You are on page 1of 3

TEMA 9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.

Cando se produciu o alzamento militar contra a República comezou a represión brutal: xuízos sumarísimos,
paseos, depuracións… Como consecuencia, unha boa parte dos intelectuais galegos víronse obrigados á
diáspora e o centro da actividade literaria galega trasládase a México e Bos Aires. Nestes lugares, comezan
a se publicar revistas, libros e reimpresións para establecer a continuidade dunha cultura ameazada.

Algúns optaron pola fuxida cara a Portugal e outros, pola resistencia armada: a guerrilla. Durante a guerra,
os fuxidos perseguían a supervivencia. Despois (ata o 1950), convértese nunha auténtica resistencia ao
franquismo, organizándose en grupos dirixidos por militantes comunistas (coa esperanza de que a derrota
do nazismo supuxese a fin do Réxime). Aparecen xefes guerrilleiros moi populares e carismáticos. O PCE
retíralles a axuda a partir do 53 e o último guerrilleiro morre no 65.

O galeguismo político foi marxinado e perseguido pola ditadura. O Partido Galeguista mantivo actividade
nos 40 con Ramón Piñeiro como enlace interno e co exterior e, da súa man, desapareceu no 1950 para dar
paso ao galeguismo cultural de Galaxia. Tamén no exilio mantivo a súa presenza a través do Consello de
Galiza (1944) especie de goberno galego, presidido por Castelao.

Nos anos 40 a cultura galega mantívose unicamente fóra de Galiza cos EXILIADOS, que se estableceron
onde xa había bases de emigrados: Bos Aires, Montevideo e México. Eles continuarán a produción cultural
galega (editoriais, radio, revistas, teatro…). De 1940 a 1944 publícanse en América 18 libros en galego e
varios en castelán sobre a nosa cultura, aquí ningún. No exilio vanse publicar as obras que en Galicia non
podían ver a luz.

De entre todos os autores que desenvolveron a súa actividade no exilio podemos destacar os poetas Emilio
Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela e os narradores Ramón Valenzuela e Silvio Santiago. Neste período
publícanse A esmorga (Bos Aires, 1959) de Eduardo Blanco Amor e Memorias dun neno labrego (Bos
Aires, 1961) de Neira Vilas.

No ámbito teatral, temos que destacar a estrea en Bos Aires da obra de Castelao Os vellos non deben de
namorarse (1941) e o labor de Blanco Amor. Tamén debemos salientar a Varela Buxán, autor e director de
numerosas obras.

Dos anos no exilio datan tamén os ensaios de Castelao Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944) e As cruces de
pedra na Galiza (1950).

A poesía

A poesía da primeira etapa do exilio está marcada pola esperanza do regreso e caracterizada polo ton de
denuncia, nunha liña que anticipa o socialrealismo. Os temas son a emigración e o exilio.
Posteriormente, aparece a nostalxia pola patria perdida, cun compoñente mitificador a partir da
rememorización e idealización das lembranzas do pasado, propias do mundo dos exiliados, e da
reivindicación do pasado histórico de Galicia. Agora, a memoria é o eixo dunha poesía na que non deixa
de estar presente o drama do eterno regreso. Continúa tamén a denuncia de claro signo civil, difícil de levar
a cabo na propia Galicia.

Autores:

Emilio Pita. (A Coruña, 1909 - Bos Aires, 1981).


Naceu na Coruña en 1909 e emigrou de neno a Arxentina.
A primeira obra publicada no exilio foi o libro de poemas titulado Jacobusland (1942), libro que pon de
relevo a traxedia da Guerra Civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega .
122
Posteriormente publicará outros poemarios Cantigas de nenos (1944) e o máis salientable O ronsel verdegal
(1964). Pode considerarse como un antecedente da poesía comprometida, sen desbotar por iso a súa
preocupación por manter os valores poéticos.

Luís Seoane. (Bos Aires, 1910 - A Coruña, 1979).


Fillo de emigrantes, naceu en Buenos Aires en 1910 pero veu de neno a Galicia. Militante do Partido
Galeguista, no 1936 exiliouse en Buenos Aires sendo un dos iniciadores do movemento cultural galego
nesta cidade. Regresou á Coruña en 1963 e funda con Isaac díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia.
Foi un home polifacético, ademais de escritor foi xornalista, crítico de arte e literatura e o máis completo
artista plástico da Galicia da época.
A súa obra poética iníciase en 1952 coa publicación de Fardel de eisiliado, na que amosa unha visión moi
persoal da epopea anónima da emigración galega, nunha liña crítica e combativa, herdeira da poesía cívica
de Curros e que terá continuidade con Celso Emilio Ferreiro. Posteriormente publicará Na brétema, Sant-
Iago (1956), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). Tres son os eixos fundamentais da súa
poesía: o socio-político, o histórico-cultural e o reflexo do mundo artístico.

Lorenzo Varela. (A Habana, 1917 - Madrid, 1978).


Fillo de emigrantes galegos, naceu na Habana en 1917. Veu para Galiza a cursar os seus estudos e, ao
rematar a Guerra Civil, exiliouse en México. Posteriormente, marcha a Bos Aires e inicia a súa produción
poética.
En 1944 publica Catro poemas para catro gravados, son poemas que enxalzan as figuras de María Pita
e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; Roi Xordo, dirixente fidalgo na guerra do Irmandiños
( s.XV); o bispo Ataúlfo; e María Balteira (soldadeira referida no cancioneiro medieval galego-portugués
de escarnio e maldicir). Estas composicións figuran no álbum de gravados de Luís Seoane, coñecido co
título de María Pita e tres retratos medievais.
A súa obra máis importante é Lonxe (1954), libro que, ilustrado por Luís Seoane, está dominado pola
anguria do desterro, tinguido pola visión case onírica da lonxanía de Galicia. A poesía deste autor é cívica
e ateigada de lirismo.

