You are on page 1of 10

SÉCULO XIX (primeira parte).

1. A CRISE DA MONARQUÍA ABSOLUTA: ABDICACIÓNS E


OCUPACIÓN NAPOLEÓNICA.
Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos, o alumnado deberá contextualizar a crise da monarquía absoluta española
no reinado de Carlos IV, facendo referencia aos problemas económicos, políticos e sociais que o caracterizan, así como ao impacto da Revolución
Francesa sobre o mesmo. Explicar o proceso de abdicacións en Baiona e demostrar que coñece as repercusións da ocupación napoleónica tanto na
súa vertente política –goberno francés/Xuntas revolucionarias– como militar –guerra, pero sen entrar no desenvolvemento da mesma–.

A negativa de Portugal a aceptar o bloqueo decretado por Napoleón contra Inglaterra, levou ao emperador francés
a planificar a súa conquista contando co apoio de España. Obxecto de presión por Napoleón, o goberno español
dirixido por Godoy, secretario de Estado de Carlos IV, autorizou o paso por España de tropas francesas, acordando
tamén o mutuo reparto de Portugal e as súas colonias e a creación dun reino dos Algarves para Godoy (Tratado de
Fontainebleu, 1807).
A CRISE DA MONARQUÍA ESPAÑOLA.
A acumulación crecente de poderes e títulos por Godoy, e a súa influencia absoluta sobre os reis, xerou un forte
resentimento no seu fillo Fernando. Temeroso de ver limitadas as súas posibilidades de gobernar, foi creando un
grupo opositor dentro da Corte formado, fundamentalmente, por aristócratas. A posibilidade de que Godoy fose
rei dos Algarves acelerou os plans subersivos de Fernando, pero estes foron descubertos e abortados en outubro de
1807 (a conxura do Escorial).
A comezos de 1808, a entrada e presenza das tropas francesas en España causou un forte malestar popular. Así
mesmo, Godoy, que sospeitaba dunha posible xogada de Napoleón para facerse co dominio de España, ademais de
Portugal, propuxo a Carlos IV a retirada cara a América. O traslado dos reis a Aranxuez incrementou os temores
populares, que foron aproveitados polos partidarios do príncipe Fernando para continuaren conspirando.
Produciuse o Motín de Aranxuez. Grupos de alborotadores e partidarios de Fernando, asaltaron o pazo real e
obrigaron a Carlos IV a abdicar no seu fillo Fernando, que foi recoñecido como rei de España. Carlos IV pediu
axuda a Napoleón.
AS ABDICACIÓNS DE BAIONA E O REINADO DE XOSÉ I BONAPARTE.
Os sucesos de Aranxuez foron para Napoleón un claro testemuño da crise política e da decadencia da monarquía
española. Coa escusa de mediar nas súas disputas, reuniu en Baiona os membros da familia real española. Alí,
Fernando foi obrigado a devolver a coroa a seu pai Carlos quen, a súa vez, cedeu os seus dereitos a Napoleón; a
cambio, ambos foron recompensados con cuantiosas posesións. Despois, Napoleón nomeou o seu irmán Xosé
como rei de España.
Coa finalidade de conseguir partidarios, Napoleón convocou en Baiona unha Asemblea ou xunta de deputados
españois representantes dos tres estamentos tradicionais. Despois de xurar fidelidade ao novo rei, Xosé I Bonaparte,
a Asemblea de Baiona aprobou unha lei na que se regulamentaban as relacións entre o novo rei e os seus súbditos.
Aínda que se trataba dunha lei fundamental do Reino, non era propiamente unha Constitución, senón unha Carta
Outorgada na que Xosé I se autolimitaba no exercicio dos seus poderes. Esencialmente conservadora, establecía
unha monarquía na que o rei seguía sendo o centro de todo o sistema.
❖ Recollía unha certa separación e limitación de poderes. As Cortes quedaban divididas nos tres estamentos
tradicionais.
❖ Quedaban garantidas a oficialidade da relixión católica, a responsabilidade dos ministros, a unidade
lexislativa para todo o reino, a igualdade contributiva, a supresión de certos privilexios e a defensa de certas
liberdades individuais.
Xosé I intentou gobernar en España animado de boas intencións, pero o país libraba unha guerra contra os intentos
de Napoleón de conquistar España. Entre as súas reformas destacan:
❖ A supresión dos dereitos señoriais, a redución das ordes relixiosas masculinas e a eliminación das aduanas
interiores, así coma a creación de escolas.
❖ O intento de centralización e racionalización da administración mediante a división do país en 38 distritos.
En xeral, estas medidas tiveron unha escasa eficacia práctica, debido ás dificultades da guerra. Xosé I Bonaparte
estivo apoiado por un reducido grupo de españois, os afrancesados, convencidos de que o reformismo autoritario
era o único medio para lograr a renovación e o cambio en España.
A derrota dos franceses provocou a saída de España de Xosé I e o exilio dos afrancesados. Napoleón devolveu a
coroa española a Fernando VII (Tratado de Valençay).
A GUERRA CONTRA NAPOLEÓN.
O traslado da familia real a Francia provocou un gran malestar en Madrid. O Dous de Maio de 1808, os madrileños
amotináronse contra os franceses; as noticias da rebelión e da súa sanguenta represión provocaron a sublevación
xeral en toda España. Esta insurrección popular marcou o inicio dunha longa e cruenta guerra. Ante a escaseza de
tropas españolas, a loita e defensa do territorio foi asumida polas masas populares. Predominou un patriotismo
fanático defensor da tradición, da relixión e dos dereitos do rei Fernando VII.
A superioridade militar dos franceses obrigou os españois a adoptaren a guerra de guerrillas para se defender. A
Guerrilla baseábase na formación de pequenas partidas ou cuadrillas de homes que, apoiándose no coñecemento
do terreo e contando coa axuda da poboación, atacaba as tropas francesas en accións limitadas.
Os españois contaron coa axuda inglesa para expulsaren aos franceses.

