You are on page 1of 9

BLOQUE 2: HISTORIA MEDIEVAL.

5. OS MUSULMÁNS NA PENÍNSULA IBÉRICA.


Nesta pregunta o alumnado debería inscribir a chegada dos musulmáns á Península no contexto de enfrontamentos
internos da monarquía visigoda e no ímpeto expansivo do Islam. A continuación deberá citar as diferentes etapas
políticas de Al-Andalus, e referirse á súa realidade socioeconómica, mencionando as características básicas da
economía, facendo unha breve referencia ao grao de urbanismo e destacando a gran heteroxeneidade étnica e relixiosa
da sociedade andalusí.

ESPLENDOR DE AL-ANDALUS E FORMACIÓN DOS REINOS CRISTIÁNS.


Al-Andalus foi o nome que deron os musulmáns ás terras que ocuparon na península ibérica entre o 711 e 1492.

5.1. CONQUISTA E OCUPACIÓN ISLÁMICA.


En 711, tropas bérberes enviadas por Musa cruzaron o estreito e desembarcaron na zona de Xibraltar. Entraron na
Península chamados por parte da nobreza goda, partidaria dos fillos do defunto rei Witiza, para combater o rei
Rodrigo. O enfrontamento produciuse no reino Guadalete e rematou coa vitoria dos musulmáns.
Os enfrontamentos e divisións internas da nobreza visigoda favoreceron a expansión musulmá. En rápidas
campañas, os musulmáns conquistaron e ocuparon a meirande parte da Península. Os enfrontamentos foron escasos
e moitas cidades e nobres visigodos capitularon e pactaron o seu sometemento; a cambio de pagar determinados
impostos aos musulmáns podían conservar as súas propiedades e ter autoridades propias.
Os conquistadores musulmáns non formaban un grupo homoxéneo e non ocuparon toda a Península coa mesma
intensidade. Os árabes ocuparon os vales ricos do sur e do leste, mentres que aos bérberes lles tocaron as terras
máis pobres da Meseta e do norte. No ano 740 os bérberes, afectados polas malas colleitas e a fame, subleváronse
contra os árabes, abandonando os seus asentamentos iniciais e desprazándose cara ao sur e o leste.
Paralelamente, unha parte da poboación autóctona de orixe hispanorromana ou visigoda aceptou a nova situación,
abandonou o cristianismo e converteuse ao islam; estas xentes recibiron o nome de muladís.
Outra parte da poboación autóctona mantivo a súa fe cristiá e os seus costumes tradicionais; estes cristiáns que
continuaron vivindo nos seus lugares pero sometidos aos musulmáns foron chamados mozárabes. Tiñan que pagar
fortes impostos e moitos foron emigrando cara ás terras do norte controladas polos reinos cristiáns.

