You are on page 1of 3

Ser palestino en Beirut

Emmanuel Villin
Unha inmersión na realidade, moi frecuentemente esquecida, dos palestinos refuxiados en Líbano.

Ahmad escúsase. A nosa entrevista marcada para a tarde no campo palestino de Borj el-Barajné,
situado no bordo sur de Beirut, non pode durar o tempo previsto. Esa mesma mañá, a armada
israelita bombardeou a localidade de Beit Hannoun, de onde se retirara a véspera. Balance: dezaoito
mortos. "Un masacre", afirma Ahmad. "Tendéronlles unha trampa, é evidente", engade. Organízase
axiña unha manifestación de soporte e de solidariedade coa poboación dos territorios ocupados para
o final do día no recinto do campo. Non contan, para a realizaren no exterior, coa autorización das
autoridades libanesas, que exercen contra os palestinos unha auténtica discriminación.
Borj el-Barajné, ateigado cos seus dezaoito mil habitantes nunha superficie dun quilómetro cadrado,
é un dos doce campos de refuxiados palestinos repartidos polo territorio libanes, e un dos catro cos
que conta Beirut. Os outros tres situados na capital son Chatila (8.212 refuxiados palestinos, e
tamén de nacionalidades estranxeiras ‒sudaneses, srilanqueses, exipcios, sirios‒), Mar Elias (1.612)
e Dbayé (4.000, dos cales a meirande parte cretenses). A maioría dos palestinos do líbano chegaron
en 1948 e, consonte o primeiro censo, que data de 1950, ascendían a 127.600. En 2006, 404.000
estaban rexistrados na Oficina de Rescate e de Traballo das Nacións Unidas para os refuxiados de
Palestina no Próximo Oriente (UNRWA), dos cales algo máis da metade vivían nos campos. De
calquera xeito, non serían máis ca 250.000 os que vivirían no territorio libanés; moitos emigrarían
ás catro esquinas do mundo logo dos decenios, pero permanecen rexistrados en Líbano.
Estas estatísticas son da UNRWA, un organismo creado pola Asemblea Xeral da ONU en 1949. A
UNRWA asegúralles aos 4,4 millóns de refuxiados palestinos (repartidos entre Líbano, Xordania,
Siria, Gaza e Cisxordania) unha axuda vitalicia que atinxe á sanidade, a educación e aos servizos
sociais. Se os refuxiados palestinos de Xordania puideron acadar a nacionalidade do país de acollida
e recoñecéronselles todos os dereitos, os de Líbano son, sen dúbida, os máis desfavorecidos. Non
teñen máis ca un acceso moi limitado aos servizos ofrecidos polo Estado e contan case
exclusivamente coa UNRWA para os servizos básicos. En efecto, os sucesivos gobernos libaneses
trataron sempre a cuestión dos refuxiados baixo a perspectiva política e da seguridade,
desatendendo totalmente o aspecto humanitario. Deste xeito, se os palestinos de Líbano se
consideran refuxiados, son tratados, de feito, coma estranxeiros.
De volta a Borj el-Barajné, situado no bordo da autoestrada que sae de Beirut cara ao sur do país. O
contraste entre a miseria do campo e a cidade deportiva rutilante, inaugurada para a Copa de Asia de
fútbol e que, despois, case non serviu para nada nunca máis, abraia. Da outra parte da estrada
áchase o desmesurado aeroporto internacional Rafic-Hariri, cuxos avións sobrevoan o campo cun
zunido que fai tremer as fiestras con cada despegue ou aterraxe. Para ir ao campo de Borj el-Barajné
non cómpre autorización previa ningunha da armada libanesa, como sucede no caso de Aïn el-
Heloué, preto de Saïda, ou o de Nahr el-Bared, en Trípoli, ao norte. Estes dous campos son
regularmente o teatro de enfrontamentos armados entre faccións rivais e sérvenlles de acubillo a
grupos islamistas, pero tamén aos criminais que tentan escapar das autoridades libanesas. De feito,
as forzas de policía non están autorizadas para entrar no interior dos campos, administrados por
comités populares.
"Xa sabe que é un campo moi tranquilo", tranquiliza Ahmad, vestido cun pantalón caqui e uns
zapatos altos da mesma cor. Por que esa indumentaria? "Cando estás en guerra...", retruca sorrinte o
home de vinte e cinco anos que veu procurarnos á entrada do campo, onde hai un gran pórtico cos
retratos suspendidos de Yasser Arafat e de Cheikh Yassine (o fundador de Hamas asasinado pola
armada israelita en 2004). Para levarnos á Beit Chabé (a 'Mansión do Pobo'), cómpre seguir un
dédalo de pequenas rúas, moi estreitas, que forman un labirinto no que só os habitantes son capaces
de reencontrar o camiño. As casas están construídas de cemento en non exceden dos tres andares. A
luz do sol penetra dificilmente, polo moi pegadas que están as construcións as unhas ás outras. Os
cables eléctricos penduran por todas partes á altura dun home, as augas usadas corren polo medio da
calzada, convertida nun sistema de evacuación adaptado. Os nenos xogan á guerra armados de
madeiras a xeito de metralladoras. Nas paredes, fotos de Yasser Arafat e dos líderes de Hamas, pero
tamén, como novidade, aquí e acolá, retratos de Hassan Nasrallah, o líder do Hezbollah libanés.
'Estamos con Hezbollah cando comate a Israel. Pero no ámbito interior, non apoiamos a ninguén',
explica Ahmad.
Suxeitas a unha mesa na estancia principal da Casa do Pobo, Issam prepara bandeiras para a
maniestación que se celebra en pouco máis dunha hora. Pódese ler 'O noso pobo, pómonos en pé ao
teu carón fronte a Israel', ou 'A nosa resposta a Israel: a unidade nacional'. Chegado en 1948, con
catro anos, coa nai, o pai e os seus cinco irmáns, Issam é o único, xunto coa nai, que vive aínda no
