You are on page 1of 7

Tema 27 – Nacemento e Expansión do Islam

1. A Arabia preislámica

A península arábiga é o marco xeográfico onde xorde a relixión islámica a partir da predicación do
profeta Mahoma no S. VII, e desde onde se extenderá nos séculos seguintes unha cultura e
civilización baseadas nos preceptos desta nova fe, abranguendo un vasto territorio dende a
península ibérica ata Asia central.

O período anterior á chegada do Islam é coñecido na tradición musulmana como Idade da


Ignorancia (Jahiliyyah). A península arábiga non fora integrada no Imperio Romano, agás a
provincia de Arabia Pétrea. O medio físico é extenso (3 millóns de km2) e complexo, con barreiras
naturais e zonas inhabitables. Carlos de Ayala distingue sete rexións:

a) Iemen e Hadramaut no SO, rica e productiva. Coñecida dende a antigüidade (Arabia Felix,
posible localización do Reino de Saba), nexo marítimo entre o mar Vermello, o Océano
Índico e o corno de África. No S. VI é anexionada polo Imperio Sasánida.
b) O Hiyaz ao NO, franxa costeira fértil xunto ao mar Vermello. Rexión de tránsito caravaneiro
entre Iemen e Siria, inclúe as cidades da Meca e Yatrib, centros comerciais. A Meca,
dominada pola tribo Quraysh no S. VI, era tamén centro relixioso.
c) O Nayd no centro, cos desertos de Nafud (norte) e Rub al-Khalí (sur), pouco habitado.
d) O corredor de oasis entre os desertos, que comunica o Hiyaz co golfo Pérsico.
e) A rexión de Hira no NE, xunto ao golfo Pérsico e Mesopotamia. Os lakhmíes, cristianos
nestorianos de orixe iemení, crean un reino fronteirizo co Imperio Sasánida.
f) A rexión de Gassán no NO, xunto ao golfo de Aqba. Os gassaníes forman un reino cristiano
monofisita aliado co Imperio Bizantino.
g) Omán no SE, xunto ao golfo de Ormuz, rexión de pescadores.

Alén das fronteiras naturais de Arabia, ao norte se atopaban dous grandes imperios: bizantinos ao
NO e sasánidas (persas) ao NE, desgastados polas contínuas guerras.

Alén das sociedades sedentarias de iemeníes, gassaníes e lakhmies, e as cidades do Hiyaz,


transitadas por comerciantes e peregrinos, a maioría da poboación estaba formada por beduínos,
pobos nómadas que habitan as marxes dos grandes desertos, adicados á cría de camelos, o pastoreo,
o comercio e o pillaxe. Todos estes pobos teñen unha división tribal, subdividida en clans e
familias; un patriarca (sheikh) dirixe cada clan.

A relixión preislámica carece de panteón integrado. Distíngue dous niveis de seres trascendentes: os
yinn ou espíritos, asociados a elementos naturais (fontes, pedras...); e divinidades astrais e estelares.
Destacan os santuarios, especialmente a Kaaba na Meca, que alberga a Pedra Negra, obxecto de
peregrinacións e procesións xunto co pozo de Zamzam.

Nalgunhas rexións habitan minorías monoteístas: dende o S. II testemúñanse comunidades xudeas


en Iemen e Yatrib, e cristianas (xeralmente nestorianas) na Meca e Yatrib; tamén eran cristianos os
gassaníes e lakhmíes fronteirizos. No S. VI aparecen os hanif, que rexeitan o politeísmo e optan por
un unitarismo abrahámico.
2. Mahoma

Mahoma, de nome completo Abū al-Qāsim Muḥammad ibn ʿAbd Allāh ibn ʿAbd al-Muṭṭalib ibn
Hāshim, é o profeta (nabī) fundador do Islam. Segundo a tradición musulmana é o selo dos profetas
(khātam an-nabīyīn), derradeiro dunha serie de mensaxeiros (rasul) enviados por Deus (Allah).

