You are on page 1of 15

Música tradicional galega

Cantares, pezas instrumentais e bailes

Ignacio Sampayo Pena


6ºGP
Índice

Cantares............................................................................................................................3
Pezas instrumentais...........................................................................................................9
Bailes e danzas................................................................................................................10
Bibliografía.......................................................................................................................15

2
Cantares

O canto é o principal medio de expresión cultural do que se serve o pobo para manifestar
o seu sentir, a súa identidade como tal. Transmitido oralmente de xeración en xeración, en
Galicia testemuñou a vida da nosa xente, tanto no tempo do traballo como no de lecer.

Nesta labor tiveron moita importancia as mulleres, xa que foron elas as principais
encargadas de custodiar e manter viva a tradición no referente aos cantares, traspasando
de nais a fillas o conxunto de coplas que compoñen o noso cancioneiro. Os homes, pola
súa parte, de sempre estiveron máis próximos á interpretación instrumental e ao baile,
non faltando, nin moito menos, cantares entoados por eles.

Á hora de clasificar un canto, un dos aspectos distintivos é o ritmo. Podemos distinguir


tres tipos de ritmos diferentes nos cantos tradicionais: libre, que é o que se dá nos cantos
pausados, sen acompañamento instrumental e melismático (presenza de pasaxes onde a
unha soa sílaba lle corresponden varias notas musicais), medido, de carácter silábico e
constante, e marcado, que é o das xotas e muiñeiras. Agora ben, débense tomar en conta
máis aspectos e non só o ritmo para determinar se un canto é un alalá, un canto de cego,
etc., e son, por exemplo, a temática, o contexto social, o ambiente e o espazo no que se
canta.

Tamén as cantigas se poden clasificar segundo a función que desempeñan, ben sexa polo
significado da letra ou, tamén, pola asociación dunha determinada melodía a unha
actividade en particular, como pasa nos cantos de traballo, onde en ocasións a melodía se
relaciona cos movementos rítmicos da tarefa que se está a realizar. Moitos destes cantos
non son máis que alalás de temática especializada: os cantares de arrieiro constitúen un
bo exemplo disto.

Con todo distínguense algúns xéneros con características ou temáticas propias.

Alalá

O alalá é considerado pola maioría dos autores como a forma de música tradicional
galega máis antiga e característica. A súa orixe non está totalmente clara, pero a teoría

3
más aceptada é que están relacionados co canto gregoriano. Do mesmo modo que
sucede neste canto medieval, os alalás, nun principio, eran de ritmo libre e non tiñan
acompañamento instrumental melódico ou rítmico, sendo entoados a capela. Está
composto por coplas octosilábicas no que se repite un tema curto e as ailalá, ailalá
repetidas. A súa interpretación, pausada e de carácter melancólico, favorecía a
improvisación e a presenza de melismas. As letras adoitan ser de temática seria e a
interpretación é un valor de suma importancia: ao seren de ritmo libre, o intérprete ten
moito xogo para engadirlle adornos á melodía principal. En moitas ocasións, logo de ser
interpretada a melodía do alalá coa súa correspondente letra, repetíanse os dous últimos
versos, ou todos os da copla, coa sílaba la, de aí o seu nome. Pensados para ser
cantados por unha soa persoa, co paso do tempo engadíronse instrumentos como a gaita
ou a zanfona. Os alalás comparten características formais con diversos cantos,
presentando como única diferenza a temática especializada que poidan ter estes últimos.

Os alalás foron a súa vez tamén orixe doutros xéneros como os cantos de arrieiro, cantos
de oficios ou os cantos de andar o camiño. Perfecto Feijoo (1858-1935), fundador do
primeiro coro galego "Aires da Terra", foi un gran compilador e intérprete de alalás. O
zanfonista ourensán Faustino Santalices recuperou moitos cantos que poderían terse
perdido, e gravou un histórico disco en 1958 incluíndo moitos alalás.