5.2. EMIRATO E CALIFATO DE CÓRDOBA.


Despois da súa conquista, as terras de al-Andalus pasaron a formar parte dos dominios gobernados polo califa de
Damasco (xefe supremo político-relixioso do islam), cargo que exercía a familia árabe dos Omeias. As loitas
internas entre os distintos clans polo control do poder supremo provocaron, en 750, que a familia dos Abasís se
fixese co poder, executando a maioría do derrotado clan dos Omeias, e trasladou a súa capital a Bagdad. Estes
sucesos provocaron a ruptura da unidade política da comunidade musulmá.
En 756, Abd al-Rahmán I, un dos poucos superviventes dos Omeias, refuxiouse en al-Andalus e, contando co apoio
da nobreza árabe local, fíxose co poder en Córdoba; proclamouse emir (príncipe ou soberano) e declarou a
independencia política de al-Andalus, iniciando así o emirato de Córdoba, que englobaba todas as terras
controladas polos musulmáns na Península Ibérica e a costa norte de África. No ano 929, Abd al-Rahmán III
autoproclamouse califa ou xefe relixioso dos musulmáns de al-Andalus; nacía así o califato de Córdoba, que se
mantivo ata o 1031.
Tanto o emirato como o califato de Córdoba caracterizáronse por:
➢ MONARQUÍA ABSOLUTA E CENTRALIZADA como sistema de goberno. Tanto o emir como o califa
posuían un poder absoluto e, desde o 929, eran tamén xefes relixiosos de al-Andalus. A sucesión do trono
era hereditaria, pero non tiña que ser necesariamente o primoxénito, o que provocou frecuentes conxuras e
disputas familiares polo poder.
➢ ADMINISTRACIÓN XERARQUIZADA E PODEROSO EXÉRCITO como bases das accións de
goberno. Á cabeza da administración estaban o hachib, ou primeiro ministro, e os gobernadores ou valís.
Nas zonas fronteirizas establecéronse as marcas administradas por un gobernador. O exército estaba
formado fundamentalmente por mercenarios e escravos. Todo este sistema administrativo e militar
descansaba sobre os abundantes recursos fiscais e o cobro de diferentes impostos de carácter territorial e
persoal.
➢ SOCIEDADE FORMADA POR UNHA GRAN VARIEDADE DE GRUPOS ÉTNICOS E RELIXIOSOS.
Entre os musulmáns distinguíanse os árabes, a minoría poderosa e dividida en clans; os bérberes, o grupo
maioritario dos invasores e dos seus exércitos; os muladís, hispanos islamizados, e os eslavóns, escravos
liberados e convertidos ao islam procedentes de Europa central. Entre os non musulmáns estaban os xudeus,
dedicados ás actividades comerciais e artesanais, e os mozárabes, os cristiáns que vivían en al-Andalus.
Tamén existiron importantes diferenzas sociais e económicas dentro de cada un deses grupos,
diferenciándose: os nobres, que monopolizaban os altos cargos e eran donos de grandes latifundios; os
comerciantes e artesáns das cidades; os campesiños e os escravos, que formaban parte do exército ou do
servizo doméstico ás grandes casas.
➢ PREDOMINIO DOS LAZOS TRIBAIS E FALTA DE COHESIÓN SOCIAL favorecido pola diversidade
étnica, relixiosa económica. Esta situación explica as frecuentes revoltas sociais e as rebelións.
➢ RENACEMENTO DAS CIDADES, favorecidas polo asentamento dos invasores nos núcleos urbanos.
Convertidas en centros políticos, administrativos e de intercambio. Córdoba chegou a ter uns 100.000
habitantes. Así mesmo, os musulmáns formaron novas cidades: Calatayud, Madrid, Medinaceli, Almería...
As cidades musulmás posuían un núcleo amurallado, a medina, onde se encontraban os edificios máis
importantes como a mesquita e o zoco ou mercado.
➢ PREDOMINIO DUNHA ECONOMÍA COMERCIAL baseada na reactivación das actividades artesanais
e na mellora das técnicas agrarias, e a introdución de novos produtos (arroz, cana de azucre, laranxas...). A
necesidade de abastecer a crecente poboación urbana estimulou un forte e diversificado desenvolvemento
das actividades artesanais e comerciais. Os intercambios favorecíanse da emisión de abundantes moedas
de ouro (dinar) e prata (dirhem).
➢ GRAN DESENVOLVEMENTO CULTURAL, CIENTÍFICO E ARTÍSTICO. Durante o período califal,
Córdoba foi a maior cidade da Península. A liberdade de pensamento e a tolerancia entre relixións
favoreceu o cultivo de todas as ciencias e moitas das ideas e avances orixinados en oriente (a fórmula do
papel, a fabricación da seda, o xadrez...). Al-Hakam II reuniu en Córdoba a maior biblioteca de occidente.
Entre os numerosos científicos, pensadores e artistas cordobeses destacaron o filósofo Averroes e o médico
e pensador xudeu Maimónides. Entre as construcións destacaron a gran mesquita e a luxosa residencia dos
califas de Medina al-Zahra.
A mesquita de Córdoba comezou a construírse a finais do século VIII pero foi ampliándose ata finais do
X. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

6. RECONQUISTA E REPOBOACIÓN.
Nesta pregunta o alumnado debería facer referencia á formación dunha serie de núcleos cristiáns na Península, en
paralelo á constitución política de Al-Andalus, e sinalar as principais etapas da Reconquista, así como os avances
territoriais característicos de cada unha das etapas. Finalmente, tería que abordar o proceso de repoboamento,
explicando os diferentes modelos de repoboación que se levaron a cabo en cada etapa.

6.1. A ORIXE DOS REINOS CRISTIÁNS.


Tras a conquista, os musulmáns asentáronse solidamente na meirande parte da Península, agás nas zonas
montañosas do norte. Alí foron xurdindo núcleos de resistencia cristiá.
➢ Na ZONA OCCIDENTAL, a resistencia cristiá xurdiu nas terras montañosas da cordilleira Cantábrica,
no territorio de Asturias. O triunfo na batalla de Covadonga (722?) de Paio e os seus seguidores é a
orixe do reino de Asturias.
➢ Na ZONA ORIENTAL, a situación foi moi diferente. Os musulmáns ocuparon o val do Ebro e a
conversión ao islam de gran parte da nobreza local, e da maioría da poboación indíxena, permitiulles
exercer un forte control sobre toda a zona. Nos Perineos organizáronse varios núcleos de resistencia
cristiá. Estes núcleos estiveron apoiados polos reis francos, co obxectivo de ampliar os seus dominios
e de impedir as expedicións de saqueo musulmás.
Carlomagno e o seu fillo Luís o Piadoso conseguiron dominar a zona dos Perineos creando, en colaboración
coa poboación autóctona, a Marca Hispánica.
A medida que a autoridade dos reis francos carolinxios diminuía, estes condados foron incrementando a súa
autonomía política, sendo gobernados por familias nobres locais que proclamaron a súa independencia: xurdiron
así o reino de Pamplona, o condado de Aragón e o condado de Barcelona.

