You are on page 1of 4

TEMA 10. A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90.

Poetas e
tendencias actuais máis relevantes.

O mundo cultural galego vive, xa dende os últimos anos 70, un momento especialmente dinámico
e emprendedor motivado en boa medida pola recuperación das liberdades cidadás e pola creación
do novo marco administrativo autonómico, como consecuencia do fin da Ditadura e do comezo da
Democracia. Nacen numerosas empresas editoriais e medra considerablemente a cantidade de
títulos editados. Aparecen numerosas revistas culturais e de poesía nas que se dan a coñecer os
novos escritores e as novas tendencias. Tamén van ser innumerables os certames, os premios e os
encontros de poesía que darán lugar a antoloxías e escolmas poéticas publicadas dende finais dos
70 ata hoxe.
1. O cambio de rumbo de 1976
Na primeira metade dos 70 atopamos unha liña continuadora do socialrealismo anterior, polo
que temos que agardar a 1976, ano que supón un fito histórico na literatura galega coa publicación
dos poemarios Con pólvora e magnolias, de X. L. Méndez Ferrín e Mesteres, de Arcadio López
Casanova, xa que comezan a explorar novas vías formais e o discurso poético ábrese a contidos de
carácter intimista, existencial e cultural, deixando de lado o socialrealismo. A partir deste momento
préstase máis atención aos recursos formais e á dimensión estética do poema. Tamén se presentan
novos temas de carácter intimista, existencial, metafísico, mitolóxico e cultural; e aparecen
referencias a personaxes, obras e linguas estranxeiras.

Álvaro Cunqueiro vai publicar a finais desta década unha obra titulada Herba de aquí ou acolá
(1980) coa que o labor do autor adquire maior relevo, xa que se trata dunha obra que veu contribuír
de forma esencial no proceso de renovación da poesía galega da década dos 80. Este libro marca
tamén o distanciamento da estética socialrelaista para dar paso ao 'culturalismo', caracterizado polo
emprego frecuente de referencias artísticas.

Os autores deste período reúnense en colectivos para seren máis efectivos na loita
antifranquista e para dárense a coñecer dunha maneira máis eficaz apoiándose entre si. Os
colectivos de maior relevancia son:
- O Grupo poético Cravo Fondo, enmarcado nunha liña intimista e lírica, que derivará nunha
tendencia ao cultismo e ao clasicismo, ao tempo que critican o socialrelalismo. Creouse en Santiago
e englobaba a sete poetas, case todos lugueses: Ramiro Fonte, Xulio e Xesús Valcárcel, Xavier R.
Barrio, Helena Villar, Fiz Vergara e Xesús Rábade Paredes.
-O Grupo poético Alén, caracterizado pola renovación estética e lingüística, moi influídos pola poesía
urbana e pola música rock (Miguel Mato, Francisco Salinas, X. R. Pena).
-O Grupo poético Rompente, que reacciona bruscamente ante toda a poesía anterior, cunha
temática na que se inclúe o medio urbano galego e a asimilación das vangardas. Estaba formado por
Antón Reixa,Alberto Avendaño, Manuel Mª Romón e Camilo Valdeorras. Nun principio tamén
contaron coa colaboración de Alfonso Pexegueiro, autor de Seraogna (1976), obra rupturista de
grande importancia.

2. A poesía dos oitenta


A consolidación da renovación poética prodúcese ao longo desta época. Moitos dos autores e
autoras participan en revistas de expresión poética (Nordés, Luzes de Galiza…), en premios literarios
(Esquío, o Celso Emilio Ferreiro…) ou colaboran en volumes colectivos como De amor e desamor I
(1984) e De amor e desamor II (1985).

Os autores que comezan a publicar a principios desta década alén de rexeitaren a estética
socialrealista, comparten os seguintes trazos comúns:

125
- A preocupación formalista: reflíctese nun código lingüístico máis elaborado e de maior corrección
e tamén, se volve, en certa medida, aos metros clásicos (sonetos, liras, tercetos encadeados…).
Predomina a beleza construtiva sobre os aspectos morais, sociais ou de calquera outra índole.
Extrema preocupación polas cuestión formais.

- O culturalismo: nas súas composicións botan man de de elementos das literaturas portuguesas,
española, hipanoamericana e univesal, desde os clásicos grecolatinos ata a época contemporánea.
Tamén botan man doutras ciencias e artes como a filosofía, a mitoloxía, a música etc.

