You are on page 1of 6

ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

PROPOSTAS SOBRE A MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

Silvia Muíño Naveira, con documento de identidade 79 330 969 J, e con enderezo para os efectos de
notificación na Casa do Concello, 2.º andar, en calidade de representante da CIG na Mesa Xeral de
Negociación do Concello de Betanzos e se secretaria da sección sindical da CIG,

COMUNÍCOLLE:

PRIMEIRO. Que o pasado 8 de xuño de 2021 tivo lugar unha Mesa Xeral de Negociación para a
modificación da Relación de Postos de Traballo.

SEGUNDO. Que nesta reunión acordouse que fixesemos as achegas correspondentes por escrito
sobre os documentos que se presentaron para a negociación e que son as que enumeramos a
continuación.

SOBRE A MODIFICACIÓN PUNTUAL DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

A CIG considera que non é o momento máis adecuado para modificar a RPT cando está pendente de
resolverse o recurso interposto e cuxo xuízo tivo lugar o pasado 15 de abril. Solicitamos que o
Concello agarde esta sentenza e logo proceda á modificación da Relación de Postos de Traballo
como corresponda.

No que corresponde aos criterios de valoración dos postos da RPT remitímonos ás alegacións
presentadas á aprobación inicial do documento e ao recurso presentado no xulgado contencioso-
administrativo correspondente.

SOBRE AS FICHAS INCLUÍDAS NESTA MODIFICACIÓN

Con respecto á decisión de incluír unha soa parte das prazas e os postos dos traballadores e
traballadoras cunha sentenza de indefinición, consideramos unha grave discriminación que non se
inclúa a totalidade dos postos ocupados por persoal laboral temporal de xeito ininterrompido e que
cumpren os criterios de indefinición de dereito recollidos no artigo 15 do Estatuto dos Traballadores. A
maiores, remitímonos con respecto á non inclusión da totalidade dos postos e prazas, ao
incumprimento do artigo 79 do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos e o
incumprimento do artigo 78.1 da Lei 2/2015 do emprego público de Galicia. Finalmente, e para maior
abondamento, este documento tampouco recolle as sentenzas firmes dos xuízos 000385/2018 e
0000435/2018, das que remitimos as dilixencias de arquivo do Xulgado do Social n.º 2 de reforzo bis.

SOBRE A TÁBOA DE ASIGNACIÓN DE PUNTOS

A táboa de asignación dos puntos final está incompleta, non só porque falta o posto de arquitecto/a
laboral reconvertido en funcionario, que na RPT actual ten 39,9 puntos nesta proposta de
modificación ten 54,7 puntos, de feito, hai un incremento do nivel de 20 a 26 puntos nesta
reconversión que non se xustifica na documentación e que evidencia o sistema discriminatorio de
adxudicación do nivel en función do carácter da relación laboral ou funcionarial, xa que un posto, por
ser reconvertido de persoal laboral en funcionario, pasa de 39,9 puntos a 54,7 puntos cun
consecuente incremento retributivo de 2664 euros no complemento específico mais o
correspondente pola suba do nivel 20 ao 26 no complemento de destino. Entendemos, pois, que
aínda que é unha reconversión debe especificarse a valoración xa que non é a mesma que a da
actual RPT.

A maiores disto na táboa non aparece a valoración dos postos de profesor/a de baile tradicional e de
gaita polo que resulta imposible saber como se chega á puntuación de 28,7 puntos en ambos os dous
casos, a pesar de que chame a atención a diferenza de puntuación con respecto a outros postos da
RPT.

Finalmente cómpre sinalar que esta documentación debe acompañarse dunha completa modificación
do manual de valoración da RPT, que non fai ningunha referencia a varios dos postos que aquí
aparecen e que deben incluírse expresamente na estrutura organizativa, na listaxe da RPT, no
organigrama codificado, xa que nesta documentación só aparece o organigrama gráfico e mesmo
exclúe deste a Escola Municipal de Folclore, que non forma parte do Conservatorio municipal Carlos
López García Picos. Tamén hai que incluír estes postos nos distintos grupos e no nivel acordado para
os postos de traballo, así como nos distintos factores de valoración do complemento específico

SOBRE A VALORACIÓN DOS POSTOS INCLUÍDA NESTA MODIFICACIÓN

A CIG propón que se elimine a discriminación na valoración dos postos de auxiliar de axuda no fogar,
psicólogo, limpador/a, técnico especialista de xardín de infancia, electricista, condutor, profesora de
baile tradicional, condutor, profesor de gaita e percusión, xa que advirte de que hai unha valoración
discriminatoria na aplicación do nivel que redunda nunha valoración discriminatoria do complemento
específico e que redunda nunha dupla discriminación dos postos de persoal laboral fronte aos postos
de persoal funcionario.

