You are on page 1of 16

Sección 1: A comunicación

Índice de contidos:
1. Introdución
2. Elementos que interveñen no proceso de comunicación
3. A linguaxe e as súas funcións:
3.1. Introdución
3.2. Funcións da linguaxe:
3.2.1. Referencial ou representativa
3.2.2. Expresiva ou emotiva
3.2.3. Fática ou de contacto
3.2.4. Metalingüística
3.2.5. Conativa ou apelativa
3.2.6. Poética ou literaria
3.3. Conclusión
4. O signo:
4.1. Definición
4.2. Constituíntes do signo
4.3. Tipos de signos
4.4. Características do signo lingüístico
5. Lingua e fala
5.1. Introdución
5.2. As disciplinas lingüísticas
5.3. As funcións sociais da lingua
5.4. As linguas no mundo
5.4.1. A diversidade lingüística no mundo e en Europa: unidade e diversidade
lingüística. O multilingüismo e plurilingüismo
5.4.2. A lusofonía
5.4.3. Linguas maioritarias, linguas minoritarias e linguas minorizadas
5.4.4. A imposición lingüística
5.4.5. A normalización como sistema corrector
5.4.6. O caso galego
5.5. O caso galego
5.5.1. A diversidade lingüística na península Ibérica: linguas faladas na península
Ibérica.

1
5.5.2. España, un Estado plurilingüe. As linguas do Estado: territorios, usos e
situación legal.
5.5.3. O galego e a lei
5.6. Linguas en contacto: as interferencias lingüísticas
5.7. O ecolingüismo

2
1. Introdución
Os humanos son seres que nacen e se desenvolven nunha sociedade de individuos que
precisan relacionarse uns cos outros. O home é, pois, un ser social ao que lle cómpre
comunicarse con outros individuos da mesma especie para intercambiar experiencias, datos, etc.,
en definitiva información. Na sociedade en que vivimos estamos continuamente realizando ou
presenciando actos de comunicación. O son dun timbre, os acenos dunha man erguida que di
adeus, os olores dunha comida, o sabor dun doce, o contacto cunha pel suave, etc., todos eles
son actos de comunicación baseados no uso de signos de diversa índole: audibles, visibles,
táctiles, olorosos, saborosos, etc.
A comunicación é, pois, un acto de transmisión de información dun individuo a outro, é un
proceso que bota man dunha serie de elementos que interveñen de forma activa ou pasiva nese
proceso, aínda que, ás veces, esa participación non sexa facilmente recoñecible.

2. Elementos que interveñen no proceso de comunicación


Nun acto de comunicación teñen que estar sempre presentes unha serie de elementos, aínda
que estes sexan imperceptibles para nós. Tales elementos son: referente, emisor, receptor,
mensaxe, código, canle, contexto e situación.
O referente é o obxecto material ou non ao que se refire a mensaxe, o emisor é a persoa,
animal ou cousa que transmite a mensaxe; o receptor, quen a recibe. A mensaxe está constituída
polo conxunto de información que o emisor envía ao receptor. O código é un conxunto de signos e
regras, que, combinados, permiten construír mensaxes, é a lingua que utilizamos na transmisión
de información. A canle é o medio ou camiño polo que circula a mensaxe (aire, cable, papel,...). O
contexto está constituído polo contorno lingüístico en que se produce o acto de comunicación, e a
situación é o contorno extralingüístico (espazo, tempo) en que se produce o acto de
comunicación.
En ocasións, certas perturbacións poden causar dificultades na recepción da mensaxe.
Estas perturbacións denomínanse ruídos. Por exemplo, a mala iluminación nunha pintura, as
interferencias nunha pantalla de televisión, a carencia de lentes nun espectador miope que non dá
percibido con nitidez unha imaxe, o balbordo dunha clase impide oír a explicación da profesora, as
variacións que sofren os textos ao longo da súa difusión, etc. Para neutralizar as perturbacións ou
ruídos nas transmisións das mensaxes, a lingua dispón de diferentes mecanismos, denominados
redundancia, é dicir, repeticións de informacións con que se sobrecarga unha mensaxe. Por
exemplo, para evitar o ruído ambiental ou a distancia, elevamos o ton da voz e reforzamos con
xestos a información que desexamos transmitir; a concordancia de xénero e número tamén é
redundante. Por exemplo, na comunicación entre pilotos de avións e as torres de control as

3
mensaxes son emitidas sempre dúas veces como mínimo; este é un factor de redundancia.

