You are on page 1of 14

XAPÓN

Xapón é, con 127 millóns de habitantes, unha das grandes potencias económicas e
políticas do planeta. No eido económico, o país nipón constitúe a segunda maior economía do
mundo (segundo o PIB), só por detrás dos Estados Unidos, e a terceira segundo PPA. En canto a
índices de desenvolvemento, Xapón ocupa a posición número 9 (no ranking de IDH elaborado
pola ONU) e a número 13 en canto ao índice relativo ao xénero. Todos estes datos fan de Xapón
un país extremadamente desenvolvido que goza da maior esperanza de vida mundial (81 anos) e
dunha tasa de mortalidade infantil sensiblemente inferior á dos países máis avanzados. Pese a
estes datos, Xapón estase a enfrontar nos últimos anos cun gran problema: o envellecemento da
poboación provocado polo pouco crecemento demográfico (0,3% nos anos 90), o que pode
facer que en 2020 unha cuarta parte da poboación acade máis de 65 anos.

Xapón é unha gran potencia financeira e tecnolóxica. O país é o primeiro acredor


mundial en términos netos e brutos, constituíndo o seu IDE o terceiro maior do mundo a
principios dos anos 90, e superando a EE.UU no seu gasto en I+D+I. Pese a todo, o país estivo
inmerso nunha profunda recesión entre a década dos 90 e o 2003, o que fixo diminuír nos
últimos anos as tasas de moitos destes indicativos de crecemento. Vexamos agora a súa
evolución económica por etapas:

A MIRAGRE ECONÓMICA (1956-1973)

A reconstrución económica iniciase nada máis rematar a Segunda Guerra Mundial cun
plan de reestruturación e fomento da industria pesada, do mercado interno e da exportación
manufactureira, mais non é ata mediados dos 50 e principios dos 60 cando esta reconstrución
comeza a asentarse de maneira definitiva, chegándose a unha media de crecemento anual do
9,2% do PIB, a maior tasa global.

As causas deste crecemento hai que buscalas nunha combinación de conxunturas


externas moi favorables (subministro ás tropas de EEUU para a guerra de Corea, baixo nivel de
gasto militar, o fácil acceso á tecnoloxía occidental, a liberalización do mercado e o crecemento
xeral da economía mundial) e tamén por factores internos (existencia dunha man de obra barata
e abundante, con gran demanda interna; o impulso da agricultura ao crecemento do país; e o
papel clave da política industrial, clave en todo este crecemento).
CRISES E REESTRUTURACIÓNS (1974-1991)

A mediados dos anos 70 iníciase en Xapón unha etapa de crise, cunha primeira fase de
recesión (do -1,2% en 1974) e unha posterior de desaceleración económica con índices do 3,8%
de crecemento anual medio ata 1991. As causas desta crise débense a unha serie de cambios na
conxuntura internacional e propia nipona: a apreciación do yen (encarecendo as exportacións e
abaratando as importacións), o aumento dos prezos do petróleo (que se cuadriplican en 1974), a
competencia crecente dos países do entorno (NEIA, Corea do Sur e Taiwan), os problemas
medioambientais do país e os crecentes custos laborais.

As respostas a esta desaceleración por parte dos gobernos foron diversas: aumento das
exportacións, políticas fiscais e monetarias expansivas, crecemento dos gastos en I+D+I (nos
anos 70 e 80 a industria tecnolóxica empeza a destacar no panorama internacional) , mellora dos
procesos de produción e unha reconversión industrial a sectores tecnolóxicos e menos
dependentes da enerxía. En 1985 houbo novamente unha depreciación do dólar, multiplicándose
en pouco máis dun ano por dous o valor do yen. O crecemento pasaría a caer, por causa do
encarecemento das exportacións, un 2,4% en 1986, aínda que a “recesión” sería pasaxeira. Esta
é unha época de internacionalización da industria nipona (incluso con compras de empresas
estadounidenses) e tamén de desregularización do sector financeiro e dunha política monetaria
expansiva, o que provocaría a chamada economía “burbulla”, cun importante auxe bursátil e
inmobiliario.

A CRISE DOS ANOS NOVENTA

A partir de 1991 iníciase unha crise moito máis profunda e duradeira no país, cun
crecemento do PIB interanual medio do 1,1%, fronte ao 3,8% de media na anterior etapa, e con
anos de crecemento nulo ou mesmo negativo (en 1998, conxuntamente con outros países do
entorno). Tamén aumentou o desemprego (alcanzando o 5,4% en 2002), abriuse unha deflación
dende finais de 1999 e empezouse a manifestar unha crecente crise bancaria producida por
baixos beneficios bancarios e aumento exponencial de préstamos de dubidoso cobro.

