You are on page 1of 13

O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

1
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

ÍNDICE

1.- INTRODUCIÓN Á OBRA DE ERNEST MANDEL páx.3

2.- CONTEXTO HISTÓRICO E VIDA DE TROTSKY páx.3

3.- O PENSAMENTO POLÍTICO DE LEON TROTSKY


3.1.- A Revolución socialista nos países atrasados páx.4
3.2.- Os límites do proceso de transformación páx.5
socialista nos países atrasados
3.3.- A Revolución Mundial páx.5
3.4.- O proletariado e a súa dirección páx.6
3.5.- Os Consellos Obreiros páx.7
3.6.- A construción de partidos revolucionarios páx.7
de masas
3.7.- O stalinismo páx.8
3.8.- O fascismo páx.8
3.9.- O imperialismo páx.9
3.10.- A Cuarta Internacional páx.9
3.11.- O socialismo páx.10

4.- CONCLUSIÓNS páx.12

2
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

INTRODUCIÓN Á OBRA DE ERNEST MANDEL

El pensamiento de León Trotsky por Ernest Mandel (Frankfurt, 1923- Bruxelas, 1995) é
unha profunda análise das teorías máis orixinais de León Trotsky dentro do pensamento marxista.
Mais non é unha biografía ao uso ou tan só un ensaio sobre o pensamento do político ruso, xa que
Ernest Mandel (considerado un dos teóricos trotskistas máis importantes da segunda metade do s.
XX) incorpora e renova pezas do seu discurso intentando facer do mesmo unha explicación actual á
evolución histórica do século XX e unha resposta aos debates que no comunismo mundial daquela
época se estaban producindo. Porén, unha obra escrita en 1979 hai que entendela dentro do seu
contexto, sendo imposíbel aplicar a análise dende a perspectiva da nosa era, posterior á desaparición
da URSS e de todos os acontecementos que ocorreron tras a desintegración do bloque soviético.
Neste traballo tentarase ir un pouco máis alá á análise de Mandel, analizando as súas explicacións
dunha forma transversal entre os anos 70 do século XX e a realidade do século XXI.

CONTEXTO HISTÓRICO E VIDA DE TROTSKY

Lev Davídovich Bronstein, coñecido como León Trotsky (Ucraína, 1879 – México, 1940)
foi un dos líderes da Revolución Rusa de Outubro. Durante a Guerra Civil subseguinte, serviu
primeiro como Comisario do Pobo para os Asuntos Exteriores e máis tarde como fundador e
comandante do Exercito Vermello e Comisario do Pobo para a Guerra. Foi unha figura importante
na vitoria dos bolxeviques na Guerra Civil Rusa, sendo tamén un dos primeiros membros do
politburó.

Despois de liderar a loita da oposición de esquerda contra as políticas en ascenso de Iosif


Stalin na década de 1920, e o crecente papel da burocracia na Unión Soviética, Trotsky foi
sucesivamente eliminado dos poderes que ostentaba, sendo expulsado primeiro do Partido
Comunista, deportado da Unión Soviética, e asasinado por orde de Stalin en México a mans de
Ramón Mercader. As ideas de Trotsky deron lugar ao chamado trotskismo, unha das principais
escolas de pensamento marxista, caracterizada pola idea de revolución permanente e que se opón as
teorías do stalinismo. Foi unha das poucas figuras soviéticas que nunca foron rehabilitadas polo
goberno soviético.

