You are on page 1of 2

HISTORIA DA ARTE

OPCIÓN A

DATOS TÉCNICOS DA OBRA


NOME: Panteón de Agripa ou panteón (pan: todo, theón=deus) de Roma.
AUTOR: descoñecido. A cúpula atribúese a Apolodoro de Damasco.
CRONOLOXÍA: levantado no s. I a.C (27-25 a.C) por encargo de Agripa (xenro de Augusto), foi reconstruído
e totalmente remodelado no s. II polo emperador Adriano.
LOCALIZACIÓN: no Campo de Marte, Roma (Italia).
ESTILO: arte romana imperial

A construción do Panteón de Agripa coincide co nacemento do Imperio Romano, etapa da historia de Roma
que se estende desde o 27 a.C. ata o 476 dC. O imperio xurdiu trala da vitoria de Octavio Augusto sobre
Marco Antonio no ano 27 a.C. Aínda que Octavio nunca se proclamou emperador, de feito, asumiu tódolos
poderes do Estado e inaugurou a primeira dinastía de emperadores, a dinastía Xulia-Claudia. O Imperio
estableceu novas estruturas económicas, políticas e relixiosas para administrar un territorio cada vez máis
grande.
A obra de construción do Panteón comeza en época de Augusto, cando o seu ministro e xenro Agripa
mandou a súa realización, en pleno Campo de Marte, como homenaxe ao emperador, pois hai unha
inscrición no friso do pórtico que así o indica, xunto cunha data de execución; Ano 27 a.C (século I antes de
Cristo). Nun incendio do ano 80 sufriu graves desperfectos, sendo restaurado en época de Domiciano (81 ao
96 d. C). Volveu a incendiarse en época de Traxano, e reconstruíuse totalmente polo emperador Adriano,
segundo plantexamentos arquitectónicos diferentes dos iniciais.
Como dixemos, o Imperio Romano foi un dos maiores que existiron; os romanos asimilaron moitos dos
elementos e das características dos pobos que foron conquistando, sobre todo dos etruscos e dos gregos,
admirando especialmente a estes últimos. De tódolos xeitos, Roma transformaba eses elementos, polo que
chegou a ser unha cultura orixinal, propia e inconfundible. Xunto a Grecia, Roma forma a cultura clásica,
unha das bases da cultura occidental.
Na arquitectura romana adoptáronse elementos esenciais da arte grega, como as ordes clásicas, a forma do
templo ou moitos dos elementos decorativos. Sen embargo, en moitos outros aspectos, a arquitectura
romana non é só diferente, senón radicalmente oposta. Por exemplo, para os gregos era máis importante o
exterior que o interior do edificio. Para os romanos, en cambio, o interior está tan coidado como o aspecto
exterior. Outra diferencia é que na arquitectura grega, as cubertas eran fundamentalmente adinteladas,
mentres que nos edificios romanos aparecen os espazos abovedados e cupulados, empregando
profusamente o arco de medio punto. Ademais, Roma introduce novos materiais, novas técnicas
construtivas, novos tipos de edificios, e un pragmatismo e unha monumentalidade descoñecidas na
arquitectura grega.
En resumo, a arquitectura romana era práctica, utilitaria e funcional. Para a construción usáronse pedras de
todo tipo, como a mármore, pero o material máis novidoso, máis barato e máis usado foi o formigón ou
cemento conglomerado, xunto ao ladrillo, este de orixe mesopotámica.

