You are on page 1of 9

BLOQUE 1: PREHISTORIA E IDADE ANTIGA.

1. O NEOLÍTICO: características e cambios con respecto á época Paleolítica.


Nesta pregunta debedes comentar os cambios producidos entre o Paleolítico e o Neolítico a nivel económico (paso
dunha economía predadora a outra produtora a través da aparición da agricultura e a gandaría), tecnolóxico (aparición
de novas técnicas e instrumentos), cultural (sedentarización, aparición do concepto de relixiosidade, de megalitismo, e
a evolución da arte rupestre), sociais (aparición de xerarquización social e da división do traballo, facendo mención ás
características particulares do Neolítico peninsular).

OS INICIOS DO POBOAMENTO PENINSULAR.


A falta de datos dificulta, ou imposibilita, poder coñecer as diferentes culturas que se desenvolveron na península
ibérica e nas illas Baleares e Canarias na prehistoria, de modo que fixamos a atención unicamente nalgunha das
máis destacadas.

- AS ORIXES.
Para coñecer o proceso de hominización na península ibérica resultan de grande interese os achados de restos
fósiles do xacemento burgalés de Atapuerca, no que os paleontólogos identifican os restos máis antigos do primeiro
grupo humano que comezou a poboar Europa hai uns 900.000 anos: o homo antecessor. Despois chegaron á
Península tanto neanderthales (que acabaron por extinguirse) como sapiens (dos que procede o home moderno),
antepasados dos que se localizaron restos en varios xacementos peninsulares.
➢ Os grupos humanos que habitaron inicialmente a Península mantiveron, durante centos de miles de anos,
uns modos de vida baseados na caza e na recolección de alimentos e que os historiadores denominan
sociedade paleolítica. A súa presenza está documentada en numerosos lugares grazas aos restos
conservados da súa actividade, a maioría fabricados en material lítico elaborados coa técnica de lascado:
machados, coitelos, puntas de frecha... En Galicia, os restos máis antigos (útiles tallados en cuarcita)
localízanse en zonas do litoral, destacando os atopados nas Gándaras de Budiño (Pontevedra).
➢ No conxunto das manifestacións artísticas das sociedades paleolíticas e mesolíticas destacan os restos
pictóricos conservados, diferenciándose dúas áreas: a cantábrica, con pinturas polícromas en covas (Tito
Bustillo, Candamo, Morín), nas que se representan animais soltos de gran realismo, especialmente os da
cova de Altamira (20-12.500 a.C.), culminación da arte prehistórica parietal europea. Na zona levantina a
maioría das pinturas están en abrigos ao aire libre (Cogull en Lleida, Cova de Araña en Bicorp -Valencia-
; Cova dos Cabalos de Valltorta -Castellón-); son monocromas, esquemáticas e son numerosas as
representacións de escenas da vida cotiá (caza, recolección, danzas).

➢ Arredor do 6000 a. C., comezan a detectarse na vertente mediterránea indicios do cambio que deron lugar
á revolución neolítica. O cultivo da terra e a doma de animais facilitaron o asentamentos da poboación,
dando lugar aos primeiros pobos estables, así como a importantes avances técnicos (puído nos útiles de
pedra, cerámica, muíños para o gran, fouces, tecidos, inicio da metalurxia...), culturais (enterramentos en
fosas, ritos propiciatorios para a agricultura) e artísticos (maior esquematismo nas figuras representadas).
En Galicia, a introdución da agricultura presenta moitas dificultades no seu estado pola falta de vestixios
claros.

- O MEGALITISMO.
Durante o neolítico avanzado, nun período en que se comezou a empregar cobre para a fabricación de adornos
persoais e utensilios, e que os prehistoriadores denominan Calcolítico ou Idade do Cobre (3500-2200 a.C.), en
numerosas áreas peninsulares realizáronse construcións, a maioría delas con finalidade funeraria, feitas con grandes
pedras, que dan nome á cultura megalítica. Moitas destas construcións son sepulcros formados pola cámara
funeraria e un corredor e alcanzan nalgún caso (cova de Menga en Antequera) espectaculares dimensións; estes
enterramentos poden estar asociados a poboados (caso do almeriense dos Millares) ou non.
En Galicia consérvanse varios miles de antas (construcións funerarias formadas por unha cámara de grandes pedras
que poden ter un corredor e entrada) e mámoas (túmulos de terra de planta redondeada e sección semicircular sen
construción interior). Ao longo do tempo (3500-1800 a.C.) estas construcións foron evolucionando desde as
iniciais, formadas só pola cámara poligonal, ás que se completan cun corredor e, xa as da fase final, de menor
tamaño e plantas rectangulares.
Coincidindo coa fase final do Calcolítico estendeuse por gran parte da Península e de Europa un tipo e vasilla, o
vaso campaniforme, así chamado pola forma que presenta, e que en Galicia está asociado aos megálitos.

