You are on page 1of 16

TEMA 8: O PERÍODO DE ENTREGUERRAS

O período de Entreguerras foi a etapa comprendida entre 1919 e 1939, unha época de gran
inestabilidade debido aos fortes rencores políticos entre os vencedores e vencidos da I Guerra
Mundial, pero tamén aos problemas económicos que se agravaron coa crise de 1929 nos Estados
Unidos. Isto, sumado ao temor da expansión comunista desde o triunfo da Revolución soviética,
fixeron aparecer réximes autoritarios (fascismo italiano e nazismo alemán) e que a democracia
sufrira un retroceso. A política exterior agresiva da Alemaña nazi, conduciría a unha II Guerra
Mundial.

Vocabulario: Era de consumo de masas, American way of life, Totalitarismo, sobreprodución,


Fasci de combate, República de Weimar, autarquía, Gestapo, espazo vital, koljós (kokhzós) e
sovjós (sovkhós).

Guión do tema:

1. Os problemas que levaron á II Guerra Mundial


2. EEUU: da prosperidade á crise do 29. O New Deal
3. O fascismo italiano
4. Alemaña: o ascenso do nazismo alemán
5. O réxime nazi: un sistema totalitario
6. O estalinismo

1. Os problemas que levaron á II Guerra Mundial

1.1 Os desequilibrios económicos mundiais

A I Guerra Mundial orixinou importantes desequilibrios económicos. Por un lado, os Estados


Unidos saíron moi beneficiados do conflito, converténdose na primeira potencia económica
mundial. Hai que ter en conta que este país non sufriu destrución no seu territorio, as perdas
humanas foron pequenas e foron os que abasteceron aos países contendentes vendéndolles
alimentos, armas e produtos industriais que lles reportaron grandes beneficios.
Sen embargo, por outro lado, moitos países de Europa empobrecéronse xa que sufriron moitos
danos, retrocedendo neles a produción agrícola e industrial e ademais endebedáronse cos
Estados Unidos, xa que tiveron que facer fronte aos empréstitos de guerra. Desta maneira,
creouse unha situación de dependencia dos norteamericanos polo que, cando en 1929 estalou a
crise nos Estados Unidos, toda a economía mundial entrou nunha etapa de depresión económica.

1.2 Os efectos da Revolución rusa

As dificultades económicas da posguerra en Europa provocaron


unha grave crise social, pois producíronse folgas en distintos
países (Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia….). As
mobilizacións revestiron características revolucionarias en
ocasións, pero foron sufocadas pola policía e o exército.
i.
ii. AAnte a limitación dos dereitos sindicais por estes feitos,
endureceuse a oposición ás democracias por parte dun
proletariado insatisfeito pola represión dos seus dereitos e por parte da burguesía temerosa dunha
situación revolucionaria.

1.3 A crise das democracias

A democracia entrou en crise ante tanta axitación social, sobre todo en países que tiñan pouca
tradición parlamentaria e que ante o temor, polas revoltas sociais, do ascenso do comunismo,
optaron por sistemas políticos autoritarios que prometían combater o avance destas ideas.

Sen embargo, os países cun forte arraigo do parlamentarismo como foron Reino Unido, Francia,
Bélxica, e Holanda, conseguiron integrar o socialismo emerxente a través do sufraxio universal e
da formación de coalicións políticas.

2 . OS EEUU: da prosperidade á crise do 29

2.1 O crecemento económico de Estados Unidos

Os Estados Unidos saíron moi beneficiados da I Guerra Mundial, converténdose na primeira


potencia económica. Posuía unha elevada produción agrícola e industrial e os seus produtos
invadiron os mercados mundiais, antes dominados polas industrias europeas.

Esta expansión baseouse nunha fonda transformación no proceso de produción de bens,


dominado pola innovación técnica e a forma de produción. O taylorismo e fordismo contribuíron a
incrementar beneficios, incrementando a produción e reducindo custos. Este crecemento
económico implicou o aumento do consumo debido a:

- O aumento de salarios dos obreiros


- As campañas publicitarias
- A compra a prazos
- Os préstamos bancarios

Así abriuse o camiño á era do consumo de masas, o que, a súa vez estimulaba a produción.
2.2 O american way of life

Este crecemento económico prolongouse durante os dez anos que seguiron á fin da guerra (1919-
1929). Nesta década de prosperidade estableceuse o modelo de vida a seguir para todo o mundo
“the american way of life”, o modelo de vida americano, sustentado nos valores de iniciativa,
esforzo individual e éxito, proporcionando benestar e enriquecemento aos seus cidadáns.

