You are on page 1of 16

1.

Balneario Acuña:

Nome:​ Balneario Acuña

Ubicación:​ Rúa da Ferrería, 2. Caldas de Reis

Tipoloxía:​ edificio privado dedicado ao servizo hoteleiro

Estilo:​ modernismo

Cronoloxía: As primeiras edificacións datan do século XIX pero o edificio actual é de 1 de


xullo de 1906

Historia: Don Pedro Acuña y Malvar, secretario do monarca Carlos IV, comezou a súa
construción pois ao sufrir de moitos problemas dixestivos pasaba longas tempadas en Caldas de
Reis para beber das súas augas termais. Cando se recuperou, decidiu mercar as fincas ondes estaban
estas fontes termais para apoveitalas e construír unha Casa de Augas.

O primeiro proxecto encargoullo ao arquitecto Don Melchor de Prado y Mariño (responsable


da Colexiata de Vigo e do Teatro Principal de Santiago de Compostela), pero a morte de Don Pedro
paralizou a obra cando só se edificara o piso de abaixo e parte das habitacións do piso alto.

A comezos do século XX todo o terreo pasaría ás mans de Elisardo Domínguez Rosados, un


rico indiano establecido en Caldas de Reis. O encargado de darlle a forma actual ao balneario sería
o insigne enxeñeiro palentino, Jenaro de la Fuente Domínguez. No ano 2007 o balneario sufriu
outra reforma na súa totalidade.

Unha das súas principais atraccións é a piscina termal, que renova a súa auga constantemente,
auga que alcanzao durante todo o ano os 30º C. Debido ao carácter termal das súas augas, pódense
realizar variados tratamentos terapéuticos que permiten poñer en valor a súas propiedades.

Descrición: ​edificio con habitacións todo confort para uns 100 hóspedes, terraza, resturante,
teatro, billares, salón de lectura, xunto cun departamento de baños e augas con toda clase de
adiantos que a hixiene moderna e o luxo de primeiros de século esixían.

Ten unha galería na fachada norte. Consta de sótano, planta baixa, tres pisos e planta con
bufarda. A fachada principal ten un corpo destacado no centro, composto por tres vans e dous
corpos laterais. A esquina esquerda é redondeada.

Relevancia: ​unha das grandes casas de baños de Caldas de Reis e tamén de toda a provincia
de Pontevedra. Atópase na entrada da vila polo que é tamén un dos primeiros lugares que ven os
nosos visitantes cando entran en Caldas desde o sur.
2. Balneario Dávila:

Nome:​ Balneario Dávila

Ubicación:​ Rúa Laureano Salgado, 11. Caldas de Reis.

Tipoloxía:​ edifcio privado dedicado ao servizo hoteleiro

Estilo:​ ecléctico

Cronoloxía: as primeiras construcións datan de 1780 pero a casa de baños actual é de 1880 e
a fachada do hotel de 1923.

Historia: ​Don Joaquín Dávila y Mariño, natural da Pobra do Caramiñal, escribán da vila e
xurisdición de Caldas de Reis, constriu a casa de baños Dávila en 1780. Tiña por aquel entón tres
piscinas de diferentes tamaños e temperaturas (entre 32º e 28º).

En 1880 tras unha reforma esta casa de baños pasa a ser un Balneario e co peche das piscinas
ábrense 6 salas individuais con bañeiras de mármore, 2 salas para tratamentos respiratorios e unha
consulta médica entre outros.

Debido ao gran éxito entre a numerosa colonia de agüistas, os que eran os propietarios nese
momento deciden edificar e reformar o edificio principal, dando paso ao Hotel que se inaugura no
ano 1923.

En 1998 fíxose a última reforma co derrubo total do interior do hotel, non así do Balneario,
pero conservando o valor histórico e ambiental do interior á vez que se adaptaba ás novas demandas
dos tempos.

Descrición: ​obra eclecticista que ten dúas plantas e na que destaca a decoración da súa
fachada principal, presidida por unha réplica dunha ara romana (a orixinal está perdida) descuberta
no balneario coa seguinte inscrición: EDOVIO ADALVS CIOVTAI V S L M (Adalo ou Adaio,
fillo de Cloutai cumpriu de bo grao o voto ofrecido a Edovio), é dicir, o agrademento que esta
persoa lle fai a Edovio, deus rexional que se consideraba que quentaba as augas.

Na actualidade aínda conservan en perfecto uso os aparellos mercados en 1880 para realizar
os diversos tratamentos termais.