Estes elementos actúan nun acto de comunicación a través de dous procedementos


obrigatorios que son a codificación e a decodificación. Mediante a codificación o emisor selecciona
dentro do código aqueles elementos que lle permiten elaborar unha mensaxe. Na decodificación o
receptor leva a cabo unha operación contraria, inversa á anterior.

3. A linguaxe e as súas funcións


3.1. Introdución
Por linguaxe entendemos a capacidade do ser humano para comunicarse por medio dunha
lingua, pero tamén o conxunto de linguas humanas. Con frecuencia utilizamos mal a palabra
porque nos referimos a unha lingua ou a unha modalidade de lingua.
De todo isto pódese deducir que a función fundamental da linguaxe é a comunicación, pero,
dependendo do tipo de comunicación, falamos de distintas funcións da linguaxe. Entre elas estaría
a referencial, a expresiva, a fática, a metalingüística, a conativa e a poética.

3.2. Funcións da linguaxe


3.2.1. Referencial ou representativa
A linguaxe soe presentar sempre esta función, porque sempre adoita pretender informar de
algo, pero dun texto diremos que presenta esta función cando predomine sobre as demais.
Distínguese das outras porque a mensaxe aspira a transmitir unha información obxectiva que
represente a realidade extralingüística. Dáse nos libros de texto habitualmente.
Ex.: dúas e dúas son catro.

3.2.2. Expresiva ou emotiva


Dáse esta función en textos nos que predomina a manifestación dos estados de ánimo do
emisor. Á marxe de que a información poida ser obxectiva ou subxectiva, prevalece a

4
expresividade ou emotividade do emisor. Dáse na poesía lírica habitualmente.
Ex.: que bo día fai!

3.2.3. Fática ou de contacto


A linguaxe, ás veces, ten como obxectivo verificar o funcionamento da canle. Aparece con
frecuencia nas conversas telefónicas. Máis que a mensaxe parece interesar se esta chega
claramente ao seu destino. Dáse en conversas directas.
Ex.: diga, diga,... si?, a Roma, di?

3.2.4. Metalingüística
É unha modalidade de función referencial. A linguaxe utilízase para transmitir unha información
obxectiva, pero o tema é a propia linguaxe. Está nos libros de lingua.
Ex.: para facer o plural engadimos o morfema (-S) nas palabras rematadas en vogal.

3.2.5. Conativa ou apelativa


Neste caso a linguaxe presenta como función prioritaria producir unha reacción no interlocutor.
Máis que informar, preténdese lograr do receptor un comportamento determinado. Ocorre isto na
linguaxe publicitaria.
Ex.: Ven a Galicia, verás o Paraíso.

3.2.6. Poética ou literaria


Esta función céntrase na mensaxe en si mesma. Agora non interesa tanto o que se di como de
que maneira se di. Importa máis a forma, a estética. É a linguaxe literaria. Para lograr esta función
o emisor utiliza recursos expresivos: lingüísticos ou literarios.
Ex.: ¡como chove miudiño,/ como miudiño chove,/ pola banda de Laíño,/ pola banda de
Lestrove...!

3.3. Conclusión
Entre as funcións da linguaxe e os elementos que interveñen nun acto ou proceso de
comunicación pódense establecer as seguintes conexións:

Función referencial............ Referente.


Función expresiva.............. Emisor.
Función conativa................ Receptor.

5
Función poética.................. Mensaxe.
Función metalingüística..... Código.
Función fática..................... Canle.

4. O signo
4.1. Definición
A Lingüística é a ciencia que se ocupa de estudar o código específicos da linguaxe humana, o
cal está formado por unha serie de unidades básicas que se denominan signos lingüísticos.
Un signo é un elemento material sensible ou capaz de representar a outro elemento material
ou inmaterial.

4.2. Constituíntes do signo

O signo consta de dúas partes: significante e significado. O significante é


unha imaxe acústica, unha sucesión de sons á que asociamos un concepto
todos os falantes dunha lingua. Sitúase no plano da expresión. O significado é o
concepto que temos dese significante e sitúase no plano do contido.
Ex.: árbore (signo): /árbore/ (significante). Planta con pólas e follas... (significado).