campo. 'Os meus cinco irmás están en Australia desde 1985', a continuación da guerra dos campos
levada contra eles pola milicia chiíta Amal, de Nabih Berry, o actual presidente do Parlamento
libanés. 'Traballei entre 1974 e 1992 en Arabia Saudita, en Omán e despois en Berlín. Pero logo de
regresar, xa non puiden saír de novo. A embaixada de Australia non me dispensa a visa', explica o
ancián sen profesión. Se tivese a oportunidade, había partir 'na primeira ocasión'.
Para Ahmad, a vida no campo de Borj el-Barajné é con moito preferible á dos outros campos. 'Aquí
non temos loitas políticas nin relixiosas. Amais estamos moi preto do centro de Beirut. Podemos
saír, atopar persoas, discutir', explica. Se se achega de cando en vez ao campo de Aín el-Heloué,
para visitar as amizades, non dorme nunca aló, 'por razóns de seguridade'. Moi comprometido
dentro do Fatah, o principal partido da OLP, traballa tamén dentro da ONG Caritas, nos programas
sociais enfocados, en particular, a un reachegamento entre cristiáns e musulmáns. Unha actividade
mal vista por certos palestinos radicais doutros campos, que o acusan de animar a xuventude a se
converter ao cristianismo.
A proximidade de Beirut constitúe unha posibilidade de admisión do mozo, ao que lle gusta ir a
Hamra, o barrio oeste da cidade, frecuentado polos estudantes da Universidade Americana,
periodistas e intelectuais de esquerdas. 'O serán do sábado é sagrado!', declara Ahmad. Das súas
longas xuntanzas para debater con estranxeiros, ou con 'libaneses que non coñecen para nada a vida
nos campos, nin a cuestión palestina', tira un estímulo intelectual, que o conforta no seu
compromiso en prol da causa do 'seu pobo.'
Como vive el as discriminacións que fan dos refuxiados palestinos vítimas en Líbano? 'Somos
ambiciosos, educados, experimentados. Ao final, se non cambian as regras, isto vailles rebentar na
cara', prevé, respecto dos políticos que, logo de decenios, non fixeron nada, ou case nada, para
mellorar a sorte dos refuxiados. Oficialmente, co argumento do dereito ao retorno, e, xa que logo,
en contra do establecemento, o tawtín, as autoridades libanesas rexeitan concederlles os dereitos
cívicos elementais aos catrocentos mil refuxiados palestinos rexistrados no seu pais, logo de
cincuenta anos. Un regreso do máis improblable, cando se sabe que a inmensa maioría dos
refuxiados veñen do norte da Palestina obrigatoria, rexión que forma hoxe parte do Estado israelí.
Líbano tamén se opuxo sempre ao establecemento dos palestinos, porque modificaría o equilibrio
comunitario libanés en prol dos musulmáns sunitas, o que, nun país onde impera o comunitarismo
político, entrañaría trastornos considerables en todos os eidos.
Ahmad finxe non ver a realidade do regreso diante, e di que prefire 'vivir en Gaza, mellor ca acó'.
Un sentimento que non está lonxe de compartir Hoda el-Turk, de UNRWA, que afirma que 'a
situación é peor en Líbano ca nos territorios ocupados.' Se o mozo reclama que se lles concedan os
dereitos cívicos elementais aos palestinos de Líbano, 'por principio e no nome da dignidade
humana', di que 'prefire morrer' antes ca recibir a nacinalidade libanesa. 'Mesmo os libaneses non
queren esta nacionalidade. Mira, marchan todos do seu país!' El mesmo admite preparar os seus
papeis para unirse aos membros da súa familia que teñen comercios en Suecia. 'Desde aló, eu
poderei tamén axudar o meu pobo, quizabes mellor ca acó', asegura.
Pola contra, Ghada, 'orixinaria de Acre e orgullosa de ser palestino', non deixaría por nada do
mundo Beirut, onde viviu sempre, pero fóra dos campos. Esta diplomada en tradución, de vinte e
seis anos, é profesora de francés e de inglés nunha 'escola privada' da capital (os refuxiados
palestinos non poden traballar nos colexios públicos), xa que a lei libanesa non lle permite exercer a
súa profesión de tradutora, unha das numerosas profesións prohibidas para os palestinos (ler máis) 1.
'Sabía que non podería exercer esta profesión, pero escollín estes estudos porque atinxen a todo:
linguas, economía, historia, xeografía...' Curiosa, Ghada éo menos cando se trata do país de orixe de
seu pai e de súa nai. En que ano chegaron seus pais? 'Probablemente en 1948...' Onde se sitúa a súa
vila de orixe? 'Nin idea. Non teño nin sequera o mapa de Palestina na casa'. 'Gustaríame visitar
Palestina, pero non vivir alá. Son beirutina, e quérolle moito a esta cidade. Propuxéronme un
traballo en Dubai, pero rexeiteino; prefiro quedar aquí'. Segundo ela, o feito de vivir sempre fóra
dos campos de refuxiados permitiulle integrarse totalmente na sociedade libanesa. 'Teño acento
libanés; nacín aquí'. Como reacciona ante o feito de ser unha 'cidadá' de segunda clase? 'Que lle vou
facer? Éche como é.'
Ghada e a súa familia pertencen á clase media, que, antes da guerra de 1975, contaba con
numerosos palestinos. Isto non é en absoluto o caso de hoxe, e a inmensa maioría dos palestinos
integran o chanzo máis pobre de Líbano. A situación económica do país, que saíu exsangüe da
guerra entre Hezbollah e Israel o verán pasado, só incrementa esta pobreza, que nada parece poder
atallar. A emigración queda para a xuventude que medrou nos campos como a única posibilidade de
saír. Debe, no entanto, prepararse para un novo exilio.