Relevancia: ​unha das grandes casas de baños de Caldas de Reis e tamén de toda a provincia
de Pontevedra. Atópase xunta á Fonte das Burgas (Fonte Quente) o que lle outorga unha situación
inmellorable para a contemplación por todos os nosos visitantes.
3. Casa do Concello:

Nome:​ Casa do Concello de Caldas de Reis

Ubicación: ​Rúa Ferrería, 1. Caldas de Reis.

Tipoloxía: ​edificio público é o principal edificio administrativo.

Estilo: ​Descoñecido

Cronoloxía: ​Descoñecida

Historia: no pasado tamén serviu como cárcere, pero na actualidade concentra a maior parte
dos servizos municipais: policía local, salón de plenos, despacho de alcalde, rexistro municipal,
arquivo, etc.

Descrición: edificación feita en perpiaño granítico, de planta rectangular con dous andares e
cuberta a dúas augas. O edificio artícúlase ao redor dun patio interior tamén rectangular. Na fachada
principal destacan as cinco rúas verticais separadas por pilastras. Na rúa central podemos ver a porta
principal de acceso, un balcón voado e unha espadana dun só oco e remates en pináculos no cume.
No pasado o edificio funcionou como cárcere.

Relevancia: é o edificio da Casa do Concello, sendo polo tanto o principal edificio


administrativo. Atópase xusto na entrada da vila.
4. Casas modernistas e eclécticas:

Neste apartado falaremos de varias vivendas pero o sobre todo do Palacete modernista de
Laureano Salgado e debido a isto tamén realizamos unha ficha sobre a súa vida.

4.1. ​Palacete modernista de Laureano Salgado:

Nome: ​Casa de Laureano Salgado ou Edificio do Banco Pastor

Ubicación: ​Avenida Pedro Mateo Sagasta, 3. Caldas de Reis.

Tipoloxía: ​edificio privado, sen ningún uso na actualidade.

Estilo: ​modernista-ecléctico

Cronoloxía:​ construido en 1897 polo enxeñeiro Jenaro de la Fuente.

Historia: ​ver biografía de Laureano Salgado

Descrición: ​é un edificio de planta baixa con un piso e faiado. O tellado é de pizarra


amansardada, bufarda e unha cúpula coroada na esquina.

Construiuse con granito finamente labrado con silladres refundidos no chafláns


semicircular e laterais dun só van nas dúas fachadas principais.

O seu estilo ecléctico permítelle o uso de variados elementos arquitectónicos e


decorativos.

As portas foron obra do tallista compostelán, Jesús Landeira, autor entre outros
traballos do mausoleo para Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.

Relevancia: ​Está xusto na entrada da vila, nada máis pasar a ponte da Ferrería, o que
lle outorga unha gran visibilidade.

Foi sede do Banco Pastor durante moitos anos e durante a época da Restauración
serviu como lugar para imprimir un xornal (​Fray Prudencio)​ favorable ao Partido Liberal.

4.2.​ ​Laureano Salgado:

Nome: ​Laureano Salgado Rodríguez

Cronoloxía: ​5/5/1847 a 5/5/1930


Biografía: foi un dos máis destacados impulsores da electrificación de Galicia e un
dos máis importantes empresarios da época anterior á Guerra Civil.

Fillo dun modesto carpinteiro, estudou no Seminario de Santiago, e adquiriu


coñecementos de comercio, que lle permitiron instalarse como almacenista de tecidos na súa vila
natal, Caldas de Reis, no ano 1868.

Coa axuda do seu irmán José, que era avogado, comezou no ano 1885 a ampliar o
abano dos seus negocios, coa construción en Vilagarcía da que sería a popular casa de baños de La
Concha de Arousa.

Asociouse co banqueiro vigués Manuel Bárcenas Franco, conde de Torrecedeira.


Participará no negocio turístico en Vigo e Baiona e xogará un papel determinante na constitución da
Toxa como unha das capitais do turismo balneario español.

Máis tarde pasou aos negocios relacionados coa explotación das infraestruturas
portuarias de Vilagarcía, e moi especialmente no sector industrial. Foi un dos impulsores e
principais socios da Azucarera Gallega en Portas e tamén como da Cerámica de Dena.

Moi destacado sería o seu papel no sector da industria eléctrica como propietario da
empresa La Hulla Blanca coa que creou as centrais hidroeléctricas de Almofrei (Cotobade), Pego
Negro (Gondomar), Aranza (Soutomaior) e Ponte Inferno no Río Verdugo. Non esquezamos a súa
participación na hidroeléctrica de Segade (Caldas de Reis).