- IDADE DO BRONCE.
O desenvolvemento da metalurxia permitiu o coñecemento dunha aliaxe, o bronce (cobre e estaño). O seu emprego
espallouse de maneira irregular, dando orixe a unha gran diversidade de culturas durante a denominada Idade do
Bronce (1800-800 a.C.), destacando a de Argar (Almería), Motillas (A Mancha) e Cogotas (Ávila-Salamanca).
En Galicia, a cultura do bronce atlántico presenta vínculos comúns coas rexións atlánticas europeas e caracterízase
polo achado de depósitos metálicos (espadas, coitelos, braceiras...) descontextualizados. A esta cultura atribúese o
tesouro de ouro de Caldas de Reis e os numerosos petróglifos ou gravados en pedra con motivos xeométricos
(círculos, espirais), armas e animais (especialmente cervos), moi abundantes nas Rías Baixas.
No tránsito do Bronce final aos inicios da Idade do Ferro, influencias externas de diversa procedencia
(mediterráneas, indoeuropeas, atlánticas), xunto coa propia evolución das culturas indíxenas, propiciaron diversos
cambios que se traduciron no incremento da fortificación dos núcleos habitados e no aumento da importancia das
elites. Neste horizonte cultural destaca no nordeste peninsular a cultura dos campos de urnas (1100-750 a.C.), así
chamada polas urnas cerámicas que contiñan as cinzas procedentes da incineración de cadáveres.

2. OS POBOS PRERROMANOS DA PENÍNSULA IBÉRICA.


Nesta pregunta tedes que explicar o panorama peninsular durante o primeiro milenio antes da nosa era (Idade do Ferro)
sinalando cales foron as culturas que se desenvolveron neste período e comentando as súas características máis
sobresalientes a nivel económico, social, cultural, artístico e de poboamento. Para simplificar a análise agrupará os
distintos pobos en grandes zonas culturais: pobos do sur e do Levante (Tartessos e iberos, sinalando o influxo cultural
recibido de pobos mediterráneos), pobos meseteños (indicando a mestura de influencias mediterráneas e indoeuropeas)
e pobos do norte e do occidente (mencionando a súa influencia indoeuropea e facendo referencia expresa ás
características da cultura castrexa).

2.1. COLONIZACIÓN DE POBOS DO MEDITERRÁNEO ORIENTAL.


Ao longo do primeiro milenio a.C. pobos procedentes do Mediterráneo oriental estableceron colonias e factorías
comerciais na costa sur e do levante peninsular así como no arquipélago balear. Tratábase de pequenos núcleos
situados en puntos estratéxicos onde realizar a venda de produtos para o consumo das clases superiores locais
(viño, aceite, xoias, obxectos de adorno, cerámica...) a cambio de materias primas (metais, púrpura...) e alimentos
(salgadura de pescado...) destinadas aos mercados orientais. Estes pobos colonizadores introduciron novos
materiais (ferro), novas técnicas (torno cerámico, salgadura, tinturas...), novos cultivos (oliveiras, vide), novos
animais (galiñas), o alfabeto, a moeda e novas ideas relixiosas e políticas contribuíndo ao reforzamento das
xefaturas locais e o aumento das diferenzas sociais. Tamén foron eles os que fixeron as primeiras descricións dos
habitantes da península ibérica.
➢ Os FENICIOS, procedentes de Tiro (Líbano), estableceron a súa primeira colonia en Gadir,
documentada xa desde o século IX a. C., estendéndose despois pola costa andaluza: Malaca, Sexi,
Abdera... Controlaron a ruta dos metais (prata, chumbo, estaño) procedentes das zonas mineiras da
actual Serra Morena e das illas Casitérides (illas do estaño) situadas no Atlántico e sobre as que non
hai acordo sobre a súa situación que podería referirse a calquera dos fisterres atlánticos ricos en estaño
(Galicia, Bretaña, Gales, Irlanda).
➢ Os GREGOS, procedentes de Massalia (actual Marsella, creada por gregos en Focea), fundaron no
século VI a.C. a colonia de Emporion (actual Ampuries, Cataluña), avanzando despois cara o sur pola
costa levantina.

