You are on page 1of 7

PROBAS TRIMESTRAIS PARA O DESENVOLVEMENTO DAS COMPETENCIAS CLAVE

Neste apartado incluímos tres probas, unha para cada trimestre, onde se traballan as sete
competencias clave que se re- collen no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se
establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na
Comunidade Autónoma de Galicia.
Estas sete competencias clave son:
– Comunicación lingüística (CCL).
– Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT).
– Competencia dixital (CD).
– Aprender a aprender (CAA).
– Competencias sociais e cívicas (CSC).
– Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).
– Conciencia e expresións culturais (CCEC).

Estas sete competencias clave son as que todas as persoas precisan para a súa
realización e mais o seu desenvolvemento persoal, así como para a cidadanía activa, a
inclusión social e o emprego.
Estas probas están estruturadas do mesmo xeito: constan dun texto de apoio xunto
cunha serie de actividades, centradas na presentación das sete competencias clave desde
a súa funcionalidade, que contribuirán a que o alumnado teña unha formación integral
para as relacións sociais e para as situacións da vida.

1.º TRIMESTRE (unidades 1, 2 e 3)

Por Tutatis! O novo de Astérix, en galego!

O 22 de outubro de 2015 publicarase o 36.º álbum de Astérix e Obélix, O papiro do


César, segundo se anunciou este martes na feira do libro de Boloña. O libro contará de
novo coa autoría do guionista Jean-Yves Ferri e o debuxante Di- dier Conrad, que xa
realizaron en 2013 Astérix e os pictos. E, ao igual que sucedera con ese álbum,
poderemos ler en ga- lego a nova entrega dos valentes galos, publicada pola editorial
Xerais, como confirmaba Manuel Bragado no seu blog. En Boloña Ferri e Conrad
adiantaron que a acción da nova entrega se desenvolverá na Galia e «coma sempre
sucede en Astérix haberá batallas, novos personaxes, un moi perigoso e zoinamoina,
romanos a labazadas e se abordará un tema característico da sociedade moderna».
Ademais da importancia indiscutible para a historia da literatura e da banda dese- ñada
destes heroes creados por Uderzo e Goscinny, Astérix e Obélix teñen unha ligazón
especial coa cultura galega, pois trátase dun dos poucos cómics dos que existe unha
tradición de edición en galego, con máis de 20 álbums traducidos
dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco
Amor.
Astérix e os pictos foi o primeiro álbum que non contou coa participación de ningún dos
seus creadores, Albert Uder- zo e o xa falecido René Goscinny. O propio Uderzo e Anne
Goscinny, filla de René, elixiron para darlles novos azos á serie a Jean–Yves Ferri,
guionista de sutil vis cómica coñecido sobre todo pola serie Le retour à la terre, e Didier
Conrad, debuxante que debe a súa sona a títulos como Les innommables e Tigresse
blanche.
Antes da publicación en galego desta nova aventura, a comezos do mes de maio
estarán dispoñibles nas librarías as novas edicións na nosa lingua da terceira e cuarta
entrega da serie, Astérix e os godos e Astérix gladiador, traducidas por Xavier Senín e
Isabel Soto.
www.praza.gal
– Comunicación lingüística (CCL).
• Exemplifica se no texto aparecen todas as letras ou grafías do alfabeto da lingua
galega. Indica tamén se hai letras ou grafías que non formen parte do alfabeto galego.

– Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía


(CMCCT).
• Localiza os numerais cardinais e ordinais e reescríbeos con letras ou con cifras e
viceversa.

– Competencia dixital (CD).


• Procura información en Internet sobre os debuxantes e guionistas que tiveron as
historias de Astérix e Obélix.

– Aprender a aprender (CAA).


• Procura nun dicionario impreso e/ou dixital o significado das palabras do texto que non
entendas.

– Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).


• No texto fálase dunha iniciativa emprendedora desenvolvida por Eduardo Blanco Amor
desde 1976. Cal é? Que outra iniciativa emprendedora do mesmo estilo farías no
século XXI?