Cantos de berce

Os cantos de berce, de arrolo ou arrorrós eran cantos xeralmente moi pequenos, en voz
de muller solista empregados para adormecer os mais cativos da casa. Eran de ritmo
pausado, e monótono, cunha melodía repetitiva e un estribillo final dirixido a enfatizar este
ritmo do tipo 'ea' ou 'aa'. O tema único é a intención de que o neno durma e tódalas letras
van dirixidas neste sentido. Non existe unha rima ou métrica común a todos eles. Outros
cantos significativos eran as cancións infantís e outros cantos que acompañaban os
xogos dos mais pequenos.

Cantos gremiais

Aínda que na súa orixe esta denominación facía referencia aos gremios que antigamente
existían en Galicia (ferreiros, panadeiros, etc.), pronto pasou a designar de forma xeral a

4
calquera canto relacionado cunha determinada profesión. Destacan os xa citados cantos
de arrieiro, nos que canta unha soa voz masculina sen acompañamento de ningún tipo,
falando de temas relacionados coa súa profesión e estilo de vida ambulante.

Cantos de Entroido

No entroido e na festa dos maios empregábanse a música para facer crítica e escarnio de
xeito público sobre acontecementos que tiveran lugar durante o ano. Tiñan lugar
representacións humorísticas e actuacións máis ou menos improvisadas. Os nenos eran
os principais protagonistas dos maios, pero fosen estes ou os maiores, non era raro que
se pedise tamén unha compensación económica pola interpretación ou, mais
modernamente, polas follas que se repartían trala actuación.

Cantos narrativos

De temática variada, poden relatar feitos reais ou inventados. Os cantos de cego eran
interpretados por un home, en ocasións cego pero en outras non, que se acompañaba
dun violín ou dunha zanfona. Moi populares en Galicia, adoitaban tratar temas da nosa
terra: o caciquismo, a emigración, sucesos, crimes relevantes, etc.

Cantos de traballo

Entoábanse mentres se estaba a facer unha determinada tarefa ou traballo, coa intención
de distraer. Tamén se cantaban no remate ou nos descansos, aproveitando estes
momentos de distensión para cantar e bailar. Algúns exemplos son o cantar de colleita, o
cantar da arrincada, o canto de fiada, os cantos de arada, de seitura, de maza-lo liño -as
espadeladas-, cantos de maza-lo leite, e para outros traballos similares. Tamén había
cantos asociados a oficios concretos: cantos de arrieiro, de canteiro, de ferreiro... Estes
cantos eran, ou ben de ritmo e interpretación libre, ou ben de ritmo moi marcado e
axeitado ao ritmo propio de traballo e do movemento do corpo ao traballar. Deste xeito,
estes cantos axudaban a levar a soidade do momento ou axeitar o ritmo de traballo
moitas veces colectivo.

5
Cantos de cego

Os cantos de cego e romances, xunto cos cantos de entroido, supoñen unha ponte entre
a música de transmisión oral e a transmisión escrita. Era frecuente que os intérpretes, tras
a actuación, vendesen a letra impresa; era o que se deu en chamar literatura de cordel,
por estaren atadas nunha corda as follas coas letras. Deste xeito, os romances quedaban
fixados e eran menos proclives a cambios por defectos da transmisión. Os romances
tanto eran comúns á tradición peninsular, adaptándoos a melodías preexistentes, como
específicos de Galicia ou incluso de temática totalmente local. Eran claramente narrativos,
e tanto servían para narraren sucesos históricos, noticias da época ou asuntos locais, en
ocasións con intención moralizante.

Cantos de voda ou regueifas

Nas vodas non faltaban expresións musicais, sendo propia delas as regueifas,
denominación tanto dunha rosca co que se agasallaba á parella, un baile que se facía na
súa honra, un tipo de danza no que a noiva portaba a rosca na cabeza e un canto
consistente nun diálogo improvisado e con melodías propias no que se competía por ver
quen quedaba sen ideas para continuar. Existían outro tipos de cantos de voda, que
amenizaban as celebracións, recordaban os noivos as súas obrigas ou permitíanlles aos
padriños amosar a súa xenerosidade.