6.2. RECONQUISTA E REPOBOACIÓN.


ETAPAS DA RECONQUISTA.
Denomínase Reconquista o período comprendido entre os anos 718-722 (?) -Batalla de Covadonga- e 1492 -
Toma de Granada polos Reis Católicos-. Foi un período de enorme extensión onde a idea fundamental era
recuperar as terras que se perderan coa invasión musulmá.
Fases ou etapas:
➢ 1ª ETAPA: dende a Batalla de Covadonga (718/722?) ata a Conquista de Toledo (1086). Trátase dun
período onde os diferentes reinos que van aparecendo tanto na parte oriental como occidental van
consolidando o seu territorio e avanzan de forma lenta. No lado musulmán coinciden o emirato e o
califato. Cada reino marcará o seu obxectivo: na zona oriental o obxectivo de Asturias era chegar ao
Douro (conseguirao no ano 910, e os reis asturleoneses trasladarán a capital de Oviedo a León).
Os reinos orientais desenvolveranse de forma desigual: Navarra estenderase cara Castela, A Rioxa e os
Condados Aragoneses. Non avanzarán moito pola debilidade demográfica e pola existencia de núcleos
fortes de poboación musulmá no Val do Ebro, Zaragoza, Lérida, Huesca, etc.
Na parte máis oriental, o condado de Barcelona será o encargado de iniciar a expansión cara o sur,
cruzando o río Llobregat cara o Ebro.
Os reinos cristiáns practicamente só ocuparon terras baleiras.
➢ 2ª ETAPA: séculos XI – mediados XII. Primeiras taifas e chegada dos almorábides.
- A Reconquista na zona occidental: coincide este momento coa desintegración do califato, as primeiras
taifas e a chegada dos almorábides. Aproveitarán as debilidades do califato e incorporarase todo un
extenso territorio (do sur do Douro ata o Texo). A chegada dos almorábides e almohades frean o avance
cara o sur. Castela durante este período esténdese cara o sur. O obxectivo era chegar ata o sistema
central e Toledo, con Afonso VI conquístase Toledo e incorporarase unha extensa franxa do territorio
ao sur do Douro. Durante este período, Portugal independizarase e avanzará cara Lisboa.
- A Reconquista na zona oriental: Aragón, durante o século XI, consolida a súa posición con Afonso I
o Batallador, conquistando Zaragoza. En Cataluña, o conde Borrell II, independízase dos reis francos
e conquista a chamada Cataluña nova (Lérida, Tortosa, etc.). No século XII, no 1137, o matrimonio
entre Petronila, herdeira de Aragón, e Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona. Nace así o Reino de
Aragón.
➢ 3ª ETAPA: mediados do s.XII e s. XIII. Chegada dos almohades e batalla das Navas de Tolosa (1212).
- Reconquista na zona occidental: a chegada dos almohades frea a expansión dos reinos cristiáns cara o
sur. O rei castelán Afonso VIII será derrotado na batalla de Alarcos (Ciudad Real). Créanse as ordes
militares para protexer estas terras. A finais do século XII, Castela avanzará pola Mancha e a conca do
río Guadiana, grazas á retirada almohade cara o sur. A derrota dos almohades na batalla das Navas de
Tolosa (1212) facilitou a conquista do Val do Guadalquivir. Fernando III inicia a conquista de
Andalucía, e Afonso X finaliza a conquista do Val do Guadalquivir.
- Reconquista da zona oriental (Coroa de Aragón): Jaime I o Conquistador incorpora Mallorca, ocupa
definitivamente Valencia. Fírmase o Tratado de Tudillén para fixar as fronteiras entre Castela e o Reino
de Aragón. Afonso III de Aragón ocupará Menorca.
➢ 4ª ETAPA: séculos XIV e XV. Terceiras taifas: inicio da conquista de Granada (1480): tras a derrota
dos almohades na batalla das Navas de Tolosa, e en cuestión de poucos anos, todos os núcleos
musulmáns máis importantes do Val do Guadalquivir caerán en mans dos cristiáns. A finais do século
XIII, Aragón, Portugal e Navarra consolidaron o seu proceso de reconquista. Castela é o único reino
que ten fronteira co reino musulmán.
Houbo unha derradeira invasión musulmá, os Benimerines, e unha contraofensiva cristiá controlando o
estreito de Xibraltar. Dende 1240, a única liña fronteiriza será o Reino de Granada. Dito reino manterase
ata o s.XV. A Reconquista rematará coa chegada dos Reis Católicos no ano 1492 (toma de Granada e
remate da Reconquista).

CARTAS DE POBOAMENTO, DOAZÓNS E REPARTIMENTOS.