2. AS CORTES DE CÁDIZ E A CONSTITUCIÓN DE 1812.


Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos, o alumnado deberá facer referencia ao contexto da guerra de
Independencia; ás razóns para a convocatoria de Cortes en Cádiz; explicar o seu labor lexislativo, así como as tendencias políticas dos deputados;
indicar as dificultades atopadas para o establecemento do réxime liberal e demostrar que coñece o novo modelo político e social deseñado pola
Constitución de 1812.

A pasividade das autoridades establecidas ante as abdicacións de Baiona e a invasión das tropas francesas provocou
que as elites dominantes, co apoio do pobo, creasen novas institucións de goberno -as xuntas- que se encargaron
de propugnar medidas para reformar o sistema político vixente.
A FORMACIÓN DAS XUNTAS DE GOBERNO.
En maio e xuño de 1808, numerosas vilas e cidades formaron Xuntas de Goberno. De composición moi variada e
controladas polos grupos dominantes tradicionais, estas xuntas representaron unha ruptura coa orde política ata
entón vixente e unha nova concepción do poder que podemos considerar revolucionaria. As xuntas asumiron o
poder supremo e a soberanía da xurisdición e declararon a guerra a Francia. En cada poboación xurdiu unha xunta
local. En Galicia, a sublevación contra os franceses iniciouse na cidade da Coruña.
As xuntas provinciais formaron a Xunta Suprema Central Gobernativa de España e Indias. A partir de xaneiro de
1810 foi substituída polo Supremos Consello de Rexencia.
AS CORTES DE CÁDIZ E A ABOLICIÓN DO ANTIGO RÉXIME.
Durante a guerra, entre as elites dirixentes foise estendendo a idea da necesidade de convocar unhas Cortes xerais
e extraordinarias para coñecer a vontade do país e impoñer as reformas que fosen necesarias, aínda que existían
fortes discrepancias sobre as medidas a tomar. Para uns, a maioría dos nobres e eclesiásticos, tratábase de
restablecer o sistema político tradicional (poder absoluto do rei auxiliado polas Cortes estamentais). Para outros,
os partidarios do liberalismo, era necesario realizar grandes cambios e transformacións, restrinxir o poder real e
establecer unha Constitución baseada na soberanía da nación e na separación de poderes.
Tras realizar unha consulta ao país para coñecer os problemas e as medidas sobre as que debían deliberar, e dun
proceso electoral moi complexo, as Cortes reuníronse en Cádiz o 24 de setembro de 1810. En liñas xerais,
predominaron os deputados das clases medias urbanas e instruídas; o grupo maioritario estivo constituído polos
eclesiásticos, seguido dos avogados, xente da administración e militares; foron escasos os comerciantes, así como
as altas xerarquías eclesiásticas e a nobreza, e non asistiu ningún artesán nin campesiño. En canto ás tendencias
ideolóxicas, pódense agrupar en dúas predominantes e antagónicas: os partidarios da liberdade e das reformas
radicais -liberais- e os que se opoñían a eles, partidarios do mantemento da soberanía real -realistas, absolutistas-
(ou servís, de ser vil como, de forma pexorativa, foron denominados polos seus contrarios).
As Cortes de Cádiz realizaron un intenso labor lexislativo. Ademais da Constitución, promulgada en 1812,
elaboraron numerosos decretos polos que se eliminaban as estruturas e os fundamentos xurídicos do Antigo Réxime
e se establecía un novo modelo político, administrativo, social e económico inspirado nos principios ideolóxicos
do liberalismo. Entre estes decretos destacan:
❖ A PROCLAMACIÓN DA SOBERANÍA NACIONAL E A SEPARACIÓN DE PODERES (1810).
Foi a primeira medida que tomaron os deputados de Cádiz, establecendo unha nova lexitimidade política:
fronte á soberanía real de orixe divino, proclamaron a soberanía nacional, soberanía que residía nas Cortes
porque elas representaban a nación española; fronte ao poder absoluto defenderon a separación de poderes.
❖ A ABOLICIÓN DOS SEÑORÍOS XURISDICIONAIS E DOS PRIVILEXIOS DE ORIXE FEUDAL
(1811). A xustiza, que ata entón estaba en mans da nobreza e da Igrexa, pasou ao Estado. No entanto, o
decreto distinguía entre os señoríos xurisdicionais, que quedaban anulados, e os territoriais, que eran
recoñecidos como propiedade privada. En xeral, a abolición dos señoríos xurisdicionais non afectou os
dereitos dos nobres sobre a propiedade da terra, senón que, incluso naqueles casos nos que os dereitos eran
confusos, lograron ampliar a propiedade territorial.
Así mesmo, as Cortes de Cádiz decretaron, entre outras, as seguintes medidas:
❖ A liberdade de imprenta sen censura previa (1810).
❖ A regulamentación do poder executivo, incluíndo a responsabilidade dos ministros (1811).
❖ A formación dos Concellos constitucionais e das Deputacións provinciais (1812).
❖ A creación do Tribunal Supremo de Xustiza, a reforma das Audiencias e a creación dos partidos xudiciais
(1812).
❖ A supresión do Tribunal da Inquisición (1813).
O conxunto dos decretos e reformas das Cortes de Cádiz aboliron legalmente o Antigo Réxime, polo que son
consideradas como revolucionarias. Pero as masas populares, que constituían a maioría da poboación, viron as
reformas como estrañas e deron crédito ás prédicas dos eclesiásticos, que as presentaban como atentatorias
contra a relixión e os costumes tradicionais.