2.2. A IDADE DO FERRO.


Introducida polos fenicios, a metalurxia do ferro estendeuse pola península arredor do século VIII a.C. A súa
difusión inicial parece que non implicou cambios violentos nas culturas precedentes do bronce final. Foron as
diferentes influencias atlánticas ou mediterráneas as que orixinaron na primeira Idade de Ferro (800 a.C.-500 a.C.)
diversas culturas con características propias entre as que destacan.
➢ TARTESOS, nome co que se coñece a civilización xurdida no século VIII no tramo final do río
Guadalquivir froito da influencia e presencia fenicia. Alcanzou ata o século VI conseguindo un elevado
desenvolvemento urbano e comercial grazas as súas riquezas mineiras das que son boa mostra os enxovais
de ouro do tesouro de Carambolo (Sevilla).
➢ A CULTURA TALAIÓTICA de Menorca, que destaca polas súas construcións megalíticas: navetas (forma
de nave invertida), talaiots (torre circular) e taulas (grandes pedras en forma de T).

2.3. OS POBOS PRERROMANOS.


Agrúpanse baixo esta denominación aqueles pobos e culturas que entraron en contacto cos romanos. Enmarcados
en xeral dentro da segunda Idade do Ferro (a partir do século VI a.C.) e tendo como trazo común o hábitat en
núcleos fortificados, diferéncianse os seguintes ámbitos culturais:
➢ A cultura dos VASCÓNS.
A zona occidental dos Pirineos estivo habitada polos vascóns, un pobo de orixe pouco coñecida pero asentado no
territorio desde o paleolítico. A disposición do relevo, con vales pechados por montañas, contribuíu ao seu
illamento, á endogamia e ao mantemento de formas culturais propias, entre as que sobresae o poder aglutinante da
súa lingua.
➢ A cultura IBÉRICA.
Esta cultura reflicte o impacto fenicio, grego e tartésico sobre o substrato indíxena. Desenvolveuse a partir do
século VI a. C. na zona costeira do sur leste peninsular, penetrando cara ao interior polo val do río Ebro. Estaba
formada por un conxunto de pobos independentes pero que mantiñan trazos culturais e idiomáticos semellantes.
Nos seus poboados vivían hábiles artesáns e agricultores, usaban a moeda e a escritura, e a sociedade estaba
xerarquizada, dominando a aristocracia encabezada polo monarca. Ademais de restos dos seus poboados, deles
conservamos fermosas esculturas relacionadas cos ritos funerarios e relixiosos (dama de Elxe, dama de Baza,
figuras do santuario do Cerro dos Santos...).
➢ A cultura CELTA e CELTIBÉRICA.
No interior peninsular, habitado por diferentes pobos independentes, desenvolvéronse culturas de tradición
indoeuropea e céltica mesturadas con elementos indíxenas. Nalgunhas zonas, entre o val do Douro e do Ebro,
adoptou trazos culturais ibéricos, polo que recibiu o nome de celtibérica. Numerosos pobos incluídos nesta área
cultural vivían en poboados protexidos por sistemas defensivos, dedicábanse á agricultura e á gandería, e tiñan un
elevado nivel técnico na fundición de armas de ferro, así como na elaboración de pezas de ourivería.
➢ A cultura CASTREXA.
No noroeste peninsular desenvolveuse a cultura castrexa. Nela destaca como elemento máis significativo o castro,
poboado defendido por fortificacións (murallas, foxos, terrapléns) que acollen, no seu interior, construcións
domésticas realizadas en pedra nas que domina a planta redondeada. A súa área cultural comprendía a actual
Galicia e prolongábase cara ao sur ata o río Douro e polo leste ata o Sella. O número de castros foi moi elevado,
conservándose aínda hoxe moitos deles; topónimos como castro, castriño, croa, rodela, cidá... indican a existencia
dun destes poboados.
Cronoloxicamente desenvolveuse durante a Idade do Ferro, a partir dun substrato indíxena da época final do Bronce
sobre o que actuaron influencias culturais indoeuropeas de raíz céltica (apreciables en aspectos como a toponimia).
A cultura castrexa propiamente dita desenvolveuse entre os séculos VIII a.C. e o I d.C. Tras a conquista romana,
os seus trazos evolucionaron, pola influencia da cultura dos conquistadores, dando lugar á cultura galaicorromana.
Os pobos castrexos non formaron unha unidade política, senón que eran grupos máis ou menos homoxéneos e
independentes, aliados ou enfrontados entre si. Eran pobos agrícolas e gandeiros, pero que desenvolveron tamén
unha importante minaría e metalurxia da que nos quedan magníficas pezas de ourivería (torques, arracadas,
fíbulas...). Non se coñece ben a súa organización social e política, pero debía existir unha certa estratificación
detectable, por exemplo, na presenza de xoias (especialmente os torques) empregadas como distintivos de poder.
A escasa aparición de armas nas escavacións parece indicar que non se trataba dunha sociedade en continuo estado
de guerra, tal como a presentan os escritores gregos e latinos antigos. O seu panteón relixioso debía combinar
cultos aos deuses e ritos relacionados con elementos e forzas da natureza.
No século XIX, os historiadores galegos (especialmente Manuel Murguía) destacaron o celtismo como compoñente
básico da cultura castrexa e da etnicidade galega. Nese ambiente, potenciado polos rexionalistas galegos,
espallouse o coñecemento do Libro das invasións de Irlanda, manuscrito escrito cara o ano 1100 que recolle lendas
e tradicións anteriores, entre elas a existencia de Breogán, un rei que construíu a cidade de Brigantia (que foi
identificada coa antiga Brigantium romana que existiu onde hoxe está A Coruña) e, preto dela, unha alta torre ou
faro. Froito da corrente celtista, Breogán pasou a formar parte da identidade colectiva galega ao ser incluído no
Himno de Galicia.