3
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

O PENSAMENTO POLÍTICO DE LEÓN TROTSKY

A REVOLUCIÓN SOCIALISTA NOS PAÍSES ATRASADOS

Segundo Marx, a revolución socialista ocorrería primeiro nos países avanzados, mentres que
nos países capitalistas economicamente atrasados só terían lugar revolucións “democrático-
burguesas” como fase primeira nas que o movemento obreiro só comezaría a coller forza para unha
futura e eventual revolución socialista. Como se desenvolverían os acontecementos nunha
revolución destas características foi obxecto de estudo por diversos autores marxistas como
Kautsky, Lenin, Rosa Luxemburg ou Trotsky. Este último consideraba que o proletariado non
necesitaba autolimitarse nas súas reivindicacións para evitar que a burguesía se pasase ao campo da
contrarrevolución, xa que estes o farían en calquera dos casos debido á desfavorable correlación de
forzas entre proletariado e burguesía. É por tanto imposíbel unha dirección burguesa da revolución,
xa que sería a derrota da mesma. Por último, Trotsky refírese ao “desenvolvemento desigual” para
explicar que xamais unha industria capitalista emerxente como a de Rusia ou China poderían
modernizarse de tal forma como o fixeron Alemaña ou Austria, e por tanto os esquemas de acción
político son totalmente diferentes.

En relación co antes mencionado, Mandel explica na súa obra que Trotsky establece a
necesidade de que o proletariado, en alianza co campesiñado, conquiste o poder para evitar a
contrarrevolución. O proletariado podería saltarse entón a etapa da Revolución Burguesa e
conquistar o poder nun país relativamente atrasado, pasando sen interrupcións das tradicionais
tarefas da revolución democrático-burguesa ás tarefas centrais da revolución socialista. Este punto é
o primeiro e máis importante na teoría sobre a Revolución Permantente, formulada xa por Trotsky
durante a Revolución de 1905.

Segundo Ernest Mandel, Trotsky acertou en todos os seus cálculos sobre as forzas motoras e
a evolución dos acontecementos na Revolución Rusa.

4
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

OS LÍMITES DO PROCESO DE TRANSFORMACIÓN SOCIALISTA NOS PAÍSES


ATRASADOS

Trotsky rexeita expresamente a idea de que os pobos das nacións atrasadas debesen esperar
até que o proletariado dos países avanzados fixesen a súa propia revolución. Esta idea claramente
formulada na súa obra Balance y Perspectivas de 1906 sostén pola contra que dar os pasos
necesarios en dirección á sociedade sen clases sería moito máis difícil nestes países que nos
economicamente avanzados, ao non existir unhas precondicións materiais para a rápida abolición da
división social básica do traballo. As limitacións dun proceso de transformación socialista nestes
países tamén se encontran no baixo nivel de preparación cultural e a falta de experiencia no
autogoberno político da clase obreira, algo que limitaría notablemente a política revolucionaria.

Outro grande problema ao que tería que enfrontarse a revolución sería a presión do
capitalismo mundial, tanto no terreo político-militar como no económico e social. É preciso pois,
segundo Trotsky, levar a revolución ao exterior. As teorías do desenvolvemento desigual e da
revolución permanente describen un proceso de revolución socialista mundial que comezaría
primeiro a escala nacional, pero que se extendería internacionalmente para rematar triunfando a
longo prazo.

A REVOLUCIÓN MUNDIAL

O concepto de Trotsky de revolución mundial como un proceso concreto que xorde a partir
das contradicións internas do capitalismo mundial é o punto central de diferentes análises teóricos
que corresponden ás transformacións reais do capitalismo dende o período aberto en 1905. Segundo
Trotsky, “a revolución internacional é unha cadea, aínda que descontinua, de revolucións nacionais,
cada unha das cales alimenta ás outras cos seus triunfos e á vez sofre dos seus fracasos”. Establece
pois un concepto do capitalismo mundial como un todo orgánico e estruturado en decadencia dende
a Primeira Guerra Mundial. A militarización, o fascismo e chovinismo, etc... son tendencias
presentes na sociedade burguesa que teñen a súa orixe nesa guerra. Porén, esta decadencia non se
aplica ás forzas produtivas humanas e materiais, xa que se fora así o socialismo mundial non tería as
precondicións necesarias para iniciar unha revolución.