As causas desta recesión foron o estalido da burbulla de activos bursátiles e


inmobiliarios, a apreciación do yen, a saturación do consumo no mercado interno, a debilidade
da demanda externa e outros problemas estruturais macroeconómicos relativos ao
envellecemento da poboación. Dende 1992 as autoridades impuxeron unha política expansiva
cunha serie de estímulos fiscais e expansións monetarias que non resolverían a profunda crise.
Xa no 2001, o Banco de Xapón volvería intentar potenciar con escaso éxito a política monetaria
expansiva aumentando os depósitos nos bancos comerciais e comprando bonos de débeda
pública. Os grandes retos nos que se encontraba a economía xaponesa a principios do novo
século abriu grandes debates en torno as teorías e solucións posíbeis. O problema de Xapón é de
carácter estrutural, debido á incapacidade do seu modelo para adaptarse a unha economía
mundial cada vez máis agresiva. Encamiñarse cara unha economía máis madura e baseada aínda
máis no I+D pode ser a solución.

ECONOMÍA DOS
CATRO DRAGÓNS ASIÁTICOS
A expresión “os catro dragóns asiáticos” fai referencia ás economías de Taiwan, Hong
Kong, Corea do Sur e Singapur, caracterizados todos eles por unha alta taxa de crecemento e
industrialización na última metade do século XX, e por unha existencia común a todos eles de
abundancia de man de obra con baixos salarios; axente causante en boa medida dese gran
progreso económico que posicionaría a estes mercados entre os máis puxantes do planeta (tras a
inflexión producida en 1997 coa crise financeira).

TAIWAN

A illa de Formosa ten un tamaño similar ao de Cataluña, pero está densamente poboada
con 22,3 millóns de habitantes. O país ten unha economía desenvolvida (con un PIB de 309
millóns de dólares en 2000) pero encóntrase nunha complexa situación xurídico-administrativa
ao ser reclamada por China e ao non pertencer á ONU. Desta situación se desprende que non
haxa estatísticas sobre algúns índices como o IDH.

O crecemento económico de Taiwán foi impresionante na segunda metade do século XX


e hoxe é unha gran potencia comercial, cunha industria focalizada á exportación, e un país que
gasta en I+D a mesma proporción, en relación ao PNB que a media da UE. A súa evolución
económica pasou por diferentes etapas: a primeira, de reconstrución e industrialización
(substituíndo ás importacións), dende o fin da Segunda Guerra Mundial ata 1952. A segunda
etapa, entre 1958 e 1990 estivo focalizada na exportación de bens de consumo, chegando o
índice de exportación ao 38% en 1972, no medio dunha crise mundial que nunca afectou á
República China. A última etapa vai dende 1991 ata 2003, e está marcada polo axuste estrutural
ante o novo proceso de globalización, unha etapa de crecemento continuo pero que presenta
varios problemas internos (baixa dimensión media das empresas, derivación da economía ao
sector servizos con menor crecemento, problemas no sector financeiro e retos en seguridade
social).

HONG KONG

Hong Kong é unha Rexión Administrativa Especial da R.P. China que conta con case 7
millóns de habitantes. Ocupa o posto 27 do mundo en canto ao seu PIB e o 23 na clasificación
do IDH, cunha esperanza de vida de 79,7 anos. É un gran centro financeiro internacional, a 11
potencia exportadora do mundo, e unha economía moi aberta ao gozar dun sistema capitalista
na propia China.

Dende 1950 poden distinguirse tres grandes fases na evolución da economía en Hong
Kong: a industrialización orientada á exportación (1950, 1984), especialmente de vestiario,
produtos téxtiles, calzado, e posteriormente electrónica e maquinaria lixeira, o que provocou un
crecemento do PIB medio anual do 9,7% e un gran cambio estrutural. En 1985 China
convértese no principal socio de Hong Kong, producíndose un axuste e reorientación da
estratexia de crecemento en Hong Kong. En 1998 a Crise Asiática sacode a rexión producindo
unha caída do PIB do 5%, recuperado un ano despois pero con crecemento lento a partir de
2001 pola caída das exportacións.