Impúxose ademais unha nova concepción do lecer con espectáculos de masas (cine, deportes,
cabarets, teatro..) xurdiron novas correntes musicais (jazz, charleston, blues…) e unha forma máis
desenfadada de vestir. Reflectiuse na bolsa, xa que o valor subía de xeito constante.

2.2 O fin do crecemento económico

Pero este crecemento económico tivo os seus límites. A partir de 1926/7 unha serie de elementos
anunciaban a crise que se acercaba:

- Graves dificultades na agricultura: tras uns anos de boas colleitas houbo un aumento
importante deste sector e os campesiños pedían créditos para investir (en máquinas e terras) e
aumentar a produción. Isto levou a un aumento dos stocks e á diminución dos prezos, que non
crecían como os da industria. Os campesiños ingresaban menos diñeiro e non podían devolver as
débedas quedándose sen terras, máquinas e casas.

- Nas industrias: o aumento dos salarios foi menor que o aumento de beneficios ou da cantidade
de produtos fabricados, polo que non se podían vender tanta cantidade de produtos. Os salarios
dos traballadores non permitían manter o crecemento constante do consumo máis afrontar os
pagos dos créditos. Tamén comezaron a acumularse stocks, a sobreprodución comezou a ser un
problema.Tamén experimentou unha certa contracción a industria da construción.

Así a diminución da capacidade adquisitiva, que levou a un subconsumo, máis á


sobreprodución desencadearon a crise de 1929.

2.3 O crac da bolsa de Nova York en 1929

Nesta década de crecemento económico, moita xente veuse animada a investir en Bolsa, atraídos
pola idea dun rápido enriquecemento. Os bos resultados empresariais fixeron aumentar a
demanda de accións, cuxo valor subía de xeito constante. Produciuse unha burbulla especulativa.

Existía unha euforia alcista, aumentaban as accións de valor porque un se enriquecía comprando
e volvendo a vender mentres que durara a época de alza. Esta tendencia chegou ao seu fin en
outubro de 1929. O 24 de outubro deste ano, millóns de títulos foron postos a venda a baixo prezo
sen atopar comprador. De súpeto todo o mundo quería vender as súas accións e ninguén
desexaba mercalas. Este día pasou á historia como “xoves negro” pois desencadeouse o crac
bolsista do 29. As cotizacións continuaron baixando os anos seguintes. A caída da Bolsa,
provocou unha recesión económica xeneralizada coñecida como a Gran Depresión:

- Millóns de investidores arruináronse.


- Tivo lugar unha crise na banca, esta sen diñeiro en efectivo perdeu porque o tiña invertido na
Bolsa ou prestado. Os cidadáns ademais querían retirar os seus cartos. Os bancos por falta de
fondos pecharon ante a imposibilidade de recuperar o diñeiro, a xente non podía devolver os
préstamos e así moitos bancos crebaron.
- Os sistema colapsou e se espallou a crise a todos os sectores: industria, comercio e agricultura.
Incrementándose o paro. Moitas familias caeron na miseria, diminuíu o consumo e moitas
fábricas pecharon ao non poder vender a súa produción.

Os bancos non podían recuperar os cartos e deixaron de dar préstamos.


As fábricas pecharon porque non podían vender a súa produción.
E moita xente perdeu o que tiña investido e ademais non puido facer fronte aos préstamos.

2.4 A mundialización da crise

Desde os Estados Unidos a crise bancaria espallouse ao resto do mundo provocando creba de
bancos, descenso da produción e do comercio mundial e o aumento do paro. Debido a que
inmediatamente o crédito se reduciu, retiráronse os capitais depositados nos bancos europeos e
as empresas norteamericanas reduciron os seus investimentos e a que caeran as exportacións
estadounidenses.

O único país que escapou aos efectos do crac do 29 foi a Unión Soviética, debido á política de
illamento adoptado polos países capitalistas trala I Guerra Mundial.

2.5 A loita contra a crise: O New Deal

O New Deal foi a solución que adoptou o goberno dos Estados Unidos trala crise para propiciar a
recuperación da economía norteamericana. O obxectivo era reducir a capacidade de produción e
aumentar o poder adquisitivo. Este programa económico con medidas para paliar os efectos da
crise baseouse nas ideas do economista J.M. Keynes, que defendía a intervención do Estado na
economía.