5
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

O concepto de loita de clases como un ciclo autónomo tamén é en Trotsky contrario ao


determinismo económico mecanicista, rexeitando que as malas condicións da clase obreira fosen a
causa e momento principal dunha revolución proletaria, senón que esta coincide con épocas de
cambios bruscos no clima económico. A loita de clases pode provocar un xiro decisivo na situación
mundial (Rusia, 1917), ao mesmo tempo que a economía e política mundial actúa na especificidade
nacional provocando cambios revolucionarios. Ernest Mandel demostra a corrección desta teoría
trotskiana de revolución mundial aplicando este concepto ao análise de diversas crises
revolucionarias como a ocorrida en Rusia en 1905, a de 1917, as de España en 1931-34-36, e outras
de carácter anti-colonial máis recentes. A revolución mundial pode ser entendida como unha
realidade básica do século XX, mais Ernest Mandel non explica na súa conclusión como estas crises
obedecen, na súa orixe, desenvolvemento e explicación, á teoría orixinaria de Lenin sobre a
revolución mundial e á da revolución permanente de Trotsky.

O PROLETARIADO E A SÚA DIRECCIÓN

Trotsky di en Balance e perspectivas que o proletariado podería tomar o poder nun país
relativamente atrasado como Rusia antes de facelo nos países industriais desenvolvidos, non só
baseándose nunha clara comprensión de que a correlación de forzas entre clase obreira e burguesía
era moito máis favorable á primeira en Rusia que en Alemaña ou Gran Bretaña, senón que implica
unha segunda dimensión: a clase obreira en Alemaña, a pesar de seren máis forte, podía verse
paralizada polo papel social conservador que a súa dirección tradicional podía revelar de pronto no
momento decisivo.

Trotsky introduce o concepto de “burocracia obreira” para sinalar que a dirección do


proletariado, sendo inspirada pola clase dominante, tende a separarse da clase obreira. Un proceso
este co que o poderoso aparato de funcionarios tende a perder de vista o feito de que a organización
non é un fin en si mesmo, senón un medio para alcanzar a emancipación da clase obreira e para a
construción da sociedade sen clases. Esta teoría será usada para arremeter contra as políticas de
Stalin, como se analizará posteriormente.

6
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

OS CONSELLOS OBREIROS

Trotsky tivo ao principio gran recelo contra unha organización partidista forte, separada das
masas da clase obreira, aínda que estivese estreitamente integrada nelas. Esta organización é
necesaria en terreo programático e político, pero de ningunha maneira no administrativo ou
burocrático. Esta actitude inicial de Trotsky fíxolle moito máis sensíbel a outras formas de
organización distintas aos tradicionais partidos e sindicatos, comprendendo inmediatamente o xiro
histórico que representaba a aparición do soviet de San Petersburgo en outubro de 1905.

Na súa teoría política, os consellos obreiros serían as formas máis elevadas de unidade e
autoorganización da clase obreira, estando claramente en relación coa amplitude de mobilizacións
de masas, a flexibilidade das formas organizativas, e co cambio cualitativo que as propias masas
sexan capaces de desenvolver na súa actividade. A través destes órganos de autoorganización, o
partido de vangarda podería gañar a hexemonía política da clase, e pode facelo mesmo respectando
a independencia dos consellos obreiros.

Porén, Trotsky vai apoiar as restricións democráticas no período de fame e descomposición


obreira no período 1920-1921, chegando a apoialas non só dende un punto de vista programático,
senón mesmo no plano teórico, dando un xiro de 180 grados ás súas teses teóricas iniciais.

A CONSTRUCIÓN DE PARTIDOS REVOLUCIONARIOS DE MASAS

Segundo Trotsky, é necesario para salvar á humanidade da barbarie, construír partidos


revolucionarios de masas que, á vez que apliquen unha política o máis ampla posíbel de
autoorganización e unidade na acción do proletariado, estean dispostos e preparados a aproveitar a
oportunidade para conducir ás clases obreiras ao poder durante as crises revolucionarias.