A CONSTITUCIÓN DE 1812.
Coñecida popularmente como A Pepa porque foi aprobada o 19 de marzo de 1812 (aniversario do recoñecemento
como rei de Fernando VII), a Constitución recollía o espírito e as ideas liberais que establecían un novo modelo
político baseado na:
❖ SOBERANÍA DA NACIÓN, entendida como soberanía popular. O pobo é o posuidor do poder, poder
que exerce por delegación nos seus representantes elixidos mediante sufraxio universal masculino indirecto
tanto para a elección dos deputados a Cortes como dos alcaldes e rexedores dos concellos.
❖ MONARQUÍA como forma de goberno, pero unha monarquía na que o poder do rei estaba limitado e
restrinxido a unhas determinadas funcións recollidas na Constitución.
❖ SEPARACIÓN DE PODERES:
• Poder executivo exercido polo monarca que é, ao mesmo tempo, xefe de Estado e de goberno.
• Poder lexislativo exercido polas Cortes e o monarca. As leis son elaboradas polas Cortes, pero para
que sexan efectivas teñen que ser sancionadas e promulgadas polo monarca, que tamén dispón de
veto suspensivo. As Cortes están formadas por unha soa cámara, e teñen preeminencia sobre o
monarca.
• Poder xudicial exercido polos tribunais de xustiza.
❖ Defensa dos DEREITOS E LIBERDADES dos cidadáns. Espallados ao longo de toda a Constitución
aparecen recollidos: o recoñecemento da liberdade, especialmente a de opinión e imprenta; a igualdade de
todos ante a lei e ante as cargas do Estado sexan estas fiscais (pago proporcional á riqueza) ou militares
(servizo militar obrigatorio); recoñecemento da propiedade privada industrial como un dereito básico
garantido polo Estado. Para asegurar a orde pública e a defensa das liberdades e da Constitución creábase
as Milicias Nacionais.
❖ UNITARISMO E CENTRALISMO POLÍTICO. Fronte á diversidade lexislativa e administrativa do
Antigo Réxime, imponse unha única lexislación que eliminaba os particularismo dos antigos reinos e
privilexios forais.
❖ CATOLICISMO DE ESTADO, declarando a relixión católica como oficial e única autorizada.
En síntese: trátase dunha Constitución revolucionaria, por canto alteraba as bases políticas e sociais e tiña como
obxectivo abolir o absolutismo monárquico establecendo un réxime baseado na separación de poderes que
substituía a soberanía real pola dos cidadáns. Porén facía concesións ao tradicionalismo, como a ausencia dunha
declaración de dereitos ordenada e sistemática e a intolerancia relixiosa que consagraba o catolicismo de Estado,
debido ao sentimento nacionalista católico e antinapoleónico, dominante na época.

3. A RESTAURACIÓN DE FERNANDO VII E DO ABSOLUTISMO: AS


ETAPAS DO REINADO.
Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos, o alumnado deberá explicar o reinado deste monarca como a crise
permanente e definitiva do Antigo Réxime, un modelo que xa resulta inviable fronte a un liberalismo que vai sufrir avances e retrocesos ata a
morte do rei. En consonancia con isto, referirase ás etapas políticas do seu reinado e comentará as súas principais características: o Sexenio
Absolutista (regreso de Fernando VII e restablecemento do absolutismo, abolindo a obra das Cortes de Cádiz); o Trienio Liberal (triunfo do
pronunciamento liberal de 1820 e establecemento dun goberno desta ideoloxía); e a Década Ominosa (restablecemento do absolutismo logo da
intervención dos “Cen Mil Fillos de San Luís”).