Os principais ámbitos de actuación do New Deal foron:


No plano económico propúxose:

- Axudar a empresas privadas en dificultades a través de subvencións


- Crear empresas públicas en sectores sen incentivos para o investimento privado
- Destrución dos stocks agrícolas acumulados
- Establecer un control sobre os Bancos obrigándoos a facilitar préstamos a baixo interese e
vixiando os seus depósitos.

No plano social para loitar contra o paro, o Estado:

- Promoveu un gran plan de obras públicas (estradas, encoros…)


- Incentivou o aumento salarial
- Reduciu a xornada laboral a 40 horas semanais.

3. O fascismo italiano

O fascismo é un movemento político ou ideoloxía que xorde en Italia despois da I Guerra Mundial.
Converteuse nunha opción política que ascendeu ao poder impoñendo un sistema
antidemocrático e ditatorial. Este ascenso está moi vinculado ás consecuencias da Gran Guerra
e foi en Italia, país europeo cun réxime democrático, o primeiro de Europa onde ocorreu isto

3.1 As causas do ascenso do Fascismo en Italia

Tiveron que ver as consecuencias da Gran Guerra: Italia sentiuse decepcionada, enganada cos
Tratados de Paz de París, pois non obtivo todos os territorios que lle prometeran os aliados e que
estableceron no Tratado de Londres de 1915. Das tradicionais aspiracións territoriais que tiña
Italia, soamente acadou Trentino ao norte e a península de Trieste pero no lle deron Fiume e parte
da costa dálmata.

Ademais houbo unha inestabilidade política na monarquía de Victor Manuel III. De feito, entre os
anos 1919 e 1922 sucedéronse cinco gobernos porque ninguén acadaba a maioría necesaria para
gobernar.

As secuelas da guerra non foron menos:

- As perdas humanas foron enormes e tamén o impacto psicolóxico entre os feridos e


mutilados polo conflito. Morreron unhas 700.000 persoas, máis de un millón de baixas, entre
mortos e desaparecidos.

- Ademais causou unha fonda crise económica, pois o impacto do conflito foi grande: destrución
de infraestruturas, de tecido industrial, a escaseza de alimentos, que levou a unha inflación. Hai
que ter en conta que Italia non era un país moi desenvolvido e tiña grandes diferencias entre o
norte máis desenvolvido e o sur, máis atrasado e agrícola. A maioría da poboación era campesiña.
Outro factor foi a reconversión industrial e ausencia de emprego que levou a unha gran masa de
excombatentes ao paro.

- Esta crise económica orixinou graves tensións sociais no norte. Os traballadores, motivados
polo ascenso do comunismo en Rusia provocaron un movemento de folga con obxectivos
revolucionarios e pasaron á acción:
- Houbo unha ocupación de terras por parte de campesiños
- E unha incautación de numerosas empresas por parte de obreiros

Estes movementos foron reprimidos e comezaron a preocupar ás clases conservadoras.

3.2 O ascenso do fascismo

Neste contexto apareceu a figura de Benito Mussolini. De familia humilde, formouse como
mestre, foi militante do partido socialista e traballou nun periódico da mesma ideoloxía “Avanti”. En
1914 rompeu co partido por ser partidario de entrar na I Guerra Mundial do lado dos aliados e
fundou un periódico “Il popolo de Italia”.

Participou na guerra e foi ferido, ao volver do conflito aproveitou a insatisfacción da sociedade


italiana facendo un chamamento de loita contra as forzas comunistas. Coa intención de frear o
avance comunista fundou os Fasci de combate en 1919, un grupo paramilitar de excombatentes
uniformados con camisas negras que utilizan a violencia para frear o auxe do movemento obreiro
atacando a sindicatos obreiros e aos seus líderes.

En 1921 os fasci de combate transformáronse no Partido Nacional Fascista que se presentaba


cun programa baseado na construción dun Estado forte que detivera o avance comunista e unha
política exterior expansionista. Os seus símbolos serían:

- os feixes de varas rodeando un machado, antigo símbolo romano empregado polos maxistrados
para amosar a súa autoridade.

- O título que adoptou Mussolini, Duce, que significa guía, condutor, recorda o título que utilizaban
os maxistrados supremos en Xénova e Venecia.