- A apertura temática: dentro do que destacan os temas intimistas (o amor, o erotismo, o paso do
tempo, a nostalxia, a morte, a soidade e o desencanto); os temas sociais (a preocupación por Galicia,
polas inxustizas laborais, os temas políticos relacionados co nacionalismo, o marxismo o anarquismo
e o altlantismo); e a reflexión metaliteraria.

- Simbolismo e mitoloxía: mitos como os de Helena, Eros ou Morgana e símbolos como a mazá, a
cinza, a casa, as ortigas, o sal, a praia, a illa, as aves de rapina, os espellos ou os tradicionaris río e
mar contribúen a crear unha linguaxe pouco accesible para o/a lector/a.

- Existencialismo, derivado da dor e da angustia que padece o poeta no intento de recuperar o


tempo pasado. O poeta séntese só, derrotado e perdido no mundo que o rodea e do cal quere fuxir.
Ás veces, considérase náufrago nunha illa, o que explica o ton elexíaco e saudosista que caracteriza
a súa poesía.

- Incipiente poesía experimental grazas á técnica da colaxe textual. É a máis próxima ao vangardismo
poético xa que os autores destrúen o concepto tradicional de estrofa para crearen versos sen rima
con rupturas sintácticas, caligramas etc.

- Afán de escritura conxunta coa intención de dárense a coñecer os escritores e as escritoras. Isto
levou á creación de revistas como Loia ou Dorna, e a constitución de colectivos e grupos poéticos
con liñas internas comúns e afíns entre eles.

1.- Estética formalista (liña estética dominante nesta década dos 80)
Teñen como vocación abordar a linguaxe poética como elemento fundamental do discurso literario,
procurando nas súas posibilidades estéticas desde un rexistro culto no que proliferan as referencias
interdisciplinares.

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958): é dramaturgo, ensaísta e promotor da editorial Espiral
Maior. A súa obra poética aparece escolmada en Trópico de lúas (1992). Trátase dunha poesía con
certa unidade temática -erotismo, vinculación á Terra, morte e soidade- e preocupación formal.

Manuel Forcadela (Tomiño, 1958): é, quizais, o autor máis representativo da estética formalista. Nos
seus versos destaca a musicalidade, a riqueza e mais o cromatismo das imaxes. Algunhas das súas
obras son Ferida acústica de río (1981), O segredo das ninfas (1985) e O varredor en outrono (1987).

Outros autores destacados son Xavier Rodríguez Baixeras, Ramiro Fonte e Román Raña.

2.- Poesía da experiencia


Fronte á tendencia culturalista e esteticista, esta nova liña está caracterizada pola presenza
dunha linguaxe máis fluída. O propósito é comunicar as experiencias íntimas e cotiás e abrirse a

126
custións sociais cunha expresión directa. Algúns dos escritores agrupados na liña formalista (Ramiro
Fonte, Xosé María Álvarez Cáccamo, Fernán-Vello…) conflúen igualmente nesta tendencia.

Para alén dos xa citados, neste grupo destacan autores como Manuel Rivas e Lois Pereiro.

Manuel Rivas (A Coruña, 1957): a identificación coa paisaxe, tanto xeográfica como humana, vai
cobrar unha dimensión social na súa poesía. Balada das praias do Oeste (1985) e Mohicania (1986)
reafírmase nesta poética, que cobrará unha expresión máis sinxela e desenfadada en títulos
posteriores. A desaparición da neve (2009) e A boca da terra (2015) son os seus dous útlimos
poemarios.

Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958 – A Coruña, 1996): Autor de dous poemarios publicados en
vida Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). No ano 2011
publicouse a súa Poesía completa.
Autor de estética moderna e rompedora, Pereiro dá mostras na súa poesía dun profundo
coñecemento da cultura e da contracultura do seu tempo.

3.- Experimentalismo
Trátase duna tendencia que arrinca na segunda metade da década dos setenta. Entre os
autores que levan a cabo esta estética están Vítor Vaqueiro, Vicente Araguas, Manuel Vilanova…

4.- Recuperación da voz feminina-feminista


Paralela á presenza do discurso feminista e á incorporación dun maior número de mulleres
poetas, xorde unha linguaxe que tenta loitar contra o denominado ‘androcentrismo’. Sitúanse neste
movemento autoras como Ana Romaní ou Xela Arias.