4.3. Tipos de signos


Os signos segundo as relacións entre significado e significante poden ser:
a) Indicio ou síntoma. É aquel signo entre cuxo significante e significado hai unha relación
causa-efecto. O signo indicio é motivado. Ex.: a febre é síntoma de enfermidade.

b) Icona. É aquel signo entre cuxo significante e significado hai unha relación de parecido. É
motivado. Ex.: unha foto ou un mapa son signos iconas.

c) Símbolo. Un signo é símbolo cando entre significante e significado non hai relación algunha.
É arbitrario e non motivado. O signo lingüístico é un signo símbolo, agás algunhas excepcións
como as onomatopeas que son signos iconas.

4.4. Características do signo lingüístico


O signo lingüístico é un símbolo caracterizado por ser biplano, arbitrario, articulado e lineal.
Biplano quere dicir que ten dúas caras ou planos: a do significante, que é o que oímos ou

6
vemos, e a do significado, que é o concepto que temos do que oímos ou vemos.
Que o signo lingüístico sexa arbitrario quere dicir que entre significante e significado non hai
relación algunha. O signo lingüístico é o resultado dunha convención, salvo excepcións. Isto
explicaría que un mesmo significado sexa designado por significantes distintos en diferentes
sistemas lingüísticos (idiomas).
O signo lingüístico é tamén articulado, o cal quere dicir que un signo lingüístico é divisible. Hai
dous modos de dividir o signo lingüístico; buscando unidades con forma e sentido, buscando
unidades que só posúan un dos dous aspectos (forma ou sentido). Para referírmonos aos modos
de articulación utilizamos os numerais ordinais, así que falaremos de primeiro e segundo modo de
articulación. Co primeiro modo de articulación buscamos e atopamos unidades que teñen forma e
sentido (oración, frase ou sintagma, palabra, morfema); co segundo modo de articulación
buscamos e atopamos unidades máis pequenas, pero que carecen dunha das dúas caras ou
planos (sílaba, fonema; sema). As unidades menores do primeiro modo de articular son os
morfemas; do segundo, os fonemas e semas.
Por último, ao dicir que o signo lingüístico é lineal estamos admitindo que se desenvolve nun
espazo e nun tempo. Os fonemas, para facer sílabas, deben seguir uns a outros, e o mesmo
ocorre coas sílabas para facer morfemas, cos morfemas para facer palabras, e así
sucesivamente. E isto é así tanto na linguaxe oral coma na escrita (linguaxe substitutiva da oral);
cada unidade segue a outra e non pode nunca superpoñerse. Deste xeito os signos aparecen
sempre formando unha cadea cando os relacionamos para construír unha mensaxe (cadea
falada). O signo lingüístico adquire valor semántico pola súa capacidade de oposición.

5. Lingua e fala
5.1. Introdución
Unha lingua é un sistema de signos do que un individuo pode botar man para establecer un
proceso de comunicación con outro que comparta ese mesmo sistema. A fala é a posta en
práctica dese sistema.
5.2. Disciplinas lingüísticas
A lingua, ao ser un sistema, organízase en disciplinas:
 Fonética e fonoloxía: a primeira estuda os sons (fonemas) que se poden chegar a producir
nunha lingua e a segunda, a fonoloxía, encárgase de estudar a relación entre os fonemas
que presentan trazos pertinentes para diferenciar significados.
 Morfoloxía: ocúpase da forma das palabras e da combinación dos morfemas e das
categorías en que se organizan. Por exemplo, dentro do morfema de número temos
singular e plural.

7
 Sintaxe: estuda a relación entre as palabras para formar unidades superiores (frases,
oracións...) e a función que cumpren dentro de cada unidade.
 Lexicoloxía e semántica: a lexicoloxía estuda o léxico dunha lingua e a súa organización
en campos semánticos e familias léxicas, mentres que a semántica é a que estuda o
significado das palabras.
 Lingüística do texto: céntrase no estudo do texto como unidade comunicativa principal e os
seus tipos.
 Pragmática: estuda a relación que existe entre a situación comunicativa e a súa influencia
no significado do enunciado.