A maiores, a CIG non está de acordo coa proposta recollida na páxina 26 do manual de valoración e
considera que non se poden incrementar as retribucións salariais dos postos de Intervención e
Secretaría sen incrementar o valor do punto, xa que eses postos están valorados con 100 puntos na
RPT vixente e agora proponse unha suba salarial directa que só se podería realizar no caso de
incrementar o valor do punto. Tamén consideramos que a valoración técnica por adscrición directa
non é sistema de valoración obxectivo que xustifique o incremento salarial proposto.

Por outro lado, e polo que respecta aos postos 03.01.03 e 04.01.01 de administrativo/a e ao posto
09.01.06 de oficial da Policía Local entendemos que ao singularizarse e dotarse de novas funcións
consecuentemente increméntase a puntuación dos postos e as retribucións complementarias mais
non se xustifica adecuadamente. Ademais, no cadro do posto 04.01.01 hai unha suba do nivel 20 ao
22 totalmente inxustificada e non adecuada ao sistema de valoración de niveis recollido no manual de
valoración da RPT e que redunda nun incremento da valoración da puntuación do complemento
específico do posto. No que respecta a estes tres postos indicados enriba entendemos que
singularización debería supor a creación dun novo que se debe prover polos procedementos
legalmente establecidos entre o persoal do Concello e que non se pode realizar a adscrición directa
tal e como propón o Concello ao aparecer os postos como ocupados.

Para finalizar, neste expediente non se xustifica os motivos polos que estes postos de administrativo
teñen unha dificultade técnica de reciclaxe superior ao resto (3,2 puntos fronte aos 2,1 puntos do
restos de administrativos), unha maior responsabilidade penal (1,8 puntos fronte a 0 puntos do resto
de postos administrativos), unha duplicidade do posto valorada o 0,9 puntos que non vén
especificada na ficha dos dous departamentos dos que depende, ao igual que o resto dos postos que
teñen duplicidade e nos que efectivamente isto consta, ou dispoñibilidade específica destes dous
postos fronte ao resto, e a aplicación do factor varios con 5 puntos a un só deles, sen especificar
porqué se aplica esa puntuación maior fronte ao resto de postos administrativos do Concello que non
a teñen.

Auxiliar de axuda no fogar

Con respecto ao posto de auxiliar de axuda no fogar non se xustifica obxectivamente a aplicación do
complemento de destino e non veñen definidos uns criterios previos que indiquen con base a que
criterios se aplica a puntuación dos distintos conceptos que forman parte do complemento específico.
A maiores, e en concreto neste posto consideramos que a valoración de 22 puntos é completamente
discriminatoria en comparación con outros postos do mesmo grupo e nivel como os operarios de
mantemento ou de limpeza, máis aínda tendo en conta que para poder desenvolver este posto se
exixe unha formación específica que se require como requisito e sen o cal non se pode desenvolver,
por tanto, é o único posto do grupo V que ten uns requisitos de formación superiores ao certificado de
escolaridade, en concreto, o título de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, titulación FP ou
certificado de profesionalidade correspondente, xa que só con este non poderían legalmente
desenvolver o seu traballo. Tamén entendemos que non é obxectiva a valoración da reciclaxe, que no
ámbito do coidado das persoas dependentes é continua nin a perigosidade e a perigosidade do
traballo nos domicilios das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar municipal.

Psicólogo/a

Con respecto ao posto de psicólogo/a consideramos que o nivel non está correctamente asignado, xa
que é inferior ao nivel mínimo recollido para o grupo I na Administración xeral do Estado, igualmente,
e canto á titulación requirida para este posto, debería ser Psicoloxía coa especialidade que o
Concello considere.