Entre as diferentes modalidades de repoboación destacan as seguintes:
- As CARTAS DE POBOAMENTO e as CARTAS FORAIS para a creación ou ocupación de vilas e cidades
en zonas despoboadas ou conquistadas aos musulmáns. Para atraer poboadores, estas cartas concedían
determinados privilexios forais a quen se establecese neses lugares; a cambio, eses poboadores prometían ser
fieis e pagar os tributos establecidos. Estas cartas outorgaban terras, liberaban de taxas e obrigacións feudais,
regulamentaban as actividades económicas (feiras e mercados), establecían os órganos de goberno e as penas
que se debían impor polos delitos cometidos.
- As DOAZÓNS ÁS ORDES MILITARES. Nos séculos XI e XII, ante os ataques de almorábides e almohades,
os reis concederon grandes dominios ás Ordes Militares para que os ocupasen e defendesen, zonas comprendidas
entre o Texo e Serra Morena.
- Os REPARTIMENTOS eran as concesións de lotes de terras para os repoboadores de acordo coa súa categoría
social e militar; os de maior tamaño eran para os nobres, as institucións eclesiásticas e as Ordes Militares. Foi
a modalidade empregada, a partir de finais do século XII, na repoboación da zona estremeña e do sur peninsular.
Este sistema permitiu a creación de grandes latifundios en mans de señores eclesiásticos e laicos.
En canto á poboación musulmá que vivía nos lugares reconquistados, na meirande parte das terras occidentais e
centrais da Península foi expulsada ou abandonou a zona.

7. O RÉXIME FEUDAL E A SOCIEDADE ESTAMENTAL.


Nesta pregunta o alumnado debería facer referencia ás peculiaridades do feudalismo da Península Ibérica polo contexto
da Reconquista, sinalar os trazos comúns das monarquías feudais peninsulares (carácter patrimonial e hereditario do
reino, erosión do poder monárquico, inexistencia dun poder centralizado, relación de vasalaxe como base do poder), e
explicar as diferenzas esenciais da concepción da monarquía nas coroas de Castela e de Aragón. No apartado da
sociedade debería referirse aos trazos fundamentais da sociedade estamental.

7.1. A SOCIEDADE FEUDAL.


A sociedade cristiá medieval foi unha sociedade feudal e estamental en que os individuos estaban ordenados en
grupos, estados ou estamentos. Nesta sociedade predominaban os lazos de dependencia persoal fronte aos vínculos
de carácter público e os seus membros eran legalmente desiguais.
➢ Os GRUPOS PRIVILEXIADOS: estaban formados polos nobres e os eclesiásticos. Posuían honores e
títulos, non pagaban tributos, tiñan leis e tribunais especiais. Eran os señores, con vínculos de
dependencia persoais que os ligaban entre si mediante a prestación de favores mutuos, especialmente
axuda militar e cambio de terras e honores. Entre eles existían grandes diferenzas (honoríficas e
económicas), tanto entre a alta nobreza e baixa como entre o alto clero e o baixo. Eran frecuentes os
enfrontamentos entre eles polo incremento dos seus patrimonios ou por controlar o poder.
➢ O GRUPO DOS NON PRIVILEXIADOS: estaba formado polo resto da poboación: campesiños,
artesáns, comerciantes, burgueses...; formaban o estamento dos pecheiros, porque pagaban os pechos
ou impostos.
➢ Antes do século X estivo composto fundamentalmente polos labradores, campesiños libres, colonos ou
servos.
➢ Despois do século X, o renacemento urbano e das actividades comerciais produciron modificacións
sociais coa aparición de novos grupos: menestrais, artesáns e comerciantes; todos eles formaron o grupo
dos burgueses (habitantes dos burgos).
Ao longo da época medieval foi moi frecuente que moitos campesiños libres buscasen a protección dun
nobre, dunha igrexa ou dun mosteiro. Estes vínculos de dependencia coñécense co nome de relacións de
encomenda.
A cambio de protección e defensa, os pequenos propietarios rurais encomendaban a súa persoa, a súa
familia e os seus bens a un señor, entregándolle todos ou parte das súas terras ou pagándolle unha taxa
anual.
➢ GRUPOS MARXINAIS por cuestións étnicas e relixiosas. O grupo máis destacado era o dos xudeus e
o dos mudéxares.