COREA DO SUR

Ao igual cos outros tres dragóns, Corea do Sur rexistra unha gran densidade de
poboación con 47 millóns de habitantes en tan só 99.000 km². O seu PIB era de 422.000 millóns
de dólares en 2001, puidéndose considerar o país máis pobre do grupo. Ocupa o posto número
30 na clasificación do IDG e na do IDH (causado polo alto nivel de renta e excelente situación
educativa). Dende a división da Península en dúas Coreas en 1948 podemos falar de 4 etapas:

A primeira delas iníciase coa propia guerra de 1950, que duraría 3 anos e deixaría o país
totalmente devastado. A reconstrución iniciase inmediatamente cun crecemento anual medio do
3,4%, producido por unha industrialización por substitución de importacións. Dende 1961 a
1981 prodúcese o chamado “Milagre Coreano” con crecementos do 9,3% medio, milagre
enmarcado nunha economía de corte capitalista con forte intervención do Estado, creándose
industrias locais sobre todo adicadas á exportación, e promovendo a industria pesada a finais
dos anos 60. A política crediticia e financeira, xunto coa laboral, eran outros grandes pilares
desta primeira etapa de crecemento. A finais dos anos 70 a economía surcoreana pasaría por
unha importante crise que sería solventada con medidas de estabilización e liberalización a
partir de 1981, dando paso ao “período de prosperidade dos tres mínimos” que duraría ata 1988.
Esta é a época de democratización e de progreso social, establecendo os cimentos da Corea que
coñecemos hoxe. Trala depresión de 1997 Corea do Sur encabeza un crecemento positivo do
6% baseado na industria manufactureira e de exportación (sobre todo electrónica).

SINGAPUR

O último dos tigres asiáticos é un país independente que conta coa segunda maior
densidade de poboación mundial, con 4,1 millóns de habitantes en apenas 647km². O seu PIB
ocupa o posto 40 no ranking mundial, e o 28 en canto a IDH se refire, cunha EVN de 77,8 anos.
En canto á economía, presenta tres características salientables: a alta dependencia do comercio
exterior e da inversión estranxeira, a presenza dun sector industrial significativo especializado
na electrónica (o 24% do PIB manufactureiro) , e unha elevada taxa de aforro (en torno ao 45%,
a maior do mundo) con grandes reservas en divisas.

A evolución económica do país pódese establecerse en catro grandes etapas dende a


independencia de Malasia en 1965. A primeira delas caracterízase pola orientación da industria
á exportación primaria (pasando a industria de ser o 15,3% en 1965 a representar o 23,2% en
1973), incorporándose masivamente man de obra con forte inversión interna, o que produciu un
crecemento medio do 14,1%. O intento de reconversión a partir de 1979 produciría unha crise
industrial que non remataría ata 1984, ano no que se produce unha reconversión cara o sector
electrónico, con gran expansión internacional e crecemento medio do 6,5% do PIB. O último
período caracterízase pola consolidación do sector electrónico e a integración rexional (1992-
2003).
III OLEADA
OS TIGRES DO SUESTE ASIÁTICO:
TAILANDIA, INDONESIA, FILIPINAS, MYANMAR.
TAILANDIA

Conta con 61 millóns de habitantes, un PIB per cápita de 1.874 dólares (ingreso medio-
baixo), unha economía baseada no sector servizos e industrial, cun desenvolvemento comercial
considerable pero dependente aínda en gran medida da agricultura. Encóntrase no posto 74 do
IDH (desenvolvemento medio), cunha EVN de 68,9 anos, unha pobreza do 28% da poboación e
unha distribución desigual das riquezas considerable.

Tailandia foi o único país non colonizado do sueste asiático, feito que marcará
profundamente a súa evolución política e económica. Neste eido, podemos establecer catro
etapas ata o 2003. A primeira delas comeza no 1932 coa instauración dunha monarquía
constitucional soberana pero profundamente dependente dos estados occidentais, caracterizada
no económico pola gran expansión de terras de cultivo sen ningún tipo de reforma agraria,
amais de pola escasa protección e desenvolvemento da industria nacional. A segunda etapa vai
de 1959 ata 1979, caracterizada pola industrialización do país mediante a substitución de
importacións, común nesta época a todos os países da rexión. En 1972 probouse a promoción de
exportacións de produto, con pouca forza ata a década dos 80, cando o país se converteu nunha
potencia exportadora sobre todo da industria téxtil, electrónica e de transformación de produtos
agrícolas. Esta terceira etapa que vai ata 1996 está caracterizada tamén pola profunda
aceleración da liberalización comercial e financeira cunha descentralización da actividade
produtiva concentrada ata entón na area de Bangkok, alcanzándose desta forma tasas de
crecemento do 26% a partir de mediados dos oitenta e unha reestruturación do PIB cada vez
máis dependente da industria. En 1997 estalaría a crise financeira en diversos países da rexión
incluído Tailandia, que tamén sufriría problemas comerciais, caendo as exportacións e con elas
o PIB, afundido nun déficit do 8% entre 1995 e 1996. As solucións verían da man do programa
de axuda do FMI e das restritivas medidas aprobadas polo goberno, co que se conseguiría un
repunte do crecemento económico no 2002, a costa iso si de maiores niveis de desemprego,
incremento da pobreza e de desigualdade rexional e social.
INDONESIA