5.3. As funcións sociais da lingua


A función primordial da linguaxe é a comunicación, tendo en conta que a linguaxe se
materializa no uso dunha lingua concreta, debemos concluír que a función primordial das linguas é
tamén a comunicación.
Ademais desta función primordial, unha lingua en tanto que é froito dunha sociedade e
instrumento que permite o intercambio de información no seo desta debe ser considerada e
estudada nos diferentes ámbitos de uso. Así, poderemos afirmar que unha lingua presenta tamén
as seguintes funcións:
- Función de identidade: en tanto que serve para formalizar o propio pensamento.
- Función familiar: a lingua é un elemento de relación no seo da familia.
- Función laboral: a lingua é un elemento de relación no ámbito do traballo.
- Función institucional: a lingua é un instrumento de relación cos distintos estamentos
sociais, políticos, etc.
- Función cultural: a lingua, é o vehículo de expresión e recepción das ciencias, das
artes, da historia, etc.
- Función internacional: é aquela que pode realizar unha lingua cando é utilizada non só
por aqueles que a aprenderon como primaria, senón tamén por outras persoas que a aprenderon
de xeito secundario como instrumento de comunicación con outros falantes de hábitos lingüísticos
distintos aos propios.

5.4. As linguas no mundo:

5.4.1. A diversidade lingüística no mundo e en Europa: unidade e diversidade


lingüística. Multilingüismo e plurilingüismo

As linguas xorden como sistemas de comunicación entre os diversos individuos dunha

8
colectividade. De aí ven o seu carácter social. Pero as linguas diversificáronse polo uso peculiar
que cada individuo fixo deses sistemas. É por isto polo que as linguas se manifestan diversas na
súa variedade oral e unificadas na súa variedade formal.

A diversificación lingüística é un proceso histórico que se debe a ese carácter individual, pero
tamén, e sobre todo, ao resultado dun proceso de expansión de diversos pobos que, nun afán
conquistador, saíron das súas fronteiras e ocuparon outros territorios, dando lugar a unha
situación de colonización e mestizaxe que orixina novos pobos, novas culturas e novas linguas.

É, pois, facilmente imaxinable que, nun principio, o número de linguas fose menor, mesmo se
podería pensar nunha única lingua primitiva, da que se foron derivando moitas nun proceso de
disgregación continuo, que provocou a aparición de novas linguas en etapas sucesivas. De feito
hai quen considera que a multiplicidade de linguas actuais se poderían agrupar en 20 ou 30
familias, algunhas en fase de extinción e outras en fase de expansión. A falta dun censo fiable,
pódese falar dun número de linguas entre 3000 e 5000, é dicir, hai moitas máis linguas que
Estados (aproximadamente tocarían a 15 linguas por Estado). Isto mostraría unha tendencia clara
ao plurilingüismo, aínda que ao longo da historia moitas linguas foron desaparecendo debido á
presión colonizadora das falas dos pobos dominadores.

A todo isto hai que engadir que, ás veces, non está claro ou non hai coincidencia entre os
lingüistas sobre o concepto de lingua e faise difícil establecer os límites entre o que é e o que non
é unha lingua.

Remontándonos na historia, unha das familias de linguas coa que nos atopamos é a familia de
linguas indoeuropeas (familia indoeuropea), da que formarían parte as linguas itálicas (osco,
umbro, latín), as linguas xermánicas (inglés, alemán, holandés, sueco), as linguas célticas (bretón,
galés,...), as linguas baltoeslavas (ruso, ucraíno, búlgaro,...), as linguas indoiranias (persa, hindi,
bengalí, nepalés,...), ou o grego. Do latín derivan o galego, o portugués, o castelán, o catalán, o
francés, o occitano (provenzal), o italiano, o romanés, o sardo e o retorromano.

En Europa, o triunfo do liberalismo no século XIX transformou as monarquías absolutas en


modernos Estados-nación, baseados na concepción de nación como unha entidade colectiva
cunha xeografía, raza, lingua, historia, costumes e relixión comúns. Estas nacións precisaban
organizarse en Estados autónomos, que garantisen a identidade, asegurasen a defensa do que
era común e potenciasen os elementos integradores fronte aos disgregadores. É así como os
países se dotan dunha lingua oficial potenciada polo Estado, e que pode ter a orixe na lingua
común a todas as zonas do país (polaco), ou nunha variedade lingüística que se impón ao resto
(toscano en Italia, dialecto de L’iIle en Francia,...), ou no idioma dos conquistadores e

9
colonizadores (español en América, inglés en Australia e América do Norte,...).