As regueifas tamén se dan fóra do ámbito das vodas, ben con coplas totalmente
improvisadas, ben con letras xa coñecidas polos intérpretes. Nelas as persoas seguen un
mesmo cantar durante o tempo que dura a disputa sobre un determinado tema. Adoitan
ter ritmo lento e libre, de maneira que facilite a improvisación. Esta última modalidade
chámase desafío, e nel poden participar dous grupos que empregan as coplas a xeito de
insulto e escarnio.

A regueifa e o desafío eran os principais xéneros dialogados, aos que cómpre engadir as
cancións de preguntas e respostas e os parrafeos, diálogos amorosos entre home e
muller ou unha parodia dos mesmos, con certo carácter narrativo. Una variante das
regueifas son as enchoiadas, nas que mozos e mozas retrucan con coplas para
demostrar quen ten máis enxeño.

6
Cantos do Nadal

Diversos cantos relixiosos relaciónanse coa celebración do Nadal. Os aninovos e os reis


ou panxoliñas cantábanse na última noite do ano e ao redor do seis de xaneiro
respectivamente. Estes últimos tiñan narraban a tradición do nacemento do neno Xesús.
Posteriormente foron substituídos por vilancicos, pezas de orixe culta, con ritmo de
muiñeira nova pero máis lento. Todas estas cancións interpretábanse a coro e
acompañados de percusión e gaita. Arrancaban cunha petición de licenza e remataban
cun aguinaldo, é dicir, pedindo agasallos ou invitacións a chourizos, viño ou algunha
larpeirada. Os manueles son un xénero máis moderno no que se felicita os que están de
santo o primeiro de ano.

Cantar de fía

É o cantar que se bota para acompañar na labor de fía-lo liño, xeralmente unha voz máis
un coro. A fiada facíase na cociña da casa, ou no exterior se había bo tempo. Mulleres e
mozas se xuntaban en sábado para levar a cabo este traballo, e tamén se achegaban os
veciños, para pasa-lo tempo, e os mozos, que amenizaban o traballo con xogos e música,
ademais dos cantares das fiandeiras. Cando remataba o traballo era cando se
improvisaba a festa. Se quedaba algunha muller fiando acompañaba co canto ás demais,
que tocaban algún instrumento ou bailaban.

Este tipo de festa de traballo pasou a converterse co tempo nunha diversión, aínda que se
conservara o traballo de fiar ata unha hora determinada. Fíxose tan popular, que as
autoridades chegaron a prohibilas temendo pola moral de mozos e mozas reunidos para
bailar se vixilancia, e ademais pola noite.

Impuxéronse castigos e multas, aínda que nas aldeas a festa seguiu celebrándose.
Derivou en varios nomes (de festa e de cantar), o máis estendido cantar de foliada,
ramboia, trulla ou trullada, troula ou troulada, serán, ruada... Pero sempre se conservou o
nome de fía, fiada ou fiadeiro, polo traballo que se realizaba.

Outros tipos de cantos son o: agradecemento, cantar das arrincadas, cantar de arada, ,
cantar de arrieiro, cantar de camiño, cantar de canteiro, cantar de cego, cantar de colteíta,

7
cantar de espadelada, cantar de fía ou fiada, cantar dos majos, cantar de malla, cantar de
muiñada, cantar de ramboia, cantar de Reis, cantar de rúa ou ruada, ...

Cantos de ritmos de baile

Inclúense aquí os cantares que están asociados a formas musicais máis vinculadas ao
baile que ao canto propiamente dito. Cada un segue o esquema do ritmo do baile co que
se relaciona, acompañada a voz unicamente pola percusión.