2.4. O DOMINIO CARTAXINÉS.


Cartago foi unha colonia fenicia situada na costa do actual Túnez. Desde o século VI a.C., tras a conquista das
cidades de Fenicia polos asirios, os cartaxineses, tamén chamados púnicos, fixéronse co control de Gadir e
continuaron coa fundación de colonias no Mediterráneo occidental, como Ebussus (hoxe Eivisa), dominando as
rutas marítimas. A partir do 264 a. C., os cartaxineses enfrontáronse cos romanos na Primeira Guerra Púnica, sendo
derrotados. Para compensar as súas perdas territoriais, os cartaxineses iniciaron a ocupación e conquista do sur e
leste peninsular, fundando o Cart-Hadath (Cartaxena) e creando un novo imperio dirixido pola familia dos Barca
(Amílcar, Asdrúbal e Aníbal). No ano 226 a.C. acordaron cos romanos que o río Ebro delimitase as respectivas
zonas de influencia: Roma ao norte e Cartago ao sur de dito río. O ataque de Aníbal a Sagunto no 219 a.C. (colonia
grega situada ao sur do río Ebro aliada de Roma) provocou a Segunda Guerra Púnica e o inicio da conquista romana
da Península.

3. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN.
Nesta pregunta o alumnado debe facer referencia, dentro do marco das Guerras Púnicas, ás causas da conquista romana
da Península Ibérica, ás etapas da mesma ao longo do tempo e ao proceso de romanización peninsular (explicando o
concepto e sinalando os elementos empregados no mesmo), centrándose especialmente na organización político-
administrativa do territorio, na cultura e nas obras públicas.

A ROMANIZACIÓN.
Paralelamente á conquista romana desenvolveuse a romanización, é dicir, a asimilación dos modos de vida e da
cultura de Roma por parte dos pobos dominados. En Hispania, a romanización foi máis intensa no literal levantino
e nos vales do Ebro e do Guadalquivir que nos territorios do norte, onde perduraron os costumes prerromanos,
especialmente entre os vascóns, que conservaron gran parte a súa cultura autóctona. Os cambios son detectables
en numerosos aspectos: divulgación do latín e da relixión romana e dos seus ritos (asimilación do panteón romano
e do culto ao emperador), imposición do sistema económico, social e xurídico romano, aceptación dos gustos e
expresións artísticas romanas e das súas formas arquitectónicas.
3.1. A HISPANIA ROMANA.
No ano 218 a.C. os romanos, dirixidos por Publio e Cneo Escipión, desembarcaron en Emporion (colonia grega
aliada dos romanos) para cortar os subministros que, procedentes da Península, eran enviados ao xeneral cartaxinés
Aníbal, que estaba loitando en Italia contra Roma.
➢ A CONQUISTA.
- 218-206 a.C.: ocupación da franxa mediterránea e o val do río Guadalquivir.
- 197-177 a.C.: ampliación da área cara ao interior peninsular. Nas campañas destacaron as actuacións
de Catón e Sempronio Graco.
- 154-133 a.C.: avance sobre a Meseta e o literal atlántico. Os romanos venceron os lusitanos, dirixidos
por Viriato, e os celtiberos que resistían tenazmente en Numancia.
- 29-19 a.C.: finalización da conquista co dominio do norte peninsular tras a derrota dos cántabros,
ástures e galaicos; na campaña participou persoalmente o emperador Octavio Augusto (guerras
cántabras).

➢ A ORGANIZACIÓN DO TERRITORIO: PROVINCIAS E CIVITAS.