Tamén foi promotor de varios xornais como ​Fray Prudencio e ​El Mirlo Blanco​, e un
dos promotores da construción do popular monumento á Virxe da Rocha en Baiona (iniciado en
1910).

No eido da política destacou como o cacique que controlaba e amañaba as eleccións


no distrito electoral de Caldas de Reis durante toda a etapa da Restauración, favorecendo ao Partido
Liberal, en concreto á familia Sagasta.

Foi deputado provincial (1898) e alcalde de Caldas de Reis (1913). Os seus irmáns
tamén tiveron un papel destacado no eido da política.

Podemos atopar o seu busto na entrada do Xardín de Caldas de Reis.

4.3. ​Vivenda na Rúa Real:

Nome: ​Edificio de vivendas da Rúa Real.

Ubicación: ​Rúa Real, 36. Caldas de Reis.

Tipoloxía: ​vivenda privada de uso residencial.

Estilo: ​ecléctico.

Cronoloxía: ​século XIX e século XX


Descrición: ​edificio de estilo ecléctico feito a base de perpiaño granítico, con baixo
e dúas alturas e cuberta a tres augas. A fachada principal, que combina partes enfoscadas e pintadas
con outras con ladrillo, aparece dividida en tres rúas verticais na que destacan os arcos de medio
punto e escarzanos no primeiro andar, e lintelados con clave no segundo.

4.4. ​Chalet Villa Augusta:

Outro efidificio singular que pode ser obra do enxeñeiro Jenaro de la Fuente, situado
en Rúa A Veiga, 2 (Caldas de Reis). Edificado a comezos do século XX por encargo de Modesto
Martínez, alcalde de Caldas de Reis. Edificio privado de uso residencial que conta con planta baixa
e primeira planta cunha fachada de liñas sinxelas onde destacan a verticalidade das ventás e as
portas. Tomouse como modelo un chalet de Poio proxectado para Augusto González Besada.

5. Cruceiros e petos de ánimas:

Esta ficha abarca numerosos cruceiro e petos de ánimas, e aínda poden poñerse máis de ser
necesario.

Tipoloxía:

Cruceiro: monumento relixioso constituido por unha cruz de pedra, cunha ou varias
imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en
lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas, etc., lugares nos
que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza.

O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura


galega, intimamente vencellado á paisaxe rural galega. Xorde nos máis inesperados recunchos e
constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Non se coñece o número dos existentes en
Galicia, e a distribución por provincias é desigual, observándose unha maior abundancia nas
provincias da Coruña e Pontevedra e sendo máis escasos en Lugo e Ourense.

Petos de ánimas: atópanse nos camiños e encrucilladas de toda Galicia e son unha
das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas. O seu significado vén
da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para
chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada
na mentalidade popular galega.

A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para
a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade
no ceo. Unha ve liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda, Por tanto, trátase de procurar a
salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.

É frecuente que ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas
ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece algún favor feito, porque
acostuman a axudar aos vivos. Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles
flores no seu recordo.

5.1. Cruceiro do adro da Igrexa de Santo Tomé:

Cruceiro situado ao carón da Igrexa de Santo Tomé. A súa cronoloxía é descoñecida.


Cruceiro de tipo “De Crucifixo” con plataforma cuadrangular de dous chanzos e
pedestal cuadrangular achafranado. Ten un varal historiado, cuadrangular no seu primeiro tercio e
octogonal ata o capitel. Na parte cuadrangular e recadrada mostra as figuras da paixón: sable,
tenaza, cravos, isopo, columna, galo, cántaro, man, coroa de espiñas, martelo, tralla, lanza e
escaleira. Na parte oitavada e pola parte do anverso móstranos as figuras de Adán e Eva e enriba
outra figura ¿? en sentido orante sobre un pedestal. Polo reverso do varal hai sobre un pedestal cun
anxo debaixo, a Virxe Coroada coas mans pregando. O capitel é cuadrangular con ábaco de lados
curvos e vértices achafranados. Ten volutas, círculos cunha cruz dentro e querubíns. O astrágalo é
octogonal do que sae unha figura vexetal en forma dun xérmolo. A súa cruz é circular, leñosa con
nós. Polo anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con tres cravos e as mans pechadas. Inclina
a cabeza lixeiramente á dereita cunha coroa de espiñas. O seu pano de pureza vai anoado á dereita.
Polo reverso da cruz fica a Virxe enriba dun pedestal con forma de vieira, pregando e coas mans no
peito. O cruceiro é todo de granito cun bo estado de conservación.
5.2. Cruceiro da Ponte do Río Bermaña:
Cruceiro situado sobre a ponte do río Bermaña. Data da idade moderna, séculos
XVI-XVII.