A Narrativa

Na novela predomina o relato realista, no que sobresae a acción, a desacougante aventura persoal da guerra
e da fuxida de España. Son, pois, novelas escritas para contar a experiencia dos seus autores na guerra e
no exilio, unha especie de memorias da represión dos anos da contenda e da fuxida daquela dramática
situación, non esquezamos que están contadas desde o bando republicano, o dos perdedores. Ao mesmo
tempo, coma na poesía, está presente a nostalxia pola terra de orixe, á que idealizan.

Autores:

- Ramón Valenzuela. (A Bandeira, 1914 - Sanxenxo, 1980)


Formou parte do Partido Galeguista e despois da Guerra Civil exiliouse en Buenos Aires, onde colaborou
en Galicia emigrante con narracións que máis tarde reuniría no libro O naranxo (1974).
En 1957 publica a novela Non agardei por ninguén. A acción desenvólvese nos anos da guerra civil. Esta
temática continúase en Era tempo de apandar, ambientada na posguerra. Ambas as dúas novelas constitúen
un documento narrativo desta época e teñen moito de autobiográficas.

- Silvio Santiago. ( Vilardevós, 1903- Santiago de Compostela 1974).


Foxe a Portugal a raíz da guerra, e vive clandestinamente ata que consegue chegar a Venezuela.

123
Escribiu no exilio caraqueño unha novela que publica ao seu regreso a Galicia en 1961 Vilardevós. Escrita
con sinxeleza técnica e con intención crítica social, é unha pintura dos costumes populares valéndose das
súas lembranzas de neno e mozo no medio rural. Postumamente publicouse O silencio redimido (1976),
novela autobiográfica na que relata a época da súa condena, fuxida e desterro.

- Blanco Amor. (Ourense, 1900- Vigo, 1979)

De formación intelectual autodidacta, aos vinte e un anos emigra a Bos aires, incorporándose na capital
arxentina ao movemento cultural galeguista. Colabora co xornal La Nación e como correspondente deste
xornal viaxa a España (1928 e 1933), cousa que aproveita para contactar cos homes da xeración Nós e cos
escritores españois da xeración do 27, en especial con García Lorca e Alberti. De regreso a Arxentina (1935)
defende na prensa a causa republicana durante a Guerra Civil española. A súa actividade literaria vai ir
parella ao seu labor cultural na comunidade galega exiliada e emigrada. Antes do seu regreso definitivo a
Galiza, en 1962, foi profesor eventual en Universidades de Uruguai e Chile.

Blanco Amor vai publicar en Bos Aires A esmorga (1959), novela considerada como o punto de arranque
da moderna narrativa galega. Os protagonistas son obreiros non cualificados e pertencentes ao mundo da
marxinación. Os ambientes son urbanos e suburbiais. A violencia, tanto persoal (autodestrutiva,) como
institucional é unha constante na obra.

O teatro
O teatro popular galego no exilio pretende manter viva a tradición e o conxunto de costumes e crenzas que
configuran o patrimonio cultural do pobo. Pero hai tamén un teatro culto que pretende transmitir a
existencia dunha Galicia libre de sometementos alleos, rescatando a memoria histórica deste país do
esquecemento.
1-. O teatro popular

Manuel Varela Buxán (A Estrada,1909 – Lalín 1986)


Emigrou a Arxentina e alí formouse dun xeito autodidáctico, en contacto coas obras de Villar Ponte e
Castelao. Fundou a compañía de teatro Maruxa Villanueva coa que estreará varias das súas obras: Se o
sei... non volvo á casa, A xustiza dun muiñeiro, O ferreiro de Santán... e mais da obra teatral de Castelao
Os vellos non deben de namorarse (1941).
En 1950 volve a Galicia. Desde aquela publicáronse tres tomos do seu teatro: O ferreiro de Santán e
Taberna sen dono (1975), O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos (1981). É o
seu un teatro directo, popular, de intención social, de liña cómica e sentimental, encadrado nun ambiente
rural.

2-. O teatro culto.


Diferénciase do teatro popular en que incorpora a estética e as técnicas dramáticas máis modernas da
época, con intención de dotar o noso teatro de categoría e calidade de valor universal. Se o teatro popular
apelaba aos afectos e sentimentos para espertar a conciencia galeguista, este chamado “culto” apelará á
razón e ao intelecto.
Hai que citar aquí a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Outros autores que cultivaron o
xénero dramático foron Luís Seoane (A soldadeira (1956)); e Isaac Díaz Pardo, autor de Midas e O ángulo
de pedra (Bos Aires, 1957).
Tamén hai que sinalar o importante labor realizado na diáspora por Blanco Amor a prol do teatro galego,
mesmo chegando a fundar en 1957 a compañía de Teatro Popular Galego de Bos Aires, que se estreou coa posta
en escena da obra del mesmo O cantar dos cantares ou Galicia (1948), obra na que o autor deseña a situación
cultural e social da Galiza de posguerra. Escribiu numerosas pezas teatrais que foron recollidas nos volumes
publicados xa en Galiza: Farsas para títeres (1973) e Teatro para a xente (1974).

124

You might also like