío lles estaba batendo?
HARPER. Batendo a quén?
JOAN. Estaba batendo nun home cunha vara. Bateu a un dos nenos.
HARPER. Unha das persoas do camión era un traidor. Non era en realidade un deles, ía
traizoalos, descubrírono e dixéronllo a teu tío. Entón atacou ao teu tío, atacou a
outra xente, e o teu tío tivo que pelexar con el.
JOAN. Por iso e que había tanto sangue
HARPER. Si había que facelo para salvar os demais.
JOAN. Bateu nun dos nenos.
HARPER. Debería ser o fillo do traidor. Ás veces veñen nenos malos que mesmo traizoan
a seus pais.
JOAN. Só lles bateu nos traidores.
HARPER. Claro. Non me sorprende que non poidas durmir, que cousa mais desagradable
de ver. Pero agora xa o entendes, tampouco é tan malo. Agora es parte dun
movemento que quere mellorar as cousas. Podes estar orgullosa. Podes mirar as
estrelas e pensar aquí estamos no noso pequeno recuncho da terra, e estou do
lado da xente que está poñendo as cousas no seu sitio, e a túa alma fluirá cara o
ceo.
JOAN. Non podo axudar?
HARPER. Podes axudarme a limpar. Faralo?
JOAN. Si.
HARPER. Pois entón mellor durmir un pouco.

II

5 5
1

JOAN e TODD están sentados fronte ao banco de traballo. Cada un acaba de comezar a facer
un sombreiro.

TODD Hai azul dabondo.


JOAN Creo que comezarei coa negra.
TODD A cor sempre gaña.
JOAN Poreille cor, vou comezar coa negra para resaltar a cor.
TODD Fixen un a semana pasada que era un retrato abstracto da rúa: azul para os
autobuses, amarelo para os pisos, vermello para as follas, gris para o ceo.
Ninguén o entendeu, pero eu sabía que o que era. Quedan poucas satisfaccións.
JOAN Non che gusta?
TODD Es nova verdade?
JOAN É o meu primeiro sombreiro. O meu primeiro sombreiro profesional.
TODD Fixeches sombreiros na escola?
JOAN O meu sombreiro de graduación era unha xirafa de seus pes de alto.
TODD Aquí non terás tempo de facer algo así.
JOAN Seino.
TODD Adoitabamos ter dúas semanas antes dun desfile e despois deixaron so unha e
agora andan a falar de quitar un día.
JOAN Poden facelo?
TODD Opoñeríaste verdade?
JOAN Só acabo de empezar.
TODD Descubriras que neste lugar hai moitas cousas inxustas.
JOAN Pensaba que era un dos mellores traballos.
TODD E éo. Xa sabes onde ir xantar?
JOAN Creo que hai unha cantina, non?
TODD Si pero nos non vamos aí. Mostrareiche onde ir.

6 6
Segundo día. Están traballando en novos sombreiros, máis avanzados ca os da véspera.

JOAN Tócache.
TODD Eu vou bañarme no río antes de traballar.
JOAN Non é perigoso?
TODD Tócache.
JOAN Teño unha licenza de piloto.
TODD Eu quedo ata as catro cada madrugada vendo os xuízos.
JOAN Vou coller un cuarto no subterráneo.
TODD Eu teño un sitio para min.
JOAN Telo?
TODD Queres velo?. Iso vai mellorando.
JOAN Non entendo o teu pero gústame así.
TODD Non o vou tentar... Levo aquí moito tempo.
JOAN Iraste?
TODD Tócame. Hai algo raro na maneira en que conseguimos os contratos.
JOAN Pero nos queremos os contratos.
TODD E se non os mereceramos? E se o noso traballo en realidade non e o mellor?
JOAN Entón que e o que acontece?
TODD Só direi que o cuñado de certa persoa... sabes onde está a traballar?
JOAN Onde?
TODD Non vou falar diso aquí dentro. Cóntame outra cousa.
JOAN Non me gusta quedar pola noite vendo os xuízos.
TODD Eu véxoos pola noite despois de volver.
JOAN De volver de onde?
TODD De onde che parece?

7 7
O terceiro día. Coma sempre, fan sombreiros, que agora son moi grandes e extravagantes.

TODD A min non me gustan os sombreiros de animais.