Sinala Claude Cahen que Mahoma é o fundador relixioso cun perfil histórico mellor definido. Entre
as fontes destacan as biografías (sira), especialmente a de Ibn Ishaq (S, VIII, perdida pero moi
citada por Ibn Hisham no IX), xunto ao Corán e os hadiths.

Mahoma nace en 570 na Meca, membro dos Banu Hashim, clan da tribo Quraysh. Fillo póstumo de
Abd Allah, fica baixo protección do avó Abd al-Muttalib e posteriormente do tío Abu Talib, ao que
acompaña dende adolescente en viaxes comerciais a Siria. Aos 25 anos casa cunha viúva rica,
Khadija, converténdose nunha figura respectada na cidade.

Segundo a tradición, cara 610, nun retiro nunha cova do monte Hira, comeza a recibir as
revelacións de Allah por voz do arcanxo Gabriel; estas continúan durante toda a súa vida. Tres anos
despois comeza a súa predicación na Meca, atraendo seguidores pero tamén desconfianza das
autoridades Quraysh da Meca, lideradas por Abu Sufyan.

En 619, Mahoma perde a os seus valedores, Abu Talib e Khadija. Tralo descubrimento dun complot
para asasinalo, fuxe da Meca a Yatrib (xuño de 622), de onde fora chamado como mediador; esta
fuxida con setenta seguidores (Muhajirun) coñécese como héxira, e marca o inicio do calendario
islámico. Yatrib é coñecida en adiante como Medina (Madinat an-Nabi, "cidade do profeta"), e os
novos conversos reciben o nome de ansar; alí Mahoma é influído pola xudaísmo e constrúe a
primeira mesquita (masyid).

A comunidade islámica de Medina comeza a asaltar as caravanas da Meca, desembocando en


choques violentos nas batalla de Badr (624) e do Foso (627). Paralelamente Mahoma consolida o
poder en Medina, expulsando ás tribos xudías. Mediante pactos, atrae o apoio das tribos árabes,
afogando económicamente á Meca. Finalmente, entra en 630 na Meca sen apenas resistencia,
conseguindo a conversión das autoridades mequíes e transformando a Kaaba en santuario da nova
fe. Mahoma falece en 632.

3. A doutrina do Islam

A mensaxe de Mahoma parte das bases das dúas relixións abrahámicas, o xudaísmo e o
cristianismo; considera que é a mesma ca dos profetas bíblicos, como Ibrahim (Abraham), Yusuf
(Xosé), Musa (Moisés) ou Isa (Xesús), cuxas palabras foran adulteradas. O Islam ("sumisión"),
cuxos crentes reciben o nome de musulmáns (muslim, "sometidos"), contempla seis artigos de fe
(aqida):
a) Nun único deus, Allah (tawhid).
b) Nos anxos (malaika).
c) Nas escrituras sagradas (qutb).
d) Nos profetas (nabi) e mensaxeiros (rasul).
e) No Día do Xuízo (Qiyama).
f) No destino divino (Qadar)

O Corán (Qur'an, "recitación") é considerado o libro que recolle literalmente, en árabe, as


revelacións de Allah a Mahoma, memorizadas ou escritas por seguidores. O texto definitivo
establécese no califato de Uthman (c. 653) por Zayd ibn Thabit. Divídese en 114 suras compostas
por un total de 6.236 versículos (ayat). As suras están ordenadas por extensión decrecente (agás a
inicial), non cronolóxica; todas agás a 9 comezan polo basmalah ("no nome de Allah, o Clemente, o
Misericordioso"). 86/92 suras foran reveladas na Meca no 610-622, curtas e de tono místico; 22/28
en Medina no 622-632, longas e de contido normativo e organizativo. A eséxese empregada para
interpretar o Corán denomínase tafsir.

