You are on page 1of 2

A REVOLUCION RUSA E A URSS

A CAÍDA DO TSARISMO EN RUSIA

A principios do século XX, en Rusia gobernaba unha monarquía absoluta, encabezada polo tsar.
Existía un Parlamento ou Duma, pero os seus poderes estaban moi limitados.
A economía era eminentemente agraria, aínda que se iniciara a industrialización, que propiciou a
aparición da poboación obreira.
Tamén xurdiran distintas forzas políticas opostas ao tsarismo, que representaban a diversos grupos
sociais: burgueses, campesiños e obreiros. Os principais partidos de oposición eran os
socialrevolucionarios (liderados por Kerenski) e as dúas grandes correntes obreiras revolucionarias,
os menxeviques (moderados) e os bolxeviques (radicais, liderados por Lenin).

• A revolución de 1905.
En 1905, o exército tsarista foi derrotado na guerra que sostiña con Xapón, o que agravou a crise
económica que se vivía nese momento.
O 9 de xaneiro, estalou a revolución, cando as masas populares se dirixiron ao Palacio de Inverno
en San Petersburgo para protestar pola situación. A resposta foi unha violenta represión, que se saldou
con numerosos mortos, polo que se coñece como domingo sanguento.
Os campesiños e obreiros organizáronse en sóviets (consellos ou asembleas populares) e o tsar viuse
obrigado a facer algunhas concesións, como a elección por sufraxio universal da Duma. Non obstante,
nos anos seguintes o monarca incumpliu os seus compromisos e volveu ao poder absoluto.

• A revolución de febreiro de 1917.


En 1914, Rusia entrou na Primeira Guerra Mundial. Pronto, as derrotas militares e o desabastecemento
crearon un gran malestar cuxa represión favoreceu a unión da oposición ao tsar.
A revolución de 1917 comezou coa manifestación do 23 de febreiro en San Petersburgo, que
desembocou nunha folga xeral. O 27 de febreiro creouse un Goberno Provisional, en que o
moderado Kerensky era a figura máis destacada. O tsar foi obrigado a abdicar. Paralelamente,
obreiros, campesiños e soldados formaron sóviets favorables aos bolxeviques, que pedían o abandono
da guerra, a mellora das condicións de vida dos obreiros e a repartición de terras.

A REVOLUCIÓN DE OUTUBRO DE 1917 E A GUERRA CIVIL RUSA

Entre marzo e outubro de 1917, o Goberno Provisional e os sóviets pugnaron polo poder. Lenin chegou
do exilio e estableceu o programa para pasar á revolución proletaria, coa toma do poder pola vía
insurreccional.
Os días 24 e 25 de outubro de 1917, os sóviets, controlados polos bolxeviques, lograron a caída do
Goberno Provisional. Inmediatamente, o goberno revolucionario negociou a saída da guerra por medio
do Tratado de Brest-Litovsk, firmado o 3 de marzo de 1918, e decretou a repartición de terras aos
campesiños pobres.
O país quedou dividido entre os partidarios do tsarismo e os defensores do sistema político liberal, que
crearon o exército branco; e os bolxeviques, que formaron o exército vermello. Ambos os bandos
enfrontáronse nunha guerra civil que durou tres anos (1918-1921) e que gañaron os bolxeviques.
A guerra civil fixo necesaria a orientación da economía cara a un comunismo de guerra que
garantise o abastecemento do exército. Isto supuxo a nacionalización da industria e a colectivización
do campo.
Durante esta etapa sentáronse as bases do novo Estado: todas as decisións quedaron en mans do
Partido Comunista, prohibíronse os demais partidos e instaurouse a ditadura do proletariado.
A FORMACIÓN DO ESTADO SOVIÉTICO (1921-1929)

En 1921 estableceuse a Nova Política Económica (NEP) co obxectivo de reconstruír a estragada


economía. Autorizouse o libre comercio interior e permitiuse a propiedade privada de pequenas e
medianas empresas industriais. Estas medidas provocaron o crecemento da economía.
En 1922 naceu a URSS (Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas), unha federación de repúblicas
multiétnica; e en 1923 elaborouse a primeira Constitución. A organización política era controlada polo
partido único: Partido Comunista ou PCUS. Co obxectivo de estender a revolución fóra da URSS,
Lenin creou en
1919 a Terceira Internacional (Komintern ou Internacional Comunista), que propiciou o xurdimento
de partidos comunistas en distintos países seguindo o modelo centralizado do PCUS.
A DITADURA ESTALINISTA (1929-1953)