En 1814 retornou a España Fernando VII, que reinou ata a súa morte en 1833. Durante todo o seu reinado, o rei
desexado gobernou dunha maneira mesquiña e vingativa, empregando todos os medios para actuar como monarca
absoluto. Enfrontouse duramente cos liberais e co sistema político creado en Cádiz. No seu reinado diferéncianse
tres períodos.

❖ O SEXENIO ABSOLUTISTA. 1814-1820.


En marzo de 1814 Fernando VII foi recibido en España con grande entusiasmo popular. Porén, o seu retorno
presentaba un grave problema político, pois non se sabía se o rei aceptaría ou non as reformas das Cortes de Cádiz.
Os liberais esixían que o rei acatase e aprobase os decretos e a Constitución de 1812, pero os absolutistas defendían
que o rei debía recuperar a plenitude da súa soberanía e declarar nulas todas as reformas. Así llo pediu un grupo
de deputados a través dun documento coñecido como o Manifesto dos persas.
Contando co apoio de gran parte dos eclesiásticos, nobres e xefes militares, Fernando VII declarou nulos os
decretos e a Constitución de 1812 e restableceu o poder absoluto do rei e as vellas institucións do Antigo Réxime.
O retorno ao absolutismo provocou escasa oposición nas masas populares, que identificaban as reformas liberais
como agresións á relixión e aos costumes tradicionais. A definitiva derrota de Napoleón en 1814 permitiu a
restauración do absolutismo en case toda Europa.
Para obrigar o rei e aceptar o sistema liberal recorreron á conspiración e ao pronunciamento, é dicir, ao
levantamento de parte do exército que se pronuncia a favor da substitución da monarquía absoluta por unha
monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz. Un dos primeiros pronunciamentos foi o que
tivo lugar na Coruña liderado por Porlier.

❖ O TRIENIO LIBERAL. 1820-1823.


O 1 de xaneiro de 1820, Rafael Riego esixiu en Cabezas de San Juan (Sevilla) o restablecemento da Constitución
de 1812.
Inicialmente, só secundou a súa acción unha pequena parte do exército. O triunfo liberal tivo lugar na cidade da
Coruña contando co apoio da burguesía local. Nomearon unha Xunta de Goberno de Galicia e restableceron a
Constitución de 1812. As accións coruñesas foron seguidas por procesos similares en distintas cidades de Galicia
e de España. Ante o éxito dos pronunciamentos liberais e sen apoios, Fernando VII viuse obrigado a aceptar a
Constitución en 1820.
O triunfo dos revolucionarios españois causou asombro en toda Europa e foi imitado en varios puntos, dando lugar
ao que se coñece como a vaga revolucionaria liberal dos anos 20.
Os gobernos liberais restableceron a lexislación aprobada polas Cortes de Cádiz: Constitución, Cortes, eleccións
baseadas no sufraxio universal indirecto, liberdade de imprenta, abolición da Inquisición... Desamortización dos
bens da Inquisición, reforma da instrución pública e novo código penal.
Pero as diferenzas entre os liberais sobre temas como a necesidade de introducir ou non modificacións na
Constitución, o poder da Coroa, a participación política do pobo ou a soberanía da nación, deron lugar á aparición
de dúas correntes ou tendencias diferenciadas, os moderados e os exaltados. Esta división liberal favoreceu os
intentos absolutistas de restaurar o Antigo Réxime, contando co apoio de Fernando VII.

❖ A DÉCADA OMINOSA OU ABSOLUTISTA. 1823-1833.


O medo á extensión da revolución por Europa levou ás potencias absolutistas a decidir a súa intervención en España
para restaurar o goberno absolutista de Fernando VII. Un exército francés popularmente coñecido como os Cen
Mil fillos de San Luís invadiu España. Agás nalgunhas zonas, como Cádiz e A Coruña, case non atoparon
resistencia, de modo que Fernando VII recuperou o poder absoluto e decretou a abolición de todas as leis e
institucións creadas durante o Trienio Liberal.
A nova restauración absolutista provocou unha dura represión contra os liberais. Moitos dos seus líderes e
simpatizantes foron perseguidos ou executados. Outros tiveron que marchar ao exilio.
Toda a poboación estivo sometida ao control da policía. Os ultrarrealistas ou realistas puros acusaron de pusilánime
a Fernando VII e fóronse agrupando arredor de seu irmán Carlos quen, ante a falta de descendencia do monarca,
era considerado o futuro herdeiro do trono.
Fernando VII casou con María Cristina de Borbón e do seu matrimonio naceron dúas fillas: Sabela e Luísa
Fernanda. Como a Lei Sálica, introducida por Filipe V, impedía a sucesión no trono ás mulleres, o rei derrogou a
devandita lei e proclamou a súa filla Sabela como herdeira. Esta decisión orixinou un grave problema dinástico,
pois Carlos, o irmán do rei, e os realistas puros opuxéronse a esta medida. En 1833, morreu Fernando VII e Carlos
reclamou a Coroa de España, ao mesmo tempo que a raíña viúva María Cristina facía o mesmo para a súa filla
Sabela. O choque de intereses propiciou o estoupido da guerra carlista e a oportunidade de que os liberais
recuperasen o poder.

