You are on page 1of 1

Francisco Rodríguez

10:23 do 28 de novembro de 2020


Nós Diario

Traducido ao noso idioma o que a denominada Lei Celaá contempla verbo das linguas
vehiculares no sistema educativo non universitario, isto é o que di: As Administracións
educativas garantirán o dereito dos alumnos e das alumnas a recibir ensinanzas en
castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de
conformidade coa Constitución española, os Estatutos de Autonomía e a normativa
aplicábel. Como se ve, recoñécese o dereito  de todas as linguas a seren vehiculares; ao
castelán, de forma xeral; ao resto, no seu territorio. En todos os casos dentro da
legalidade constitucional, que considera o castelán lingua oficial do Estado, de obrigado
coñecemento e con dereito a ser usada en toda parte. A legalidade autonómica e as
normativas ao respecto non poden colidir co marco legal constitucional.

A que vén, pois, o balbordo histérico e a histriónica e alporizada sobreactuación do


españolismo político, mediático, social e cultural? O ministro Wert, o da LOMCE, que
agora se quere substituír pola que está en debate (LOMLOE), afirmou, no seu día, sen
andrómenas, que había que españolizar a rapazada catalá, unha das motivacións da súa
reforma educativa. Puña así ao descuberto cal é o papel que se lle asigna ao español,
como lingua oficial do Estado, identificado coa nación española única, para as nacións
negadas que teñen lingua propia.

Abandonemos o correcto politicamente. Que é o que se fixo na Galiza, desde que hai
escola regrada, cando menos desde hai dous séculos, con perseverante intransixencia e
desprezo por nós mesmos como individuos pertencentes a un pobo diferente? Que é o
que se está a facer, nestes últimos dez anos, sobre todo, dunha forma cínica, con
submisa veneración degradante, coa continua inoculación de desprezos e negacións
contra a propia lingua por parte de quen nos goberna?

Moi simple, españolizarnos, para nos converter definitivamente nun pobo sen
horizontes nin vontade propia algunha. Trátase dunha política de asimilación, de
dominio, lenta, pero eficiente para os que dominan, triste e destrutiva para o dominado,
que se ve feliz convertido en caricatura de outros.

A nova lei de educación, coa modificación devandita, elimina as arestas máis agresivas
da política lingüística españolizadora, sen tocar o fundo que a fundamenta.

A LOMLOE é un intento de mitigar a agresión, sen que o asalto desapareza.

Simplemente por atemperar a situación provoca os bramidos de quen desexa ver o pobo
catalán prostrado e vencido, e o galego, inerme, inerte, morto.  

You might also like