You are on page 1of 24

PREGUNTAS

TEÓRICAS

DAS

ABAU

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


1. O NEOLÍTICO: CARACTERÍSTICAS E CAMBIOS CON RESPECTO Á
ÉPOCA PALEOLÍTICA (cambios económicos, sociais e culturais)
O proceso de hominización na Península Ibérica ten como principal fonte
de información os achados do xacemento de Atapuerca, en Burgos. Aquí
atopáronse restos do chamado Homo Antecesor, de hai 1,2 millóns de anos.
Segundo as investigacións actuais, serían os primeiros homínidos colonizadores
do continente europeo, antes dos neanderthal e dos sapiens.
O primeiro período da Prehistoria coñécese co nome de Paleolítico ('pedra
vella'). A vida dos primeiros homínidos centrábase na caza e na recolección de
alimentos (predadores). Fabricaban útiles de pedra mediante a técnica do tallado,
como machados, coitelos, puntas, etc. Eran nómades, vivindo en pequenos
grupos cunha forte cohesión social. Xa contaban cunha cultura propia, que ten
como expresión máis destacada a arte rupestre, sobre todo as pinturas, datadas
entre o 20.000 e o 10.000 a.C. Na zona cantábrica atopamos a maioría dos
xacementos con restos pictóricos, entre os que sobresaen as covas de Altamira,
Tito Bustillo ou o Monte del Castillo.
En Galicia atopáronse restos de Neanderthais e Sapiens na Cova de Eirós
(Triacastela) datados hai uns 300.000 anos. Na mesma cova atopáronse tamén
restos de pintura rupestre. Outro xacemento importante é o das Gándaras de
Budiño, preto de Porriño, co achado de moitos útiles tallados en cuarcita.
Arredor do 6000 a.C. detéctanse na costa mediterránea cambios que
amosan o paso ao período coñecido como Neolítico ('pedra nova'). Coa
revolución neolítica os homes e mulleres da época comezan a cultivar os
alimentos, domesticar algúns animais, e constrúen os primeiros poboados
estables. É dicir, xorden a agricultura e a gandería, e fanse sedentarios. Comeza
a haber unha división do traballo, unha especialización segundo as capacidades,
e a propiedade privada. Tamén se desenvolven importantes avances técnicos:
útiles de pedra puída, cerámica, muíños de gran, fouces, tecidos...
Desde o punto de vista cultural atopamos os primeiros enterramentos
permanentes, en foxas ou, despois, nos monumentos megalíticos. Aínda eran
tumbas colectivas de cada comunidade, o que fai pensar en sociedades sen unha
marcada estratificación social. En Galicia calcúlase que hai unhas 3.000 mámoas
(túmulos de terra que cobren un dolmen ou anta), datadas entre o 3500 e o 1800
a.C.
A pintura do Neolítico é esquemática e monocromática. Aparece a figura
humana e escenas que reflicten aspectos da vida cotiá. Destaca a arte rupestre
levantina (6000-2000 a.C.).
O final do Neolítico sinálase cando aparecen vestixios da metalurxia. O
primeiro metal foi o cobre, usado para adornos e utensilios, e este novo período
os historiadores chamáronlle Calcolítico ou Idade do Cobre (3500-2200)