4. A CONSTRUCIÓN DO ESTADO LIBERAL: PRINCIPIOS DO


LIBERALISMO E DIFERENZAS ENTRE AS FAMILIAS POLÍTICAS DA
ÉPOCA.
Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos, o alumnado deberá demostrar que coñece as características xerais do
liberalismo, distinguindo as dúas correntes básicas dentro da ideoloxía liberal que darán lugar ás tres grandes familias políticas da época; relacionar
eses principios ideolóxicos coas diferentes constitucións e identificar os principais líderes das diferentes familias políticas; indicar que tendencia
era a preferida pola monarquía e diferenciar, a teor diso, as distintas etapas do reinado isabelino sen afondar nas mesmas.

Entre 1808 e 1833 España viviu un proceso histórico caracterizado polo enfrontamento entre dous modelos
políticos e ideolóxicos: absolutismo e liberalismo cun dominio do primeiro. A guerra civil aberta en España polo
carlismo ante a sucesión de Fernando VII, propicia que o liberalismo finalice co seu ostracismo e se converta no
principal apoio da rexente María Cristina de Borbón para garantir que o trono español recaia na súa filla Isabel.
O liberalismo foi a expresión ideolóxica dos intereses da burgesía, convertida no século XIX, no grupo
hexemónico da sociedade debido ao desenvolvemento do comercio e a revolución industrial. O seu dominio social
vai parello ao triunfo das revolucións políticas liberais. Defende un novo concepto do poder e da sociedade baseado
na liberdade, igualdade xurídica, limitación da autoridade e división tripartita do poder: executivo (Goberno),
lexislativo (Cortes) e xudicial (Tribunais). Defende a participación política dos cidadáns para a elección de
representantes nas Cortes ou Parlamento, que se considera o depósito da soberanía nacional. Todo este sistema
político está sustentado no imperio da lei que ten na Constitución a lei suprema fundamental.
O liberalismo non só é filosofía política; en economía defende a propiedade privada individual, considerada
como un valor absoluto, a liberdade económica e de empresa baseada na libre iniciativa individual sen intervención
do Estado nos asuntos económicos e o libre xogo da oferta e da demanda como mecanismo xerador da riqueza e
regulador das actividades económicas.
O liberalismo foi unha ideoloxía revolucionaria que pronto se dividirá en dúas correntes en función do
criterio de participación política da poboación: o liberalismo doutrinario e o liberalismo democrático.
O liberalismo doutrinario foi a corrente maioritaria en España e Europa ata mediados do século XIX.
Xurdiu como reacción ante os excesos revolucionarios e o temor dos grupos económicos poderosos de perder a
súa posición hexemónica na sociedade. Os trazos que o definen son: monarquía constitucional, soberanía
compartida entre o rei e as Cortes, restricción da participación política (o dereito ao sufraxio debe ser restrinxido,
reservado únicamente a aqueles que posúan un determinado poder económico, e dicir o sufraxio censatario),
limitación dos dereitos individuais e catolicismo de Estado.
En España, a posta en práctica do liberalismo doutrinario tamén experimentou unha escisión entre os
moderados e os progresistas. Os primeiros asumiron plenamente os principios do liberalismo doutrinario, exerceron
máis tempo o poder e contaron coa predilección dos monarcas españois e o apoio dos grupos poderosos da
sociedade. Son partidarios dun férreo control do poder municipal por parte do goberno, limitan as liberdades civis
e eliminan a Milicia Nacional. Os progresistas, en cambio, reclamaban a primacía das Cortes sobre o rei, un maior
grao de descentralización municipal, unha interpretación máis ampla das liberdades, en especial a de prensa, e unha
maior liberdade de culto dentro do estado confesional.
A crecente moderación dos progresistas provocou unha disidencia dos mesmos, xurdiron así os demócratas
en 1840. Constituían unha minoría radical, dividida a súa vez entre os partidarios da monarquía e os partidarios da
república.
O liberalismo democrático defendía a soberanía popular como principio básico sobre o que debían asentarse
todas as institucións políticas, a participación popular mediante sufraxio universal masculino para maiores de 25
anos, ríxida separación de poderes, unha ampla carta de dereitos e liberdades aos que consideran inalienables e
inherentes á naturaleza humana, un goberno como froito da vontade popular, liberdade de cultos e separación da
Igrexa e Estado. Nestes principios inspirouse a Constitución de 1869. Unha constitución que inaugura en España
a monarquía parlamentaria, onde rei reina, pero non goberna. O republicanismo aproveitou o curto reinado de
Amadeo de Saboia para proclamar a 1ª República, plantear a discusión do modelo territorial e reivindicarse como
o sistema verdadeiramente democrático.
ISABEL II E A CONSTITUCIÓN DO ESTADO LIBERAL (1833-1868).
1. O TRUNFO DO LIBERALISMO (1833-1844).
Isabel II herdou o trono con tan só 3 anos.
❖ 1º rexente: súa nai María Cristina.
❖ Primeira Guerra Carlista.
❖ 1834: Estatuto Real.
❖ 1836: Desamortización de Mendizábal.
❖ 1837: Constitución.