Pero a realidade dinos que a maioría das veces os Estados son plurilingües e, por ser
plurilingües, teñen máis dunha lingua oficial. Así ocorre en Canadá (inglés e francés), Suíza
(italiano, alemán, francés e romanche), ou Bélxica (flamenco e valón). Ao mesmo tempo hai
linguas que son oficiais en máis dun Estado (inglés, francés, castelán, alemán, portugués,...). As
fronteiras políticas rara vez coinciden coas lingüísticas, polo que moitos dos Estados actuais son
multilingües, como é o caso de España, onde se falan catro linguas (castelán, catalán, galego e
vasco).

Nesta situación xorde o inglés como lingua franca internacional, pois é oficial nuns 44 estados,
e ademais é o idioma da diplomacia, da ciencia, da técnica, das multinacionais, da
comunicación,...

A coexistencia no seo dun Estado de dúas ou máis linguas provoca habitualmente situacións
de desigualdade, resoltas polo falante especializando o uso de cada unha das linguas. Esta
especialización é a que dá orixe á diglosia.

5.4.2. A lusofonía

O galego e o portugués teñen unha orixe en común, pero a creación de Portugal como
Estado independente en 1143 e a introdución do castelán en Galicia ao vincularse á monarquía de
León e, posteriormente, á de Castela, provocaron que cada unha seguise un camiño propio. Por
iso, na actualidade son dúas linguas distintas pero, froito dese pasado común, gardan grandes

10
semellanzas entre elas. É por ese pasado común polo que aínda hoxe se debate se son linguas
diferentes ou se se deberían interpretar como dúas variantes dunha mesma.

A lingua portuguesa é a sexta lingua no mundo por número de falantes, pois é utilizada por
240 millóns de persoas distribuídas en diferentes países, xa que é lingua oficial en: Portugal,
Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bisau, Sao Tomé e Principe, Angola, Mozambique e Timor Leste.

Deste xeito, enténdese por lusofonía o conxunto de persoas e culturas que se agrupan en
países ou comunidades que comparten a lingua portuguesa. Así, na lusofonía converxen
territorios e comunidades unidos por lazos históricos e por canais de identidade que teñen un
vínculo forte e común, a lingua portuguesa, coas súas diversas posibilidades de realización e de
actualización.

Na actualidade, os galegos conciben o galego e o portugués como dúas linguas distintas a


pesar de ter unha orixe común. Mais esta orixe fai que exista unha intelixibilidade mutua, o cal
permite que haxa un interese cultural e económico por todos os países da lusofonía. Porén, o grao
de integración de Galicia na lusofonía depende de decisións políticas que, paseniñamente, van
promovendo as relacións entre ambas linguas, como é o acordo que asinaron en 2015 a Xunta de
Galicia e a Embaixada da República Portuguesa para introducir o portugués como lingua
estranxeira no ensino.

11
5.4.3. Linguas maioritarias, linguas minoritarias e linguas minorizadas

Linguas europeas hexemónicas e minorizadas

Non é nada fácil saber o número de falantes con que conta cada unha das linguas do mundo,
como tampouco o era poñerse de acordo no número de linguas. As causas desa imposibilidade
son moitas, algunhas facilmente imaxinables (falta de censo,...). Deste tipo de estudos ocuparíase
a Demografía lingüística que ten moitas dificultades para ofrecer conclusións fiables. Ademais hai
moitos países plurilingües, o que faría máis difícil aínda esa delimitación. Por todo isto, ás veces,
séguense criterios que son pouco obxectivos. Así pois, falar de linguas maioritarias, as de maior
número de falantes e de linguas minoritarias, as de menor número de falantes, é unha cuestión
moi relativa. Ademais unha lingua pode ser maioritaria nun sitio e minoritaria noutro. Por exemplo
o galego é maioritario, a nivel de fala, en Galicia, fronte ao castelán, pero minoritario en España.

12
Mais ao falar destes dous termos (lingua maioritaria e lingua minoritaria) non hai que esquecer o
concepto de linguas minorizadas que son aquelas que adoitan ter nun número importante de
falantes pero que padecen restricións en determinados usos e, polo tanto, non se desenvolven
con normalidade no seu territorio, sufrindo así unha situación de inferioridade e facendo un uso
diglósico dela.