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


2. OS POBOS PRERROMANOS DA PENÍNSULA IBÉRICA (pobos do
sur e de levante, meseteños e do occidente peninsular)
Coñécense como prerromanos os pobos que vivían na Península Ibérica cando
chegaron os romanos. Diferéncianse tres conxuntos culturais: os iberos na costa
mediterránea, os celtas e celtiberos no centro, e a cultura castrexa no noroeste.
Convivían na Península Ibérica pobos autóctonos e pobos colonizadores. Do
centro de Europa chegaron pobos indoeuropeos e celtas en distintas vagas desde
o 1100 a.C. Desde o Mediterráneo oriental chegaron os fenicios e os gregos. Os
fenicios (s. VII e VI a.C.) fundaron pequenas colonias no litoral andaluz, como
Gadir (Cádiz). O seu principal interese era o comercio de metais (prata, chumbo,
estaño). Os gregos (s. VI-V a.C.) tamén fundaron colonias comerciais, sendo a
principal Emporion (Ampuries).
No val do Guadalquivir formouse no s. VIII a. C. o próspero reino de Tartessos,
baseado na minería e no comercio coas colonias fenicias. Os tesouros e os
primeiros asentamentos urbanos da Península, manifestan o desenvolvemento da
cultura tartésica. Porén, desapareceu no s. VI.
Cartago, colonia fenicia na actual Tunisia, desde o s. VI creou seu propio imperio.
Os cartaxineses, ou púnicos, fundaron colonias como Ebussus (hoxe Eivisa) ou
Cart-Hadath (Cartagena), e enfrontáronse aos romanos en varias guerras, sendo
finalmente derrotados.
Os pobos colonizadores introduciron novas técnicas (torno, salgadura...), novos
cultivos (oliveira, vide), e o alfabeto, e cambios socioeconómicos (urbanización,
maior estratificación social, aumento do comercio, uso da moeda...).
O conxunto de pobos iberos constitúe unha cultura común, froito das relacións
entre os indíxenas e os colonizadores. Desenvolveuse a partir do s. VI a.C. na
costa mediterránea e no val do río Ebro. A súa economía baseábase na
agricultura e no comercio, usaban a moeda e a escritura, e a sociedade estaba
moi xerarquizada, co rei e a aristocracia á cabeza. Vivían en poboados
amurallados e nas tumbas atopáronse esculturas tan fermosas como a Dama de
Elxe.
No interior da Península habitaban distintos pobos independentes que formaban a
cultura celta ou celtibera (nas zonas próximas aos iberos). Vivían en poboados
fortemente amurallados, adicábanse á agricultura e a gandería e eran moi hábiles
traballando o ferro e na ourivería. Non tiñan escritura.
No noroeste desenvolveuse a cultura castrexa como resultado das influencias
externas, celtas na maioría, sobre os indíxenas. O seu elemento máis
característico era o castro, poboado defendido por fortificacións, con vivendas de
planta redondeada, e situados en outeiros ou zonas fáciles de defender. Esta
cultura estendeuse ata o Douro e ao Sella, desde o s. VIII a.C. ata o I d.C. Coa
conquista romana transformouse na cultura galaicorromana.
Os poboados castrexos eran independentes. Adicábanse á gandería e á
agricultura, pero tamén tiña moita importancia a metalurxia, con magníficas pezas
de ourivería. Había unha estratificación social e política, e a guerra tiña unha
presenza importante.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


IES Eduardo Pondal, curso 2021-22
3. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DA PENÍNSULA IBÉRICA (etapas da
conquista, elementos de romanización: organización político-administrativa
do territorio, lingua e cultura, obras públicas)
A romanización é o proceso polo cal os pobos que vivían na Península Ibérica
adoptaron a cultura, as institucións e as relacións sociais introducidas polos
conquistadores romanos. A romanización foi máis intensa no litoral levantino, e
nos vales do Ebro e do Guadalquivir. No norte, sobre todo entre os vascóns,
perduraron as formas de vida anteriores.
A conquista iniciouse no 218 a.C., coma un episodio máis da II Guerra Púnica
entre Roma e Cartago, e desenvolveuse en tres etapas:
1. (218-206 a.C.) Vitoria sobre os cartaxineses e ocupación do litoral
mediterráneo.
2. (197-133 a.C.) Conquista da Meseta central, con fortes
enfrontamentos cos lusitanos e celtiberos (Numancia, 133).
3. (29-19 a.C.) Guerras Cántabras, nas que participou directamente o
emperador Augusto, conquistando o noroeste.
Os romanos chamáronlle Hispania á Península e dividírona en provincias, cuxo
número variou co tempo. Por debaixo da provincia o territorio dividíase en
conventus (unidades xudiciais, para o recrutamento de tropas, e para o cobro de
impostos). Por debaixo estaban as civitas, motor da romanización. Seguían o
modelo urbanístico romano (Tarraco, Emérita Augusta, etc.), estando formadas
por un núcleo urbano e o territorio próximo.
No campo introduciron novas técnicas, coma o barbeito e o arado, e intensificaron
o cultivo da triloxía mediterránea: trigo, oliveira e vide. Tamén desenvolveron o
comercio e artesanía, sendo un dos principais produtos exportados o garum,
salsa de peixe moi apreciada. Tivo tamén moita importancia a minería, a do ouro
no noroeste, a prata en Sierra Morena ou o chumbo en Cartagena.
A sociedade estratificouse ao modo romano. Arriba as ordes superiores, a
aristocracia latifundista; no medio a plebe urbana e rural de artesáns e
campesiños libres; e na parte baixa da pirámide os grupos dependentes, cun
elevado número de escravos.
Ademais das citadas arriba, as principais achegas romanas foron o comercio, o
ordenamento xurídico (Dereito Romano), a lingua (o latín), o urbanismo e a
arquitectura (acuedutos, calzadas, pontes...), e a relixión imperial (o cristianismo a
finais do Imperio).
- Os romanos deron o nome de Gallaecia á provincia constituída no 297. A cultura
castrexa transformouse na cultura galaicorromana. Algúns castros seguiron
habitados, e a carón deles naceron as cidades (como Lucus Augusti, coa muralla
do s. III), e no campo as vilas (explotacións agrarias) e vicus (aldeas). O máis
ambicionado eran as riquezas mineiras: ouro, prata, estaño... Destas explotacións
quedan restos como As Médulas (técnica da ruina montium) ou Monte Furado
(desvío do Sil). Tamén construíron obras públicas, como as vías, pontes, ou faros,
como a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo en funcionamento.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