O concepto de movemento obreiro organizado como un todo orgánico unido que engloba a
todos os asalariados non contradí de ningunha maneira a idea que Trotsky defendeu enerxicamente
sobre a inevitable diferenciación e segmentación do proletariado. Mesmo coa socialdemocracia,
tanto Lenin como Trotsky defenden a idea de “marchar separados, golpear xuntos”, isto é, non
renunciar á crítica ideolóxica pero si chegar a acordos contra o paro ou o fascismo.

7
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

O STALINISMO

Ernest Mandel explica no seu capítulo sobre o stalinismo que o que aconteceu na Unión
Soviética a comezo dos anos vinte é un thermidor, unha auténtica contrarrevolución política no seo
propio da revolución, mantendo iso si as conquistas socio-económicas. Perante esta situación,
Trotsky conclúe que o que tiña que prepararse era unha nova revolución política que, á vez que
mantivese e consolidase as principais conquistas da Revolución de Outubro, eliminase o poder
ditatorial da burocracia, a través da democratización da sociedade soviética, e volvese a restaurar en
mans do proletariado o poder político. Un poder que sería exercido a través de soviets elixidos
democraticamente, dentro dun sistema multipartidista, e nun sistema de planificación revisado
baixo xestión dos traballadores e o control público democrático, eliminando así a maior parte das
fontes do monstruoso despilfarro que bloquea o funcionamento normal do sistema. O
desenvolvemento das forzas produtivas e o crecemento en número, preparación técnica e cultural da
clase obreira facilitaría obxectivamente esta revolución política, da mesma forma que o farían novas
vitorias revolucionarias en occidente e oriente.

Ernest Mandel pon como paradigma da natureza contrarrevolucionaria da burocracia


soviética os acontecementos surxidos na Revolución Húngara e a Primavera de Praga, coa
intervención do exército soviético ante unha sublevación de carácter obreiro. Tamén sinala, facendo
referencia ás obras de Santiago Carrillo (Eurocomunismo y Estado) e Jean Ellenstein (El fenómeno
Stalin), que o comunismo comeza a aceptar a teoría trotskista sobre a burocratización e
contrarrevolución soviética para explicar o fenómeno do stalinismo dentro da estrutura conceptual
clásica do marxismo. Certamente, o eurocomunismo e a súa renuncia implícita ao internacionalismo
(finais dos 70, coincidindo coa publicación da obra) podería entenderse como o desenvolvemento
subseguinte da decisión tomada pola URSS stalinista de concentrarse no desenvolvemento social e
económico da URSS (socialismo nun só país). Visto dende un punto de vista trotskista, os partidos
eurocomunistas farían logo como os socialdemócratas da Segunda Internacional, cando apoiaron os
seus gobernos nacionais durante a Primeira Guerra Mundial abandonando o internacionalismo.

O FASCISMO

Trotsky dirá que o fascismo non é máis que unha “solución capitalista momentánea á crise

8
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

da sociedade burguesa”. En condicións de tensión crecente, sectores significativos das clases


medias e doutras capas sociais podían amalgamarse nun poderoso movemento de masas, ser
hipnotizados por un caudillo carismático, armados por un sector da clase capitalista e do aparato do
Estado, e ser utilizados para aplacar o movemento obreiro coa intimidación e o terror.

Segundo Trotsky é de necesidade vital opoñerse ao ascenso do fascismo dende o seu


nacemento cunha resposta unida, resolta e enérxica. É necesario por tanto que os socialdemócratas e
os comunistas deixen de loitar os uns cos outros e fechen filas contra o fascismo.

A LOITA CONTRA O IMPERIALISMO

En canto ao imperialismo, Trotsky comprendeu instintivamente que o movemento


revolucionario antiimperialista era estimulado tanto pola rebelión contra a opresión e a humillación
como por motivos puramente económicos, sendo necesario defender incondicionalmente os
movementos de liberación nacional nas colonias por parte dos traballadores.