7.2. A MONARQUÍA FEUDAL.


O avance reconquistador cristián e os matrimonios entre as distintas dinastías permitiron que nos séculos XII e
XIII se producise a concentración de reinos e señoríos en mans dun reducido número de reis: as Coroas de Aragón
e de Castela e os reinos de Portugal e Navarra. As monarquías feudais caracterízanse por:
➢ CARÁCTER PATRIMONIAL E HEREDITARIO DO REINO. O reino considerábase propiedade do
rei, que podía dividilo entre os seis herdeiros; pero a partir do século XIII, o reino considerouse
patrimonio inalienable que debía ser transmitido íntegro. Na Coroa de Castela as mulleres podían
reinar, pero na Coroa de Aragón e no reino de Navarra as mulleres transmitían os dereitos reais pero
non podían exercer o poder, que recaía nos seus maridos ata a maioría de idade do seu primoxénito
varón.
➢ SOBERANÍA REAL. O rei era o soberano, é dicir, o que tiña o poder supremo que, segundo a Igrexa,
era concedido por Deus.
-Na Coroa de Castela afianzouse a CONCEPCIÓN AUTORITARIA do poder rexio e as leis ou foros
tenderon a ser comúns para todos os seus territorios, establecendo así a homoxeneidade xurídica, agás
para os señoríos vascos que tiñan os seus propios privilexios forais.
-Na Coroa de Aragón predominou a CONCEPCIÓN PACTISTA do poder rexio. De acordo con esta
concepción, debía existir un pacto entre o rei e o reino polo que se concedía o goberno ao rei a cambio
de que este xurase respectar os privilexios forais que limitaban o seu poder.
➢ RELACIÓNS DE VASALAXE COMO BASE DO PODER. O rei era o señor supremo dun territorio,
pero a cambio tiña que outorgar aos seus vasalos un beneficio ou feudo: terras ou/e dereitos
xurisdicionais. Á súa vez, os grandes nobres empregaban este tipo de relacións con outros de inferior
categoría, formándose así unha pirámide de dependencia (pirámide feudal). De acordo con estas
obrigacións feudais, cada nobre dispuña dun exército particular de vasalos ao seu servizo e o exército
do rei estaba formado pola unión desas mesnadas particulares dos nobres e eclesiásticos.
➢ FRAGMENTACIÓN DA AUTORIDADE E RÉXIME SEÑORIAL. Aínda que o rei tiña a autoridade
suprema, compartía cos nobres e eclesiásticos a capacidade de mandar e xulgar os habitantes do reino.
Estes grupos lograron transformar moitas das súas terras, incluídos os lugares e cidades, en señoríos, é
dicir, en territorios onde eles exercían a xustiza, nomeaban alcaldes e xuíces, establecían e cobraban
taxas e impostos, autorizaban todo tipo de actividades, posuían en exclusiva o dereito de establecer
muíños e fornos e de aproveitar o monte.
Dependendo da categoría do posuidor do señorío diferenciábanse: señoríos de reguengo (cando
dependían do rei), nobiliario (cando era da nobreza) e señorío eclesiástico (de bispados e mosteiros).
➢ EXISTENCIA DE CORTES DO REINO. O crecemento das cidades e o aumento de poder dos seus
habitantes deu lugar á aparición das Cortes ou asembleas representativas do reino. As Cortes eran
convocadas polo rei (as primeiras en Europa foron as Cortes de León de 1188), quen solicitaba a súa
aprobación para impoñer unha lei e recadar novos impostos; nas Cortes ordinarias só se reunían os
representantes das cidades que, a cambio de autorizar os impostos, esixían ao rei certas concesións. Nos
reinos da Coroa de Aragón, para vixiar o cumprimento do acordado, xurdiron a Generalitat en Cataluña
e Valencia e a Deputación Xeral en Aragón.

7.3. DA RURALIZACIÓN AO DESENVOLVEMENTO URBANO E COMERCIAL.

ATA O SÉCULO XI.


O desenvolvemento económico dos reinos cristiáns caracterizouse polo predominio das actividades
agrícolas e gandeiras e pola ruralización e o escaso desenvolvemento urbano; esta situación contrastaba
fortemente co esplendor económico e comercial de al-Andalus.
➢ A TERRA foi a base principal sobre a que se sustentaba tanto a riqueza como o poder. A meirande parte
da terra estaba en mans do rei ou dos señores feudais. Mosteiros.
➢ A PRODUCIÓN ARTESANAL era moi reducida.
ENTRE OS SÉCULOS XI E XIII.
➢ AUMENTO DO ESPAZO CULTIVADO E DA PRODUTIVIDADE AGRARIA. A introdución de
diferentes progresos técnicos permitiron un aumento considerable da produción agraria, que foi seguido dun
aumento de poboación e do cultivo das novas terras.
➢ FORTE DESENVOLVEMENTO DA GANDERÍA. A principal actividade agraria en Castela foi a gandería
ovina transhumante (raza meiriña). A actividade gandeira estaba regulamentada polas mestas. Afonso X
crea o Consello da Mesta, unha poderosa organización ao servizo dos intereses dos grandes gandeiros e da
propia Coroa.
➢ CRECEMENTO URBANO E COMERCIAL. O aumento da produción agraria e da poboación estimularon
a revitalización das vellas cidades romanas e a fundación de novos núcleos urbanos (burgos). Na Coroa de
Castela, o desenvolvemento das cidades do interior (Burgos, Valladolid...) estivo vinculado coa actividade
téxtil e a exportación da la favoreceu aos portos do Cantábrico (Santander, Laredo); nas costas, a salgadura
do peixe, a construción naval, a venda de aceite (Sevilla). Na Coroa de Aragón destacaron as capitais dos
distintos reinos (Barcelona, Valencia, Mallorca) que se converteron en importantes centros produtores
artesanais.
➢ ESTABLECEMENTO DE SISTEMAS MONETARIOS E POTENCIACIÓN DE FEIRAS. O incremento
das relacións comerciais favoreceu a cuñaxe e fixación dos sistemas monetarios. Aparecen os cambiadores
e as operacións de crédito (préstamos, sociedades mercantís, letras de cambio...); as feiras e mercados
aumentaron, contando co apoio e protección dos reis e señores.
➢ CREACIÓN DE GREMIOS E CONFRARÍAS. Os artesáns formaron agrupacións por oficios denominados
gremios coa finalidade de regulamentar a produción, os prezos e a calidade dos produtos, así como as
relacións entre os propios artesáns, establecendo ríxidas condicións para o acceso á práctica de oficios
(mestres, oficiais, aprendices). Relacionadas cos gremios estaban as confrarías, asociacións de carácter
relixioso.