Cruceiro de tipo “De Crucifixo” sen plataforma, situada no pretil da ponte romana do
río Bermaña. Ten un pedestal cuadrangular combinado cunha moldura circular na que vai o varal
tamén circular. Leva un capitel cuadrangular co astrágalo circular. Óllase unha pequena fenda pola
parte do seu anverso e reverso. A súa cruz é cuadrangular e no seu anverso presenta a Cristo
Crucificado con tres cravos e as mans pechadas. Inclina a cabeza cara á dereita cun pergamiño coas
siglas INRI. O seu pano de pureza semella ir sen nós. Polo reverso da cruz fica a Virxe en actitude
de orar coas mans no peito sobre unha peaña dun anxo con ás. O cruceiro é todo de granito cun
estado bo a regular de conservación.

5.3. Cruceiro da Alhóndiga:


Cruceiro situado na Rúa Alhóndiga de Caldas de Reis e de cronoloxía descoñecida.

Cruceiro de tipo “De Crucifixo” con plataforma cuadrangular de tres chanzos e


pedestal cuadrangular cunha moldura circular enriba. O varal é octogonal comezando en cadrado
cunha figura sobre pedestal pola parte do reverso. Ten un capitel cuadrangular con astrágalo
octogonal e ábaco cadrado de lados rectos ademáis de distintas figuras. A súa cruz é cuadrangular
cos brazos con mediacana e remates florenzados con botón central. Polo anverso da cruz presenta a
Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de
espiñas e un pergamiño coas siglas INRI. O pano de pureza semella estar anoado cunha corda. Polo
reverso da cruz fica a Virxe coroada co Neno no colo. O cruceiro é todo de granito cun bo estado de
conservación.

5.4. Cruceiro da Fontiña:


Cruceiro situado na lugar de San Martiño na parroquia caldense de Arcos da
Condesa. Ten partes tanto da idade moderna (séculos XVI-XVIII) como do século XIX.

Estamos ante o terceiro emprazamento deste cruceiro. O sitio primixenio estaba ao


carón do portal da casa dos Fontiñas, onde tamén existía unha antiga presa de auga. Nos anos 60 foi
arranxado o vello camiño da aldea poñendo pedra con morteiro no camiño e o cruceiro foi
trasladado enriba da fonte e con el tamén a presa. Nos derradeiros anos, ao sanear a fonte, volveu
ser trasladado e agora preside o lavadoiro e a presa de auga de rego das hortas do enxido.
A base do cruceiro é o mesmo muro da presa e lavadoiro, sendo esta cúbica con dúas
molduras e bocel superior. O varal octogonal ten dúas figuras, unha delas representa a San Antonio
de Padua, (ten amputada a cabeza suponse por mor dos traslados) e San Martiño. Coróase cun
capitel cadrado con molduras onde se apoia a cruz. No fronte amósase a figura de Cristo con tres
cravos, mans pechadas, nó do pano de pureza no centro e o pé dereito por riba do esquerdo, todo
baixo cartel de INRI. Detrás, imaxe da Virxe das Dores sobre nube e cuberta cun manto.
5.5. Cruceiro de Marán:
Cruceiro situado no lugar de Marán da parroquia caldense de Arcos da Condesa.
Data do século XX.

Cruceiro moderno, foi levantado no ano 1967 como aparece sinalado na base. Ten
por alicerce soamente un chanzo no que se ergue unha primeira base tronco-piramidal de grandes
proporcións que a súa vez sostén a verdadeira base cúbica na que se finca o varal. A base presenta
as arestas altas rebaixadas O fuste é primeiramente rectangular e despois octogonal. Capitel de catro
lados curvos con botóns florais no centro, espirais nas esquinas e follas por abaixo. Cruz cilíndrica
con vultos simulando os nós da madeira. Figura só polo anverso cun Cristo de tres cravos baixo
cartel de INRI e pegado á cruz. Mans abertas, nó do pano na banda dereita e o pé dereito cubrindo o
esquerdo.

Destacan os longos epígrafes na base escritos en galego (hai que ter en conta que
estábase baixo a ditadura de Franco cando foi levantado) e sendo un dos poucos en utilizar o noso
idioma no concello.