Dous destes bailes, a xota e a muiñeira vella, son frecuentes nos lugares onde mellor de
conservou a música tradicional e, para a súa interpretación, o cantor ou cantora utilizaba
unha melodía do grupo das chamadas melodías sen función determinada, melodías
antigas que poden adaptarse a diferentes cantos e ritmos, coas variantes propias da zona
onde se interpreten.

Muiñeira vella

Chamada pandeirada nalgunhas zonas de Galicia, a muiñeira vella é un xénero


normalmente destinado a ser cantado, e que se caracteriza por ter pulso binario e ser de
execución rápida. Tócase batendo co puño na pel da pandeireta e non ten volta (parte
que corresponde ao retrouso). A súa orixe é anterior á muiñeira nova, pero na actualidade
está menos espallada.

Na muiñeira vella, un ou dous homes bailan con dúas ou máis mulleres. O home realiza
puntos complexos, mentres que a muller ten un papel secundario, limitándose a seguir o
home con paseos con forma de oito, e con actitude máis recollida.

Xota

De ritmo ternario, interprétase de forma máis pausada que a pandeirada ou muiñeira vella
e, a diferencia desta, conta con punto (parte que corresponde á copla ou estrofa) e volta.
Figuran así mesmo neste apartado os agarrados, ritmos de fóra de Galicia como o
pasodobre, polka ou o vals, que requiren de contacto físico.

8
Pezas instrumentais

O repertorio instrumental está formado por pezas que, na súa orixe, se interpretaban sen
acompañamento vocal, principalmente por agrupacións onde a gaita é a protagonista e
por charangas e bandas de música.

Alborada

Peza que se interpreta de mañá nos días de festa e nas romarías, anunciando a xornada
festiva. Tócase con gaita e tamboril, o seu ritmo é binario e o tempo moderado e se
caracteriza por unha serie de frases descendentes. Moi semellantes son os pasarrúas e
pasacorredoiras.

Himno

Composición de carácter solemne, xeralmente de tipo relixioso ou de inspiración nacional.

Marcha

Ten como finalidade marcar o ritmo dos desfilantes, de aí o seu ritmo binario para que o
acento forte coincida sempre no mesmo paso. Hainas de varios tipos: militares, civís,
procesionais, fúnebres...

Ruada

Música para desfilar, son pezas ideadas para interpretar indo de camiño (por exemplo
entre casas) nos días de festa como complemento das alboradas. De ritmo de pasodobre
rápido, consta de tres tempos de catro a oito compases nos que se fan variacións sobre
un motivo principal. Parece que a súa orixe parte da Italia do século XVII.

Misa

Son composicións estrictamente relixiosas, baseadas na liturxia católica e que en principio


se interpretaba no momento da consagración e a comuñón, pero que máis tarde

9
evolucionou e deixou de formar parte desta liturxia, pasando a ser ideada como peza de
concerto. Nas festas patronais adoitábase acompañar algunhas partes da misa coa gaita,
xurdindo así unha serie de melodías específicas para ser interpretadas durante a liturxia.

Música de baile

Son os ritmos agarrados, como o pasodobre e o vals, e os ritmos tradicionais bailables,


como a xota e a muiñeira.

Bailes e danzas

O baile tivo sempre moita importancia na vida de Galicia, non habendo practicamente
festa ou xuntanza de amigos que non rematara con algún. Os que conservamos na nosa
tradición son abundantes e variados, case sempre con acompañamento vocal e
instrumental.

Chamamos bailes de entretemento a aqueles que teñen como finalidade a propia


diversión durante os tempos de lecer, sen outra intención que non sexa a de desfrutar
bailando. As danzas son bailes que teñen un desenvolvemento e unha coreografía
determinada que hai que seguir, sen apenas lugar á improvisación.