4. A MONARQUÍA VISIGODA: ORGANIZACIÓN POLÍTICA
No ano 409 os pobos xermanos, suevos, vándalos e alanos, entraron na
Península Ibérica como aliados (foedus) do Imperio Romano. Pero adicáronse a
saquear o territorio. Para controlalos, os romanos recorreron a outro pobo
bárbaro, os visigodos. Entre o 415 e o 418, as tropas visigodas entraron en
Hispania. Derrotaron aos vándalos e alanos e acantoaron aos suevos na
Gallaecia.
Os suevos crearon un reino na Gallaecia, que tiña como capital Bracara
Augusta, e conseguiron perdurar ata o 585, cando o rei visigodo Leovigildo o
conquistou, anexionando o territorio ao reino visigodo.
No ano 476 desapareceu o Imperio Romano de Occidente, e os visigodos
quedaron como donos exclusivos de Hispania. Despois de seren derrotados polos
francos no 507, entraron masivamente na Península (uns 100.000 fronte a uns 4
millóns de hispanorromanos), e fixeron de Toledo a súa capital.
Houbo moitas zonas do territorio que non puideron ser controladas polos
visigodos, e permaneceron autónomas, sobre todo no caso dos vascóns.
Produciuse unha progresiva fusión entre os godos e os hispanos. Os visigodos,
que profesaban o arianismo, convertéronse ao catolicismo con Recaredo no 589.
O reino visigodo caracterizouse polas constantes liortas entre a aristocracia
dominante. O rei era elixido pola nobreza (e tamén polos bispos despois da
conversión), e non contaba con medios para gobernar e imporse ao gran poder
dos nobres.
O rei estaba asesorado polo Officium, formado por uns poucos nobres, e
tamén contaba coa Aula Regia, que o aconsellaba en asuntos políticos e
xudiciais. As leis, de tradición romana, recolléronse no Liber Iudicum (654), e
tamén tiñan carácter de lei os acordos dos Concilios de Toledo. O conxunto do
territorio estaba dividido en unidades administrativas, á fronte das cales estaba un
dux, herdeiras das provincias romanas.
No s. VII, a nobreza visigoda dividiuse en dous grupos que se enfrontaron
polo trono. Esta guerra civil favoreceu a conquista por parte dos musulmáns
iniciada o 711.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