É o cuarto país máis poboado do mundo (213 millóns de habitantes), cun IDH medio e
un PIB per cápita que o sitúa entre o rango dos países de ingreso baixo. Na súa estrutura
económica prima preferentemente a industria (47%), e tamén a agricultura, cunha taxa
considerable do 16%. O comercio exterior é menor que o de países do seu entorno, pero non por
elo desprezable. Conta tamén cunha débeda externa bastante superior ca dos países de Asia
oriental, así como un índice de pobreza entorno ao 27%.

Indonesia non alcanzou niveles de desenvolvemento como os de Tailandia ou Malasia,


pero seméllase a estas economías no alto nivel de transformación e evolución económico-social
producido nos últimos anos. A partir da independencia dos holandeses en 1949, e da chamada
“democracia guiada” a partir de 1959, o país súmese nuns anos caóticos de tensións políticas e
económicas. Tras esta etapa, na que Indonesia era un dos países máis pobres do mundo, sobe ao
poder Suharto, que pon en marcha unha estabilización económica e unha relativa apertura ao
exterior que fixo recuperar a inversión e o crecemento do PIB.

Mais non será ata 1973 cando se produza nesta país o boom petroleiro e a
industrialización por sustitución de importacións, que provocou un crecemento do PIB entorno
ao 7,5% entre 1971 e 1981. A partir dese ano iniciouse unha nova etapa de liberalización e
apertura, recuperación de crecemento, diversificación e orientación exportadora do país. Como
no resto dos países do seu entorno, produciuse unha crise financeira no 1997 con gran
repercusión política e económica. Tras o réxime de restricións e a axuda do FMI empezouse a
ver unha incipiente recuperación no 2002.

FILIPINAS

Filipinas é un estado independente con máis de 77 millóns de habitantes, un PIB per


cápita baixo (912 dólares), unha posición no IDH (posto 85) mellor que a de Indonesia, e unha
EVN que ronda os 69,5 anos. A economía está marcada fondamente polo sector servizos (un
54%), a industria (31%) e a agricultura, que co 15% do PIB fai deste país o máis terciario do
seu contorno.

A súa evolución económica pódese establecer en 4 etapas. A primeira delas é a común a


todos os países do seu entorno: a industrialización por sustitución de importacións e a
reconstrución posbélica entre 1940 e 1971. Tras este ano o país encamiñouse cara as
industrialización de exportacións a través da inversión estranxeira, pouco eficiente ata o ano
1992, cando se iniciou o aumento das exportacións de alto contido tecnolóxico e de produtos
agroalimentarios para o mercado local. Tras a crise financeira de 1997 (que afectou menos a
Filipinas que a outros países do entorno) abriríase un periodo poscrise que continuaría ata o
2003.

