You are on page 1of 1

Nome: Data:

Le o texto con atención e comenta críticamente os argumentos de Zenón de Elea:


Os principais argumentos de Zenón pódense dividir en dous grupos:
1. Contra a pluralidade
Se a pluralidade existe, debe ser ao mesmo tempo finita e infinita en número:
- numéricamente finita: porque unha pluralidade consta dun número
determinado de elementos, nin máis nin menos. (A pluralidade é unha suma de
unidades)
- numéricamente infinita: porque toda pluralidade é unha magnitude e toda
magnitude é infinitamente divisíbel en partes que á súa vez son magnitudes e,
polo tanto, son en sí divisíbeis por pequenas que sexan, até o infinito.
Conclusión: a pluralidade é un concepto contradictorio porque require tanto a
existencia de unidades indivisíbeis como unha infinita divisibilidade.
2. Contra o movemento
- O estadio: é imposíbel recorrer un estadio. Para ir de A a B (por exemplo, do
principio ao final dun estadio) un móbil ten que recorrer a metade do traxecto A-B,
mais antes ten que recorrer a metade desa metade..., e así até o infinito; polo
tanto, nunca chegará a B (final do estadio).
- Aquiles e a tartaruga: nunca poderá Aquiles (famoso corredor) alcanzar unha
tartaruga se esta lle leva certa vantaxe na carreira, sexa cal sexa a súa velocidade,
xa que mentres Aquiles corre para alcanzar o punto onde está a tartaruga, ésta
avanza ao punto seguinte, de tal xeito que, aínda que diminuíndo até o infinito,
nunca poderá anularse totalmente a vantaxe.
- A frecha disparada: se lanzamos unha frecha, ésta está inmóvil. Dise que un corpo
está en repouso cando ocupa un espazo igual ás súas propias dimensións. A frecha
en vóo ocupa, nun momento dado, un espazo igual ás súas propias dimensións;
polo tanto, nese momento estará en repouso.
- As filas en movemento: supoñamos que nun estadio hai tres filas, cada unha das
cales contén un número de corpos de igual tamaño, dispostos inicialmente así:
a a a a
b b b b→
←c c c c
Os corpos “a” non se moven, e os “b” e os “c” comezan a moverse en direccións
opostas (segundo a frecha) ao mesmo tempo e con igual velocidade, até que as tres
filas coinciden entre sí:
a a a a
b b b b
c c c c
Que pasou? O “b” de cabeza pasou a dous “a”, mentres que o primeiro “c” pasou a
catro corpos “b”. Agora ben, di Zenón, os obxectos que se moven con igual velocidade
teñen que empregar o mesmo tempo en sobrepasar a un número igual de obxectos do
mesmo tamaño. Polo tanto, pode afirmarse que a metade dun tempo dado é igual ao
doble do mesmo, é dicir, a todo.

Para entender cabalmente os argumentos de Zenón contra o movemento, hai que ter
en conta as teorías que tiñan os gregos sobre o espazo e o tempo:
1) O espazo e o tempo son infinitamente divisíbeis, en cuxo caso o movemento é
continuo e uniforme.
2) O espazo e o tempo compóñense de mínimos indivisíbeis, e entón o movemento
consta dunha sucesión de diminutos saltos, coma o cinematógrafo.
Estas dúas teorías son opostas entre sí. Pois ben, os argumentos de Zenón van
dirixidos contra as dúas teorías: os dous primeiros contra a primeira e os dous
segundos contra a segunda.
Conclusión xeral dos catro argumentos: o concepto de movemento é contradictorio.

You might also like