BLOQUE 2. HISTORIA MEDIEVAL
OS MUSULMÁNS NA PENÍNSULA IBÉRICA (etapas políticas e realidade
socio-económica)
Al-Andalus foi o nome que lle deron os musulmáns ás terras que ocuparon na
Península Ibérica entre o 711 e o 1492.
A ocupación militar foi rápida, debido á división existente entre os nobres
visigodos. Cruzaron o estreito chamados por un dos bandos que se disputaban a
coroa visigoda. As tropas berberes, dirixidas por Tariq, venceron ao exército do rei
Rodrigo na batalla de Guadalete (711). Houbo poucas batallas, xa que a maioría
da nobreza preferíu capitular e pactar a súa rendición, a cambio do pago de
impostos.
Al-Andalus durante as primeiras décadas foi un emirato dependente do Califato
de Damasco, con capital en Córdoba. No 756, a chegada de Abd al-Rahman I,
omeia fuxido de Damasco, deu paso ao emirato independente. No 929 iniciouse
o Califato de Córdoba, con Abd al-Rahman III, con independencia política e
relixiosa. Esta foi a etapa de maior esplendor. A finais do s. X., o caudillo militar
al-Mansur (Almanzor) realizou numerosas campañas (razzias) contra os
territorios cristiáns, chegando a destruír cidades como Santiago ou Barcelona.
En Al-Andalus houbo unha gran diversidade social. Os musulmáns ocupantes
estaban divididos en árabes, donos das mellores terras, e berberes , coas terras
peores, rebelándose no 740. A maioría da poboación hispanovisigoda aceptou o
novo poder e converteuse ao islam (muladís). Outros mantiveron a súa fé
cristián, pagando fortes impostos (mozárabes), co tempo foron emigrando cara
os reinos cristiáns. Tamén existía unha importante comunidade de xudeus. Na
base da pirámide social, os escravos, formaban parte do exército ou do servizo
doméstico das casas nobres.
As cidades eran os centros económicos e políticos. Córdoba chegou a ter 100.000
habitantes, a cidade máis grande de todo Occidente. A economía medrou moito,
baseada no comercio, na artesanía e nas melloras agrarias, sobre todo no
regadío e introducindo novos cultivos como a laranxeira ou o arroz.
No ano 1031 desapareceu o Califato, debido ao estalido da guerra civil. O
territorio dividiuse en pequenos reinos independentes, chamados taifas, que
pagaban parias (un tributo anual) aos reinos cristiáns para conseguir a súa
protección.
A caída de Toledo a mans dos cristiáns, en 1085, provocou a chegada dos
almorábides. Estes frearon o avance cristián ata 1145, cando novos conflitos
internos puxéronse fin a seu imperio. Abriuse un novo período de taifas ata a
chegada, tamén desde o norte de África, dos almohades. O dominio almohade
rematou coa súa derrota na batalla das Navas de Tolosa (1212). O territorio
musulmán volveu a fragmentarse, o que favoreceu o avance dos reinos cristiáns.
No s. XIII a presenza musulmá quedou limitada ao reino nazarí de Granada, ata
que en 1492 foi conquistado polos Reis Católicos.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


IES Eduardo Pondal, curso 2021-22
RECONQUISTA E REPOBOACIÓN (etapas da reconquista, modelos de
repoboación).
Nas zonas montañosas do norte peninsular, non ocupadas polos musulmáns,
foron xurdindo núcleos cristiáns. A tradición considera a Batalla de Covadonga
(722?), en Asturias, o inicio "Reconquista", nome que recibiu o proceso de
expansión dos reinos cristiáns cara o sur, que foi paralelo á repoboación.
Na zona oriental os musulmáns controlaban o val do Ebro, e os núcleos de
resistencia cristián xurdiron nos Pireneos, dominados polos francos. A Marca
Hispánica estaba formada por unha sucesión de condados entre Pamplona e
Barcelona, independentes desde o s. IX.
Na zona occidental creouse o reino de Asturias, que no s. VIII expulsou aos
musulmáns do val do Duero, trasladando á poboación cristiá cara o norte,
creando unha 'terra de ninguén', fronteira entre musulmáns e cristiáns. No ano
813 'descubriuse' o sepulcro do apóstolo Santiago, convertido en patrón da
Reconquista. Repoboáronse os vales do Douro e do Miño, sobre todo con
mozárabes, e trasladouse a capital de Oviedo a León. As diferenzas entre os
territorios fixo que se constituíran temporalmente os reinos de León e Galicia e
na zona leste, con moitos castelos, o condado de Castilla, reino no 1065. Arredor
de Braga creouse o condado de Portugal, despois reino independente (1139)
A Coroa de Aragón formouse cos condados cataláns e aragoneses (1137) pero
conservando cada un deles as súas propias leis e institucións. O reino de
Pamplona comezou a denominarse reino de Navarra. A debilidade das taifas foi
aproveitada para ocupar os vales do Tajo e do Ebro.
A vitoria cristiá nas Navas de Tolosa (1212) abriu unha nova etapa de expansión.
No 1230 produciuse a unión definitiva dos reinos de Castela e León, creándose a
Coroa de Castela, que ocuparía Andalucía occidental. A conquista de Mallorca e
Valencia pola Coroa de Aragón anunciaba as futuras conquistas no Mediterráneo.
O reino nazarí de Granada foi o derradeiro enclave islámico, ata 1492.
A conquista militar foi acompañada da ocupación do territorio pola poboación
cristiá. Os reis promoveron as repoboacións coas cartas de poboamento e as
cartas forais, que concedían determinados privilexios, outorgando terras,
librando de impostos, etc.
Nun principio dominou a repoboación libre (aprisio na Marca Hispánica, presura
no val do Duero) pola que aquel que roturase unha parcela obtiña a propiedade
co permiso do rei. No sur do Douro (séculos XI-XII) as terras foron repartidas polo
concellos entre campesiños libres. No val do Ebro formáronse grandes dominios
nobiliarios traballados por mudéxares (musulmáns en territorio cristiá).
A partir do século XIII cedéronse terras aos participantes na conquista
(repartimentos) de acordo coa súa categoría social e militar. Por último, nos
vales do Tajo e do Guadiana as ordes militares conseguiron extensos terreos.
Formáronse os grandes latifundios que perduran na actualidade.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