MYANMAR

Myanmar é un país de ingreso baixo que conta con case 50 millóns de habitantes. O seu
PIB per cápita é de 151 dólares, cunha economía eminentemente agrícola (60% do PIB),
aportando a industria só o 9% e o sector servizos o 31%. Encontrase no posto 131 do IDH (dos
máis baixos no grupo de desenvolvemento medio), e ten unha esperanza de vida ao nacer de 57
anos. Myanmar presenta unha liña histórica bastante particular, podendo agrupar a súa
evolución económica en tres etapas. A primeira delas vai dende a independencia do país en
1948 ata 1962, etapa caracterizada pola existencia dunha democracia parlamentaria e unha certa
prosperidade e desenvolvemento social. A partir de 1962 ábrese no país a chamada “vía birmana
cara o socialismo” liderada polo xeneral Ne Win, que aspiraba a alcanzar a autosuficiencia e a
nacionalización dos seus recursos. Esta sería unha época de paralización económica e de
empeoramento dos niveis de vida. Co cambio de goberno de 1988 iniciase en Birmania unha
nova etapa que continúa ata os nosos días, na que o considerable crecemento económico (en
torno ao 6,6% na última década do s.XX) contraponse á baixa calidade de vida e a represión
exercida pola ditadura militar.
CHINA COMO NOVA POTENCIA MUNDIAL
E AS ECONOMÍAS DE
TRANSICIÓN DO SURESTE ASIÁTICO
Con máis de 1.280 millóns de habitantes, China é o país máis poboado do mundo.
Pese ao seu espectacular crecemento é aínda un país pobre, con gran relevancia na
economía mundial polo seu extremado peso demográfico e polo alto PIB (1,16 billóns de
dólares en 2001) e PPA (5,5 billóns de dólares, a segunda posición mundial). É unha
economía de ingreso baixo (890 dólares de PIB per cápita), e ocupa o posto 104 no
ranking de IDH, contando cunha EVN de 71 anos e unha taxa de alfabetización do 86%.
Con todas estas contradicións, é de destacar que na actualidade China presenta a taxa
máis alta de crecemento mundial, con porcentaxes do 10% na década 1990-2001, e
representa unha gran potencia comercial e un gran receptor de inversión directa
estranxeira. A súa evolución económica pódese resumir en dúas grandes etapas: o
período maoísta (1949-1978), e a etapa de reformas económicas dende 1978.

A primeira delas iníciase coa Revolución maoísta a principios de século. A grandes


rasgos pódese dicir que esta foi unha etapa de calma e estabilización política e de
crecemento económico moderado (en torno ao 2,3% de crecemento do PIB per cápita). A
Revolución china estivo baseada no campesiñado, a diferenza da Rusa, e tivo neste
sector a base da súa transformación política e económica (Reforma Agraria de 1950-
1952) aínda que pronto perdeu gran parte do apoio agrario co fracaso do Gran Salto
Adiante, unha industrialización forzada do campo que trouxo graves penurias
alimentarias. A planificación central china mostrou rasgos peculiares, sendo esta máis
descentralizada que a planificación soviética, máis igualitaria no social e con máis
equilibrio entre o crecemento da agricultura e a expansión industrial.

A evolución económica desta primeira gran etapa pode dividirse en varias fases. A
primeira delas, entre 1950 e 1952 foi a de reconstrución e o estabelecemento dunha
economía planificada, cunha reforma agraria no 1950, unha estabilización da moeda e
expropiación dos capitais estranxeiros e bancarios. A segunda fase, entre 1953 e 1957
corresponde ao primeiro plan quinquenal de influencia soviética, baseado sobre todo no
desenvolvemento industrial pesado, cunha nacionalización total baseado na creación de
empresas estatais e cunha colectivización do campo baseado a partir de 1956 en
cooperativas agrarias. Entre 1958 e 1961 deuse o Gran Salto Adiante descentralizándose
a planificación, creándose comunas agrarias e dándolle unha maior prioridade á industria.
Nesta etapa o PNB creceu a unha taxa do 2,1%, producíndose tamén unha mortalidade
catastrófica que repercutiu gravemente na taxa de crecemento demográfico. A cuarta
fase, entre 1962 e 1965, consistiu nunha nova centralización da planificación e un gran
crecemento económico. Entre 1966 e 1979 produciuse a etapa máis álxida da Revolución
Cultural, que supeditou todo o desenvolvemento económico aos obxectivos políticos
(aínda que non afectou case a agricultura por tratárense duns feitos eminentemente
urbanos). A anarquía desta etapa provocou unha ruptura no ritmo de crecemento
económico. A última etapa ata a morte de Mao Zedong corresponde a unha fase de baixo
crecemento económico, cunha taxa do 3,5% do PNB.