- Emprego do saúdo romano co brazo en alto e a aguia imperial, como símbolo dos desexos do
expansionismo, de conquista militar, igual que utilizaban na antiga Roma nos estandartes.

Os apoios sociais eran: a pequena burguesía, os grandes propietarios agrícolas e industriais, a


Igrexa católica e o propio rei Víctor Manuel.
No ano 1922 Mussolini presentouse ás eleccións e obtivo soamente 22 deputados dos 500 do
parlamento italiano. Ese mesmo ano organizou a “Marcha sobre Roma” para premer ao rei a
que lle entregara o poder. Miles de camisas negras e escadras fascistas converxeron en Roma,
amosando así a súa forza.

O rei Victor Manuel III cedeu finalmente entregándolle o poder a Mussolini por non ser moi
partidario do parlamentarismo e polo medo ao avance da esquerda e do comunismo.

3.3 O goberno de Mussolini

No goberno de Mussolini pódense diferenciar dúas fases: unha primeira orientada á eliminar á
oposición e unha segunda a estabelecer un réxime autoritario.

- 1ª fase: eliminación da oposición (1922-1925): Nos inicios do seu goberno Mussolini decidiu
manter a ficción do réxime parlamentario e incluso formou un goberno de coalición, deixando fóra
ás forzas de esquerdas.

Perseguiu á oposición, aos seus adversarios (socialistas, comunistas e democristiáns) empregou


a violencia e manipulación nas eleccións de 1924 despois de modificar a lei electoral pola que o
partido que obtivese o 25% dos votos lograría a maioría de escanos.

Finalmente tras gañar as eleccións dese mesmo ano, exercendo a violencia cara os seus
adversarios, anunciou en 1925 a instauración dun réxime autoritario.

- 2ª fase: a construción dun Estado totalitario (1925-1945): Mussolini asumiu plenos poderes e
instaurou un réxime, no que Estado e Partido Nacional Fascista estiveran totalmente identificado.
Os trazos principais que definen ao réxime son:

- A exaltación do Estado por riba do individuo


- O culto ao líder carismático
- A lexitimación da violencia e o culto ao militarismo.

Ademais:

- Rexeitaba o liberalismo e democracia, sendo un réxime anticomunista, así suprimiu o


parlamento que substituíu pola Cámara dos Fasci, prohibiu os partidos políticos
- Eliminou os dereitos colectivos prohibindo os sindicatos e as folgas. Integrou ao Estado,
a patronal e traballadores a través dos seus representantes, nun sistema de corporacións
por oficios.
- O Estado interviña na economía, porque o seu obxectivo era ser autosuficiente,
instaurando unha política autárquica, apoiando a empresas privadas con pedidos
militares e fortes subvencións.
- O Estado dirixía a vida social a través do partido e dominaba os medios de comunicación
(prensa, radio, cine). Estableceu un modelo de familia e un papel para a muller moi
conservador.
- Firmou o Concordato coa Santa Sede, para devolverlle todas as atribucións á Igrexa
Católica.
- Aplicou un nacionalismo
agresivo que aspiraba á
expansión territorial. Mussolini
prometeu a creación dun Imperio
italiano que controlara o
Mediterráneo e con este
obxectivo invadiría Etiopía (1935),
para ampliar as súas posesións
coloniais en África, e Albania
(1939), considerada zona de
expansión natural de Italia.
- Perseguiu ás minorías.

4. Alemaña, o ascenso do nazismo

As causas do ascenso do nazismo en Alemaña atopámolas na posguerra, na situación deste país


tras a I Guerra Mundial.

4.1 A Alemaña da posguerra

En 1918, ao rematar a I Guerra Mundial, abdicou o káiser alemán Guillermo II en Alemaña e


proclamouse a República de Weimar, período comprendido entre o fin da Gran Guerra en 1918
ata o ascenso do partido nazi ao poder en 1933. Convocaron eleccións a Cortes constituíntes e
aprobouse a Constitución de Weimar o 11 de agosto do ano 1919. Formouse un goberno de
concentración formado polo partido socialdemócrata, os liberais e un partido católico.
A República de Weimar tivo que facer fronte a unha serie de circunstancias difíciles e ao
descontento de amplos sectores da poboación. Os problemas aos que se enfrontou foron: o
descontento pola derrota na guerra, a ameaza revolucionaria e a profunda crise económica que
atravesaba o país.