A sunna é un conxunto de preceptos e prácticas tradicionais baseado nos ditos e feitos de Mahoma
(hadiths), cada un dividido no comentario do profeta e os nomes dos transmisores. A primeira
compilación crítica é realizada por al-Bukhari no S. IX, e inclúe 7.275 hadiths autentificados (de
60.000 examinados); no S. XI ibn al-Qaisarani agrupa seis compilacións no Kutub al-Sittah.

Os cinco alicerces do Islam, recollidos no hadith de Gabriel, son:


a) A profesión de fe (shahada): a adhesión ao Islam formúlase declarando "dou fe de que non
hai máis deus que Allah e Mahoma é o seu mensaxeiro".
b) A oración (salat): cinco veces ao día en dirección á Meca, tralas ablucións rituais; o venres
na mesquita.
c) A esmola aos pobres (zakat): establecida nun 2,5% dos aforros.
d) O xexún (sawm) do mes de ramadán: abstención de comer, beber e realizar certas accións do
amencer ao solpor.
e) A peregrinación á Meca (hayy): unha vez á vida se se dispón de recursos; inclúe rituais
inspirados na entrada de Mahoma.

Outra das obrigas, cun carácter comunitario, é a yihad ("esforzo"), orixinariamente acción armada
para a expansión do Islam ou loita defensiva do dominio islámico. Rematado o período de
expansión, a yihad adquire unha natureza menos belicista, baseada no esforzo por mellorar a
comunidade.

4. Os califas ortodoxos (632-661)

Os sucesores de Mahoma na dirección da comunidade musulmana (umma), cun papel relixioso,


político e militar, son coñecidos como califas. Os catro primeiros reciben apelativo de ortodoxos
(rashidun): Abu Bakr, Umar, Uthman e Ali, todos musulmáns temperáns da tribo Quraysh.

Abu Bakr (632-634), sogro de Mahoma (pai da favorita do profeta, Aisha), é o primeiro califa.
Debe facer fronte á ridda ou revolta das tribos beduinas, en moitos casos instigadas por profetas que
pretenden continuar a revelación (Musaylima), conseguindo reunificalas.

Umar ibn al-Khattab (634-644) consolida o papel da oligarquía urbana mequí (Quraysh) e
comercial medinesa dentro da umma; segundo a tradición establece un consello (shura) de seis
membros Quraysh para nomear sucesor. Emprende tamén un plan expansivo do califato:
a) Ao N a Mesopotamia sasánida (futuro Irak); tralo asedio de Ctesifonte (637) e a batalla de
Nehavend (642) toda Persia é ocupada. O Imperio Sasánida desaparece formalmente no 651.
b) Ao NO a franxa sirio-palestina bizantina; a batalla do río Yarmuk (636) marca a decadencia
bizantina; Xerusalén é tomada en 638 e todo o territorio é ocupado cara o 640.
c) Ao O o Exipto bizantino; Alexandría capitula en 641, proseguindo as conquistas cara Nubia
e Trípoli

Estas victorias atribúense a varios factores:


a) O impulso relixioso da nova fe.
b) A necesidade de botín e de establecer rutas comerciais.
c) O papel unificador da guerra.
d) A debilidade dos imperios bizantino e sasánida tras dúas guerras (572-591 e 602-628), unido
ao factor sorpresa.
e) O papel de xudeus e cristiáns non ortodoxos (monofisitas, nestorianos, coptos), favorables
ao avance musulmán pola súa tolerancia e facilidades para a conversión.

Uthman ibn Affan (644-656), membro do clan Omeia, acentúa a política favorable aos intereses dos
Quraysh mequíes, atraendo o descontento dos ansar medineses e dos lexitimistas de Alí; tamén é
responsable da codificación definitiva do Corán. Morre asasinado por soldados exipcios.