Roma estableceu unha serie de unidades político administrativas para asegurar o control do territorio, o
mantemento da paz, a explotación das fontes de riqueza, a mellor percepción dos impostos e a administración da
xustiza. Estas unidades foron:
- As PROVINCIAS, administradas por un gobernador designado por Roma, englobaban a varios
conventos e múltiples civitas. En Hispania o seu número variou co paso do tempo, desde as dúas iniciais
(197 a.C..: Hispania Ulterior e Hispania Citerior) ata as seis finais (298 d.C.: Baetica, Lusitania,
Tarraconensis, Cartaginensis e Gallaecia; no 385 d.C. a Baleárica). Todas elas formaron a Diocese das
Hispanias.
- Os CONVENTOS eran unidades administrativas de carácter xudicial, de recadación de impostos e de
recrutamento de tropas que englobaban a varias civitas.
- As CIVITAS eran as unidades básicas do sistema romano. Estaban formadas por un núcleo urbano e
un territorio circundante e podían ser de varios tipos, segundo o estatuto xurídico polo que se rexían.
Destacaban as colonias, cidades fundadas polo goberno romano con soldados licenciados, e os
municipia, núcleos indíxenas que adquirían o réxime xurídico do dereito romano ou latino.

➢ EXPLOTACIÓN E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO.


Os romanos explotaron os recursos naturais da Península, modificaron a estrutura económica das súas terras e
perfeccionaron numerosas técnicas agrarias e de explotación mineira. A prosperidade e o desenvolvemento urbano
e comercial dos séculos I e II quedou freado a partir do III debido á inseguridade ocasionado polos avances dos
pobos bárbaros.
- O SECTOR AGROPECUARIO. A terra dos pobos conquistados pasou a ser propiedade do Estado
romano, que se reservou unha parte e repartiu ou arrendou o resto. Xunto cos pequenos propietarios
existían grandes latifundistas. Introduciron novas técnicas agrarias (barbeito, regadío) e instrumental
(arado) e intensificaron numerosos cultivos destinados ao comercio (trigo, vide, oliveira, liño, esperto).
- AS ACTIVIDADES ARTESANAIS E COMERCIAIS tiveron un gran desenvolvemento vinculado
coa creación das novas cidades e a inclusión da Península nos circuítos comerciais do Imperio romano.
Estas actividades estiveron favorecidas pola existencia dunha moeda común, as numerosas vías de
comunicación e a mellora da navegación, en barcos e portos (salgaduras de peixe e salsa garum).
- AS ACTIVIDADES MINEIRAS estiveron moi desenvolvidas grazas á existencia de ricos filóns. As
minas foron explotadas directamente polo Estado ou arrendadas a particulares; nelas traballaban
escravos e homes libres por un salario. Roma controlaba, entre outras explotacións, a extracción do
ouro do noroeste (as Médulas), a prata de Serra Morena...

➢ AS TRANSFORMACIÓNS SOCIAIS.
O emperador Vespasiano concedeu o dereito de latinidade (concesión dalgúns dos dereitos que tiñan os cidadáns
romanos) aos habitantes de Hispania no ano 74, impoñéndose así a estrutura social romana fronte ás sociedades
xentilicias prerromanas. O edicto de Carcalla estendeu a cidadanía romana a todos os homes libres do imperio. Os
grupos básicos da sociedade romana foron:
- As ORDES SUPERIORES, formadas polos grupos aristocráticos, controlaban os cargos públicos,
posuían grandes riquezas e tiñan influencia no goberno imperial.
- A PLEBE URBANA ou RÚSTICA, formada por artesáns e pequenos comerciantes das cidades, os
propietarios de pequenas parcelas e os xornaleiros libres.
- Os GRUPOS DEPENDENTES: escravos, colonos e libertos. Os colonos eran homes libres pero
dependentes dos donos da terra que traballaban en arrendo. Os libertos eran antigos escravos liberados;
algúns deles posuíron importantes fortunas procedentes das actividades comerciais ou dos seus servizos
na administración imperial. Os escravos constituíron a principal man de obra en todas as actividades,
e eran moi numerosos.