5.4.4. A imposición lingüística

A situación lingüística actual é o resultado de continuos desprazamentos de pobos ao longo da


xeografía mundial. Eses desprazamentos puideron ser debidos a causas relixiosas, económicas,
políticas ou militares. O contacto entre culturas e linguas produciu mesturas entre elas, aínda que
case sempre a comunidade máis poderosa acabou impoñendo a súa cultura ou a súa lingua (latín
na Península, castelán / portugués en América do Sur, inglés / francés en América do Norte, etc.).
Ese espallamento poboacional deu lugar á aparición de novas modalidades idiomáticas. Unhas
veces unha lingua desapareceu por impoñerse a outra, outras modificouse, pola influencia da
nova lingua. En todo caso, a indiferenza non presidiu case nunca eses contactos entre linguas. Os
resultados foron as interferencias e o bilingüismo ou a diglosia. Este proceso de imposición adoita
levar a outro proceso máis grave cal é o de substitución lingüística, como xa apuntamos antes.
Este proceso desenvólvese en tres pasos: un primeiro paso manifestaríase na aprendizaxe da
lingua allea de xeito selectivo e sectorial; un segundo paso consistiría na expansión xeográfica e
social do bilingüismo, ampliándose considerablemente a incorporación á nova lingua. O uso das
dúas linguas polarízase xeográfica e socialmente. Na terceira etapa desaparecen os monolingües
na lingua orixinal en favor dun bilingüismo total. Agora o idioma é unha característica da clase
social á que se pertence.

5.4.5. A normalización como sistema corrector

Fronte a esas circunstancias que poñen en perigo a supervivencia dalgunhas linguas, non
cabe outra solución que a protección das mesmas, favorecendo que o seu uso sexa considerado
normal por parte dos falantes, que se han de convencer de que o seu idioma é válido para a
transmisión de calquera tipo de idea, pensamento, dato ou coñecemento. Este proceso de
recuperación dun idioma propio denomínase Normalización, e é un proceso que debe ir
acompañado doutro de Normativización, que será o que elabora as normas polas que se ha de
rexer ese idioma.

5.4.6. O caso galego

En Galicia vivimos estes procesos (Normalización e Normativización) a partir do


Rexurdimento, pois o intento de recuperación de usos lingüísticos de creadores como Francisco

13
Añón, Xoán Manuel Pintos, Rosalía, Curros, Pondal, e outros (proceso normalizador) foi
acompañado doutros intentos normativizadores como foron a gramática de Mirás, a de Saco e
Arce ou o dicionario de Marcial Valladares. Pero eses procesos iniciados no século XIX, non
podemos dalos aínda por concluídos, pois se ben no que respecta á normativización, hoxe existe
consenso ao redor das “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego” (última revisión de
2003), no que respecta ao proceso de normalización segue sen concluír e cada vez semella ter
máis atrancos e dificultades.

5.5. A diversidade lingüística de España:

5.5.1.- A diversidade lingüística na península Ibérica: linguas faladas na


península Ibérica.

Na península ibérica hai dous Estados: Portugal e España. Portugal ten unha lingua: o
portugués. É, pois, un Estado monolingüe. Pero en España hai catro linguas: castelán, catalán,
galego e éuscaro (vasco). España é, polo tanto, un Estado plurilingüe. Outras como asturiano
(bable), aragonés e aranés están consideradas como variedades dialectais (dunha zona
xeográfica determinada).

5.5.2.- España, un Estado plurilingüe. As linguas do Estado: territorios, usos e


situación legal

A realidade plurilingüe da península

14
O castelán é lingua oficial en todo o Estado español e todos os españois teñen o deber de
coñecelo e o dereito de usalo. Os outros idiomas son tamén oficiais nas respectivas comunidades
autónomas e todos os habitantes desas comunidades autónomas teñen o dereito de os coñecer e
usar. Así o catalán tamén é oficial en Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares; o galego é oficial
en Galicia, e o vasco é oficial no País Vasco. Así pois, Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares,
Galicia, País Vasco, son comunidades bilingües por posuíren dúas linguas, que os habitantes
desas comunidades teñen o dereito de coñecer e usar, pero, con frecuencia, ese bilingüismo non
é real. A situación máis habitual é a de diglosia, polo que os gobernos respectivos levan a cabo
políticas de promoción e defensa do idioma propio.