Xela Arias (Lugo, 1960 – Vigo, 2003). O universo íntimo en que a muller asume un papel activo para
deixar constancia da súa feminidade reflíctese na obra desta autora cunha estética vangardista
(Denuncia do equilibrio, 1986) e cunha evidente carga erótica e provocativa (Tigres coma cabalos,
1990) na que tamén teñen cabida o desamor e a soidade. O último poemario titulado Intempériome
(2003) é un exercicio poético no que a autora quere espir a súa alma, dunha forma descarnada,
sacándoa á “intemperie”.

Ana Romaní (A Coruña, 1962). O seu universo feminino está dominado pola evocación amorosa e o
paso do tempo (Palabra de mar, 1987, e Das últimas mareas, 1994). Destaca tamén unha marcada
tendencia ao poema breve ou aforístico (Arden, 1998). As súas últimas achegas son Love me tender
(2005) e Estremas (2010).

3. A década dos noventa


Seguen publicando os poetas anteriores e aparecen outros escritores novos que, sen
formaren escola, amosan unha actitude dinamizadora, tratando temas eternos de forma renovadora
(amor con vivencias íntimas e eróticas; ecoloxismo, vidas urbanas, mundos opresivos e
angustiosos...), cun uso esmerado da linguaxe (menos barroca, pero non descoidada) á procura dun
lector apaixonado e sensible. Abordan temas sociais desde sensibilidades alternativas
(antimilitarismo, feminismo, ecoloxismo...).

Nesta década aparecen novos proxectos que recompoñen o panorama poético galego: novas
coleccións de poesía (Espiral Maior, Ablativo Absoluto…), recompilacións da obra de décadas
anteriores ( antoloxías de Rompente, Manuel María, Bernardino Graña…), novos grupos poéticos

127
(Batallón Literario da Costa da Morte…), premios (Johan Carballeira, Esquío…), ademais dun crecente
interese na tradución de poetas contemporáneos.
Podemos diferenciar catro grupos definidos polas súas características temáticas:

1. A poesía de transición. Está constituído por autores que amplían a poética dos 80 optando pola
reflexión transcendente e a depuración temática.

Gonzalo Navaza (Lalín, 1957). A súa poética é emotiva e irónica (Fábrica íntima, 1991) ou
experimental no seu traballo cos palíndromos na súa obra A torre da derrotA (1992).

Miro Villar (Cee, 1965). A súa poesía é conceptual e figurativa, canalizada a través de metros clásicos
e múltiples rexistros (Ausencias pretéritas, 1992, Gameleiros, 2002…) .

Outros autores destacados son Arturo Casas, Rafa Villar e Helena de Carlos.

2. Poesía provocativa e contestataria. Esta segunda vía, liberadora e provocativa, é a que utiliza a
poesía como un elemento de contestación, desde a sinxeleza ou desde a opulencia expresiva.

M.ª Xosé Queizán (Vigo, 1939). Na súa obra pretende recuperar un discurso feminino liberador, con
novos imaxinarios amorosos. A súa obra está compilada no volume Non o abras como unha flor
(2004).

Chus Pato (Ourense, 1955). Constrúe un discurso poético caracterizado polo compromiso ideolóxico
explícito: nacionalismo, marxismo e conciencia de xénero. Algunhas das úas obras son A ponte das
poldras (1996) ou Carne de Leviatán (2013).

Outras autoras e autores destacados deste grupo serían Lupe Gómez, Yolanda Castaño, Olga Novo e
Carlos Negro.

3. Poesía do íntimo e cotián. Este grupo pretende recuperar a memoria, ficcionalizar os referentes
cotiáns ou reflexionar sobre a propia entidade.

Fran Alonso (Vigo, 1963). Utiliza os recursos da fala oral e mestúraos con diferentes estruturas
xenéricas para expresar mundos urbanos. Algunhas das súas obras son Tortillas para os obreiros
(1996), Cidades (1977) ou Poetízate. Antoloxía da poesía galega (2006).

Enma Couceiro (Cospeito, 1977). Bota man das claves simbólicas para internarse na reflexión sobre
o seu mundo interior. Algunhas das súas obras son Humidosas (1997) ou As entrañas horas (1998).

Outros autores destacados son Anxo Angueira ou Estevo Creus.

4. Outras liñas

Existe un número ben amplo de autores e autoras moi diversos/as, que non resulta doado agrupar.
Podemos destacar as figuras de María do Cebreiro, Lucía Novas, Enma Pedreira, María Lado, Lucía
Aldao, Gonzalo Hermo...

128

You might also like