Técnico/a especialista en xardín de infancia

No posto de técnico/a de xardín de infancia non se xustifica obxectivamente a aplicación do


complemento de destino e non veñen definidos uns criterios previos que indiquen con base a que
criterios se aplica a puntuación dos distintos conceptos que forman parte do complemento específico.
Igualmente, entendemos que o o grupo só pode ser II.A desde o momento que o requisito de
titulación é FP de grao superior, tal e como recolle o artigo 78 do Convenio colectivo do persoal
laboral. Por outro lado, e téndomos en conta que na RPT xa existe un posto de grupo B de
funcionario, que equivale a II.A laboral e que o nivel para este posto de grupo B é o 22, por
homoxeneidade debe aplicarse este mesmo nivel a estes postos. É preciso sinalar tamén que a
titulación que se indica na ficha xa non existe e a que teñen as traballadoras con sentenza de
indefinición é de educadora infantil, efectivamente o título de técnica especialista. É importante
lembrar que os postos que se crean con base a unha sentenza xudicial deben respectar as
características e no caso de non ser así, o Concello negaríalle a posibilidade de poder presentarse ao
proceso de cobertura definitiva da vacante.

A maiores, é preciso indicar que o persoal técnico de xardín de infancia non pode exercer funcións de
dirección, por tanto, esa función na descrición do posto, incumpre a legalidade. Tamén entendemos
que a responsabilidade penal non é a adecuada no caso deste persoal e menos se a comparamos
con outro posto como o de psicólogo/a, que para o Concello, non só ten unha maior responsabilidade
penal, senón que ten unha maior atención ao público e unha maior perigosidade.

A vista do cadro da valoración da asignación dos puntos, non está xustificado en ningún apartado do
documento, mais o persoal técnico da Escola Infantil Municipal ten unha valoración do posto
claramente discrimatoria con 33 puntos fronte ao persoal administrativo que conta con ata 54,7
puntos ou mesmo o operario de mantemento-roza 06.01.01 da RPT, AP, que ten unha puntuación de
33,7 puntos ou o operario de limpeza viara 01.07.02 que ten 34,5 puntos.

O sistema de asignación de puntos da RPT resulta claramente discriminatorio se un posto do grupo


II.A ten menos puntuación que un do grupo máis baixo do persoal funcionario, AP.

Electricista

Polo que respecta ao posto de electricista é preciso sinalar que nunha anterior fase de negociación
da RPT na que o Concello nos facilitou un documento onde constaban todos os postos este aparecía
encadrado no grupo III, que é no que actualmente se debe encadrar a formación profesional de
segundo grao segundo o indicado explicitamente no convenio colectivo do persoal laboral e que
suporía tamén un incremento no nivel e consecuentemente na puntuación final do posto. Derivado
disto entendemos que a puntuación da especial dificultade técnica (titulación) non é correcta xa que
se lle aplican 0 puntos e tampouco é correcto que se aplique outro 0 en reciclaxe. Entendemos que a
ficha deste posto debera ser revisada na súa totalidade.

Limpador/a

Neste posto en concreto advírtese na puntuación (25,2 puntos) unha clara discriminación fronte ao
posto 07.01.02 de operario de limpeza que na RPT é valorado con 34,5 puntos coa única diferenza
de que un posto de limpeza é desenvolvido por persoal funcionario e outro por persoal laboral, e que
no caso do posto 06.03.01 ten unha función máis que no caso do outro posto. Consideramos que se
debe corrixir esta valoración xa que unha diferenza de 9,3 puntos en postos similares supón unha
diferenza de 1674 anuais euros no complemento específico non xustificada nesta documentación. No
relativo ao complemento de destino tamén consideramos desproporcionada a diferenza e que a un
posto de operario/a de limpeza se lle adxudiquen 13 puntos e a un posto de limpador/a 7, o que
redunda nunha discriminación efectiva entre traballadores/as que desempeñan un traballo similar.

Condutor/a

No caso do posto 06.04.01-02, aparecen dúas prazas e isto é incongruente coa documentación
achegada para o proceso de consolidación de postos, onde só aparece referida unha praza. A
maiores, entendemos que as funcións refelctidas na ficha incumpren o que expresamente vén
recollido na sentenza deste traballador e que a súa única responsabilidade é conducir e manexar o
guindastre municipal e non os vehículos municipais de servizos múltiples, por tanto, todo o referido
nas funcións máis significativas aos vehículos municipais, debe refererirse exclusivamente ao
guindastre municipal, tal e como indica a sentenza 2070/2019 do xulgado do social n.º 3 e a propia
notificación de readmisión do traballador onde indica expresamente que o Concello opta pola
readmisión coas mesmas funcións e retribucións que viña percibindo da empresa concesionaria
Setex Aparki.

Profesor/a de baile tradicional

En primeiro lugar o posto de profesora de baile tradicional non aparece correctamente encadrado nin
no organigrama nin na propia ficha, xa que a unidade de adscrición e o centro de traballo non son o
Conservatorio municipal, senón a Escola Municipal de Folclore. Tampouco se pode incluír a exixencia
do grao profesional de música e indicar nun posto de profesora que o grupo é III, xa que tería que ser
un superior.