8. AS CRISES BAIXOMEDIEVAIS.
Nesta pregunta o alumnado deberá contextualizar a Baixa Idade Media nos séculos XIV e XV, comentar os factores
explicativos da crise demográfica (salientando o papel da peste como elemento principal da mesma); falar das
crises agrarias e das súas consecuencias, destacando o forte impacto que tiveron sobre os grupos nobiliarios. Tamén
deberá referirse á súa reacción para manter o nivel de renda (malos usos e abusos) e os levantamentos campesiños
provocados polo malestar social. Cómpre referirse ao movemento irmandiño; e, sinaladamente, falar da gran
revolta de 1467-1469.

8.1. A CRISE DOS SÉCULOS XIV-XV.


- A CRISE DEMOGRÁFICA E A PESTE NEGRA.
A partir de comezos do século XIV produciuse en todos os reinos europeos un forte descenso da poboación debido
ás mortalidades catastróficas provocadas polas fames e as epidemias de peste. A poboación incrementárase por
enriba dos recursos dispoñibles e as malas condicións climáticas provocaron a subalimentación; moitos morreron
de fame e outros quedaron moi debilitados, favorecendo a propagación das enfermidades e epidemias. Nesta
situación estendeuse por Europa en 1348 a Peste Negra, procedente de Oriente.
-CRISE E RECUPERACIÓN ECONÓMICA.
O descenso de poboación paralizou o crecemento económico; os cultivos retrocederon, as rendas e fortunas
nobiliarias e eclesiásticas diminuíron, os negocios e as vendas caeron progresivamente.
➢ Na COROA DE CASTELA, a recuperación económica estivo asociada á extensión da gandería ovina e ao
incremento da produción de la. Burgos foi o maior centro receptor e as feiras de Medina do Campo os
maiores centros de contratación da la.
➢ Na COROA DE ARAGÓN, en Cataluña, o auxe comercial e artesanal prolongouse ata comezos do século
XV, pero a segunda metade foi de forte caída e crise. Os reinos de Aragón e Valencia lograron recuperarse
no século XV centrados na actividade agraria co emprego de numerosa man de obra mudéxar.
-CRISE POLÍTICA E REVOLTAS NOBILIARIAS.
A crise demográfica e económica tivo un forte impacto sobre os grupos nobiliarios, que viron reducidos os seus
ingresos. Para manter o seu nivel de renda, nuns casos endureceron as cargas fiscais; noutros, trataron de obter
rendas dos mosteiros e das igrexas, ou pelexaron cos outros nobres para arrebatarlles patrimonios e riquezas.
As esixencias dos nobres tamén afectaron as monarquías, sobre as que fixeron presión para conseguir dos reis
novas mercés, rendas e terras. O enfrontamento entre a nobreza e a monarquía orixinou nalgúns momentos graves
conflitos internos entre os que destacan: a guerra civil castelá entre Pedro I e Henrique II de Trastámara, a guerra
civil en Navarra, a guerra civil catalá e o enfrontamento da nobreza con Henrique IV de Castela.
-CRISES E REVOLTAS SOCIAIS.
Nos séculos XIV e XV, o empeoramento xeral das condicións de vida e a explotación señorial crearon un forte
malestar entre os grupos non privilexiados. Ademais do conflito irmandiño en Galicia, destacaron: a revolta foránea
de Mallorca, o enfrontamento da Busca e a Biga en Barcelona, o conflito remensa en Cataluña e a ruptura da
tolerancia relixiosa cos xudeus.
8.2. A GALICIA MEDIEVAL.
- OS SEÑORES DE GALICIA.
➢ OS SEÑORES LAICOS: entre os séculos VIII e X, en paralelo co avance reconquistador, en Galicia foi
xurdindo unha elite de señores, moitos deles coa dignidade de condes que exerceron funcións xudiciais e
de goberno, dirixiron a repoboación do territorio e defenderon as terras fronte ás ameazas dos musulmáns e
normandos. Estes señores acumularon grandes patrimonios territoriais grazas ás doazóns reais e á entrega
de terras dos campesiños a cambio de protección. Esta nobreza condal tivo un forte protagonismo político.
A crise social e política do século XIV variou a composición e o protagonismo dos membros da nobreza
galega. A vella nobreza condal foi desprazada pola aparición de novas liñaxes, a chamada nobreza dos
cabaleiros.
➢ OS SEÑORES ECLESIÁSTICOS: pola extensión das súas propiedades e a cantidades de rendas que
percibían, constituíron o grupo superior da sociedade galega medieval. Os mosteiros acumularon inmensas
riquezas. Realizaban a súa explotación directamente mediante granxas, ou ben indirectamente a través do