A elección como sucesor de Ali ibn Abi Talib (656-661), curmán e xenro de Mahoma (casado coa
súa filla Fátima), causa descontento de Aisha e membros do clan Omeia; comeza a primeira fitna ou
guerra civil, entre partidarios de Ali e da preeminencia dos Quraysh. Alí vence aos partidarios de
Aisha na Batalla do Camelo (656); trala batalla de Siffin (657), na que as tropas de Alí son
derrotadas polas do gobernador de Siria Muawiya (fillo de Abu Sufyan), aparece outro bando, os
kharíitas. No 659 o arbitraxe de Adruh establece a responsabilidade de Alí no asasinato de Uthman;
Muawiya proclámase califa co apoio Omeia no 660. Alí é asasinado por un khariíta no 661; o seu
fillo Hasan proclámase califa, pero abdica para concluir a fitna.

O Islam queda dividido en tres sectas:


a) Sunnitas: Seguen a política de Damasco; carecen de xerarquía relixiosa e basean os seus
principios na tradición (sunna); na actualidade 85-90% dos musulmáns.
b) Xiítas: Consideran a Alí o sucesor lexítimo; os seus dirixentes relixiosos (Imáns) deben estar
emparentados co profeta; na actualidade 10-15% dos musulmáns.
c) Khariítas: Escindidos de Alí tras Siffin, consideran que a umma debe elixir ao califa. Sofren
diversas divisións; na actualidade só permanece a rama ibadí (maioritaria en Omán).

5. O califato Omeia (661-750)

A confirmación como califa de Muawiya no 661 inicia o califato Omeia. Abellán Pérez califica o
réxime Omeia como "monárquico e teocrático", con supremacía árabe; o título califal faise
hereditario, con sucesión agnaticia. A capital establécese en Damasco, centralizándose o poder:
créase unha chancelería, seis ministerios (diwan) e un sistema de gobernadores provinciais (wali).

Durante o califato Omeia sucédense dúas ramas desta familia:


a) Sufyaníes: Muawiya I, Yazid e Muawiya II (661-684).
b) Marwaníes: once califas (684-750).

No 680-692 prodúcese a segunda fitna. Á morte de Muawiya I (680), a sucesión do seu fillo Yazid I
será contestada por Husayn, fillo de Alí; na batalla de Kerbala, Husayn morre xunto á súa familia e
seguidores, converténdose en mártir xiíta. Trala morte de Yazid I (683) comeza a rebelión de Ibn
Zubayr, autoproclamado califa en Hiyaz; será derrotado en 692.

Abd al-Malik (685-705) establece un sistema monetario unificado; introduce o árabe como lingua
da administración, desprazando ás linguas locais (grego, copto, arameo); e constrúe a Cúpula da
Roca en Xerusalén.

Os Omeias continúan as conquistas no exterior. Os dous asedios de Constantinopla (674-678 e 717-


718) fracasan, pero se completa a conquista de Cartago (Ifriqiya) e o Magreb. No 711, as tropas de
Tarik cruzan o estreito de Xibraltar e invaden a península ibérica (dende agora, Al-Ándalus); no 717
prodúcese a toma da Galia Narbonense, pero o avance vese detido por Carlos Martel na Batalla de
Poitiers (ou Tours) no 732. En Asia comeza a conquista da Transoxiana e do Sindh.

Dende 730 o califato Omeia entra en decadencia, sendo frecuentes as revoltas locais, influídas polo
descontento dos novos conversos (mawali) en inferioridade cos árabes. A terceira fitna en 744-747
debilita o poder Omeia. No 747 comeza a Revolución Abbasí, que remata na Batalla de Zab (750)
co derrocamento e exterminio dos Omeias; sálvase Abd al-Rahman, fuxido a Al-Ándalus e
proclamado Emir Independente no 756.