Empezou a aplicar tamén a teoría da revolución permanente aos países coloniais e


semicoloniais a partir do comezo da Segunda Revolución China de 1925-1927. Esta teoría aplicada
a estes países implica concretamente que a burguesía colonial é incapaz de dirixir o proceso
revolucionario cumprindo todas as tarefas históricas da revolución nacional-burguesa, e implica
polo tanto que estas tarefas só se realizarán cando o proletariado sexa capaz de conquistar a
hexemonía do proceso revolucionario e, apoiado polo campesiñado e outros sectores oprimidos da
poboación, poida estabelecer un estado obreiro.

A CUARTA INTERNACIONAL

Trotsky dedícase cada vez máis nos seus últimos anos a un só obxectivo: a construción
dunha nova organización revolucionaria, a IV Internacional. O ideólogo marxista sabía que os
resultados inmediatos serían modestos e os seus seguidores poucos, pero tiña a necesidade de facelo
ao ver que as masas soviéticas identificaban ao PCUS coa casta burocrática dominante privilexiada.
Aínda que só fose pola súa loita pola revolución política na URSS como parte da revolución

9
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

mundial, a Cuarta Internacional constituíase como un fito historicamente decisivo a longo prazo
para o futuro do socialismo mundial.

Trotsky integrará na Cuarta Internacional o chamado Programa de Transición e a estratexia


de loita das reivindicacións transitorias, na que se fai consciente o dobre aspecto da crise existente:
a crise de dirección e a crise de conciencia de clase no proletariado. A Cuarta Internacional
estabelécese nun congreso de delegados en París no 1938, configurándose como herdeira de todas
as internacionais obreiras, mais baseándose o seu modelo político e organizativo nos catro primeiros
congresos da III Internacional.

Ernest Mandel considera que Trotsky comete dous erros de calado: o primeiro pensar que a
IV Internacional se expandiría rapidamente ao final da Segunda Guerra Mundial, algo imposíbel, xa
que sería un proceso moito máis longo e contraditorio. O segundo erro foi pensar que o réxime
stalinista non sobreviviría á guerra mundial, algo que co devir dos acontecementos se demostrou
erróneo.

Pese a todos, a vontade de construír a IV Internacional non é outra que aquela de continuar
coa loita por un resultado histórico que aínda non se decidira; o de se prevalece a barbarie ou o
socialismo, se a revolución en standby stalinista é continuada ata o socialismo ou se é a
“dexeneración burocrática” a que vence na URSS e se extende globalmente. Ernest Mandel defende
a loita pola IV Internacional aínda en 1979, e fabula sobre se é un “plantexamento realista ou
utópico”, que en todo caso “só o futuro decidirá”. Salvando a análise de Mandel, dez anos máis
tarde o socialismo soviético é derrotado, non pola capacidade autocrítica e de autocorrección da
clase obreira que defendía o trotskismo, senón porque, en termos trotskianos, e entre outras cousas,
a necesaria revolución mundial non se desenvolve, tendo que facer fronte o socialismo nun só país a
un clima de presión internacional capitalista (no eido económico, político e social) imposíbel de
aguantar.

O SOCIALISMO

Trotsky manterá a tradición clásica da definición do socialismo cando se opuxo con forza á
explicación stalinista de que en Rusia se lograra chegar ao socialismo en 1935-1936. A supresión da

10
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

propiedade privada dos medios de produción é pois unha condición necesaria, pero insuficiente para
a existencia dunha sociedade socialista. Segundo Trotsky, o stalinismo estaba a facer un enorme
dano ideolóxico e político á causa comunista cando fixo esta categorización.

Mandel utiliza unha auténtica arenga anti-dogmatismo stalinista para definir o socialismo
non só como unha sociedade xusta no económico, senón tamén sen desigualdades á hora de tomar
decisións; unha “sociedade na que a represión dos individuos que se desvían da norma social
estabelecida non sexa máis dura que baixo o capitalismo avanzado”.