arrendamento de terras aos campesiños mediante contratos denominados foros (a partir do século XIII).
Os principais señores eclesiásticos foron os bispos. Entre todos os señores eclesiásticos destacou Diego
Xelmírez, que foi consagrado bispo de Compostela, dedicando desde entón toda a súa actividade a potenciar
a cidade e o seu señorío. Mantivo boas relacións co Papado de Roma conseguindo, entre outras
prerrogativas, a categoría arcebispal para Santiago e o privilexio do Ano Santo.
Potenciou Compostela e as súas actividades: organizou as peregrinacións, normas para os gremios, mellorou
os camiños, concedeu cartas forais... Así mesmo, tivo que facer fronte á rebelión dos santiagueses que en
dúas ocasións protestaron polas actuacións abusivas do seu prelado.
-AS PEREGRINACIÓNS A COMPOSTELA.
A pouco de ser descuberto o suposto sepulcro do apóstolo Santiago, comezou a organizarse un camiño de
peregrinación que acabaría sendo a principal vía cultural que comunicaba a Península coas terras europeas.
-REACTIVACIÓN DA VIDA URBANA.
A partir do século XII, en Galicia experimentarase un importante crecemento da súa vida urbana. Este crecemento
urbano resulta especialmente apreciable en tres ámbitos: as sés episcopais, o camiño de Santiago e a costa (a
diminución dos saqueos dos normandos, xunto co aumento do comercio e do número de barcos con peregrinos a
Santiago).
-AS DIFICULTADES DO SÉCULO XIV.
Como no resto de Europa, tamén en Galicia se viu fortemente afectada polas pestes, as fames e as guerras.
➢ FAME E PESTE. A climatoloxía adversa e a escaseza de terras cultivables coas que alimentar unha
poboación en aumento acabaron por provocar fames xeneralizadas. Sobre esta poboación mal alimentada
incidiu a Peste Negra que penetrou en Galicia polo porto de Baiona en 1348. As vítimas cóntanse por miles
e numerosos lugares quedaron despoboados; os campesiños non podían pagar as rendas e os señores viron
reducidos os seus ingresos.
➢ GUERRAS DINÁSTICAS.
➢ REVOLTAS SOCIAIS. A finais do século XIV e comezos do XV producíronse revoltas protagonizadas
polas xentes das vilas e cidades contra os abusos cometidos polos seus señores. En Lugo levantáronse
contra o seu bispo dirixidos por Martiño Cego e María Castaña.
-A REVOLTA DOS IRMANDIÑOS.
As dificultades vividas durante o século XIV provocaron unha diminución das rendas dos nobres galegos. Para
compensar esta perda de ingresos, actuaron con violencia usurpando bens, impoñendo protección aos mosteiros e
igrexas e esixindo novas taxas e tributos á poboación. Ao mesmo tempo, enfrontáronse entre eles e realizaron
numerosas expedicións de saqueo refuxiándose logo nas súas fortalezas.
Para opoñerse aos abusos, violencias e arbitrariedades dos poderosos nobres e bispos, os reis permitiron a
formación de irmandades ou asociacións de persoas, grupos ou concellos ligadas por un xuramento de fraternidade
e de axuda mutua para defender os dereitos e liberdades. En dúas ocasións os campesiños e os habitantes das
cidades levantáronse contra os abusos e a violencia dos señores protagonizando as coñecidas como revoltas ou
guerras irmandiñas.
➢ A IRMANDADE FUSQUENLLA, chamada así porque os seus inimigos dicían dos seus compoñentes que
estaban tolos, ofuscados (fusquenllos). Orixinouse en 1431 nas terras de Pontedeume e Betanzos ante a
dureza que amosaba Nuño Freire de Andrade o Mao cos campesiños que vivían nos seus señoríos. Os
campesiños, capitaneados polo fidalgo coruñés Roi Xordo, formaron irmandade e asaltaron e destruíron
diversas fortalezas e castelos. As forzas de Andrade, axudadas polas do arcebispo de Santiago, derrotaron
os irmandiños da fusquenlla e restableceron a situación anterior.
➢ A GRAN GUERRA IRMANDIÑA (1467-1469). Cansos dos abusos nobiliarios e dos seus enfrontamentos
bélicos, gran parte da poboación galega uniuse nunha grande irmandade contra a nobreza dos cabaleiros
(Andrade, Moscoso, Lemos, Ulloa, Soutomaior...) e o arcebispo de Santiago. Calcúlase que participaron
na Irmandade uns 80.000 e formaban parte dela, tanto campesiños, o grupo principal, como habitantes das
cidades e algúns clérigos e fidalgos. Os seus principais dirixentes eran membros da baixa nobreza, entre os