– Conciencia e expresións culturais (CCEC) e Competencias sociais e cívicas (CSC).


• Coñeces os títulos dalgunhas das versións en lingua galega (tanto en banda deseñada
como en filmes de animación) das aventuras de Astérix e Obélix?
2.º TRIMESTRE (unidades 4, 5 e 6)

Benquerida irmá,
Tía, non contas nada! Dicías no correo anterior que estabas en Barcelona co macuto
feito xa para tirar cara ao sur. Xa chegaches? Que visitaches? Granada? Cádiz? Málaga?
Quero que mo describas todo polo miúdo, cóntame todo o que eu non podo ver. É a
Alhambra tan espectacular como din? Xa que estás aí cruza a África, non imaxinas a gana
que teño de poder ir por min mesmo. Pero, namentres esta cadeira de rodas me ten
inmobilizado na casa, agardo que ti mo contes. Pero cóntamo! Aínda que só sexan 140
caracteres por Twitter. Abóndame con iso, será como apañar os chícharos de Polgariño, ir
seguindo as túas sensacións polo mundo adiante.
Recordos de papá. Non para de preguntar por ti e mándanos abrir o correo cada noite
antes de cear para ver se te dignas a mandarnos unhas liñas.
PD. Non sexas cutre, escribe, sobre todo a mamá, porque te bota moito de menos.
Acende o teléfono algo máis, ou polo menos busca onde conectarte a Skype máis dunha
vez á semana. Amólame recoñecelo pero eu tamén te boto algo de menos.
Leo pechou a conexión sen escribirlles unha soa liña. Había días en que a morriña
afogaba as palabras. Mañá, prome- teu, conectareime polo Skype nun ordenador con
cámara de vídeo. Amais de escoitar a súa voz, apetecíalle velos, aínda que fose no
espello deformante dunha cámara web barateira, como todas as dos cíbers.
Rosa Aneiros: Ámote Leo A.

– Comunicación lingüística (CCL).


• Que tipo de texto é o anterior?
• En que rexistro ou rexistros está escrito? Pon exemplos que xustifiquen a túa resposta.
• Que quere dicir o irmán de Leo cando afirma: «será como apañar os chícharos de
Polgariño, ir seguindo as túas sensacións polo mundo adiante».
• Que quere dicir a voz narradora cando afirma: «Había días en que a morriña afogaba as
palabras».
• Escribe o chío que Leo publicaría da súa estadía en Andalucía.

– Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía


(CMCCT).
• O irmán de Leo afirma que xa que está no sur, debería cruzar a África. Empregando
Google maps <https://maps. google.com> indica cal é a distancia entre Barcelona e
Cádiz e entre esta cidade andaluza e Tánxer (Marrocos).

– Competencia dixital (CD).


• Que son Twitter e Skype. Fai unha breve recensión na que expliques o seu
funcionamento e utilidade.

– Aprender a aprender (CAA), Conciencia e expresións culturais (CCEC) e


Competencias sociais e cívicas (CSC).
• No texto fálase da Alhambra, que é? Onde está? A Alhambra foi declarada en 2004
«Ben de Interese Cultural», que significa isto? Busca en Galicia algún monumento que
recibise esta clasificación.

– Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).


• Fai unha pequena guía turística do teu lugar de orixe, indicando: como chegar, onde
durmir, onde comer, que visitar etc.
3.º TRIMESTRE (unidades 7, 8 e 9)