JOAN Eu era estudante.
TODD Os sombreiros abstractos son a última moda outra vez.
JOAN Sempre me gustaron os chapeus abstractos.
TODD Non te debiches dar conta cando todo o mundo os odiaba.
JOAN Posiblemente fose antes de eu chegar.
(Silencio. Continúan a traballando)
JOAN A dirección é corrupta- segundo contas. Págannos moi pouco- segundo contas.
(Silencio. Continúan o seu traballo.)
TODD Demasiado verde.
JOAN Esta previsto que haxa moito.
(Silencio. Continúan traballando.)
TODD Son a única persoa neste sitio que ten principios, non me digas que debería facer
algo. Paso os días pensando o que facer.
JOAN Pois logo probablemente se che ocorra algo.
(Silencio. Continúan traballando.)

8 8
O día seguinte. Fan sombreiros, enormes e ridículos.

TODD Ese é fermoso.


JOAN Gústache?
TODD Si.
JOAN A min tamén o teu.
TODD Non tes porque dicir iso. Non é dos mellores.
JOAN Non, ten –non sei-, é un sombreiro que dá seguridade.
TODD Levo facendo desfiles seis anos. Así que son un deses veteranos valiosos. E
cando vaia falar cunha persoa que eu sei prestarame atención.
JOAN Vas ir falar con el?
TODD Teño unha cita despois de traballar.
JOAN Poderías perder o traballo.
TODD Podería.
JOAN Estou impresionada.
TODD Esa era a idea.
JOAN Mencionaras o cuñado?
TODD Primeiro falareille do diñeiro. Logo deixarei caer o do cuñado. Teño un amigo
que é xornalista.
JOAN Deixaras caer o do xornalista?
TODD Podería insinuar algo sen descubrir o do xornalista.
JOAN Aínda así el sospeitará.
TODD Por moito que el sospeite. Unha cousa se perdo o meu traballo.
JOAN Que?
TODD Botareite de menos.
JOAN Xa?

9 9
O día seguinte. Unha procesión de prisioneiros encadeados, con farrapos e abatidos, cada un
cun sombreiro posto, camiño da execución. Os sombreiros rematados son aínda máis
xigantescos e ridículos que os precedentes.

6
Unha nova semana. JOAN e TODD comezan a traballar en novos sombreiros.

JOAN Aínda non o podo crer.


TODD Ninguén nunca gañara na primeira semana.
JOAN Ás veces penso que é unha pena que non se conserven máis.
TODD Habería demasiados. Que farían con eles?
JOAN Poderían volver a usalos.
TODD Xusto e daquela quedabamos sen traballo.
JOAN Resulta tan triste queimalos cos corpos.
TODD Creo que aí esta o bo. Os sombreiros son efémeros. É como unha metáfora dun
xeito ou doutro.
JOAN Xa, da vida.
TODD Iso, da vida, iso mesmo. Dos case trescentos sombreiros que levo feito aquí so
tres gañaron e entraron no museo. Pero iso xamais me preocupou. Creas beleza
e desaparece, gústame.
JOAN Es tan...
TODD Que?
JOAN Fasme pensar de maneira diferente. Como se nunca tivese cavilado sobre a forma
en que dirixen este lugar e agora vexo o importante que é.
TODD Creo que impresionou a unha certa persoa coa que estaba a falar nun elevado
nivel moral. Díxome “creo que nestas compre cavilar”.
JOAN Creo que iso resulta alentador.
TODD Podería entenderse que vai pensar como librarse de min.
JOAN E unha forma fantástica de comezar.
TODD Nova para min. Ti inspírasme.
JOAN Aínda está o xornalista. Se o examina un pouco mais poderemos mostrar a

10 10
corrupta base financieira da administración de toda a industria sombrereira, non
so neste lugar, aposto que toda a industria esta infecta.
TODD Ti crees?
JOAN Creo que deberiamos comprobalo.
TODD Cambiaches a miña vida, sabíalo?
JOAN Se quedas sen traballo dimitirei.
TODD Poida que non atopemos traballos en sombreiros de novo.
JOAN Poida que todos os desfiles estean corrompidos.
TODD Gústanme estas perlas. Usa estas perlas
JOAN Non, son as para ti.
TODD Non, para ti.