Na base podemos ler:

-“Onde se ergue este cruceiro foi pazo de Souto Maran dos Lopez Nodal, caste dos
famosos navegantes Bartolomeu e Gonzalo, que fixeron a descuberta do estreito chamado de
Lamaire 1.817”.
-“A sua filla e herdeira doña Xoaquina Lopez Nodal Mariño de Lobeira casou con
don Xose Maria Gonzalez Pardo Losada señor de Cardexia Herbes e Rebel.”
-“Queimaron o pazo os franceses e mataron nel ao derradeiro señor deste apelido
don Melchor Lopez Nodal. 1.809”

5.6. Cruceiro de Fieitoso:

Cruceiro situado no lugar do Fieitoso na parroquia caldense de Carracedo. Data do


século XIX.

Cruceiro que nace sobre dous chanzos de sección cadrada. A súa base aparece unida
ao chanzo superior e ten forma tronco piramidal. Nel aparecen varias lendas de difícil lectura pola
súa erosión.

O varal comeza en sección octogonal e segue en sección cilíndrica.


A continuación o capitel cadrado no que podemos ver rostros de anxos con ás nos catro lados.
O conxunto remata nunha cruz tipo latina na que aparece a imaxe de Cristo crucificado baixo
cartela de INRI.

Segundo engade Estanislao Fernández de la Cigoña no seu libro, “o cruceiro debeuse


facer ao pouco de morrer Don Mateo José Conde no ano 1843 e posto que finou en maio ben
podería estar ergueito polo fillo do finado a finais dese mesmo ano”.

Os cruceiros e petos de ánimas de máis de 100 anos están protexidos polo Decreto
571/1963, de 14 de marzo, “sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos
de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico”; ademais, teñen a
consideración de Bens de Interese Cultural (BIC) segundo o establecido na disposición adicional
segunda da Lei 16/85 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español; así o recoñece e garante a
Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia.

5.7. Calvario de Santa Mariña de Carracedo:


Cruceiro situado no lugar do Campo na parroquia caldense de Carracedo. A súa
cronoloxía é descoñecida.

Calvario formado polo cruceiro central de maior tamaño e dous laterais máis
pequenos.

O cruceiro central nace sobre unha plataforma de sección octogonal feita en


cachotería. A continuación dous chanzos de sección octogonal. A base, de sección troco-piramidal,
presenta varios relevos que mostran caveiras, tíbias cruzadas e lagartos. O varal nace cunha sección
cadrada cos catro lados decorados con tíbias cruzadas, caveiras, cravos e a cruz de Santo André. A
continuación o varal segue en sección cilíndrica con acanaladuras e con dúas imaxes (San Francisco
e Santiago Apóstolo). O capitel é de estilo xónico con motivos vexetais, volutas e cabezas de anxo.

O cruceiro remata cunha cruz na que podemos ver as imaxes de Cristo crucificado
baixo cartela de INNRI no anverso, e a Virxe no reverso.

A cruz do lateral esquerdo nace sobre unha base tronco-cónica. Posúe sección
octogonal coas arestas rebaixadas.

A cruz do lateral dereito nace sobre unha base cúbica. Posúe sección octogonal coas
arestas rebaixadas.

5.8. Cruceiro do cemiterio de Santa Mariña de Carracedo:

Cruceiro situado no lugar do Campo na parroquia caldense de Carracedo. A súa


cronoloxía é descoñecida.
Cruceiro situado no interior do cemiterio que nace sobre unha base cúbica de arestas
rebaixadas. O seu varal, de sección octogonal, posúe relevos na parte superior.
Un capitel algo tosco dá paso a unha cruz de arestas rebaixadas e remates florenzados.
Ao carón do cruceiro existe unha mesa con funcións de altar.

5.9. Cruceiro do cemiterio de Santo Tomé:

Cruceiro situado na Rúa Xosé Salgado, s/n de Caldas de Reis. A súa cronoloxía é
descoñecida.

Este cruceiro, situado no interior do cemiterio, nace sobre dous chanzos de sección
cadrada. A súa base cúbica posúe unha pequena moldura na parte superior. A continuación o varal
de sección cilíndrica que nace sobre unha plataforma circular.
O capitel con decoración en volutas dá paso a unha cruz de sección cilíndrica na que
aparecen as imaxes de Cristo crucificado baixo cartela de INRI no anverso, e a Virxe das Angustias
con Cristo no colo no reverso.

5. 10. Peto de ánimas de San Antón:

Peto de ánimas situado no Paseo Román López de Caldas de Reis, ao carón do Asilo
de Anciáns. A súa cronoloxía é descoñecida.