A partir de 1978 produciuse unha etapa de reformas no ámbito político e


económico. Decatado o novo goberno dos inconvenientes do modelo maoísta,
decidíronse a estabelecer un plan de reactivación económica baseado nas denominadas
“catro modernizacións” e na política de portas abertas para a inversión estranxeira. A
modernización da agricultura produciuse entre 1979 e 1984, cunha descolectivización,
unha maior orientación aos mercados libres e un aumento dos prezos de adquisición por
parte do Estado que non obstante fixo crecer a produción agrícola a unha taxa anual
relativamente baixa do 3,9% a partir de 1984. Nese mesmo ano empézase a chamada
reforma industrial baseada no estabelecemento dun sistema de prezos dos carrís, na
creación dun sistema de responsabilidade por contratos, na sustitución progresiva das
transferencias directas dos beneficios ao Presuposto por pago de impostos, o reemplazo
dos subsidios procedentes do Plan pola obtención dos prestamos bancarios e unha
reforma moi limitada do sistema de salarios en miras da produtividade. Todas estas
reformas non implicaron en ningún caso unha privatización de empresas, amais que a
reforma dos prezos fíxose dunha maneira progresiva e gradual. A parte desta reactivación
do agro e da industria produciuse tamén unha apertura á economía mundial baseada no
fomento do comercio exterior e na apertura á IDE. Todo isto comportou unha forte
reestruturación sobre todo no eido da Industria, amais dun elevado e sostido crecemento
económico e de nivel de vida.
VIETNAM

País do sueste asíatico con 79 millóns de habitantes e unha presión demográfica


pouco elevada. A súa economía, cun PIB de 32.903 millóns de dólares, é 20 veces maior
a de países como Laos, aínda que esta situación non se dá axustando a renta nacional á
paridade do poder adquisitivo. Vietnam ocupa o posto 109 na clasificación IDH e goza dun
sistema sanitario e educativo particularmente bo no seu contexto xeográfico. A súa
economía, baseada na planificación central, pasou non obstante por importantes reformas
nos últimos anos.

Co nacemento da república en 1945 e a guerra que duraría ata 1975 provocou que
o país xa unificado se convertera nun dos máis pobres e devastados da rexión asiática. A
partir da reunificación produciuse unha primeira etapa de economía planificada cunha
serie de reformas que dinamizaron fortemente a economía en primeira instancia, pero que
se esgotaron rapidamente. A resposta das autoridades a este esgotamento foi a
progresiva liberalización, entre 1986 e 1997, e un cambio estrutural da economía,
aumentándose o volume das importacións e exportacións e a entrada de capital
estranxeiro. A raíz do chamado Doi moi nestes mesmos anos produciuse tamén un forte
desenvolvemento do sector bancario. A crise financeira de 1997 supuxo un cambio nos
parámetros económicos do país, liberalizándose aínda máis o mercado.

LAOS

Este país asiático conta cunha poboación de tan só 5,4 millóns de habitantes e
unha pequena economía de 1.712 millóns de dólares. O seu posto no ranking do IDH é o
135, cunha esperanza de vida ao nacer de tan só 54 anos e unha taxa de alfabetización
do 65%. A súa evolución política e económica é máis ou menos paralela á de Vietnam,
pero os seus cambios e avances non foron, nin moito menos, os daquel país. Dende a
independencia e as tensións producidas pola Guerra Fría entre 1953 e 1974 (con poucos
avances significativos) e os primeiros pasos do réxime de planificación central dende
1975 ata 1986, resúmense nun crecemento moi limitado da economía, con grandes
desequilibrios macroeconómicos e forte dependencia externa. O novo mecanismo
económico, dende 1986 ata 1996, consistiu nunha serie de reformas que provocaron un
considerable aumento no crecemento da taxa media anual do PIB (cunha media do 4,5%
entre 1985 e 1990 e do 7% entre 1990 e 1997), aínda que no resto de desequilibrios
económicos non se lograron grandes avances.

CAMBOIA

País de 12 millóns de habitantes que conta cunha economía moi pequena de 3.384
millóns de dólares. Encóntrase no posto 130 do IDH, contando esta nación cun índice de
pobreza bastante notable. A súa evolución económica está estreitamente ligada aos
avatares políticos dende a súa independencia (a independencia e o goberno de Sihanouk
entre 1953 e 1970, a guerra civil e o réxime dos Xemeres Vermellos, entre 1971 e 1978, a
ocupación vietnamita ata 1989 e a época da democracia actual). En resumen conta cunha
economía pouco evolucionada, con pouco marxe de manobra e un crecemento
practicamente nulo en comparación cos países do seu entorno. Na actualidade o país é
unha monarquía constitucional na que se iniciaron unha serie de reformas económicas
que provocaron un crecemento económico do 5% en 1999, un progreso relativo, baseado
sobre todo no turismo, que non obstante segue a constituír un desafío.
ESTA É UNHA OBRA PRODUCIDA POR

PABLO GUIMERÁNS
www.pabloguimerans.com

You might also like