➢ EXPANSIÓN DO CRISTIANISMO.
A tradición fala da penetración do cristianismo na península ibérica a través da predicación do apóstolo Santiago
e de San Paulo. O progreso da nova relixión na Península foi rápido, a pesar das persecucións ordenadas polos
emperadores contra os seus seguidores e os movementos heréticos.
Entre as primeiras herexías destacou o priscilianismo. O seu iniciador, Prisciliano (críase que nado en Galicia), era
fillo dunha familia nobre e foi nomeado bispo de Ávila. O éxito de Prisciliano estivo en interpretar o cristianismo
dun modo que resultaba máis asimilable polas masas populares, sendo crítico coa estrutura xerárquica da Igrexa.
Acusado de herexe, foi sometido a xuízo e condenado por inmortalidade e maxia, sendo decapitado. Tras a morte
do fundador, o priscilianismo continuou vivo en Gallaecia ata finais do século VI.
➢ O LEGADO ARTÍSTICO E CULTURAL.
Ademais de aspectos culturais tan destacados como a lingua, as bases do sistema xurídico ou o cristianismo, na
península ibérica consérvanse numerosos restos materiais da época na que foi dominada por Roma (teatros,
anfiteatros, arcos de triunfo, pontes, termas, murallas, vías de comunicación...), vestixios da actividade económica
(moedas, ánforas) e da vida cotiá (cerámicas, xoias). Ben cultural da UNESCO: acueduto de Segovia, conxuntos
de Mérida, Vía da Prata, muralla de Lugo, Torre de Hércules.

A GALLAECIA ROMANA.
Os romanos deron o nome de Gallaecia ao noroeste peninsular, nome talvez tomado dun dos pobos que habitaban
na zona, os galaicos. O proceso de romanización foi lento e menos intenso que noutras zonas peninsulares,
transformando a cultura castrexa e dando lugar ás novas formas galaicorromanas.
➢ A CONQUISTA.
O noroeste peninsular interesaba aos romanos por catro razóns básicas: levar o dominio de Roma aos confíns do
continente europeo (finis terrae); explotar no seu favor as riquezas mineiras; protexer as terras cerealeiras da
Meseta dos constantes ataques dos pobos do norte e noroeste; e o prestixio que os mandos militares podían obter
dunha campaña vitoriosa. A conquista non foi doada e tiveron que facer varias expedicións para someter os pobos
indíxenas:
- A dirixida por Décimo Xuño Bruto, na que as rebelións dos pobos Lusitanos obrigáronlle a volver cara
o sur sen completar a conquista do noroeste.
- A segunda expedición, dirixida por Xulio César, que chegou ata Brigantium
- A terceira e definitiva, dirixida por Octavio Augusto, no contexto xeral das guerras cántabras. A batalla
final tivo ligar nun lugar indeterminado (Médulas?): batalla do Monte Medulio.

➢ A ORGANIZACIÓN DO TERRITORIO.
A medida que os romanos foron asegurando o dominio do territorio tamén ían variando a súa organización.
Inicialmente, o noroeste peninsular formou parte da provincia da Hispania Ulterior. Carcalla creou a Nova Citerior,
na que se incluía Gallaecia, dividida interiormente en tres conventos con tres cidades como capitais: Asturica
Augusta, Bracara Augusta e Lucus Augusti. A Galicia actual correspóndese convento lucense.
Para o control deste territorio foi fundamental o papel do exército romano. O hábitat foise modificando e algúns
castros seguiron habitados, convivindo con novas formas: a villa (explotación típica). A única cidade destacada da
actual Galicia foi Lucus Augusti.
➢ A EXPLOTACIÓN E O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO.
A explotación económica do territorio foi unha das razóns básicas da conquista romana do noroeste, especialmente
polas súas riquezas: ouro, prata, estaño e chumbo. O ouro obtíñase peneirando as areas fluviais. Empregábase o
sistema de ruina montium.
Xunto cos metais, os romanos potenciaron o desenvolvemento agrario e a salgadura do peixe. Fixéronse numerosas
obras públicas de carácter práctico entre as que destacan as vías, así como faros. As vías de comunicación e a
progresiva circulación monetaria favoreceron o comercio.
➢ A SOCIEDADE GALAICORROMANA.
A nova sociedade mativo moitos trazos da sociedade castrexa precedente, especialmente entre os grupos populares.
Tras a conquista instaláronse corpos do exército e os funcionarios, grupo romanizado no que tamén se incluíron
numerosos dirixentes castrexos que se foron asimilando ao vencedor. A concesión do dereito de cidadanía
contribuíu ao achegamento entre as dúas comunidades.
➢ MANIFESTACIÓNS CULTURAIS E ARTÍSTICAS.
Entre os aspectos fundamentais da romanización atópanse a imposición do latín, que substituíu ás linguas
indíxenas.
O cristianismo introduciuse na Gallaecia de forma tardía e lenta, con maior éxito no medio urbano que no rural.

4. A MONARQUÍA VISIGODA.
Nesta pregunta o alumnado ten que facer referencia ás causas da chegada dos visigodos á Península Ibérica tras as
invasións dos pobos bárbaros no s. V d. C. (tendo en conta o seu carácter de pobo federado de Roma) e a posterior
constitución do reino visigodo no territorio peninsular. Deberá explicar o carácter da súa monarquía, os obxectivos
perseguidos polos monarcas visigodos (unidade territorial, relixiosa e xurídica), prestando particular atención á
organización política do reino. Finalmente, pódense mencionar as causas do remate do reino visigodo.

