You are on page 1of 1

Din os gurús do macrobiótico e alternativo -outra das paridas de hoxe en día, xunto coa

dos produtos gurmés, as tendas gurmés, os bares gurmés...- que non hai nada mellor
para depurar o organismo despois dos excesos que un xaxún prolongado, unha dieta dura
a base de auga e aire e un lixeiro paseo polo campo. Quen o probou comenta que nunca
se sentira tan ben. Pero se de algo está saturada a sociedade occidental duns anos a
esta parte, ademais de calorías baratas, é de inputs dixitais. E escribo inputs (e perdoen a
pedantería: parezo un profesor de empresariais) porque me nego a bautizar como
información moito do que nos chega a través do Iphone, a tablet ou o ordenador. Como
en determinados segmentos sociais xa superamos o estado da novelería e entusiasmo
neste campo empeza a imporse o contrario: a do fastío, a do desapego intelectual.
Estámonos convertindo en seres humanos tipo windows, permeábeis, dispersos.
Navegamos na superficie de todo sen enterarnos de nada, permanentemente conectados
(ou colgados) da internet.
Por iso, comeza a pórse de moda entre os burgueses bohemios, os que puxeron de
actualidade os cereais integrais, a slow food, os cafés solidarios, a roupa orgánica ou os
coches eléctricos, o que deron en chamar o xaxún dixital, a ausencia total de conexión a
dispostivo algún que teña que ver con internet. Así, mentres en Galicia aínda quedan
aldeas remotas que claman ao ceo por ter conexión, en EEUU algunhas vilas comezan a
fuxir dela e véndena como reclamo o “non wifi”, créano ou non.
O estrés dixital, o cansancio de ter que estar permanentemente enganchado, ao tanto de
todo, contestando correos,whatsaps ou actualizando perfís, é cada vez máis frecuente.
Aconséllannos comezar este xaxún dixital, esta fase de desintoxicación, cunha fin de
semana longa, de venres a luns. Para iso non fai falla irse a un mosteiro remoto, aínda
que sempre é recomendábel. Basta con quedar na casa e darlle unha patada ao router e
apagar o móbil. A experiencia paga a pena. E o custe é mínimo.

You might also like