Consiste nunha fornela con arco de medio punto e protexida cun enreixado metálico.
No seu interior podemos ver unha imaxe de Santo Antón de recente factura.

O peto, situado na parte inferior da fornela, posúe unha lenda que di:
“LIMOSNA PARA LOS ANCIANOS PAN DE LOS POBRES”.

5.11. Peto de ánimas do Ameal:

Peto de ánimas situado no lugar do Ameal na parroquia caldense de Arcos da


Condesa, a carón da capela de Santa Lucía. 
 
​Posúe unha fornela con arco de medio punto e protexida por un enreixado metálico.
No seu interior podemos ver unha imaxe relixiosa de recente factura e sen valor artístico.

5. 12. Oratorio e Cruz dos Camiñantes:

Peto de Ánimas e Cruz situados no lugar das Cortiñas na parroquia caldense de


Carracedo. A súa cronoloxía é descoñecida.

Peto de ánimas de tipo pechado composto dunha pequena capela feita a base de
perpiaño granítico, con planta cadrada e cuberta a tres augas e cruz pétrea de remate. O acceso
realízase por unha parte porticada.

No interior podemos ver un retablo pétreo policromado no que aparecen as imaxes


da Virxe do Carme co Neno no colo con dous anxos aos lados e outro agarrado ao escapulario. Por
debaixo unha imaxe dun freire con tres almiñas.

Ao carón deste Oratorio podemos ver a Cruz dos Camiñantes. Cruz que nace sobre
tres grandes chanzos de sección cadrada. A continuación vemos unha dobre base cúbica superposta,
ambas coas arestas rebaixadas.

O conxunto remata cunha cruz de pequeno tamaño de sección octogonal.

5. 13. Peto de Santo Antón no barrio de San Roque:

Peto de ánimas situado á beira da estrada N-550 en San Roque, 98 (Caldas de Reis).
Descoñecemos a súa cronoloxía.

Atópase encaixado na fachada duna casa á beira da estrada. Peto pequeno de tipo
pechado que carece de reixa protectora. Non lle vemos caixa de esmolas por ningures.
No interior do fornelo hai unha imaxe ruda, de pedra, que representa a Santo Antón
co meniño Xesús no colo. Carece de cores.

6. Pazos e Casas Grandes Barrocas:

Esta ficha abarca numerosos elementos históricos e patrimoniais, ademais é unha das máis
complexas.

Tipoloxía:

-Casa Grande: ​vivenda rural que procede directamente da villa romana. Ten unha
economía pechada ao contar con caseiros traballadores e criados, verdadeira clientela pois
vencéllanse á familia pola gratitude e o afecto.

É de gran tamaño e costuma ter no exterior algunha horta, fonte, pozo e tamén
pombal. En ocasións os fidalgos campesiños poñen os seus escudos enriba da porta lembrando as
súas reais ou imaxinadas glorias de antano.

-​Pazo: son casas señoriais típicas de Galicia. Consisten nunha casona rodeada por un
terreo para a labranza, o cal tende a incluir vides emparradas, nun recinto pechado por un muro. O
Pazo galego soe ser de grandes sillares de roca granítica, moi maciza, e é frecuente que posúa
algunha torre con almeas. Os escudos de armas das familias posuidoras atópanse normalmente nun
lugar moi visible da fachada do edificio.

O pazo ten unha orixe xurisdicional e arrinca dos vellos señoríos, castelos,
encomendas, etc.

-​Casa urbana: ​frecuentemente contan con soportais, corpo voado da casa que deixa
un paso por baixo, marabilloso recurso dos paseantes nos días do inverno en que a chuvia non deixa
andar por fóra. Os soportais atópanse en madeira, máis é pouco frecuente, sendo a maior parte de
pedra e, cando a casa acada unha certa categoría, as dianteiras das casas sostéñense en arcos de
medio punto e fortes piares ou columnas.
Normalmente os seus baixos servían como lugar de almacenamento pero tamén para
establecer comercios ou obradoiros.

Estilo: ​Debido ao uso do granito, material de construción moi corrente en Galicia, o Barroco
ten algunhas peculiaridades. A dureza deste material fai que non se poida realizar unha decoración
fina e delicada polo que atoparemos fachadas construídas con sillares sen decoración, a excepción
dos escudos heráldicos das familias propietarias das mesmas.

