You are on page 1of 2

TEMA 10. A POESÍA DE FINS DO XX E COMEZOS DO XXI.

TEMAS E AUTORES
DOS 80 E DOS 90. POETAS E TENDENCIAS ACTUAIS MÁIS RELEVANTES.

Actualmente a liña socialrealista que representaban nos anos 60 e 70 autores


como Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María será seguida na segunda metade desta
última década por un grupo de poetas máis novos que teñen en común a ideoloxía
nacionalista e revolucionaria. Entre os máis importantes podemos citar a Ferrín, Lois
Diéguez ou Darío Xohán Cabana. Desde o punto de vista formal non engaden nada
novo, conque a temática de denuncia social irá perdendo interese segundo se vai
achegando a década dos oitenta e se vai asentando o sistema democrático, o que
permite a total normalización do mundo literario galego.
A renovación poética que se levará a cabo nos anos 80 ten o seu primeiro fito na
aparición de diversos colectivos, como o “Grupo Rompente”, integrado entre outros por
Antón Reixa e Alfonso Pexegueiro, ou “Cravo fondo”. Foi decisiva a influencia que sobre
estes poetas novos exerceu a obra de poetas dos cincuenta, como Arcadio López
Casanova (Mesteres, 1976) ou Xosé Luís Méndez Ferrín (Con pólvora e magnolias).
Deste poemario tan influente cómpre sinalar as características do emprego de metáforas
recorrentes como o ourizo ou a pedra (que expresan a dor), o tema do mundo do sexo
como algo cotián e nostálxico, a defensa da loita armada e marxista ou a mestura do
clásico e a contracultura beat e hippy (amosando un claro interese polo culturalismo),
ademais dunha sintaxe totalmente innovadora. Sen negar a evidencia destas fontes,
algúns críticos falan da importancia decisiva da publicación en 1980 do libro Herba aquí
ou acolá, de Álvaro Cunqueiro, e da súa relación formal e temática (culturalismo,
discurso coidadoso e musical con coidado pola forma...) coa poesía dos novos vates
dos anos 80.
En primeiro lugar, entre os poetas da promoción dos oitenta podemos citar a
Xavier Rodríguez Baixeras (Fentos no mar), Xosé María Álvarez Cáccamo (Praia das
furnas), Xulio López Valcárcel (Víspera de día), Xesús M. López Valcárcel (Tránsito),
Pilar Pallarés (Entre lusco e fusco), Manuel Rivas (Libro do Entroido), Ana Romaní
(Palabra de mar), Lois Pereiro (Poesía última de amor e enfermidade) e outros como
Xavier Seoane, Ramiro Fonte, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Forcadela...
Algunhas das características desta poesía dos anos oitenta son o afán
culturalista, que provoca un afastamento entre o poeta e a sociedade que non estea
formada na cultura internacional, o coidado formal dalgúns poetas, o intento de síntese
entre modernidade e tradición, o gusto pola experimentación e a interdisciplinariedade
(que é o encontro con outras disciplinas, como a música ou as artes plásticas), a
presenza do mundo urbano contracultural e marxinal nalgúns autores (cunha gran
ligazón co mundo do rock) e mais a recuperación da temática intimista e o erotismo.
En segundo lugar, no decenio dos noventa na lírica galega aséntase a poesía
feminina e feminista (non exclusivamente, por exemplo, é tamén pertinente para estas
poetisas a herdanza idiomática, o mundo do traballo...) da man de Lupe Gómez
(Pornografía), Chus Pato (Nínive), Xela Arias (Denuncia do equilibrio), Iolanda Castaño
(Vivimos no ciclo das Erofanías), Olga Novo (A teta sobre o sol), Enma Couceiro
(Humidosas), Margarita Ledo Andión, Marica Campo, a finada de Luísa Villalta etc., que
presentan temática e formas poéticas moi novidosas acordes coa propia condición
feminina: a provocadora, a contestataria, a erótica, o marxismo nacionalista, o
intimismo...
Ademais, todos estes poetas continúan a súa produción literaria no s. XXI, así
como os autores dos 80 e 90: Anxo Angueira (Val de Ramirás) trata o paisaxismo da
comarca padronesa, Miro Villar (Equinoccio de primavera) cultiva o clasicismo, Gonzalo
Navaza innova co emprego do palíndromo (versos que se len igual de dereita a
esquerda e viceversa) en A torre da derrota, Rafa Villar amosa unha postura política de
esquerdas na crítica social mundial con Migracións, Antonio R. López (Sucios e
desexados) satiriza sobre as condutas sociais, Fran Alonso (Cidades) poetiza sobre o
mundo urbano... Tamén se deben citar outros autores como María do Cebreiro, Carlos
Negro, Manuel Outeiriño, María Lado etc.
Finalmente, a poesía do século XXI dispón de múltiples canles e formatos á parte
da clásica edición en papel: informática, medios audiovisuais, mail art, poesía visual,
performances, happenings, filocafés..., e mais proliferan os grupos (Dolmen, por
exemplo) e coleccións poéticas. Todo isto dificulta bastante unha clasificación máis
pormenorizada do ecléctico e rico panorama poético galego actual.

You might also like