2.A DÉCADA MODERADA (1844-1854).


❖ Maioría de idade de Isabel II (13 anos).
❖ Goberno dos moderados (xeneral Narváez).
❖ 1845: Consitución -> Soberanía compartida entre o rei e as cortes elixidas por sufraxio moi restrinxido (só
o 0,8% da poboación).
❖ Organización centralista do Estado.
❖ A política ultraconservadora do goberno conduciu en 1854 ao pronunciamento de Vicálvaro, dirixido por
O’Donell, que puxo fin a esta etapa.
3. O BIENIO PROGRESISTA (1854-1856).
Gran actividade lexislativa.
❖ Lei de Ferrocarrís.
❖ Constitución de 1856 (non chegou a ser promulgada).
❖ Desamortización de Madoz, dos bens da Igrexa e dos concellos.

4. A DÉCADA MODERADA-UNIONISTA (1856-1866).


O’Donell crea a Unión Liberal (Partido Centrista). Foi un período de curta estabilidade pero cara 1864 a crise
económica fixo que progresistas e demócratas empezaran a conspirar para derrocar a Isabel II.
5. O FINAL DO REINADO DE ISABEL II. O BIENIO ULTRAMODERADO (1866-1868).
Nos últimos anos do reinado de Isabel II viviuse unha grave crise.
❖ Revoltas no campo e nas cidades causadas por problemas económicos.
❖ Progresistas, republicanos e demócratas rexeitaban o conservadorismo do goberno.
❖ A burguesía e os militares distanciáronse do goberno.
❖ A raíña era cada vez máis impopular.
❖ En 1866, polo Pacto de Ostende, progresistas, demócratas e republicanos acordaron derrocar a Isabel II e
democratizar a vida política española.

5. A REVOLUCIÓN GLORIOSA E A CONSTITUCIÓN DE 1869.


Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos, o alumnado deberá referirse ás causas deste proceso revolucionario, así
como ao seu desenvolvemento posterior (alianzas políticas, programa revolucionario...), ata chegar á formación dun Goberno Provisional e ás
medidas levadas a cabo por este, facendo fincapé na constitución de 1869 e nas súas características. Aínda que a monarquía de Amadeu de Saboia
non sexa obxecto de comentario, pode facerse unha referencia breve á mesma para explicar as consecuencias da Revolución.

O SEXENIO DEMOCRÁTICO. 1868-1874.


En 1868 a revolución, coñecida como a Gloriosa e protagonizada por todas as forzas opositoras a Sabela II,
expulsou os Borbóns do trono de España e abriu a posibilidade de configurar un novo sistema político baseado nos
principios do liberalismo democrático e nos intereses das clases medias.
LIBERALISMO DEMOCRÁTICO: DEMÓCRATAS E REPUBLICANOS.
Os demócratas xurdiron como grupo organizado na década de 1840, como unha disidencia dos progresistas.
Constituíron unha minoría radical, a súa vez dividida entre os partidarios da monarquía e os partidarios da
república. En España e en Galicia, o liberalismo democrático defendía:
❖ A SOBERANÍA POPULAR. A fonte do poder é a nación pero identificada co pobo, co conxunto
de individuos que vivían nela; o poder deriva única e exclusivamente da vontade, libremente
expresada, da maioría dos seus habitantes.
❖ A PARTICIPACIÓN POPULAR -sufraxio universal masculino-, o pobo debe participar na
administración da xustiza, mediante a institución do xurado.
❖ A RÍXIDA SEPARACIÓN DE PODERES. O poder lexislativo está reservado en exclusiva para
as Cortes; o poder executivo pode ser exercido polo rei/raíña ou polo presidente da República.
❖ OS DEREITOS E LIBERDADES SON INALIENABLES E INHERENTES Á NATUREZA
HUMANA. Especial recoñecemento deben ter a liberdade de expresión e os dereitos de reunión e
asociación.
❖ A LIBRE ALTERNANCIA POLÍTICA, froito da vontade popular (goberno democrático).
❖ A LIBERDADE DE CULTOS e a separación da Igrexa e o Estado.
A REVOLUCIÓN DE 1868.
Nun contexto de malestar social crecente, provocado polas malas colleitas, as dificultades económicas e o
descontento da maioría da clase política polas actuacións da raíña, uníronse todos os grupos políticos baixo o lema
Abaixo os Borbóns! O obxectivo era establecer un goberno provisional que asumise os principios do liberalismo
democrático e que convocase eleccións por sufraxio universal masculino.
A REVOLUCIÓN GLORIOSA.
Iniciouse en setembro de 1868 en Cádiz cun pronunciamento das tropas da mariña asinado, entre outros, por
militares de prestixio como Serrano e Prim.
Os sublevados venceron as tropas leais á raíña na batalla de Puente de Alcolea (Córdoba). Xurdiron numerosas
xuntas revolucionarias nas cidades que, xunto ás reclamacións democráticas do sufraxio universal e da liberdade
de prensa, ensino e asociación, esixían reivindicacións de tipo social como a abolición dos consumos e a supresión
do sistema de quintas.
O triunfo revolucionario obrigou a Sabela II a abandonar España cara ao exilio, formándose un Goberno
provisional dirixido por Serrano. Este goberno asumiu os principios defendidos polas xuntas e puxo en marcha
numerosas reformas tanto políticas como económicas, e convocou Cortes constituíntes elixidas por sufraxio
universal. As eleccións deron un amplo triunfo aos partidarios da monarquía; España sería, xa que logo, unha
monarquía democrática.
A CONSTITUCIÓN DE 1869.
Estaba inspirada nos principios do liberalismo democrático e establecía:
❖ A soberanía nacional: a nación representada en Cortes elixidas por sufraxio universal masculino.
❖ A monarquía como forma de goberno.
❖ Clara separación de poderes.
❖ O rei exercía o poder executivo a través dos seus ministros, que eran responsables ante as Cortes;
sancionaba e promulgaba as leis sen capacidade de vetalas e tiña a potestade de suspender e disolver as
Cortes, pero unha soa vez por lexislatura.
❖ Cortes bicamerais formadas polo Congreso e o Senado, elixidos polo sufraxio universal masculino.
❖ O poder xudicial estaba en mans dos tribunais formados por xuíces, nomeados a través dun sistema de
oposicións, e xurados con participación popular.
❖ Dereitos e liberdades recollidos de forma explícita e ampla (dereito de asociación e de reunión).
❖ Liberdade de cultos.
Serrano foi nomeado rexente provisional mentres se buscaba un novo rei para España. O candidato escollido, co
apoio de Prim, foi Amadeo de Savoia, fillo do rei de Italia Vítor Manuel.

