You are on page 1of 6

1.

Aspectos biográficos

Pascual Veiga Iglesias naceu en Mondoñedo, provincia de Lugo, o 9 de abril de


1842. Foi dende ben cativo e na súa cidade natal onde tivo o seu primeiro contacto coa
música. Baixo a dirección de José Pacheco Basanta, sacerdote, mestre de capela e
recoñecido compositor de panxoliñas en galego, participará como neno do coro da
Catedral de Mondoñedo. Con aproximadamente trece anos e baixo a protección do seu
mestre, comeza a impartir clases de solfexo e harmonía nesta mesma capela catedralicia.
Desta incipiente época de xuventude data a súa primeira composición da que se ten
noticia, un Septenario á Virxe das Dores a tres voces. Dende este momento ata
aproximadamente os dezaoito anos, estudou órgano con Rafael Tafall, sacerdote que
exerceu dende moi novo o seu oficio como presbítero e organista na catedral de
Mondoñedo entre os anos 1856 e 1860. Tras a morte de Tafall, presentóuselle unha gran
oportunidade para optar á oposición e suplir o posto do seu mestre. Aínda que o
compositor opositou por méritos, non acadaba a idade mínima requirida para o posto,
quedando apartado deste. Polo mesmo motivo, verase truncado outro intento de acadar
oposición á praza de organista, neste caso, na Colexiata de Covadonga. En 1864 decidiu
fixar a súa residencia na cidade herculina, onde foi admitido como organista polo cabido
e onde ocupará a praza de organista na Colexiata de Santa María del Campo. Nesta
mesma provincia, concretamente en Betanzos, será tamén organista na Igrexa de Nosa
Señora do Campo.

A partir deste momento comezou un dos momentos máis importantes da súa vida
profesional, desenvolvendo unha importante actividade musical, sobre todo, no eido das
actividades orfeonísticas. Os orfeóns eran agrupacións de un gran número de persoas
que cantaban en coro e sen acompañamento instrumental, aínda que excepcionalmente
podían ser acompañados dun órgano ou piano. Pascual Veiga foi un gran impulsor das
actividades relacionadas cos orfeóns na súa época, fundando algúns dos máis relevantes
orfeóns de Galicia e sendo recoñecido na historia de música galega como o principal
impulsor dos orfeóns populares.

No ano 1865, cando a penas cumprira os vinte e tres anos, foi nomeado
vicepresidente da sección de música da Sociedad Fraternidad Juvenil, posiblemente
dirixindo nela o que foi o primeiro orfeón en Galicia. Nos anos seguintes, ademais da súa
labor como compositor, desempeñou unha labor destacada na creación e dirección de
orfeóns e demais conxuntos corais, recibindo multitude de galardóns pola súa actividade.
Fundou o Orfeón Brigantino, obtendo nun certame en 1877 o primeiro premio de
interpretación coa obra El Amanecer, de Eslava. Será tamén nomeado vicepresidente da
sección de música e canto do Liceo Brigantino, que dirixirá xunto a Canuto Berea. Un ano
despois, abandonará o Orfeón Brigantino para fundar o Orfeón Coruñés e presentarse
con el ao certame musical organizado con motivo das festas de María Pita, obtendo o
máximo galardón da organización. En 1880, tivo lugar un certame literario e musical
convocado pola Sociedad de los Juegos Florales de Pontevedra, onde presentou por
primeira vez co Orfeón Brigantino co título de «Estrela coruñesa», unha das súas
composicións máis populares: Alborada Gallega, tamén coñecida como Alborada de
Veiga. A estrea desta obra espertou gran admiración en Galicia e no galeguismo da
diáspora. En 1880, fundou Nuevo Orfeón, que co tempo, pasaría a denominarse Coral
Polifónico El Eco, tratándose a día de hoxe do orfeón máis antigo activa de toda a
Península Ibérica.