que destacaron: Pedro Osorio, que actuou na zona central de Galicia; Alonso de Lanzós, na área norte, e
Diego de Lemos, no norte de Ourense e sur de Lugo. Os irmandiños levantáronse contra os símbolos
visibles do poder e dos abusos nobiliarios, as fortalezas, destruíndo rapidamente moitas delas (calcúlase
que máis de 130).
Inicialmente, os irmandiños dominaron a situación e impuxeron as súas demandas: eliminación dos abusos
nobiliarios, defensa das liberdades urbanas, revisión das taxas e impostos, devolución das terras usurpadas
e reforzamento da xustiza do rei. Pero os nobres reorganizáronse e, dirixidos por Pedro Álvarez de
Soutomaior (alcumado Pedro Madruga porque lle gustaba iniciar de madrugada as cabalgadas), iniciaron
desde Portugal unha rápida campaña militar que lles permitiu recuperar os seus territorios e someter os
campesiños en 1469.
Á derrota dos irmandiños contribuíu a superioridade dos exércitos nobiliarios, os diferentes intereses dos
grupos que se xuntaron na irmandade, a violencia dos campesiños e os seus intentos de transformación da
sociedade.
Clérigos e fidalgos, que inicialmente apoiaron a revolta, temerosos de perder a súa posición na sociedade,
chegaron a un acordo cos cabaleiros, abandonando a irmandade a cambio de que lles respectasen a vida e
os bens.
A vitoria nobiliaria foi seguida dunha dura represión. Recuperado o seu poder, os cabaleiros axustizaron
moitos líderes dos irmandiños e obrigaron os campesiños a reconstruír as súas fortalezas. As testemuñas
amosan o espírito vingativo dos triunfadores.
O movemento irmandiño foi valorado de forma diferente polos historiadores; para uns, os irmandiños
pretendían levar a cabo unha revolución que acabase co poder feudal, mentres que, para outros, só foi un
movemento de protesta para conseguir maior xustiza eliminando os abusos dos señores sen pretender
acabar co sistema establecido.
-O CAMIÑO DE SANTIAGO. Difundíronse ao longo da Idade Media dous estilos artísticos: o románico e o
gótico.
TERMOS A DEFINIR B2.
CARTA DE POBOAMENTO: documento polo que os monarcas e os señores laicos e eclesiásticos concedían na
época medieval privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou cidades coa finalidade de atraer
poboación e reprobar os territorios que estaban despoboados ou que se ían reconquistando aos musulmáns.
MANSO: unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo que o señor feudal cedía en usufruto a un colono
libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos). Xunto coa reserva señorial constituían os elementos
básicos de explotación dos feudos na alta Idade Media.
MARCA HISPÁNICA: territorio controlado nos séculos VIII e IX polos emperadores e reis dos francos
(Carlomagno, Luis o Piadoso, Carlos o Calvo) ao sur dos Pireneos, formando a fronteira entre o Imperio Carolinxio
e al-Andalus. Estivo gobernada por condes designados polos monarcas francos, pero ao longo do s. IX foron tendo
unha crecente autonomía ata crear condados e reinos independentes.
MESTA: organización dos gandeiros do Reino de Castela fundada en 1273 polo rei Afonso X. Estaba rexida polo
Consello da Mesta, que chegou a ser unha poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia coroa,
que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da lá. Os privilexios dos gandeiros orixinaron numerosos
conflitos cos agricultores ata que a mesta foi abolida en 1836.
MOZÁRABE: cristián sometido aos musulmáns en al-Andalus. A cambio de conservar a súa fe e os seus costumes
tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos foron desprazándose cara o norte, aos territorios controlados
polos reis cristiáns, ou foron converténdose ao Islam.
PRESURA: forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do s.VIII para ocupar terras
pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado
territorio que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase.
TAIFAS: reinos que xurdiron da desmembración do Califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas
oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al-Andalus. Enfrontados entre si, o seu poder
foi cada vez máis débil. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos, dando
así fin á Reconquista.

You might also like