A MONARQUÍA DEMOCRÁTICA DE AMADEO I. (1871-1873).


Amadeo de Savoia aceptou a Coroa e xurou a Constitución. De formación esencialmente militar, de escaso carisma
persoal e descoñecedor do español, Amadeo tivo escasos apoios en España. Nin a aristocracia, nin a Igrexa, nin o
pobo en xeral.
A morte do xeneral Prim, deixouno sen o seu principal valedor. A inestabilidade política foi o trazo máis
característico do seu reinado no que tivo que facer fronte a numerosos problemas.
❖ DIFICULTADES DE GOBERNO.
❖ O desenvolvemento da GUERRA DE CUBA.
❖ A TERCEIRA GUERRA CARLISTA.
❖ A OPOSICIÓN REPUBLICANA, que tentou por todos os medios dividir os partidarios monárquicos, facer
imposible o reinado de Amadeo e conseguir o apoio popular necesario para proclamar a República.
Ante todas estas dificultades, Amadeo comunicou a súa decisión de renunciar á Coroa en 1873.
Tras a renuncia de Amadeo, o Congreso e o Senado proclamaron a República o 11 de febreiro de 1873.
6. A PRIMEIRA REPÚBLICA: PROXECTO DE CONSTITUCIÓN
FEDERAL E CANTONALISMO.
Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos, o alumnado deberá referenciar xenericamente o paso da monarquía de
Amadeu de Saboia (chea de dificultades) a un réxime republicano inestable e moi cuestionado. Como consecuencia do anterior, explicará a falta
dun modelo consensuado de república; o xurdimento do movemento cantonal, a división entre os republicanos federais así como o proxecto de
constitución federal.