IES Eduardo Pondal, curso 2021-22
O RÉXIME FEUDAL E A SOCIEDADE ESTAMENTAL
O sistema económico, social e político da Europa medieval denomínase
feudalismo. A base do sistema estaba no feudo, o territorio baixo control dun
señor, nobre ou eclesiástico. O feudalismo estendeuse pola Península Ibérica
desde a zona de influencia franca (Marca Hispánica). A orixe atópase en que os
monarcas outorgaron territorios á nobreza a cambio de apoio político e militar.
O señor feudal tiña autoridade sobre os campesiños (servos) aos que lles cedían
terras, mansos, a cambio dunha renda. O réxime baseábase en relacións de
dependencia: os campesiños eran vasalos do señor feudal que á súa vez era
vasalo do rei. A Igrexa tamén se integrou neste sistema mediante as doazóns
reais aos membros do clero: mosteiros, bispados ou ordes militares.
Ao longo da Idade Media a nobreza foi reforzando o seu poder, cunha monarquía
cada vez máis dependente. O rei era soberano, tiña o poder supremo concedido
por Deus, pero non tiña o poder absoluto, xa que debía respectar os privilexios
forais, dos territorios, como no caso dos señoríos vascos, ou dos nobres, como no
caso aragonés, onde o pactismo limitaba o poder real someténdoo ás Cortes.
Foise configurando un réxime señorial, polo cal o rei debía compartir con nobres
e eclesiásticos a capacidade de mandar e xulgar os habitantes do reino. As terras
onde os señores exercían xustiza e cobraban impostos eran os señoríos. Estes
podían ser de reguengo (cando dependían directamente do rei) ou da nobreza
laica ou eclesiástica.
A sociedade medieval estaba dividida en estamentos, grupos sociais pechados
marcados polo nacemento ou función que desenvolvían. Dous deles eran
privilexiados, a nobreza e o clero. Aínda que dentro deles existían diferenzas
baseaban o seu poder na posesión de terras (protexida polo morgado), a
exención de impostos (a Igrexa cobraba ademais o décimo aos campesiños) e a
xustiza exclusiva. Xustificaban a súa posición de dominio na dedicación ás armas
(defensa da sociedade) ou á oración (pola salvación da sociedade)
A maioría da sociedade formábana os membros do estamento non privilexiado: o
pobo raso ou xente do común. Os máis numerosos eran os campesiños, case
todos sometidos á servidume feudal. Esta relación de dependencia coñécese co
nome de encomenda. A cambio de protección, os pequenos agricultores
encomendaban a súa familia e os seus bens a un señor, entregándolle as terras e
pagándolle unha renda. Tamén non privilexiados eran os artesáns e os
burgueses, que foron aumentando a súa importancia co crecemento das cidades
e do comercio.
Existían tamén minorías relixiosas: os xudeus e os mudéxares. Os xudeus nas
épocas de crise sufriron persecucións e matanzas. Xudeus e mudéxares
(musulmáns que vivían en territorio cristián) vivían en barrios separados
(xuderías, mourerías).