No ano 1889 fundou unha nova agrupación, o Orfeón Coruñés número 4 coa
intención de acudir ao certame de orfeóns que se organizaba con motivo da Exposición
Universal de París. Alí, xunto a 1600 cantantes de diversas formacións e países, atopábase
o pequeno orfeón de Pascual Veiga, composto de 25 voces e interpretando oito
composicións, cinco das cales pertencían ao compositor. A súa actuación na sala do
palacio do Trocadero foi inmensamente aclamada, obtendo o primeiro premio e a
medalla de ouro, grazas á interpretación das súas composicións inspiradas na música
tradicional galega. Un ano despois, comezaría a dar forma ao que se consolidaría como o
Himno de Galicia, a través dun certame convocado polo propio Orfeón Coruñés número
4 e no que se premiaba á mellor marcha rexional galega. Do proceso de creación do
Himno falaremos nas liñas posteriores deste traballo.

Tempo despois, no ano 1896 o compositor decide fixar a súa residencia na capital
madrileña, motivo do seu nomeamento como profesor no Conservatorio Nacional de
Música onde tamén dirixirá o Orfeón Matritense e o Orfeón del Centro Gallego. A morte
chegoulle aos 64 anos un 12 de xullo de 1906 na súa residencia madrileña. Os seus restos
atópanse actualmente no antigo cemiterio da súa cidade natal, Mondoñedo.
2. Produción musical
A primeira etapa de produción musical de Pascual Veiga abrangue sobre todo,
composicións de carácter relixioso. Deste primeiro período de xuventude destaca unha
Misa de Réquiem a catro voces e acompañamento de órgano, un Te Deum a tres voces
con acompañamento de órgano e numerosos motetes e panxoliñas froito das influenzas
do seu mestre José Pacheco.

Durante a súa etapa no Orfeón Brigantino puxo música á obra do seu amigo
mestre, xornalista, dramaturgo e poeta Francisco María de la Iglesia. Entre os poemas
musicados atopamos Gallegos. ¡A Nosa Terra!, Os Ártabros. Escena Orfeónica e As Artes.
Tamén musicou poemas do sacerdote e escritor Gumersindo Placer López como as
tituladas Alborada, Muiñeira, Serenata ou Barcarola.

Co obxectivo de presentarse a diferentes certames musicais, compuxo para o


Orfeón El Eco, El Canto de los amigos, Bonna paravola, A Rosa, No me olvides ou A fonte
do xuramento. Entre ás obras compostas para interpretar co Orfeón Coruñés en
diferentes festas e acontecementos da cidade atopamos La hora del crepúsculo, La
Escala, e Una noche en Nápoles.

Entre as súas obras destacan traballos tan importantes para a cultura galega como
a xa comentada Alborada Gallega ou a música do poema Os Pinos, froito da
correspondencia mantida entre Eduardo Pondal e o propio compositor, dando lugar ao
Himno Galego.

3. O Himno Galego

Aínda que dende as últimas décadas do século XIX xa existiran propostas e unha
clara intención de dotar a Galicia cun himno, a súa orixe remóntase ao ano 1890, cando
o Orfeón Coruñés número 4 presidido por Pascual Veiga, convocou un certame musical
co fin de premiar unha marcha rexional galega. Pascual Veiga, como organizador do
certame, era o encargado de propoñer os textos para que os participantes musicasen,
acudindo como ben sabemos, á figura poética dominante do momento: Eduardo Pondal.
Tras unha longa correspondencia entre ambos e numerosas suxestións e modificacións,
o texto poético é oficialmente publicado no guión do certame. Como era lóxico, e pola
súa situación presidindo o certame, Veiga non puido participar nel, acadándolle o posto
gañador a outro compositor. Este feito non foi motivo de impedimento para que Pascual
Veiga compuxera igualmente a súa propia versión, deixando no esquecemento á versión
gañadora do compositor catalán.