O 11 de febreiro de 1873 foi proclamada a República. A Asemblea Nacional Republicana asumiu todos os poderes
e nomeou como presidente a Estanislao Figueras.
Pronto xurdiron fortes diferenzas entre os republicanos sobre a organización política da República.
❖ Os unitarios defendían a creación dunha república unitaria.
❖ Os federais gradualistas, dirixidos por Pi i Margall, defendían a configuración da federación desde arriba,
é dicir, que unhas Cortes constituíntes da nación española decidisen e organizasen o reparto de poderes
entre o Estado federal e os Estados que formasen a federación.
❖ Os federais intransixentes ou cantonalistas defendían que a federación debía facerse desde abaixo,
mediante a proclamación inmediata da soberanía das unidades políticas inferiores, os Estados ou Cantóns.
As tensións republicanas causaron unha grande inestabilidade política, e convocáronse novas eleccións. As
eleccións, celebradas por sufraxio universal dos varóns maiores de 21 anos, foron gañadas amplamente polos
federais.
A nova Asemblea Nacional constituínte proclamou a república federal e nomeou presidente do poder executivo a
Francisco Pi i Margall. Rapidamente elaborouse un proxecto de Constitución federal que:
❖ Organizaba España como unha federación formada por dezasete Estados federados, incluídos Cuba e Porto
Rico.
❖ A xefatura do Estado correspondía ao presidente da República, elixido por sufraxio universal.
❖ O poder lexislativo correspondía á Asemblea Nacional Republicana composta por dúas cámaras, o Senado,
representativo dos Estados federados, e o Congreso, elixido por sufraxio universal directo por todos os
españois maiores de 21 anos.
❖ Recoñecíase a autonomía municipal.
❖ Establecíase a separación da Igrexa e o Estado.
A axitación social e política incrementouse en toda España. Os obreiros e campesiños, estimulados pola Federación
Rexional Española da AIT (Asociación Internacional de Traballadores) protagonizaron folgas e protestas, ocuparon
terras e esixiron melloras das súas condicións sociais. Entre estas accións destaca a revolta social acontecida en
Alcoi.
Ao mesmo tempo, os federais intransixentes comezaron a proclamar a independencia de cantóns, sen agardar a que
a Asemblea Nacional promulgase a Constitución federal. En Levante e Andalucía estendeuse o movemento
cantonalista, destacando a proclamación do Cantón de Cartaxena. Movemento fundamentalmente político, o
cantonalismo incorporou nalgunhas zonas reformas sociais. As revoltas cantonalistas fixeron fracasar o proxecto
de implantar a federación desde arriba, produciron unha elevada disgregación do poder en gran parte de España e
provocaron a dimisión de Pi.
O novo Goberno republicano estivo presidido por Nicolás Salmerón, quen, para sufocar o movemento cantonalista
e a guerra carlista, tivo que apoiarse nos militares (Pavía e Martínez Campos) e acceder ás súas peticións de
restablecer a autoridade e a orde; a necesidade de ter que asinar penas de morte levou a Salmerón, contrario á pena
capital, a dimitir. Sucedeulle Emilio Castelar, quen conseguiu poderes extraordinarios da Asemblea para facer
fronte ás guerras cantonalista, carlista e cubana; tomando medidas drásticas e represivas e apoiándose nos militares
conservadores. Os federais descontentos pretenderon escoller un novo presidente e, mentres se celebraba a sesión,
o xeneral Pavía entrou no Congreso e disolveu a Asemblea Nacional.
Tras esta disolución e ante o baleiro de poder, o xeneral Serrano asumiu o poder executivo da República. Serrano
suspendeu as garantías constitucionais e prometeu convocar Cortes constituíntes cando o país estivese pacificado.
As tensións entre os republicanos, a guerra carlista e cubana e o incremento das reivindicacións sociais provocaron
unha permanente inestabilidade e un medo crecente nas clases propietarias. Estes temores favoreceron os intentos
de Cánovas del Castillo de restaurar a Monarquía na persoa de Afonso de Borbón, fillo de Sabela II, quen se
presentou como un monarca respectuoso co sistema constitucional e liberal (Manifesto de Sandhurst).
O 29 de decembro de 1874 en Sagunto, o xeneral Martínez Campos pronunciouse a favor da monarquía de Afonso
XII; as resistencias foron moi escasas. Remataba en España a curta experiencia republicana e retornaba a
monarquía dos Borbóns con Afonso XII en xaneiro de 1875.

TERMOS A DEFINIR.
AFRANCESADOS: reducido grupo de españois que apoiou a Xosé I Bonaparte nas tarefas de goberno.
Consideraban que o reformismo autoritario francés era o único medio para lograr a renovación e o cambio en
España. Ao finalizar a Guerra da Independencia foron perseguidos, e moitos se exiliaron en Francia.
ABDICACIÓNS DE BAIONA: renuncias sucesivas acontecidas na cidade francesa de Baiona en 1808, de
Carlos IV e o seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte, que pouco despois cedeu
eses dereitos ao seu irmán que reinou co nome de Xosé I Bonaparte.
TRATADO DE VALENÇAY: acordo de paz asinado en 1813 nesa cidade francesa polo que Napoleón aceptaba
a suspensión das hostilidades, o retorno de Fernando VII ao trono de España, a devolución dos territorios ocupados
e a renuncia de Xosé I. Tanto as tropas francesas como británicas debían abandonar España, finalizando así a
Guerra de Independencia.
MANIFESTO DOS PERSAS: documento que presentaron en 1814 os deputados absolutistas a Fernando VII
tras o seu retorno do exilio en Francia solicitándolle a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz
e a Constitución de 1812, así coma a restauración do Antigo Réxime. O monarca atendeu ás peticións,
restablecendo o absolutismo.
PRAGMÁTICA SANCIÓN (1830): disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida como
Lei Sálica, aprobada por Filipe V, que impedía acceder ao trono ás mulleres. Esta medida supuxo a exclusión do
irmán do rei, o infante Carlos de Borbón, do trono de España, e converteu á filla de Fernando VII, a futura Isabel
II, en herdeira.
PRONUNCIAMENTO: levantamento de parte do exército contando co apoio dun determinado sector da
sociedade que se pronuncia a favor do cambio do sistema político vixente. Foron frecuentes os que defendían o
liberalismo fronte ao absolutismo de Fernando VII e os que defendían o liberalismo progresista fronte ao
conservador no reinado de Isabel II.
ESTATUTO REAL: nome que recibe o decreto de 1834 polo que a raíña rexente, María Cristina de Borbón,
convocaba as Cortes do reino de España. Polo seu contido considérase como unha Carta Outorgada, xa que a coroa
renunciaba a manter en exclusiva o poder, admitindo unha ampliación da participación política en beneficio das
clases posuidoras, pero conservaba en exclusiva a soberanía e non recollía a separación de poderes nin dereitos dos
cidadáns.

You might also like