OS REINOS XERMÁNICOS DE HISPANIA.


Arredor do 375, os hunos chegaron ás estepas do leste da actual Europa procedentes de Asia. O seu avance
provocou unha serie de movementos en cadea nos pobos que vivían preto das fronteiras do Imperio romano.
Primeiro os godos (376) e despois os suevos, vándalos e alanos (406). A incapacidade do goberno romano para
controlar a conflitiva situación (escaseza de tropas, divisións internas) favoreceu o avance dos invasores. No 409,
os suevos, vándalos e alanos penetraron nas provincias de Hispania e, tras os saqueos iniciais, repartíronse o
territorio.
Para controlar de novo as provincias de Hispania, os emperadores romanos aliáronse cos visigodos (pobo bárbaro
máis romanizado). Entre o 415 e o 418, tropas visigodas entraron en Hispania, coa finalidade de acabar con
bárbaros rebeldes, protexer o territorio de novos ataques e exercer o goberno como representantes da autoridade
imperial. Aniquilaron os vándalos silingos e os alanos e acantoaron os demais na Gallaecia.
Ante o temor a ser derrotados, os vándalos asdingos desprazáronse cara ao sur, saqueando todo o territorio ata
pasar ao norte de África en 429.
A progresiva perda de autoridade dos emperadores fixo que o poder nas cidades fose asumido polas aristocracias
locais hispanorromanas ou que amplas zonas quedasen baixo o dominio dos xefes tribais.
Así mesmo, foi a comezos do s.V. cando tivo lugar a migración dos vascóns desde os vales pirenaicos cara ás zonas
costeiras do golfo de Biscaia.

4.1. O REINO DOS SUEVOS EN GALLAECIA.


Asentados preferentemente no convento bracarense da Gallaecia, os suevos fixeron de Bracara Augusta o centro
do seu reino e dominaron a Lusitania e a Bética. Tras ser derrotados polos visigodos, o seu dominio quedou
reducido ao noroeste peninsular.
Foi tamén nesta época cando se produciu o asentamento das poboacións célticas procedentes de Britania.
Integrados no reino suevo formaron a diocese de Britonia (na zona de Mondoñedo).
A partir de 572, as relacións cos visigodos deterioráronse e rexurdiron os enfrontamentos. No ano 585 o rei visigodo
Leovixildo conquistou o reino suevo, anexionando definitivamente o seu territorio ao reino visigodo.
4.2. O REINO DOS VISIGODOS.
A desaparición do Imperio romano en occidente en 476, fixo que os visigodos quedasen como donos absolutos do
sur das Galias e dunha parte de Hispania. Tras ser derrotados polos francos, os visigodos entraron masivamente en
Hispania, asentándose principalmente na zona central e establecendo a capital en Toledo.
Os reis visigodos realizaron diversas campañas militares que lles deron o dominio de case a totalidade das terras
peninsulares, coa excepción dunha pequena zona no norte habitada polos vascóns que permaneceu
semiindependente. Produciuse tamén a paulatina fusión entre godos e hispanorromanos grazas á autorización de
contraer matrimonios mixtos e á conversión dos visigodos ao catolicismo con Recaredo.

➢ A MONARQUÍA VISIGODA: ORGANIZACIÓN POLÍTICA.