III

Algúns anos máis tarde. De día na casa de Harper.

HARPER Fixeches ben en envelenar as avespas.


TODD Si, penso que todas as avespas tiñan que irse.
HARPER Onte estaba fóra, cabo do bosque cando xurdiu unha sombra e era unha nube de
bolboretas e descenderon por onde eu estaba e as arbores e os arbustos
volvéronse vermellos. Dúas delas colgáronse do meu brazo, estaba aterrada,
outra prendeuse no meu pelo, fun quen de esnaquizala.
TODD Eu nunca tiven problemas coas bolboretas.
HARPER Poden chegar a cubrir a túa cara. Os romanos adoitaban suicidarse con pan de
ouro, facíano baixar pola gorxa ata que a obstruía, penso niso coas bolboretas.
TODD Estaba camiñando po un pomar, había cabalos debaixo das árbores, e de súpeto
as avespas saíron das ameixeiras e atacáronos. E alí estaban os cabalos ao galope,
berrando coas cabezas cuberta de avespas. Gustaríame que ela espertase.
HARPER Non sabemos canto tempo pasou camiñando.
TODD Fixo ben en vir.
HARPER Ninguén se bota a camiñar así dese xeito no medio dunha guerra
TODD Botas se estas escapando.
HARPER Non sabemos que ela estivese escapando.
HARPER Os gatos puxéronse do lado dos franceses.
TODD Nunca me gustaron os gatos, feden, rabuñan, só te queren porque lles das de
comer, morden, hai tempo tiven un que de repente se lle daba por comer anaco
do teu corpo.

11 11
HARPER Sabes que estiveron matando bebés?
TODD Onde foi?
HARPER En China. Soben aos berces cando ninguén mira.
TODD Pero aínda hai algúns gatos bos.
HARPER Non creo.
TODD Pero nós non estamos xusto da outra banda dos franceses. Non é como se fosen
marroquís e as formigas.
HARPER Non é como se fosen os canadenses, os venezolanos e os mosquitos.
TODD Non como se fosen os enxeñeiros, os xefes de cociña, os nenos de menos de
cinco anos, os músicos.
HARPER Os vendedores de coches.
TODD Os vendedores de coches portugueses.
HARPER Os nadadores rusos.
TODD Os carniceiros tailandeses.
HARPER Os dentistas letóns cas súas lealdades cos dentistas de Dar es-Salam.
TODD Non dicutimos sobre Dar es-Salaam.
HARPER Tentarías xustificar a masacre de Dar es-Salaam.?
Ela veu aquí porque ti estás aquí de permiso e se alguén o descobre vou ter
problemas.
TODD Só é ata mañá. Espetareina. Dareille algúns minutos máis.
HARPER Viches o programa sobre os crocodilos?
TODD Si pero os crocodilos, a maneira en que coidan dos que acaban de nacer e os
levan o río na súa boca.
HARPER Non crees que todos axudan as súas propias crías?
TODD Só estou a dicir que non lamentaría se os crocodilos estivesen nun dos bandos
cos que estamos aliados. Os crocodilos son indestrutibles, sabes.
HARPER Os crocodilos son malignos e sempre convén estar contra os crocodilos. A súa
pel, os seus dentes, o alento das súas bocas despois de comer carne morta. Os
crocodilos agardan a que as cebras estean cruzando os río e morden ás máis
débiles con esas mandíbulas e tiran delas ao fondo. Os crocodilos invaden as
aldeas pola noite e collen os nenos nas súas camas. Un crocodilo poden levar
unha ducia de cabezas de volta ao río, suavemente como fai coas súas crías, e
deixalas na auga flotando como trofeos mentres podrecen.
HARPER E os patos reais, os patos reais non son boas aves acuáticas. Cometen violacións,
e están do lado dos elefantes e dos coreanos. Pero os crocodilos sempre están co
mal.
TODD Cres que debo espertala ou deixala durmir? Non pasaremos ningún tempo
xuntos.
HARPER Concordarás comigo no dos crocodilos?
TODD Que pasa? Non sabes de que lado estou?
HARPER Non sei o que pensar.
TODD Penso o que todos nós pensamos.
HARPER Mira os cervos?
TODD Queres dicir os doces e pequechos bambis?
HARPER Dilo con ironía?
TODD Dilo con sarcasmo?
HARPER Porque saen en tromba dos parques e descenden en riada das montañas e
provocan o pánico nos centros comerciais. Se escapan cando lles disparas
métense nas casas da xente e bátenlles coas súas brillantes pezuñas pequenas e
feras, os cervatos metésenlle debaixo dos pés dos compradores e tíranos polas