6. O califato Abbasí e a fin da unidade política

Segundo Cahen, o califato Abbasí supón unha islamización do imperio, fronte ao supremacismo
árabe Omeia. O primeiro califa Abbasí é As-Saffah, descendente directo de Abbas, tío do profeta,
do clan Banu Hashim. Será Al-Mansur (754-775) o grande organizador do novo goberno, coa
fundación no 762 da nova capital en Bagdad (Irak); o goberno contará cunha maior presenza de
burócratas persas, coa creación do posto de visir ("ministro") ao fronte dos diwan.

En 751 os exércitos abbasís vencen ás tropas chinesas da Dinastía Tang na batalla do río Talas,
completando a conquista da Transoxiana e establecendo as fronteiras orientais; os avances
territoriais posteriores serán realizados por entidades políticas independentes.

Os califatos de Harun al-Rashid (786-809), al-Ma'mun (813-833) e Mutasim (833-842) marcan o


momento de máximo esplendor Abbasí, cun espectacular desenvolvemento urbano e cultural.

Dende finais do S. IX, o poder do califato sobre os seus territorios é máis nominal que efectivo.
Hourani destaca que mesmo no apoxeo do poder do califato abbasí, o dominio efectivo era limitado,
aparecendo dinastías locais: Omeias en Al-Ándalus (756-929), Idrisíes en Marrocos (788-985),
Saffaríes en Irán oriental (861-1003), Samaníes en Jorasán (819-1005), Tuluníes en Exipto (868-
905) e Aglabíes en Ifriqiya (800-909). al-Mahdu Billah establece o Califato Fatimí (909-1171, xiíta
ismailita) en Exipto, logo extendido por Ifriqiya e Palestina; Abd al-Rahman III converte Al-
Ándalus en califato independente (929-1031).

Coas posteriores invasións de buídas iranianos (S. X) e o Imperio Selxúcida (S. XI), o califato
limita á súa autoridade real ao territorio irakí. O califato Abbasí desaparece en 1258 coa invasion
mongola de Bagdad, rematando oficialmente a unidade do mundo islámico; en 1261 o cargo califal
Abbasí será restaurado cun carácter meramente cerimonial no Cairo polo Sultanato Mameluco.
Dende 1517 ata 1924, a autoridade califal será reclamada polo sultán do Imperio Otomano.

7. Economía e sociedade musulmana

A expansión islámica conleva unha revitalización económica das zonas conquistadas, coa creación
de novas cidades que actúan como centros económicos e o establecemento de rutas comerciais
caravaneiras ou marítimas. O mundo musulmán convértese nun xigantesco entramado comercial
unificado, favorecido pola unificación cos Omeias do sistema monetario islámico, inspírado no
bizantino: un dinar de ouro (4,25 g) equivale a doce dirham de prata (2,97 g).

Fora das cidades predomina a agricultura, coas terras en mans de propietarios latifundistas e un
campesinado xeralmente en réxime de servidume. Sinala Andrew Watson que entre os Ss. VIII e
XIII prodúcese unha auténtica revolución agrícola no mundo musulmán, coa especialización
gandeira, extensión da irrigación e novos cultivos procedentes de Oriente (arroz, cítricos, cana de
azucre...).

A fiscalidade islámica baseábase en dous tipos de impostos:


• Para musulmáns: zakat, esmola legal, 2,5% dos aforros en cartos ou especie; ocasionalmente
ushr, imposto sobre producción agrícola
• Para non musulmáns (dhimmi): yizya, tributo de capitación anual; e kharay, imposto sobre a
terra.

O dereito islámico (fiqh) está integrado por un conxunto de normas divinas (sharia). Recoñece catro
fontes xurídicas, das que se extrae a lei mediante reflexión (itjihad): Corán, hadiths (que integran a
sunnah), analoxía (qiyas) e consenso (ijma). As escolas xurídicas (madhab), desenvolvidas nos S.
VIII-IX son: hanafí, malikí, shafi'i, hanbalí e zahirí (suníes); ja'farí e zaidí (xiís).