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


AS CRISES BAIXOMEDIEVAIS (crises demográficas, problemas sociais, o
caso galego: as revoltas irmandiñas do século xv).
Despois da expansión económica dos séculos XII e XII, o século XIV foi un século
de fonda crise en toda Europa. Produciuse en todos os reinos europeos un forte
descenso da poboación polo aumento da mortalidade catastrófica debido ás
fames e as epidemias de peste. Estas crises demográficas tiveron o seu momento
culminante en 1348 coa Peste Negra, que afectou especialmente a Cataluña e
provocou tamén a perda dun cuarto da poboación castelá no século XIV.
A crise demográfica provocou un descenso do número de campesiños e o
abandono de explotacións. Como consecuencia, os señores feudais viron minguar
as súas rendas polo que confiscaron terras e impuxeron novos impostos (malos
usos). Isto causou un forte descontento no campesiñado, que acabou por facer
levantamentos contra a nobreza. Son exemplos destas revoltas os remensas
cataláns que loitaron contra o réxime señorial e os malos usos, e os irmandiños
galegos.
En Galicia os abusos señoriais afectaron tanto ao rural como ao ámbito urbano e
deron lugar ás dúas guerras irmandiñas. As irmandades eran asociacións de
persoas, grupos ou concellos unidas por un xuramento de fraternidade e de axuda
mutua, e foron permitidas polos reis. Os irmandiños pretendían frear os abusos
dos señores.
A primeira guerra irmandiña, a fusquenlla (1431) foi dirixida por Roi Xordo nas
comarcas de Pontedeume e Betanzos, que padecían os malos usos do Conde de
Andrade, que acabaría por controlar a situación. A segunda, ou Gran Guerra
Irmandiña (1467-69) tivo maior entidade ao afectar a toda Galicia e contou cun
carácter de guerra civil. Organizados na chamada Santa Irmandade, campesiños,
burgueses e fidalgos erguéronse contra a nobreza. Asaltaron e destruíron máis de
cen fortalezas nobiliarias obrigando a fuxir aos principais señores feudais.
Inicialmente os irmandiños impuxeron as súas demandas, pero os nobres
reorganizáronse, e iniciaron desde Portugal unha campaña militar que lles
permitiu recuperar os seus feudos, e someter aos campesiños cunha forte
represión.
Nas cidades, que tamén sufrían o colapso do comercio, orixináronse episodios
violentos como ataques ás xudarías (progroms) ou revoltas urbanas (Mallorca,
Busca e Biga en Barcelona). Os xudeus foron acusados de ser responsables de
todos os males, e moitos deles para salvar as súas vidas fixéronse cristiáns
(conversos), pero seguían practicando o xudaísmo ás agachadas.
Por último, outra manifestación da crise baixomedieval foi que durante os séculos
XIV e XV houbo enfrontamentos entre a monarquía, que buscaba impoñer a súa
autoridade, e os estamentos privilexiados, que se negaban a renunciar ao seu
poder, como mostran as guerras civís en Castela, Navarra e Cataluña.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