Os palestinos de Líbano, excluídos de máis de corenta profesións

A decisión do ministro de Traballo libanés, Trad Hamadé, de levantar parcialmente a


prohibición aos refuxiados palestinos de exercer sesenta profesións, permitiralles a algúns
deles atopar traballo? Nada é menos seguro.
Nun memorando datado o 27 de xuño de 2005, o ministro suavizou a lei de 1964, relativa ao
traballo dos estranxeiros no territorio libanés, e que se basea no principio de reciprocidade.
Unha reciprocidade tan inxusta coma insensata, porque a ausencia dun Estado palestino e, xa
que logo, de lexislación laboral palestina, impide aplicar equitativamente ese principio, o que
ten como consecuencia excluír simplemente os palestinos dunha cantidade importante de
profesións. Unha situación que non coñecen os refuxiados palestinos de Siria ou de Xordania.
Malia os progresos recentes, as profesións denominadas ‘sindicadas’ permanecen prohibidas
para os palestinos. É o caso, por exemplo, das profesións médicas, avogados, enxeñeiros,
arquitectos, etc. É o que lle fai dicir a Ghasan Abdallah, da Organización para os Dereitos
Humanos Palestinos (Palestinian Human Rights Organization), que esta medida, de feito,
‘non cambiou nada, porque os refuxiados exercían había moito tempo, clandestinamente, as
profesións autorizadas’. Amais, deben satisfacer cotizacións sociais ‘nas cales non poden
beneficiarse efectivamente do seu estatuto de refuxiados!’ Deste xeito, a gran maioría dos
palestinos de Líbano debe limitarse aos traballos do campo e aos traballos manuais,
especialmente da construción. Pero nestas actividades compiten fortemente coa man de obra
siria, máis barata, porque o costo da vida en Siria é moi inferior ca a de Líbano.
Esta discriminación ten como consecuencia empurrar moita xuventude diplomada a
abandonar Líbano e ir a outros países árabes, a Europa ou a América. Desta forma, a
representación da UNRWA no Líbano ten unha oficina que se encarga de establecer o
contacto con empresas instaladas nos Emiratos Árabes Unidos.

1 Supoño que se refire a que se pode procurar máis información (N do T)

You might also like