Historia: a maior parte dos propietarios destas vivendas eran fidalgos, membros da máis
baixa nobreza que en Galicia eran numerosos e chegaron a alcanzar gran poder e relevancia, ao
facerse con numerososas terras que cedían aos campesiños en contratos de foro (forma de
arrendamento), permitíndolles vivir de rendas sen ter que traballar. Debido a isto son moitas as
vivendas deste estilo que contan con escudos heráldicos nas súas fachadas.

6.1. Casa de Dona Urraca:

Propiedade privada non visitable. Casa blasonada urbana, cun escudo no que aparece
a serea dos Mariño, tan frecuente nestas terras. Está ao lado da ponte Bermaña, no comezo da Rúa
Real, sendo un dos rincóns máis fermosos da vila. A casa, feita a base de perpiaño granítico de dúas
alturas e cuberta a tres augas, posue unha galería ou solaina apoiada sobre pilares directamente no
mesmo río e tamén cunha pequena ponte de cemento de principios de século que atravesa o río.
Parece ser que data do século XVIII.

6.2. Casa Barba Figueroa:

Atopámola na Rúa Real, 10 (Caldas de Reis). É unha vivenda urbana entre as


medianeiras do Casco Vello de Caldas de Reis, feita a base de perpiaño granítico de planta
rectangular con baixo, un andar e unha cuberta a tres augas. Descoñecemos a súa cronoloxía.

É a vivenda fidalga da familia dos Barba de Figueroa, unha das familias con maior
antigüidade (aparece na vila nos primeiros anos do século XVI), familia da que varios dos seus
membros mantiveron ligazóns familiares con nobres galegos, de feito, podemos atopar dous
escudos heráldicos coas armas das familias da Torre, Figueroa, Castro, Bazán, Galván, Valladares e
Barba de Figueroa. Conta con soportal e na fachada principal podemos ver dúas columnas de
sección cilíndrica.

6.3. Casa Bayón:

Tamén coñecida polo nome de tabacalera é unha vivenda urbana situada na Rúa
Real, 1 (Caldas de Reis). Ten dúas plantas (a baixa e o primeiro andar) xunto con dous escudos na
súa fachada que pertencen a dúas familias de distinta linaxe. Vivenda renacentista do século XVII
realizada con sillares de granito, planta cuadrangular e tellado a dúas augas.

6.4. Pazo Curuxal:

Vivenda privada situada na parroquia caldense de Santa María, no lugar de Tivo (42º
35' 31.9" N - 8º 38' 29.9" W).

Casa solariega coñecida como o pazo Curuxal, nome vinculado á ave nocturna
relacionada con crenzas populares sobre o presaxio que o canto monótono e lastimeiro da curuxa
ten da morte. A situación desta vivenda co seu pombal, coa simbólica árbore do pino manso ao
fondo e os escudos nobiliarios nas fachadas da casa, dan unha sensación de antiguidade.

Os señores que fundaron e viviron no pazo Curuxal, estiveron vinculados nas súas
orixes cos Varela de Casalnovo, os Mosquera do Pazo da Peroxa, cos Boceta Caamaño de Santa
María e os Bermúdez de Castro de San Payo de Figueroa.

6.5. Pazo de Casalnovo:

O pazo de Casalnovo é unha vivenda renacentista (século XVI) de propiedade


privada situada na parroquia caldense de Santa María, no lugar dos Barreiros (42º 35´ 26.9´´ N – 8º
38´ 15.9´´ W).

Conta con planta irregular cun sótano, onde se atopa a bodega. Ademais, ten planta
baixa e un piso máis ao que se accede a través dunhas escaleiras interiores de madeira. No seu
edificio principal podemos ver unha torre que remata nuns pináculos e tamén un portalón que nos
leva ao patio exterior. Conta tamén con un terreo de máis de 37000 metros cadrados dedicados ao
viñedo.

Os seus propietarios, os Varela, eran unha familia adiñeirada con numerosos pazos
como en varios lugares das provincias de Lugo e Pontevedra como por exemplo o Pazo da Buzaca
en Moraña (Pontevedra).

7. Outras:

A continuación incorporamos tres fichas que poden servir para completar a explicación
dalgún outro elemento patrimonial.

7.1. ​Praza de Abastos:

Pode ser útil para completar a explicación da Rúa Real.

Nome: ​Praza de Abastos de Caldas de Reis.

Ubicación: ​Rúa Real, 63. Caldas de Reis

Tipoloxía: ​obra arquitectónica de carácter público

Estilo: ​ecléctico

Cronoloxía: ​inaugurada o 12 de outubro de 1929

Historia: ​Juan Fuentes Echevarría, emigrante caldense que se fixo rico co millo en
América, constriu no seu concello natal o edificio da Praza de Abastos, na memoria da súa nai
Graciana de Echevarría e o seu tio.