Imaxinan pasar por diante dun escaparate e atopar dentro un grupo de actores e
actrices representando unha obra de teatro? Seguro que máis de un xa sabe do que
falamos. Quen aínda non o saiba xa pode ir abrindo ben os ollos cando saia facer os
recados, porque o grupo teatral Chévere está xa a poñer en marcha o seu «Escapárate».
Este proxecto pre- tende dinamizar o comercio local e achegar o teatro ó que é, segundo
esta compañía, o seu espazo natural; a rúa. Co seu director artísitico, Xesús Ron,
reflexionamos sobre estas iniciativas e sobre a situación do teatro en Galicia.
—Está claro que nos tempos que estamos hai que renovarse. Nesas está o Grupo
Chévere, non si, Xesús? En que consiste o proxecto «Escapárate».
«Escapárate» é un proxecto de dinamización do pequeno comercio a través do teatro.
Xurdiu no 2003 a petición dunha asociación de comerciantes de Compostela. Nós
propuxémoslles facer teatro dentro dos escaparates, pezas breves adaptadas ou
deseñadas especificamente para este tipo de espazos e que se repiten varias veces ao
longo dun día como se fose un festival de teatro nos escaparates. Desta maneira,
ofrécese ao público unha ruta teatral que o convida a andar e pasear polas rúas da súa
vila á procura dos comercios e do teatro. É un convite a vivir as nosas vilas de maneira
distinta e a deixarnos sorprender. Non é que os comercios participantes vaian
necesariamente gañar máis cartos ese día, senón que o teatro actúa atraendo
potenciais clientes, que obteñen unha experiencia positiva. Isto mellora a valoración do
comercio de proximidade entre veciños, visitantes e medios.
—E como está a resultar? Que aceptación está a ter e como reacciona a xente?
Nos últimos anos esta experiencia levouse a cabo en sitios como Pontedeume, Viveiro,
Lugo ou Pontevedra. En todos os casos acadou unha grande asistencia de público, no
caso das cidades totalmente desbordante, transformando incluso a dinámica habitual
das rúas comerciais destas vilas. De súpeto ves un cento de persoas paradas e rindo
diante dun escaparate, e ao longo do día vaise correndo a voz de que algo está pasando
que non te podes perder. (…)
—De que tipo de espectáculos estamos a falar? Que tipo de obras representades?
Moitas veces son pezas realizadas especificamente para un tipo de comercio. Por
exemplo, fixemos unha peza de baile para zapaterías, unha lectura colectiva para unha
libraría, outra que fala da relación entre un manequín e un comercian- te que funciona
moi ben en tendas de roupa. Temos metido a un mago nunha xoiería e nun ultramarinos.
Marionetas nunha tenda de deportes. A uns clowns nunha colchoaría. Aos tres tenores
nunha tenda de decoración. E mesmo fixe- mos unha vídeo-instalación nunha pastelería.
Sempre usando o escaparate como escenario.
http://www.noticieirogalego.com/

– Comunicación lingüística (CCL).


• Quen é e a que se dedica Xesús Ron?
• «Escapárate» é o nome desta iniciativa teatral que é un xogo de palabras, explícao.
• Busca no texto palabras do campo semántico dos establecementos comerciais e
defíneas.

– Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía


(CMCCT) e Competencia dixital (CD).
• Que é unha vídeo-instalación?

– Aprender a aprender (CAA).


• No enlace http://www.teatrogalego.com/p/companias-teatrais.html tes acceso ás
páxinas web de diversos grupos de tea- tro galegos. Escolle tres e fai unha breve
resensión destes: localidade, historia, tipo de teatro que fan, obras que repre- sentaron
etc.
– Competencias sociais e cívicas (CSC).
• No texto Xesús Ron afirma: «Desta maneira, ofrécese ao público unha ruta teatral que o
convida a andar e pasear polas rúas da súa vila á procura dos comercios e do teatro. É
un convite a vivir as nosas vilas de maneira distinta e a deixarnos sorprender». Cres
que os espectáculos teatrais melloran a vida dos cidadáns e cidadás? Fai un breve texto
no que deas a túa opinión.
– Conciencia e expresións culturais (CCEC).
• Fai un cartel que anuncie o «Escapárate» na túa vila.

– Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE).


• Explica que é unha asociación de comerciantes e que se entende por comercio
de proximidade.

You might also like