A súa forma política era a dunha monarquía electiva, de acordo co dereito xermánico, polo que para ser rei era
preciso ser elixido pola asemblea de homes libres. Esta circunstancia convertía aos monarcas en figuras políticas
sempre necesitadas do respaldo nobiliario, e a súa sucesión nun momento de enorme inestabilidade política polas
disputas entre candidatos. Os sucesivos intentos de converter a monarquía nunha institución hereditaria para evitar
esa febleza e consolidar unha dinastía fracasaran.
Durante a segunda metade do s. VI os reis visigodos desenvolveron unha política de unificación.
- UNIFICACIÓN TERRITORIAL (Leovixildo): buscou situar baixo o seu dominio toda a península
(anexión do Reino Suevo do noroeste no 585, expulsión dos bizantinos do sueste peninsular).
Unicamente as áreas do norte, habitadas polos vascóns, permaneceron semiindependentes.
- UNIFICACIÓN RELIXIOSA: conséguese coa conversión ao catolicismo do rei Recaredo.
- UNIFICACIÓN LEXISLATIVA: produciuse co rei Recesvinto no ano 654, coa publicación do “Fuero
Juzgo”, que serviu de compilación das normas xurídicas da época. Era un documento que funcionaba
o dereito xermánico baseado no costume co dereito romano, e que tivo unha notable importancia na
orixe do dereito español.
Os poderes do rei eran grandes en teoría: xefe do exército, xuíz supremo, capacidade para declarar a guerra e a paz,
poder lexislativo. Para as funcións de goberno, os reis visigodos rodeábanse do denominado Officium Palatinum,
entre os que destacaba:
- A AULA REGIA: xurdiu para auxiliar ao rei nas tarefas de goberno, elaborar as leis e impartir xustiza.
Tamén interviña na elección do monarca. Este órgano facía as funcións de Consello Real e os seus
membros, aristócratas e magnates do reino, eran designados por el.
- Coa incorporación do mundo visigodo ao cristianismo católico a finais do s.VI cobrou moita
importancia o CONCILIO DE BISPOS DA IGREXA CATÓLICA.
- Formaban parte tamén do Officium Palatinum os denominados COMES, é dicir, nobres que xuraban
fidelidade ao rei, e encargábanse de diferentes labores de goberno.
Para o control do territorio, os visigodos mantiveron a división provincial romana baixo o nome de ducados.
No século VII, a nobreza visigoda dividiuse en dous clans que se disputaron o trono; unha parte dos nobres quixeron
facer rei a un dos fillos do rei Witiza, pero outra escolleu como rei a Rodrigo. A división interna favoreceu a
chegada dos musulmáns, procedentes de África, no ano 711.
TERMOS A DEFINIR B1.
AULA REGIA: organismo político que asesoraba ao monarca nos asuntos políticos, militares, lexislativos e
xudiciais do reino visigodo de Toledo. Nos seus comezos estaba formada por cortesáns e servidores do rei, pero
dende o século VI asistían tamén as principais personalidades do reino, nobres e bispos. Tendo en conta que a
monarquía era electiva, a función deste organismo era fundamental porque tamén interviña na designación dos
monarcas.
BÁRBAROS: denominación xenérica dada polos gregos e romanos aos pobos situados fóra do ámbito da súa
civilización, e que non falaban a súa lingua. Durante o imperio romano, o termo tomou un sentido pexorativo,
empregándose para designar os pobos de costumes primitivas que ameazaban coas súas incursións as fronteiras do
mundo romano. No 476 conseguiron tomar Roma e depoñer ao derradeiro emperador romano de occidente.
CASTRO: poboado fortificado prerromano, no que se asentaron poboacións indíxenas na meseta norte e no
noroeste peninsular, onde dá nome á cultura castrexa. Son moi numerosos na actual Galicia, caracterizados pola
súa planta redondeada. Os castros poden ocupar cumios de outeiros, ladeiras de montañas, etc. Os máis antigos
datan de Idade de Bronce.
CONVENTUS: no imperio romano, inicialmente eran asembleas conxuntas de romanos e indíxenas que
evolucionaron ata converterse en unidades administrativas e xurídicas dentro das provincias romanas. Unha cidade
actuaba como capital do “conventus” e lle daba nome, pero o seu territorio non estaba definido xuridicamente, polo
que os seus límites eran imprecisos. A actual Galicia correspóndese, basicamente, co “Conventus Lucensis”.
ECONOMÍA PREDADORA: tipo de actividade humana na que se obteñen e consumen os recursos da natureza
sen xerar produción. É característica das sociedades paleolíticas ou pre-agrícolas nómadas ou semi-nómadas, nas
que a recoleción de froitos silvestres, a caza, a pesca e o marisqueo son as actividades que permiten ao grupo obter
os alimentos e os recursos para o vestido e a construción das vivendas.
GUERRAS CÁNTABRAS: enfrontamentos bélicos entre os romanos e os pobos do norte peninsular (cántabros,
astures e galaicos) que supuxeron a finalización da conquista romana da Península Ibérica. Tiveron lugar entre os
anos 29 e 19 a.C., e estiveron dirixidas polo emperador Augusto. A batalla do Monte Medulio (ano 25 a.C.) puxo
fin á resistencia dos galaicos.
MEGALITISMO: literalmente significa “grandes pedras” (do grego: mega=grande, litos=pedra), termo que fai
alusión ás construcións arquitectónicas formadas por grandes pedras chamadas megalitos. Os tipos básicos son o
menhir ou pedrafita (un monolito ficado no chan verticalmente), o crómlech (menhires formando un círculo) e o
dólmen ou anta (sepulcros formados por unha cámara que pode estar precedida dun corredor). Corresponden a
unha ampla cronoloxía, que vai desde finais do Neolítico ata a Idade do Bronce.

You might also like