- O descontento pola derrota: Alemaña sentiuse humillada pola derrota e os tratados de paz de
París de 1919. Foi considerada a única culpable da contenda, perdeu territorios, reduciuse o seu
exército, desmilitarizouse a beira esquerda do Rin, a zona do Sarre foi entregada durante 15 anos
a Francia e ademais tivo que facer fronte ás reparacións de guerra. Isto provocou o descontento
dos sectores máis nacionalistas.

- A ameaza revolucionaria: A nova república viuse ameazada tanto por movementos


revolucionarios de esquerdas, como por intentos de golpes de Estado da dereita, como foi o
pustch de Munich de 1923.

Entre os movementos de esquerda destacou o da Liga


espartaquista, un intento de revolución social a principios
de 1919, animado polo éxito da revolución bolxevique en
Rusia en 1917. Pretendían establecer un goberno de
consellos obreiros segundo o modelo soviético pero
prescindindo do terro. Este movemento foi reprimido e os
seus principais líderes executados, como Rosa
Luxemburgo.

- A crise económica: Os anos de posguerra foron anos de miseria e desemprego. Houbo unha
importante crise económica na que tivo lugar unha forte inflación debido ás fortes reparacións de
guerra que depreciaron o marco alemán, á fuxida de capitais e os baixos salarios.

Ante a depreciación da moeda optouse por poñer máis diñeiro en circulación o que aumentou a
inflación, provocando o descontento das clases populares. A inflación chegou seu máximo no ano
1923 cando os franceses ocuparon a cunca do Rhur. A ocupación levouse a cabo para asegurarse
o pago das reparacións de guerra, que Alemaña non cumprira debido á crise económica. A
contestación alemá foi de resistencia pasiva, o que supuxo unhas perdas que intentaron solventar
poñendo máis moeda en circulación pero que levou a unha inflación galopante . Sería grazas ás
axudas norteamericanas do Plan Dawes, cando se iniciou un período de relativa mellora.

4.2 Aparición do partido nazi e Hitler

O partido nazi gobernou en Alemaña entre 1933 e 1945 impoñendo un réxime totalitario,
instaurando un modelo de estado coñecido como o III Reich. Non pode separarse o
nacionalsocialismo do seu creador: Adolf Hitler.

Austríaco de nacemento, foi fillo dun modesto funcionario de aduanas. Hitler trasladouse de mozo
a Viena onde non foi admitido na Academia de Belas Artes. Alí formáronse as súas ideas entorno
ao desprezo pola socialdemocracia e o seu antisocialismo, por influencia de dúas persoas, o
alcalde da cidade e o xefe do partido panxermánico.

Ante o conflito da I Guerra Mundial foi declarado non apto para o exército, aínda así presentouse
como voluntario e loitou no Somme. Trala guerra afiliouse ao Partido Obreiro Alemán (D.A.P.)
creado en 1919, de ideoloxía antisemita e partidario da unión de toda a poboación de fala alemá.
En 1920 fusionouse con outras formacións máis pequenas dando lugar ao Partido Obreiro
Nacionalsocialista alemán (NSDAP). Foi o propio Hitler quen elaborou o seu programa e
creáronse os seus símbolos.

Programa do partido:

- Revisión do Tratado de Versalles


- Unión con Austria
- Rearme
- Reforzar o goberno central
- Limitar a liberdade de prensa
- Antisemitismo
- Certas medidas socialistas: participacipación dos obreiros nos beneficios das empresas.

Símbolos nazis:

- A cruz gamada, non foi invento dos nazis. Aparecía noutras culturas como a romana, a
hindú (onde ten un sentido de boa sorte), e probablemente proceda dos símbolos astrais
de orixe prerromana.
- O saúdo romano
- Creáronse as S.A. (seccións de asalto), unha organización paramilitar, uniformada con
camisas pardas, que na súa orixe tiña a misión de vixiar a orde nas reunións do partido.
Unha especie de gardacostas. Presentábanse como garantes da orde social, en loita
contra os movementos revolucionarios, que usaban medidas violentas contra os seus
inimigos políticos. Enfrontábanse a organizacións de esquerda e protagonizaron intentos
insurreccionais.