Bailes

Muiñeira

É o baile máis popular de Galicia, coñecido tamén fóra das nosas fronteiras. A súa orixe é
discutida, pero comunmente afírmase que foi nos muíños onde se moían o trigo e máis o
millo onde naceu este baile; dado que as mulleres que traballaban alí tiñan que esperar
algún tempo a que o millo estivese a punto, e para pasar o tempo bailaban.

De tempo rápido e vivo, ten ritmo binario en 6/8 e é bailada por parellas mixtas ao son das
gaitas e da percusión. Normalmente hai un guía no baile que indica os puntos que se han

10
de bailar, os cales son repetidos polo resto de bailaríns, seguidos do característico paseo
en círculo. A estrutura da muiñeira non é fixa, pois vaise improvisando segundo saen
puntos e voltas, que van sempre intercalados. Ao ser tan popular, existen numerosas
variantes locais: a carballesa (moi rápida e viva), o contrapaso (bailada en roda por
numerosas parellas), a chouteira (con grandes saltos), a ribeirana (o home fai alarde da
súa enerxía con vistosos puntos e saltos mentres a muller adopta un papel máis dócil) e a
redonda (cos músicos dentro da roda dos bailadores), son diferentes tipos de muiñeira.

Como baile tradicional interpretábase en festas, romarías e canta xuntanza social o


permitía. A danza era colectiva, normalmente de tres a oito parellas colocadas fronte a
fronte formando unha ringleira. A estrutura musical, composta de copla e volta, reflíctese
na danza en xeito de punto e paseo. Un home interpretaba un punto, construído máis ou
menos improvisadamente a base de embotados, saltos, picados e outras figuras, e o resto
do grupo repite os movementos varias veces, mentres dure a parte da copla. Durante a
parte de volta da melodía, o grupo realizaba paseos, en círculo, xirando as filas sobre o
seu centro, ou outras figuras coreográficas sinxelas. Tanto punto como paseos
execútanse cos brazos en alto ou facendo leves debuxos que dan máis graza á
interpretación.

Ó ser un baile tan popular, deu en derivar nunha infinidade de variantes locais con
características definitorias específicas que compoñen unha enorme fonte de riqueza para
o folclore galego.

Xota

O da xota é un ritmo presente noutras partes da península, aínda que xa está moi
asimilado pola nosa cultura. Ten ritmo ternario, en 3/4 ou 3/8, e interprétase de modo máis
pausado que a muiñeira, así como sen tantos desprazamentos. Bailada por parellas
mixtas, nas que a muller realiza os puntos que marca o home que actúa de guía. Consta
de descanso, punto e volta, con saltos que indican o paso duns a outros. Segundo o
descanso coincida antes do punto ou da volta execútanse pasos diferentes: paso de
castellano antes do punto e paso de marcha antes da volta. A volta faise andada ou cunha
combinación de pasos de vasco que poden ir en roda ou non, mentres que o punto

11
constitúeno diferentes pasos chamados de xota. En Galicia é, xunto coa muiñeira, un dos
ritmos máis bailados e cantados.

Os agarrados

Xenericamente se lles chamou agarrados polo xeito de se bailar. Estes bailes requiren
contacto físico na súa evolución, polo que formaron un certo escándalo no momento da
súa introdución, sobre todo entre as autoridades eclesiásticas que, unha vez máis, temían
pola moralidade das xentes. Orixinalmente eran ritmos de orixe americana, europea ou
peninsular, os que se lles adaptaba unha melodía galega e se interpretaban cos
instrumentos tradicionais.

O pasodobre, por exemplo, é unha variación do pasodobre español, ao que se lle


incorpora a gaita. Os pasodobres son de 2/4 ou 6/8, constan dunha serie de pasos de
marcha con xiros (ou non) seguindo o ritmo da composición musical homónima.

As polcas estendéronse por Galiza procedentes de Europa durante o século XIX. O seu
compás é o 2/4 e son máis melodiosas que as orixinais.