5.5.3. O galego e a lei

O galego está definido no Estatuto de Autonomía como lingua propia de Galicia e todos os
galegos temos o dereito a usalo e coñecelo. Esta situación deixa a algúns insatisfeitos, pois
reclaman unha redacción distinta do articulado, propoñendo: “E todos os galegos temos o deber
de coñecelo e o dereito a usalo”, que é como se recolle na Constitución española a relación dos
españois co idioma.

5.6. Linguas en contacto: as interferencias lingüísticas


Dous sistemas lingüísticos entran en contacto cando teñen que compartir territorio ou cando
estreman. Ao entraren en contacto esas dúas linguas, prodúcense entre elas interferencias. Se as
interferencias son moitas, pode aparecer un novo sistema, unha nova lingua ou unha nova
modalidade idiomática (spanglish, castrapo). O factor fundamental de diversificación do latín foi,
sen dúbida, entrar en contacto con distintos sistemas idiomáticos nos diferentes territorios que
foron conquistando e romanizando.
O feito de que dúas linguas compartan territorio condiciona a evolución dos dous sistemas ata
o punto de que, no caso do galego, se fale do castrapo (de base castelá ou galega) como
modalidade de fala máis frecuente entre os galegos. É dicir, entre galegos a comunicación faise
maioritariamente nun galego cheo de castelanismos de todo tipo, ou nun castelán cheo de
galeguismos: Exs. Cuando tú llegaste ya yo cantara (castrapo de base castelá), cuando ti
chegaches xa eu había cantado (castrapo de base galega). Hai, con todo, galegos que falan
galego ou castelán sen interferencias. Soen ser falantes con actitudes puristas radicalizadas,
cultos e ideoloxizados. Estes mesmos falantes, de non seren cultos, provocan os vulgarismos que
chamamos hiperenxebrismos. Os hiperenxebrismos son o resultado do afán diferenciador de

15
xentes sen os necesarios coñecementos filolóxicos: Ex. *Ambente.
As interferencias entre galego e castelán prodúcense un todos os planos de análise lingüística:
Fonético-fonolóxico: indistinción do timbre das vogais medias tónicas; aparición de grupos
cultos (bl), (cl), (pl) cando o resultado é semiculto: *blanco, *clavo, *plato por branco, cravo, prato;
apócope nos sufixos (-ade), (-ude) con perda da sílaba final: *verdá, *virtú en vez de verdade,
virtude.
Morfosintáctico: alteración de xénero nalgúns substantivos: *a leite, *a nariz... por o leite, o
nariz...; uso da forma masculina do artigo diante de substantivos femininos empezados por (á)
tónico: *o auga, *o aguia... por a auga, a aguia...; plurais anómalos dos demostrativos masculinos:
*estos, *esos por estes, eses; usos reflexivos que o galego non ten: *sentarse, *casarse... por
sentar, casar...; erros na colocación do pronome átono: *mo dixo un amigo... por díxomo un
amigo...
Léxico: ás veces a palabra castelá substituíu á palabra galega: ex.: *muela por moa; ás veces
mesmo se adapta: ex.: *parexa por parella. Algunhas veces os significados aparecen
especializados. Ex.: billa (‘para un pipote’), grifo (‘para a traída de auga’).
5.7. O ecolingüismo
A diversidade lingüística está en camiño de desaparecer. Cada día fálanse máis as linguas
máis faladas, mentres que as minoritarias van desaparecendo. Este perda das linguas menos
faladas débese, en parte, á globalización e á extensión do modo de vida occidental, e a que as
linguas con menos falantes son as propias de comunidades sen poder económico, social, cultural
nin militar.
Na actualidade, existe unha nova perspectiva de achegamento ao fenómeno da linguaxe
denominada ecolingüismo. Este termo creouse a partir á ecoloxía, entendendo esta como a rama
da bioloxía que estuda as interaccións entre os seres vivos e o seu medio, mais o ecolingüismo
céntrase en observar como as linguas interactúan coas outras e co seu medio, que neste caso é a
sociedade.
O ecolingüismo atende á clasificación das linguas segundo os seus usuarios, os contextos
en que se usan, o número de linguas que falan as persoas, onde e con quen, as variedades que
teñen, se se escriben... Moitos lingüistas consideran que o ecolingüismo tamén implica unha
actitude aberta de defensa das riqueza lingüística mundial.

16

You might also like