Aproveitando a situación de 1923 e influído pola marcha sobre Roma de


Mussolini en 1922, Hitler deu un golpe de Estado en Munich ese mesmo ano,
que fracasou. Foron encarcerados os seus dirixentes, entre eles Hitler. Durante
a súa estancia no cárcere deuse conta de que debía acceder ao poder pola vía
da legalidade e escribiu un libro, “A miña loita” (Mein Kampf) onde expón o
seu pensamento:

- Antidemocracia: desprezo pola democracia parlamentaria


- Anticomunismo: odio ao bolxevismo
- Antisemitismo: defendía a superioridade da raza aria
- A necesidade de crear un gran imperio que unise a todos os pobos
de lingua alemá.

Ao saír do cárcere en 1925 o partido estaba dividido e Hindenburg era elixido presidente. Hitler,
para reafirmar a súa autoridade creou as S.S. (escuadras de protección) como tropas selectas
para protexer ao Führer, un tipo de escolta persoal e así limitaba o protagonismo das S.A.

Para convencer ás clases traballadoras, utilizou a demagoxia prometendo traballo para todos,
prometendo reducir os beneficios industriais e mellorar salarios e arremetendo contra os que
acusaba de de seren responsables da crise: xudeus, comunistas e demócratas.

4.5 A chegada de Hitler ao poder


Tras unha breve fase de mellora, a retirada das axudas norteamericanas debido á crise de 1929,
provocou unha forte crise a Alemaña: houbo unha creba de bancos, peche de fábricas e un gran
aumento do paro.

Esta situación levou a un descontento social que levou á poboación a inclinarse cara ás propostas
dos extremismos: cara o nazismo (burguesía arruinada, campesiños, obreiros) ou cara o
comunismo (intelectuais e obreiros). Os nazis sacaron partido deste descontento social pola
crise, o que facilitou o ascenso de Hitler. Este:

- Aproveitou os mecanismos da democracia para acadar o poder


- Presentouse como alternativa á crise, ao descontento social
- Empregou as súas habilidades de liderado
- Presentou un programa demagóxico e populista
- Impuxo o terror empregando á organizacións paramilitares nazis.
- Aproveitou a falta de entendemento entre partidos políticos e o medo á expansión comunista

Nas eleccións de 1932 conseguiu 13 millóns de votos. En 1933, Hindenburg nomeouno chanceler.
Para contar cunha maioría parlamentaria que apoiase as súas medidas, Hitler convocou novas
eleccións para marzo de 1933 nas que empregou a
manipulación e violencia para acadar o seu
obxectivo.

Os nazis provocaron un incendio do Reichstag


(parlamento alemán) culpando aos comunistas.
Serviu de pretexto a Hitler para eliminar os seus
adversarios e esixir plenos poderes. Tras a morte de
Hindenburg, proclamouse Fürher e Chanceler do III
Reich.

5. O réxime nazi, un sistema totalitario

Os nazis transformaron Alemaña nun réxime totalitario, cuxas características son as seguintes.

5.1 Características do réxime nazi

- Identifícase Estado e Partido nazi: A partir de 1934 o Estado e partido nazi quedaron totalmente
identificados baixo o único liderado de Hitler, que adoptou o título de führer (guía).

- Suprimíronse as liberdades e garantías individuais.

- Decretouse a disolución de todos os partidos políticos, estando unicamente autorizado o


partido nazi (NSDAP) e o mesmo pasou cos sindicatos, todos os traballadores quedaron
encadrados nun sindicato único, a FTN (Fonte de Traballo Nacionalsocialista)

- A administración pública foi depurada: A xudicatura quedou sometida á vontade do partido, a


policía quedou substituída polas SS, nas labores de represión, que en 1934 desarticularían ás SA
na “Noite dos coitelos longos”. Ademais creouse en 1933 a GESTAPO, a policía secreta,
encargada de perseguir a todos os opositores e controlar a opinión pública.
- A imposición dunha ideoloxía nazi:
Impúxose unha única ideoloxía, coa idea
de uniformar o pensamento, de acadar a
unidade ideolóxica da sociedade. A
ideoloxía nazi estaba baseada en ideas
nacionalistas e racistas. Disto
encargábase o Ministerio de Cultura e
Propaganda, confiado a Joseph
Goebbels.

Produciuse un proceso de nazificación,


na que se aniquilaba a liberdade individual, a ciencia e a cultura quedaban sometidas a un forte
control eliminando calquera obra que fose en contra da ideoloxía do réxime. A radio, os xornais, os
libros… quedaban sometidos a unha forte censura. Foi moi habitual a queima de libros
considerados perniciosos, converténdose nun ritual do nazismo. O sistema educativo foi
reorganizado e politizado, procederon á depuración de profesores de Universidade e Escolas, así
como a imposición da censura nas aulas e nos libros de texto.