12 12
escaleiras abaixo, e os machos cargan contra os paneis de cristal.
TODD Sei odiar os cervos.
HARPER E os máis vellos, sabes o duras que son as súas cornas e que afiadas as súas
puntas cando atacan aos mozos que correndo rúa abaixo?
TODD Si sei todo iso.
(Ergue a súa camisa e mostra unha cicatriz.)
HARPER Foi un cervo?
TODD En realidade foi un oso. Non me gusta que dubiden de min.
HARPER Foi cando os elefantes pasaron o bando dos holandeses; sempre tiven fe nos
elefantes.
TODD Disparei contra o gando e os nenos en Etiopía. Gaseei tropas mixtas de españois,
programadores informáticos e cans. Destripei estorniños coas mans núas. E
gustábame facelo. Así que non supoñas que son de fiar.
HARPER Non digo que non saibas matar… Se un cervo esfameado viñera canda ti, non lle
darías de comer?
TODD Claro que non.
HARPER Non o entendo porque os cervos están da nosa parte. Levan tres semanas con
nós. Tes que marchar.
TODD Son da familia.
HARPER Pensas que durmo?
(A JOAN entra e vai cara aos brazos de TODD.)
Non podes quedar aquí, andan tras túa. Que vas dicir cando volvas que
escapaches para pasar un día co teu home? Todo o mundo ten alguén que ama,
que querería ver ou, polo menos, que preferiría ver en vez de quedar nun burato
agardando a ser devorado polas formigas. E que non te vas ir dunha vez porque
se non sería mellor que te pegases un tiro agora. Viute marchar alguén? Por cal
camiño viñeches? Seguíronte? Estas arriscando a túa vida sen saber porque el
dia cousas que non son certas. Non che importa?
JOAN Por suposto que me viron os paxaros, todo o mundo me viu camiñando pero
ninguén sabía por que, podería andar nunha misión, todo o mundo se esta a
mover e ninguén sabe por que, e de feito matei dous gatos e un neno de menos
de cinco anos así que non e tan diferente dunha misión, e non vexo por que non
podo ter un día libre e logo regresarei, continuarei ata o fin despois disto. Non
eran tanto os paxaros o que me asustaba, era o tempo, o tempo aquí está de parte
dos xaponeses. Había tormentas por todos os bosques, pasei por cidades onde
non estivera antes. As ratas botaban sangue pola boca e polas orellas -iso é bo-,
e o mesmo lles pasaba ás rapazas á beira do camiño. Era esgotador porque todo
fora recrutado. Había moreas de cadáveres e cando te achegabas acababas
descubrindo que a un o mataran co café e a outro con alfinetes; había mortos por
heroína, petróleo, serras eléctricas, laca, cloro, dedais, o cheiro do fume estaba
onde nós estabamos queimando a herba que non quixera colaborar. Os
bolivianos están a traballar coa gravidade; mantense en segredo para non alarma.
Pero nós, nós imos máis lonxe co ruído e hai centos de mortos pola luz en
Madagascar. Quen vai mobilizar a escuridade e o silencio? Iso é o que me
preguntaba polas noites. Ao terceiro día apenas podía camiñar pero baixei ao río.
Había un campamento de soldados chilenos corrente arriba pero non me viron,
e corrente abaixo había catorce vacas pintas bebendo así que souben que tiña que
cruzar polo medio. Pero non sabía de que bando estaba o río; podía axudarme a
nadar ou podía afogarme. No medio a corrente ia con mais forza, a auga era
escura e non sabía se aquilo significaba algo. Estiven na beira moito tempo. Pero

13 13
sabía que aquela era a única maneira de chegar ata alí, así que metín un pé na
auga. Estaba moi fría pero xa non había nada que facer. Cando se dá un paso
adiante non se pode dicir o que vai pasar. A auga sempre fai remuíños arredor
dos teus nocelos.

14 14

You might also like