Neste posto é claramente discriminatoria e inxustificada a aplicación do nivel de destino e da


valoración do posto que nin sequera consta no cadro correspondente. Non é posible, e remitímonos
ao xa indicado, que un posto de profesor da Escola Municipal de Folclore teña menos puntos que, por
exemplo, un posto de operario de limpeza viaria o semellante diferenza na puntuación con postos de
administrativos adscritos ao grupo C1 que equivale ao nivel III do persoal laboral. Entendemos que
esta ficha e anterior deben ser obxecto dunha fonda revisión dos aspectos sinalados.

Polo que respecta á titulación e ao igual que no caso seguinte, exíxese unha titulación para o posto
que non existe e deberíase contemplar, como mínimo, a que posúe a traballadora correspondente
con sentenza de indefinición para poder facer efectivo o seu dereito á consolidación no posto que
ocupa provisionalmente.

Outra cuestión de moita importancia é que a profesora de baile vén exercendo as funcións de
dirección da Escola desde a súa apertura, unhas funcións que veñen recollidas expresamente no
Regulamento da Escola Municipal de Folclore e do Grupo Azougue (BOP n.º1 167 do 29 de agosto de
2017) e que entendemos que se deberían incluír e valorar nesta ficha, xa que no propio regulamento
aparecen as funcións tanto do profesorado, como da dirección da Emuf e do grupo Azougue que vén
realizando ininterrompidamente esta traballadora desde os anos noventa. Cumpriría pois, revisar
todos estes aspectos e incluílos nas responsabilidades xerais e as funcións máis significativas,
ademais de modificar o tipo de xornada deste posto que na actualidade é completa.

Profesor/a de gaita e percusión

Polo que respecta ao profesor/a gaita e percusión, o posto non se axeita ao que se indica no contrato
do traballador con sentenza de indefinición, xa que non só indica que é profesor da EMUF senón que
tamén indica que forma parte da agrupación instrumental. Igualmente, o superior xerárquico deste
traballador é a directora da Escola Folclore. A unidade de adscrición, en consecuencia, debe ser a
Escola Municipal de Folclore e non o Conservatorio, tal e como xa indicamos anteriormente e o
mesmo para a localización do centro de traballo. A maiores, un posto denominado “profesor” debe
estar encadrado no grupo II, e non II, en caso contrario a denominación non é correcta e moito menos
cando a titulación exixida para o posto é un título de grao. Polo que respecta á titulación exixida hai
que sinalar que non existe o título de grao profesional de música con especialidade en gaita e
percusión e que ao se tratar dun posto derivado dunha sentenza de indefinición, esta debera reflectir,
como mínimo, a titulación do traballador que ocupa o posto na actualidade, xa que do contrario o
Concello imposibilitaríalle o acceso ao proceso de consolidación.

Finalmente e con relación ás funcións máis significativas hai que destacar que na actualidade se
imparten clases da especialidade tamén a persoas adultas desde o ano 2005 e que na ficha só se
reflicten as clases para nenos e nenas. Polo demais, entendemos que as funcións do profesorado da
Escola de Folclore veñen relacionadas expresamente no título II do capítulo V do Regulamento da
Escola Municipal de Folclore (BOP n.º1 167 do 29 de agosto de 2017) e a elas nos remitimos para
que as funcións máis significativas se axeiten ás xa reguladas e que realiza este profesorado.

Por nos remitir ao xa mencionado, e para rematar, á vista da puntuación, neste posto é claramente
discriminatoria e inxustificada a aplicación do nivel de destino e da valoración do posto que nin
sequera consta no cadro correspondente. Non é posible, e remitímonos ao xa indicado, que un posto
de profesor da Escola Municipal de Folclore teña menos puntos que, por exemplo, un posto de
operario de limpeza viaria o semellante diferenza na puntuación con postos de administrativos
adscritos ao grupo C1 que equivale ao nivel III do persoal laboral. Entendemos que esta ficha e
anterior deben ser obxecto dunha fonda revisión dos aspectos sinalados.

Por todo isto, SOLICÍTOLLE:

Que teña en conta todas estas propostas presentadas con respecto á documentación
entregada e de cara á súa negociación na Mesa Xeral de Negociación do Concello de
Betanzos para a modificación da Relación de Postos de Traballo.
Documento asinado electronicamente

You might also like