En 1930, o Concello por expreso desexo do mesmo e tras o donativo de 23500


pesetas enviado por Don Juan Fuentes, constriu unha fonte para ampliar e complementar as obras
da Praza de Abastos.
Descrición: ​edificio de planta baixa con tellado a dúas augas. Na fachada principal
destaca a inscrición en recordo do doante e a súa familia así como dous baixorrelevos en bronce a
cada lado coas efixies da da nai e o tío do doante, realizadas polo escultor José María Acuña.

Na súa fachada, tamén destaca a fonte que se atopa protexida nun nicho no arco
central da fachada que culmina cunha semicúpula revestida de cerámica vidrada en esmalte
dourado, todo isto dalle un carácter monumental e unha singularidade escenográfica ao conxunto.

Relevancia: un dos edificios máis recoñecibles dentro da Rúa Real de Caldas xunto
co feito de ser un dos lugares con máis vida ao servir de mercado, en especial os luns.

7.2. ​Francisco José de Caldas, “Sabio Caldas”:

Debido ao seu traballo e a que é alí onde ten a placa que conmemora o seu
bicentenario, pode ser útil para completar a explicación do Xardín.

Nome: ​Francisco José de Caldas y Tenorio, “Sabio Caldas”

Cronoloxía:​ 4/10/1768 a 29/10/1916

Biografía: ​pertenceu á clase privilexiada dos crioulos ilustrados que non vían con
bos ollos a presenza do representante da coroa española. A súa ascendencia atopámola en Galicia,
en concreto nos concellos de Caldas de Reis e de Cuntis.

Realizou notables estudos botánicos e trazou diversos mapas. Foi o primeiro director
do Observatorio Astronómico de Bogotá e fundou, en 1807, o Semanario de Nueva Granada.

Participou na loita pola independencia de Colombia fronte ás tropas realistas


españolas, ocupando diversos cargos e realizando fortificacións, construindo baterías, foxas e
pontes.

Remataría sendo apresado polas tropas do xeneral Pablo Morillo e condenado a


morte por fusilamento. Coméntase que ante as peticións de clemencia o xeneral dixo “España no
necesita sabios”.
Morrería fusilado e os seus restos descansan no Panteón dos Próceres de Popayán
(Colombia).

Fitos destacados: ​levantou o primeiro croquis do río Magdalena, levantou a carta


meridional do reino de Nova Granada, mediu a latitude de varios lugares como Popayán e
estableceu as súas coordenadas, inventou o hipsómetro, colaborou con José Celestino Mutis e
coñeceu a Alexander von Humboldt.

No ano 2016 conmemorouse o bicentenario da súa morte e como acto de desagravio


e recoñecemento tanto no Concello de Caldas como na Biblioteca Nacional de Madrir realizáronse
diversos actos e colocáronse varias placas conmemorativas.

7.3. ​Campaneiros de Arcos:

Debido ao labor realizado e a súa proximidade, pode ser útil para completar a
explicación dalgunha igrexa, en especial, Santa María de Caldas.

Nome:​ Campaneiros de Arcos da Condesa

Ubicación:​ lugar de Badoucos, 6. Arcos da Condesa (Caldas de Reis).

Tipoloxía: obradoiro privado de fundición de campás e metais finos a cargo dos


Irmáns Ocampo.

Cronoloxía: ​os inicios do obradoiro atopámolos no século XVII, en 1630


concretamente. Na actualidade segue a usarse.

Proceso de elaboración: ​o máis complexo do proceso é a elaboración dos moldes.


Son moldes de barro superpostos, dos que se eliminará a parte intermedia, facendo encaixar os
outros, entre os que se introducirá o metal fundido.

Os moldes entérranse e fanse uns regueiros, polos que circula o metal fundido, que
se introduce dentro do molde, por un orificio que queda aberto. Os pesos das campás oscilan entre
os 150 e os 2000 kg.
Relevancia: neste obradoiro realizaron tanto as campás de Bastavales mencionadas
por Rosalía de Castro como unha campá da madrileña Catedral da Almudena (2´3 toneladas, a de
maior tamaño e volume realizada por este obradoiro).

Os traballadores deste obradoiro son depositarios e custodios dos segredos dunha


industria artesanal que segue subsistindo nun contexto constantemente ameazado pola produción
industrial en serie.

You might also like