A natureza do socialismo como etapa primeira dunha sociedade sen clases é analizada
fondamente por Trotsky no terreo da economía, das relacións entre grupos humanos e da
organización política e de cultura. O seu concepto de plenitude material, do que foi amplamente
criticado, non só se refire ao nivel da economía, senón tamén ao social e psicolóxico: un sistema de
distribución socialista baseado na gratuidade de bens e servizos. Nunha sociedade socialista, as
prioridades da inversión planearíanse menos sobre a división dos recursos existentes entre consumo
e inversión que sobre as novas alternativas tecnolóxicas, co que a prosperidade, o ocio e alegría se
asegurarían para todos.

No eido da pluralidade política, Trotsky cre nun sistema pluripartidista no marco do


socialismo, onde caberían debates de dimensións nunca vistas e vida intelectual vibrante. En canto
aos diversos procesos sociais aos que tería que facer fronte a sociedade tras a eliminación da
propiedade privada (sexismo, racismo, chovinismo...), Trotsky cre convínte levar a cabo unha loita
sen tregua, algo obxectivamente necesario para a creación dunha sociedade socialista. O mesmo
ocorre coa violencia social, para o que é necesario eliminar toda produción de armamentos e
arsenais. Segundo Mandel, a creación dunha sociedade plena non contén elementos utópicos ou
milenaristas na teoría política de Trotsky, mais si plantexamentos perfectamente posíbeis dende un
punto de vista científico e histórico sobre a especie humana. No dilema “barbarie ou socialismo”
non hai lugar para a decadencia e o desastre.

11
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

CONCLUSIÓNS

O Programa de Transición da IV Internacional remata, evocando ao manifesto comunista,


coa seguinte proclama: “Traballadores, homes e mulleres de todos os países, poñédevos baixo a
bandeira da IV Internacional. É a bandeira dunha vitoria que se aproxima!” É esta pois unha
proclama en apoio aos traballadores, contra o capitalismo e contra a burocracia da Unión Soviética.
Pese a todo, o capitalismo é hoxe o sistema dominante e, aparentemente, invencible. O colapso da
URSS ocorreu, pero a través dunha restauración social que conduciu ao capitalismo, en vez de á
revolución política proposta polos trotskistas. Foi xa que logo a IV Internacional un fracaso, e en
última instancia o afundimento do movemento trotskista? En certa medida os augurios de Trotsky
non se cumpliron, sequera tras a Segunda Guerra Mundial nin tampouco co Secretariado Unificado
da IV Internacional de Ernest Mandel nos anos 60. Triunfou o modelo do socialismo nun só país, a
revolución mundial e permanente non tivo lugar, e o comunismo sufriu na década dos 90 a maior
descomposición da súa historia. Cales foron as causas deste fito? Unipartidismo, falta de liberdade,
convivencia cun capitalismo imposíbel (como apunta as teorías do desenvolvemento desigual e da
revolución permanente), competitividade cos EUA, estatalización económica inviábel...? O fracaso
da URSS tivo varias vertentes, e seguramente o trotskismo acertou en moitos dos seus puntos
analíticos. Moitas das previsións feitas por Trotsky demostráronse erróneas co transcurso da
historia, pero as súas decisións políticas estiveron plenamente xustificadas no marco do stalinismo
máis duro e dogmático.

En canto á evolución posterior do movemento tras a morte de Trotski, cómpre dicir que o
trotskismo se dividiu en varias correntes. Entre as principais temos o “Secretariado Unificado da IV
Internacional” (1963), a sucesora oficial da IV Internacional, o “Comité de Unión Internacional
para unha Internacional Obreira” (1993), a “Liga Internacional dos Traballadores” (que abandonan
o SU polo seu apoio aos Sandinistas en Nicaragua), etc... Actualmente existen, ao redor do mundo,
un número elevado de organizacións trotskistas provintes da IV Internacional. Sen lograren un peso
decisivo, as organizacións trotskistas teñen gran influencia en países latinoamericanos como
Arxentina, Venezuela, Bolivia ou Brasil e en outros como o Reino Unido, Portugal e Francia.

12
O pensamento de León Trotsky Pablo Guimeráns Sanjorge

ESTA É UNHA OBRA PRODUCIDA POR

PABLO GUIMERÁNS
www.pabloguimerans.com

13

You might also like