Así mesmo, impúxose o adoutrinamento da poboación, especialmente da xuventude, a través


das Xuventudes Hitlerianas.

Os nazis buscaron acadar a pureza racial eliminando a toda minoría considerada inferior, xitanos,
xudeus, ademais de diminuídos físicos, psíquicos e homosexuais. Especialmente foron
perseguidos os xudeus.

Cos xudeus seguiuse un proceso de persecución e eliminación:

- Dende 1933 practicouse un boicot aos negocios dos xudeus


- En 1935 promulgáronse as Leis de Nuremberg polas que se prohibían os matrimonios
mixtos, e excluían aos xudeus da cidadanía alemá.
- En 1938 producíronse os pogroms contra os xudeus na Noite dos cristais rotos e
obrigóuselles a levar un distintivo.
- A partir de 1939 deseñouse un plan para concentrar e eliminar aos xudeus europeos.
Primeiro creando guetos, despois deportándoos a campos de concentración para seren
eliminados.
- A partir de 1941 leváronse a cabo operacións de matanzas dirixidas a comunidades
enteiras de xudeus para levar a cabo a “Solución Final”.
- A partir de 1933 creáronse os campos de concentración onde eran recluídos os
opositores do Reich e minorías consideradas inferiores, comunistas, socialistas,
demócratas, xitanos, homosexuais e xudeus. Eran sometidos a traballos forzados e, en
parte, exterminados.
5.2 A autarquía económica e rearmamento

O II Reich quería converter a Alemaña nunha potencia económica mundial, para facer fronte a
unha guerra que vían inevitable, para o que relanzaron a súa economía baseándose nun
proxecto militarista. A política económica respondía ás ideas expansionistas de Hitler.

O obxectivo do Estado nazi era acadar a autosuficiencia para non depender do exterior, polo
que exerceu un forte dirixismo económico. Deu prioridade á industria pesada, especialmente a do
armamento e levouse a cabo un programa de Obras Públicas coa construción de autoestradas e
numerosas infraestruturas.

Cun poderoso exército podería levar a cabo o seu proxecto e conquistar o “espazo vital”.

5.3 Unha política expansionista

Hitler, baseándose na idea da superioridade da raza aria, pretendeu implantar unha nova orde en
Europa asentada no dominio xermánico. Para acadar este dominio era necesario ampliar os
territorios, estas ambicións expansionistas requirían un exército poderoso, por iso levouse a cabo
unha política militarista:

- Institucionalizouse o servizo militar


- Creouse un novo exército e aviación moderna (Wehrmacht e Lufwaffe)

6. O estalinismo na URSS

Tras a morte de Lenin en 1924 producíase un enfrontamento entre dous posturas dentro do
partido comunista, pois Lenin morrera en pleno debate de cal era o mellor camiño de consolidar a
revolución. Por un lado, Trotski era partidario de exportar a revolución a outros países, de
internacionalizala. Por outro lado, Stalin consideraba que primeiro había que consolidar a
revolución en Rusia e despois serviría como modelo a seguir noutros países.

En 1927 Stalin conseguiu impoñerse aos seus rivais e tomou o control do goberno, Trotski foi
desterrado a Siberia e máis tarde exiliaríase a México onde sería asasinado por Ramón Mercader,
comunista español que o asasinaría cun piolet en 1940.
6.1 Organización da economía na URSS: o proceso de colectivización

Stalin imporía na URSS un sistema comunista, creando unha sociedade colectivizada.

O principal obxectivo da súa política era levar á URSS a unha potencia mundial, para iso
estableceu unha serie de plans a 5 anos, chamados quinquenais, nos que se organizaba a
produción agrícola e industrial, se establecían obxectivos a cumplir neses anos e se valoraban
resultados. O organismo oficial encargado disto era o GOSPLAN. Estes plans económicos
iniciáronse coa supresión da propiedade privada. Terras, fábricas, transportes, bancos, pasaban a
ser propiedade do Estado.