A mazurca é un baile de compás ternario, procedente de Mazovia (Polonia) pero máis


moderado ca polca, que consta de dúas a catro seccións de seis a oito compases
repetitivos nos que os acentos van nas partes segunda e terceira. A súa coreografía
constitúena series de dous pasos de marcha máis un paso de salto, que se realizan nun
grande número de figuras que tamén contan con movementos improvisados.

Outros son os bailes infantís e os bailes das festas populares e de traballo (como o do
magosto, que serve para festexar a recollida da castaña), constitúen unha boa mostra da
variedade de bailes presentes na nosa terra, ademais da xota e da muiñeira.

12
Danzas

Danzas gremiais e procesionais

Son bailadas polos membros dun gremio de traballadores ou que é financiada por eles.
Son a unión de Igrexa e Estado, xa que aínda que tiveran unha natureza laica, foron
absorbidas polo catolicismo como homenaxe ós seus santos e virxes e pasaron a formar
parte de moitas das numerosísimas celebracións relixiosas que teñen lugar ó longo do
ano. Teñen unha orixe laica, aínda que en moitos casos a igrexa asimilounas como
propias para honrar aos seus santos. A Danza dos Arcos dos mariñeiros en Betanzos ou
as Danzas de Paus dos xastres en Allariz son danzas gremiais.

Coa súa participación activa, os gremios dedicaban estas danzas ós seus santos patróns,
por exemplo, os ferreiros e os carpinteiros a San Xián, os segundos tamén a San Tomé,
os canteiros a este último; os zapateiros, costeleiros, picheleiros e besteiros a San Pedro;
os sombreireiros a Santiago Apóstolo; os cereiros a San Bieito; os prateiros a San Eloi, e
os acibecheiros a San Sebastián.

Danzas relixiosas

Son todas aquelas que posúen un trasfondo relixioso católico. Aínda que moitas delas
teñan unha orixe pagana, sufriron un proceso de adaptación á cultura relixiosa católica e
pasaron a formar parte das celebracións cristiás, como é o caso das danzas procesionais,
ou foron introducidas ós usos católicos, como as danzas funerarias ou nupciais, por
extensión de significado. Outras serven para festexar tempos da Igrexa xa establecidos,
ou simplemente se acoplan nas Iiturxias como adorno ou complemento visual, así, por
exemplo as danzas de Nadal, aninovo e Reis.

Danzas nupciais

Interprétanse nos casamentos, antes ou despois dos mesmos. Destaca a regueifa,


bailada polos propios noivos e na que a muller leva un pan sobre a cabeza para ser
repartido ao final entre os convidados.

13
Danzas funerarias

Empregábanse para homenaxear ao finado. A música que as acompaña é lenta e


melancólica, a ton coa tesitura que supón o proceso. Nun principio eran só os heroes
guerreiros os que recibían a homenaxe no momento da morte, e máis adiante estendeuse
tamén ás personaxes mellor situadas. Temos dous exemplos: a danza da morte e o
abellón. Na danza do abellón, unha roda de persoas xira ao redor da persoa morta
imitando coa voz o son das abellas.

Danza do galo

O home galantea cun grupo de mulleres, bailando diante delas de modo lucido e vistoso.
O home é o 'galo', que baila arredor das mulleres de maneira caprichosa e vistosa,
chamando a atención das mozas, mentres que elas danzan docilmente suxeitando a saia
coas mans.

Paloteo

É unha figura que corresponde ás danzas de paus. Consiste en que os bailadores fagan
bate-los seus paus entre si e cos da parella, ó tempo que cambian de posición.

14
Bibliografía

A música popular en Galicia. Olga M. Camafeita Longa (Proxecto Fin de Carreira


Universidade de Vigo)

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1462796657/
contido/paseomusica/index.html

https://gl.wikipedia.org/wiki/Alal%C3%A1

https://gl.wikipedia.org/wiki/M%C3%BAsica_tradicional_galega

https://gl.wikipedia.org/wiki/Mui%C3%B1eira

15

You might also like