PREGUNTAS BLOQUE 3: s. XVI-XVII
9. A NOVA MONARQUÍA DOS RR.CC. (unión dinástica, reorganización
político administrativa).
O camiño cara a unidade territorial de España iniciouse cos chamados Reis
Católicos (título honorífico que lle concedeu o Papa en 1496), que construíron un
monarquía moderna e poderososa. Un Estado moderno, máis autoritario e
centralizado que o feudal.
En 1469 casaron Isabel e Fernando, príncipes de Castela e Aragón. Isabel I de
Castela, Trastámara, acadou o trono en 1474 trala vitoria na guerra civil sobre a
súa sobriña Xoana “a Beltraneja", filla de Enrique IV, apoiada por Portugal. En
1479 Fernando herdou o trono da Coroa de Aragón. A unión dinástica non
supuxo a unión dos territorios. Cada unha das Coroas mantivo as súas leis
e institucións propias.
Os RR.CC. acometeron unha fonda reforma administrativa e política. Estas
reformas estaban orientadas a fortalecer o poder dos monarcas fronte ó da
nobreza, apoiándose nas cidades. A nobreza perdeu gran parte do poder feudal,
pero seguiu mantendo o seu poder económico e xurisdicional. Os RR CC tamén
procuraron controlar á Igrexa, intervindo no nomeamento de bispos e abades.
Entre as reformas destacan a consolidación da figura do corrixidor como
representante do poder real nas cidades casteláns. Reforzaron o papel dos
consellos. O Consello Real (despois Consello de Castela) converteuse no
principal asesor dos reis. Crearon outros consellos, como o da Inquisición, o das
Ordes Militares ou o de Aragón.
Formouse un sistema xudicial centralizado coa creación das Chancelerías
(Valladolid e Granada) e Audiencias (Galicia e Sevilla). No 1478 crearon o
Tribunal da Santa Inquisición encargado de vixiar o cumprimento dos dogmas
cristiáns. Perseguiu, sobre todo, a herexes e falsos conversos. Era o 'encargado'
de velar pola unidade relixiosa, imposta tras a conquista do Reino Nazarí de
Granada e a expulsión dos xudeus en 1492. Os que optaron pola conversión
(cristiáns novos ou conversos) foron discriminados e perseguidos polos
chamados cristiáns vellos (pureza de sangue).
En Galicia impuxeron unha serie de medidas para someter á nobres e
eclesiásticos: Creación do cargo de Gobernador e da Real Audiencia de Galicia;
derrubo das fortalezas dos nobres díscolos, execución do rebelde Pardo de Cela
en Mondoñedo (1483); reforma dos mosteiros, eliminando a súa autonomía, e
substituíndo os abades galegos por outros casteláns.
Os RR CC ampliaron moito os territorios das dúas coroas: conquista de Granada
e Canarias; conquista de América; expansión aragonesa polo Mediterráneo coa
incorporación do reino de Nápoles. En 1515, as Cortes de Castela declararon a
anexión do Reino de Navarra, conservando o seus foros e institucións propias.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


IES Eduardo Pondal, curso 2021-22
10. A CONFIGURACIÓN DO IMPERIO ESPAÑOL NO SÉCULO XVI (a herdanza
de Carlos I, os cambios en tempos de Felipe II: rebelión de Flandres,
incorporación de Portugal, guerra contra Inglaterra).
Entre 1516 e 1700, a dinastía dos Habsburgo (castelanizada Austrias) gobernou
as Coroas de Castela e Aragón. A Monarquía hispánica foi un complexo
conglomerado de reinos baixo un mesmo rei. A súa orixe está non extensos
territorios que herdou Carlos I, neto dos RR CC e de Maximiliano de Austria,
entre 1515 e 1519. Ademais das coroas peninsulares o Imperio comprendía
outros territorios en América, en Europa (Austria, Flandres, etc.) e as posesións
de Aragón en Italia. Ao que se engadiu en 1519 o Sacro Imperio Xermánico.
A “carreira imperial” e a loita pola hexemonía provocou numerosas guerras: con
Francia, cos protestantes alemáns, co Papa ou co Imperio Otomano. Para
financialas o emperador solicitou préstamos, e reclamou o pago de novos tributos
a Castela (motivo principal da revolta das “comunidades”). En 1556 a Facenda
declarouse en bancarrota. As guerras obrigaron a manter un poderoso exército,
os terzos españois, formado por mercenarios.
En 1556 Carlos I retirouse ao mosteiro de Yuste. Os territorios austríacos e a o
título de Emperador pasaron a seu irmán Fernando, mentres o seu fillo Felipe II
herdou a Coroa Hispánica. O reinado deste caracterizouse polos constantes
conflitos ocasionados pola súa intransixente defensa do catolicismo:
- A rebelión de Flandres (de maioría protestante), contra a intolerancia relixiosa
de Felipe, levou a que en 1567 o Duque de Alba fose enviado a aplacala. A
represión foi moi dura, pero non conseguiu frear as protestas. Foron 80 anos de
guerras que concluíron coa independencia de Holanda en 1648.
- Felipe tamén se enfrontou á rebelión dos mouriscos de Granada (1567), e a
ameaza turca no Mediterráneo (batalla de Lepanto, 1571).
- En 1580 morreu sen descendentes directos o rei de Portugal e Felipe II
reclamou o trono, por ser fillo dunha princesa portuguesa. Conseguiu ser
proclamado rei de Portugal polas Cortes en 1581, conseguindo un aínda máis
enorme imperio. O reino portugués conservou as súas leis e institucións propias.