Tras a morte de Lenin en 1924, desatouse na URSS unha dura loita polo poder. O país estivo dirixido
por unha troika ou triunvirato da que formaba parte Stalin, que logrou facerse con todo o poder en 1927;
desde entón e ata a da súa morte en 1953, gobernou con man de ferro, destacando os seguintes
aspectos:
 A concentración do poder na persoa de Stalin, que o exerceu de forma ditatorial; era o xefe
do Estado e o secretario xeral do PCUS, dous cargos que lle outorgaban o control total do país. Non
estaba permitida ningunha crítica ou disidencia; a persecución e eliminación dos opositores foi
unha práctica habitual (procesos coñecidos como purgas stalinistas). Individuos e pobos enteiros
foron internados en campos de concentración,«GULAG», ou deportados en masa a Siberia. Miles
de carteis de propaganda e de estatuas lembraban permanentemente os soviéticos quen exercía o
poder na URSS.
 A planificación económica. A partir de 1928 a economía soviética estivo dirixida e planificada
desde o Estado, que establecía as prioridades e os volumes a alcanzar en cada unha das ramas
produtivas para un período de cinco anos (Plans quinquenais). Tina prioridade a industria de base
e de armamento, así como as fontes de enerxía, deixando nun segundo plano as industrias de bens
de consumo. Con estas medidas a economía soviética experimentou un gran crecemento e a URSS
converteuse nunha gran potencia industrial e militar.
 A colectivización agraria. Os campesinos foron obrigados a reunir a súas terras e gando en
granxas colectivas (kolkhoz), traballando de forma comunitaria, e debían alcanzar as cotas de
produción marcadas polo Goberno; únicamente conservaban a propiedade da súa casa e un pequeno
horto. Ademáis creáronse granxas estatais de carácter experimental (sovkhoz), e para
aproveitar ao máximo o emprego da maquinaria agrícola establecéronse as MTS (estacións de
maquinaria e tractores). As protestas campesiñas contra estas medidas foron numerosas e tiveron
un alto custo en vidas humanas, pero o Estado conseguiu aumentar considerablemente a produción,
aínda que cunha baixa produtividade.

A NEP foi a Nova Política Económica, establecida en 1921 co obxectivo de reconstruír a menoscabada
economía rusa. Deixóuselles aos agricultores cultivar e vender libremente, autorizouse o libre comercio
interior e permitiuse a propiedade privada de pequenas e medianas empresas industriais. O Estado mantivo
baixo o seu control os transportes, o comercio exterior, a banca e as grandes empresas.
Abandonouse o «comunismo de guerra» (a política posta en marcha en 1918 para abastecer a fronte e as
cidades durante a guerra e que consistiu na nacionalización da industria, a colectivización do campo e as
requisas de gran aos campesiños) porque a guerra civil se deu por concluída en 1920.
A NEP provocou o crecemento da economía. Os propietarios industriais e comerciais e os campesiños
adiñeirados (os «kulaks») enriquecéronse, polo que a burguesía rexurdiu. Isto provocou fortes tensións e
un amplo debate dentro do partido.
Denominábase «GULAG» un campo de concentración ruso. A maioría dos campos de concentración durante
a ditadura estalinista situábanse en Siberia; a eles enviáronse miles de persoas en condicións infrahumanas
e traballos forzados.
Un PLAN QUINQUENAL era un plan que duraba cinco anos e no que se fixaban os obxectivos económicos
que se debían conseguir e os recursos que se usarían para logralos.
Un «KOLKHÓS» era unha granxa que funcionaba en réxime de cooperativa, é dicir, unha granxa
comunitaria ou colectiva.
Un «SOVKHÓS» era unha granxa estatal administrada directamente por funcionarios e que utilizaba man
de obra asalariada.
Bolxevique: Facción maioritaria e máis intransixente do Partido Socialdemócrata, que tiña por obxectivo
era implantar a ditadura do proletariado.
Autocracia: Goberno absoluto, sen control parlamentario nin independencia xudicial.
Duma: Parlamento na Rusia tsarista.
Kulak: Campesiño adiñeirado na Rusia de principios do século XX.

You might also like