A partir de 1929 produciuse o proceso de colectivización polo que as terras pasaban a mans do
Estado, e pasaban a xestionarse a través de dúas formas de propiedade colectiva: o koljós e o
sovjós. Eran un tipo de granxas propiedade estatal cuxa diferencia era que mentres o koljós
entregábase a cooperativas de campesiños para a súa explotación, o soljós era xestionado
directament polo Estado que contrataba man de obra asalariada.

A agricultura sufriría un retroceso, pois Stalin planificaba aplicar unha agricultura intensiva cun alto
nivel de mecanización e aplicación de nova tecnoloxía, pero en realidade non foi así. Isto implicou
nos anos trinta un período de fames que se deixou sentir sobre todo na rexión de Ucraína.

Na industria investiuse sobre todo na Industria pesada, en maquinaria e equipamento. Isto foi en
en detrimento da industria lixeira, polo que se descoidaron as necesidades da poboación que non
foron atendidas, o que supuxo unha diminución do nivel de vida dos habitantes da URSS.

6.2 Características da ditadura stalinista

Na URSS impúxose unha ditadura persoal na que todo o poder o concentraba a persoa de Stalin,
quen dirixía e controlaba todos os órganos do Estado, polo que o partido comunista quedou
sometido á súa vontade.

Impúxose un culto á súa personalidade e calquera que quixera acadar un cargo no seu goberno
debía pertencer ao partido comunista.

Stalin estableceu unha única forma de


pensamento, única ideoloxía e todo aquel que
non o aceptara era perseguido. Exerceu unha
dura represión especialmente aos kulaks, que
eran pequenos propietarios campesiños, e
tamén contra os disidentes do seu partido. Nos
anos trinta levou a cabo unha purga dentro do
seu partido.
Ficha de exercicios

1. Define o vocabulario clave deste tema: Era de consumo de masas, American way of life,
Totalitarismo, sobreprodución, Fasci de combate, República de Weimar, autarquía, Gestapo,
espazo vital, koljós (kokhzós) e sovjós (sovkhós).

2. Reflexiona e responde a estas cuestións sobre o período de Entreguerras:

- Que países tiñan pouca tradición democrática nesta época en Europa? Que países tiñan un
forte arraigo do parlamentarismo?
- Por que a democracia entrou en crise en países con pouca tradición parlamentaria? E por que
non pasou o mesmo nos países con forte arraigo parlamentario?

3. Visualizamos o vídeo e o visual thinking sobre a crise de 1929 e respondemos ás cuestións:

Vídeo: Felices años 20 Visual thinking: A crise do 29

Cuestións:

- Por que razóns a década dos anos 20 recibe o nome dos Felices anos 20?

- Cales foi a razón da prosperidade dos EEUU nos anos tras a I Guerra Mundial?

- Cales foron os avances, as novas tecnoloxías e as novas necesidades de consumo


en EEUU?

- A que nos referimos coa expresión Era do consumo de masas?

- Que ocorreu o 23 de outubro de 1929? E o día seguinte, o xoves día 24?

- Como se reflectiu a crise na vida diaria da poboación?

- Por que o impacto da crise en Alemaña foi tan grande?

- Cales foron as consecuencias políticas e ideolóxicas da Gran Depresión en


Alemaña e en Italia? A que réximes deu lugar?

4. En quen se baseou o programa do New Deal? que defendía? Completa as dúas


columnas coas medidas propostas en cada ámbito de actuación.

ÁMBITO ECONÓMICO ÁMBITO SOCIAL

5. Realiza unha pequena investigación seguindo as pautas vistas na clase. Escolle un destes
temas elaborando unha breve exposición oral por medio dunha presentación (prezi, genially, vídeo
etc. ) Os temas propostos son os seguintes:
- Vida e traxectoria dalgún dos protagonistas do período de Entreguerras: Hitler, Mussolini, Rosa
Luxemburgo, Stalin, Trotski, Goebbels...

- Acontecementos históricos: Marcha sobre Roma, Golpe de Munich, Incendio do Reichstag, Noite
dos cristais rotos, Noite dos coitelos longos, a expansión de Hitler en Europa...

- Outros temas de investigación: Os xudeus na Alemaña nazi, a vida nos guetos, as Xuventudes
Hitlerianas, a GESTAPO, as SS, análise dos discursos de Hitler, a vida nos campos de concentración,
os campos de concentración en Europa, a ditadura estalinista, o culto á personalidade de Stalin, a
morte de Trotski en México, a morte de Hitler e Mussolini, quen era Eva Braun etc.

You might also like