Trátase dun edificio relixioso, un templo dedicado a diferentes divindades (que se situaban nos nichos ou
exedras). Os romanos levantaron templos rectangulares, cuadrangulares e circulares, como os gregos, pero
introducindo novidades orixinais, tal como se aprecia na obra presente, un dos edificios máis fermosos e
perfectos da arquitectura romana.
En canto aos materiais de construción empregados, está realizado principalmente a base de formigón de cal,
cascote e fragmento de ladrillo. Logo a cúpula tamén presenta no seu interior materiais liviáns como pedra
volcánica, cerámica, etc. As 16 columnas do pórtico son de granito exipcio. No interior destacamos o
emprego de mármore e tamén o bronce na cúpula.
Este recinto sagrado é a obra mestra dos templos romanos. Combina a planta circular coa rectangular, o que
deu orixe a unha solución arquitectónica moi atrevida, mostra do dominio técnico da enxeñería romana.
Na entrada atopamos un profundo pórtico octástilo, con dobre ringleira de 8 columnas corintias (16 en total),
e dispostas en 3 naves (a central máis ancha e abovedada e as laterais con teitumes planas). Sobre esas
columnas disponse o arquitrabe en tres bandas e un friso e un frontón. Xa no interior, vemos un espazo
rectangular a modo de propíleo e con dous nichos laterais. A continuación, entramos nunha enorme nave
cilíndrica: o diámetro e a altura teñen as mesmas dimensións (43,5 m), o que crea unha sensación espacial
única.
Pero o protagonismo e relevancia está na cúpula. É unha das cúpulas máis importantes da historia da arte e
de gran influencia en obras posteriores. Tratábase da maior cúpula construída ata aquel momento. Isto
supuxo un auténtico reto polas dimensións e peso deste tipo de cubertas. Aséntase nun anel mural realizado
en formigón, formado a base de cal, cascote e fragmento de ladrillo. Presenta un sistema tan perfectamente
estudado que fai que o edificio non presente contrafortes e permita abrir no interior capelas e exedras. A
cúpula, para reducir o seu peso, consta de dúas paredes paralelas, recheas de materiais liviáns (pedra
volcánica, cerámica...) e ladrillos grandes colocados en liñas concéntricas para unha mellor trabazón. Así
mesmo alíviase o seu peso abrindo arcos de descarga sobre as exedras interiores, é dicir, entre os piares,
para que o peso caia precisamente sobre estes. Outro medio de alixeirar o seu peso foi diminuírlle o grosor
en altura, de tal xeito que na parte inferior ten o mesmo grosor que o cilindro, 6 metros, máis este vai
diminuíndo en altura ata o nivel do óculo que so ten 1,5 metros de grosor.
En canto ao alzado interior, conséguese unha sensación espacial que configura una centralización do espazo
grazas ao seu trazado circular e á propia forma e altura da cúpula. Destacan as exedras e nichos que se
abren dando lugar a unha alternancia de parte curva e parte rectangular, correspondendo a eixes axiais
marcando unha cruz. A parte cupulada presenta casetóns, que diminúen o tamaño en altitude, o que acentúa
a sensación de abstracción, agudizada polo grande óculo circular de nove metros de diámetro que ilumina
homoxeneamente e de forma difusa e suave toda a estancia.
Para rematar, cómpre dicir que o edificio ten un carácter de símbolo cósmico; o círculo é o ceo, representa a
bóveda celeste e define un eixe vertical de connotacións sacras que se vai subliñando coa decoración que
tiveron os casetóns; pintados de azul e cunha estrela dourada no centro. O interior constitúe unha constante
alusión á cosmoloxía romana. A cúpula, por exemplo, está dividida en cinco círculos de 28 casetóns cada
un, que simbolizan os días do mes luar, e que tamén poden lerse como as cinco esferas concéntricas do
sistema planetario antigo, co sol no centro.

En definitiva, o Panteón é un edificio grandioso e tecnicamente perfecto, unha obra mestra da enxeñería
romana, ao solucionar magnificamente o problema das cargas e das presións, un exemplo do enorme grao
de mestría que acadaron os arquitectos e os enxeñeiros romanos.
O Panteón nunca deixou de estar en uso: pechado ao culto pagán no s. IV e saqueado polos bárbaros no
410, salvouse de males maiores ao ser transformado en igrexa católica no 608-609, a Igrexa de Santa María
dos Mártires (advocación que conserva hoxe en día), estando nela ademais varios sepulcros ilustres (artistas
como Rafael e Vignola ou reis italianos como Víctor Manuel II e Humberto I).
A súa grandiosa cúpula foi admirada por artistas posteriores, como os arquitectos renacentistas, influíndo na
cúpula de San Pedro, de Miguel Anxo (quen chegou a dicir que non era unha construción humana senón
anxelical) e noutras cúpulas levantadas durante o Barroco.

You might also like