A oficialización do himno chegou do outro lado do océano, dende A Habana,


produto do espírito organizador de Xosé Fontela Leal, tremendamente vinculado ao
espírito creador da Galiza emigrante e quen se dirixiu directamente ao propio Veiga para
pedirlle unha copia. Este emigrante e activista galego foi o verdadeiro promotor da
consolidación e oficialización do Himno no seo da comunidade galega en Cuba, de onde
posteriormente se difundiría ao interior de Galiza. Tras a morte de Pascual Veiga en 1906,
xorde a iniciativa de facer unha homenaxe para conseguir o financiamento para poder
trasladar os seus restos a Mondoñedo. Deste xeito, o Himno de Galicia de Eduardo Pondal
e Pascual Veiga, foi pública e oficialmente interpretado pola Banda Municipal da Habana
o 20 de decembro de 1907, seis meses despois da morte do compositor. Dende este
momento, as ansias de rexionalismo impulsadas polo nacionalismo das Irmandades da
Fala, fixo que o Himno galego se incorporase á actividade política. Coa ditadura de Primo
de Rivera en 1923, chegaron as dificultades e represións simbólicas e expresivas coa total
prohibición de símbolos rexionais. A chegada da Segunda República Española intensificou
o amor ao himno e o seu recoñecemento oficial, e aínda que co Franquismo estivese de
novo fortemente reprimido, si chegou a interpretarse pero cun carácter de canción do
repertorio do folclore galego. O himno funcionou historicamente tanto no interior de
Galiza como na exterior Galicia emigrada como música identitaria da patria galega.

Os seus versos, baseados no poema de Pondal, Os pinos, elaboran unha oda á


liberdade en representación da natureza e diferentes símbolos representativos de Galiza
facendo fincapé na importancia da unidade do pobo galego. A súa mensaxe, netamente
nacionalista, enraíza a idiosincrasia do pobo galego xunto coa súa historia e mitoloxía. O
nome de Galicia, como ocorre coa maior parte dos poemas de Pondal é substituído polas
vinculacións con Breogán como pai da patria galega.

É probable que o feito de ter vivido gran cantidade de vicisitudes fortalecesen o


simbolismo e axudaran a constituír ó himno coma o símbolo acústico máis solemne e
transcendental representativo da cultura, da patria e da diáspora galega.
4. Conclusións
A través deste traballo, comprobamos a importancia e prestixio que tivo Pascual
Veiga tanto no eido do orfeonismo galego do último terzo do século XIX, coma no seu
papel como pioneiro no movemento do rexurdimento musical galego. A través da súa
obra compositiva, o compositor tratou de reivindicar e prestixiar a nosa lingua, literatura
e cultura galega.

Ademais de como compositor do Himno de Galicia, Pascual Veiga Iglesias pasará


á historia como un dos principais forxadores dos orfeóns e do movemento do coralismo
do país. Isto fai da súa figura, un promulgador dun fenómeno social creador dunha
identidade persoal e cultural do pobo galego. A súa estima vese reflexada na cantidade
de homenaxes que recibiu como alto representante da nación galega do século XX.
5. Bibliografía

§ Alborada de Veiga (1880) - Real Academia Galega. Alborada de Veiga.


https://academia.gal/destaque-documento/-
/asset_publisher/d4TP/content/alborada-de-veiga-1880
§ Gallego, E. C. (2007, 14 septiembre). «El eco», coralismo desde las raíces.
www.elcorreogallego.es.
https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/el_eco_coralismo_desde_las_raices-
JGCG209099
§ Himno Gallego - Os Pinos - Partitura.
http://www.himnogallego.com/partitura_galego.htm
§ Pascual Veiga Iglesias | Galicia Digital.
http://galegos.galiciadigital.com/gl/pascual-veiga-iglesias
§ Pascual Veiga Iglesias (1842-1906). Concello de Mondoñedo.
http://www.concellomondonedo.es/portal_localweb/p_101_contenedor1_ayto_
mondonedo.jsp?seccion=s_fdes_d4_v2.jsp&contenido=679&tipo=6&nivel=140
0&layout=p_101_contenedor1_ayto_mondonedo.jsp&codResi=5&language=gl
&codMenu=249&codMenuPN=236
§ Progreso, E. J. (2009, 2 diciembre). El historiador Luis Costa defiende que las
corales fortalecieron el galleguismo. El Progreso de Lugo.
https://www.elprogreso.es/articulo/noticias/el-historiador-luis-costa-defiende-
que-las-corales-fortalecieron-el-galleguismo/20091202172000183071.html

You might also like