You are on page 1of 1

TEMA 11. A prosa de fins do s. XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90.

Prosistas e
tendencias actuais máis relevantes.

A transformación socio-política producida a fins do século XX tivo enormes repercusións no panorama


social e cultural de Galicia, onde se produce unha “regaleguización”. Impulsado por este cambio, o sector
vive unha gran expansión: novas editoriais, incremento de títulos, novos certames e premios literarios
que promoven e difunden a creación, novas revistas especializadas...
Neste período fecundo da nosa literatura, o discurso narrativo, que se consolida e
profesionaliza, vaise caracterizar pola diversificación temática e formal. Ao lado dunha tendencia
temática de máis tradición (intimista, histórica, realismo sociolóxico, ...), explóranse outras modalidades
narrativas máis comerciais (novela policial, negra, aventuras, terror, ciencia ficción, fantástica relato
erótico, ..), e aparecen outras (narrativa bravú, narrativa urbana, experimental, feminista...) A narrativa
infantil e xuvenil ten un gran desenvolvemento, motivada en parte pola demanda escolar debido á
inclusión do galego no ensino.
A nómina dos escritores é longa e coinciden varias xeracións. Por un lado publícanse as últimas
obras de autores como Álvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole. Ao mesmo tempo atopamos autores en plena
actividade que iniciaran a súa produción en períodos anteriores: Neira Vilas, Carlos Casares e Méndez
Ferrín, e , por último, autores nados nos 50, 60 e 70 que se incorporan neste momento ao discurso
literario cun espírito renovador. Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores, ou unha
clasificación dos mesmos, algúns dos máis importantes son:
CARLOS CASARES ( 1941-2002. Homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017) aínda que se deu a
coñecer na NNG, as súas novelas posteriores teñen unha feitura moito máis clásica. A súa prosa é sinxela
pero moi traballada, para resultar natural e atractiva. Ilustrísima (1980) é unha breve novela na que un
bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a
condenar o cine contra a súa vontade. Tamén destaca O sol de verán (2002), narrada por unha muller,
Helena, que tras o suicidio do seu amigo Carlos lembra os momentos que compartiron botando man do
monólogo interior.
ALFREDO CONDE (1945), autor cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento (1984),
premio Blanco Amor e Premio Nacional de Literatura (concedido por primeira vez a unha obra en galego),
onde se tecen dúas historias paralelas: a vida dun inquisidor no Santiago do século XVI e a dun escritor
galego interesado no grifo mitolóxico.
MANUEL RIVAS (1957): É o escritor actual con maior proxección internacional. As súas primeiras obras no
campo da narrativa ( Un millón de vacas, Que me queres, Amor, Os comedores de patacas, En Salvaxe
compaña) poden cualificarse como narrativa Bravú ao mesturar o mundo urbano co rural co que
consegue unha grande complicidade co lector. Entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro, unha
historia de amor en tempo de guerra que se basea en feitos reais e que foi adaptada ao cine, como tamén
o será que Todo é silencio (2010).
DOMINGOS VILLAR (1971) representa un dos últimos e maiores éxitos editoriais, tanto en galego como
na tradución ao castelán coas súas novelas negras protagonizadas polo inspector Leo caldas (Ollos de
auga, 2006, e A praia dos afogados, 2009). DIEGO AMEIXEIRAS (1976) tamén participa desta temática.
Nas súas obras (Matarte lentamente, Todo OK, Conduce rápido, Historias de Oregón, ...) inspiradas na
vida real, destaca un estilo estilo áxil e directo, e caracterizado polo economía expresiva.
BEGOÑA CAAMAÑO ( 1964)-2014) forma parte desa nómina de mulleres que participan na chamada
“literatura de muller”, que tivo especial relevancia nos últimos anos, xunto con Teresa Moure, Rosa
Aneiros, María Reimóndez, María Xosé Queizán, … Entre as súas novelas destaca Morgana en Esmelle
(2012), onde a trama entronca coa materia de Bretaña, desde unha visión feminina, destacando os papeis
de Morgana e Viviana.

O ensaio, cultivado polos homes de Galaxia (Piñeiro, García Sabell ou C. Calero, que se achegaron á
antropoloxía galega ou a literatura), tocou outros campos: Beiras Torrado a economía (O estado na
nación); Carmen Blanco o feminismo (Mulleres e independencia); a lembranza e fixación dos feitos
históricos en X. Ramón Barreiro (A gran historia de Galicia), Ramón Villares (Historia de Galicia) ou
Beramendi (O nacionalismo galego); a interpretación lingüística en Anxo Tarrío ou Pilar García Negro.

Resumindo, nesta décadas a literatura coñeceu unha forte expansión en autoras, obras e público. A
coexistencia de escritores de distintas xeracións e a diversidade formal e temática , e a ampliación de
modalidades narrativas son as súas características máis salientables.

129

You might also like