A comunidade islámica (umma) aglutina a todos os musulmáns e se caracteriza por un alto sentido
de solidaridade relixiosa. Aínda que o Corán establece a igualdade entre os musulmáns, na práctica
as clases altas árabes (al-jassa) teñen o poder político e o prestixio social; por debaixo se atopa o
pobo común (al-amma). Os novos conversos teñen a condición de mawali ("clientes") ligados a un
patrón árabe, con igualdade xurídica pero cun estatus inferior.

Sinala Cahen que no S. VIII só será musulmán o 10% da poboación en moitos dos territorios
conquistados; os musulmáns non serán maioritarios en Siria ou Exipto ata o S. X. O Corán
establece tratamento especial para as Xentes do Libro (cristiáns e xudeus) e zoroastrianos; se
aceptan o dominio musulmán, adquiren estatus de dhimmi: poden manter a súa relixión, aínda que
teñen menos dereitos ca un musulmán, e deben pagar yizya e kharay. Os seguidores do politeísmo
(shirk) deben elixir entre conversión ou morte. Tardiamente, a condición de dhimmi esténdese a
budistas e hindúes.

No rango social inferior atopamos aos escravos, xeralmente sometidos por débedas, por seren fillos
de escravos ou por dereito de conquista; entre as orixes destacan os eslavos e os negros africanos
(zany). Dende o S. IX desenvólvese un lucrativo tráfico de escravos.

8. A cultura musulmana

Sinala Hourani que na Arabia preislámica existía unha tradición poética oral en árabe; coa redacción
do Corán no S. VII se comeza a fixar o estándar do árabe clásico. Canda a expansión islámica
difúndese a lingua árabe, vehículo da relixión musulmana e idioma das élites; dende o S. VIII,
convértese en lingua da administración. A excepción é Persia, onde se mantén o idioma nativo
adaptado á escritura árabe (alifato).

O período entre os Ss. VIII e XIV é considerado a Idade de Ouro do Islam. O califato Omeia recibe,
por medio dos imperios bizantino e sasánida, a herdanza do mundo antigo: dos gregos toma a
tradición filosófica e científica, realizándose numerosas traduccións; a influencia persa inclúe a
literatura (diván ou colección de poemas) e a organización administrativa; máis indirectamente,
tómanse elementos das culturas indias (cifras arábigas) e chinesas (introducción do papel). As
grandes cidades convértense en centros de cultura, destacando a creación da Casa da Sabedoría
fundada por Harun al-Rashid.

A filosofía islámica, fundada nas teorías aristotélicas e neoplatónicas, fórmase con pensadores como
al-Kindi, al-Biruni, Averroes ou al-Ghazali; ligada a esta desenvólvense as matemáticas, a física, a
astronomía, a química e a medicina. No campo da historiografía, destaca Ibn Khaldun.

O mundo musulmán coñece un profundo desenvolvemento da arquitectura e as artes decorativas. A


arquitectura islámica recibe influencias gregas, romanas, bizantinas e persas, adaptándoas nunha
identidade propia. A construcción máis característica será a mesquita, edificio de culto dividido nun
patio porticado e unha sala de oración; entre as primeiras destacan a Mesquita de Quba (Medina),
Al Aqsa e a Cúpula da Roca (Xerusalén), e a Mesquita dos Omeias (Damasco). Tamén terán
importancia os palacios e os baños, de herdanza clásica.

9. Bibliografía

Álvarez Palenzuela, Vicente Ángel (Dir.), Historia universal de la Edad Media, Ariel, 2013.
Cahen, Claude, El Islam I. Desde los orígenes hasta el comienzo del Imperio Otomano, Siglo XXI,
1972.
Hourani, Albert, La historia de los árabes, Grupo Zeta, 2003.
Maíllo Salgado, Felipe, Diccionario de Historia árabe e islámica, Abada Editores, 2013.
Mantran, Robert, La expansión musulmana (siglos VII al XI), Editorial Labor, 1982.

You might also like