- Os enfrontamentos coa monarquía inglesa de Isabel I foron constantes, por


cuestións relixiosas (cisma anglicano) e políticas (apoio dos ingleses aos rebeldes
dos Países Baixos). Os piratas ingleses atacaban constantemente as colonias
americanas. Felipe II decidiu organizar unha Grande Armada para conquistar
Inglaterra, con máis de 130 barcos e 25.000 homes, que partiron da Coruña en
1588. Foron derrotados polas naves inglesas e os temporais. Ironicamente foi
chamada a armada invencible. Como represalia o pirata Drake atacou A Coruña
(cuxa defensa liderou María Pita) e Lisboa en 1589.
Na década de 1590 as derrotas no Imperio e os problemas económicos
agraváronse, a Facenda Real quebrou. En 1598 morreu Felipe II no Escorial.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


IES Eduardo Pondal, curso 2021-22
11. A CRISE DO SÉCULO XVII: aspectos socioeconómicos e políticos (crise
demográfica e económica, as reformas de Olivares e a crise da monarquía).
O século XVII considérase tradicionalmente como o do inicio da decadencia da
monarquía hispánica. A crise económica non foi igual en todo o territorio. En
xeral, afectou máis ao interior. En Catalunya e Valencia a economía recuperouse
desde mediados de século. Porén, en Castela só a partir de 1680 se iniciou a
recuperación.
A poboación estancouse e mesmo diminuiu nalgunhas zonas, debido ás pestes,
ás guerras e ás malas colleitas (causadas pola mala climatoloxía). A expulsión
dos mouriscos en 1609 contribuíu tamén ao descenso demográfico, sobre todo
na Coroa de Aragón.
Todos os sectores artesanais e comerciais víronse afectados, sobre todo a
industria téxtil castelá. As causas foron múltiples, destacando a inflación, a
diminución da demanda polo descenso demográfico e unha errónea política
monetaria. Os comerciantes europeos fixéronse co comercio cara América e, polo
tanto, coas remesas de metais preciosos procedentes das colonias, que
descenderon moito ao longo do século.
A Coroa, para facer fronte á crise, ademáis de incrementar á débeda pública e
subir os impostos, recorreu á desvalorización da moeda, acuñando inxentes
cantidades de moedas de vellón, o que aumentou a inflación e agravou a crise. A
imposibilidade de devolver os préstamos provocou a declaración de numerosas
bancarrotas que lastraron a Facenda real.
No aspecto político tamén se apreza a crise da monarquía, perdendo a
hexemonía en Europa.
Olivares, valido de Felipe IV, foi a figura política máis importante do século XVII.
Intentou unha reforma, a Unión de Armas (1625), co fin de que tamén os reinos
da Coroa de Aragón e Portugal, non só Castilla, pagasen impostos e achegasen
soldados a un exército único. De feito, pretendía transformar un imperio formado
por varios reinos nun só Estado seguindo o modelo de Castilla. Non o conseguiu
pola resistencia dos cataláns (Guerra dels Segadors) e dos portugueses en
1640, e máis tarde doutros territorios. Catalunya conservou os foros, despois dun
longo conflito no que interveu tamén Francia, e no 1668 Portugal independizouse
da monarquía hispánica.
As políticas de Olivares fracasaron e a monarquía quedou sumida nunha grave
decadencia. Ás derrotas exteriores, sobre todo contra Francia, e a conseguinte
perda de territorios, significaron a perda de relevancia da monarquía hispánica en
Europa, certificada na paz de Westfalia (1648) e na paz dos Pireneos (1659).

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


IES Eduardo Pondal, curso 2021-22
12. ECONOMÍA E SOCIEDADE NA GALICIA DOS AUSTRIAS (a agricultura e
as súas transformacións, a importancia da pesca na Galicia litoral, a
estrutura social: sociedade rendista e peso da fidalguía).
Ao longo dos séculos XVI e XVII a economía galega foi fundamentalmente
agrícola e pesqueira (máis do 80% da poboación vivía do campo).
A situación estratéxica de Galiza nas rutas comerciais atlánticas favoreceu a
expansión das actividades comerciais e artesanais no XVI. No campo mantívose
o sistema de produción baseado no cultivo de cereais (trigo e centeo) e no
barbeito. A poboación duplicouse, medrando sobre todo na costa, onde estaban
as principais vilas: Pontevedra, Vigo, Baiona, Tui, Betanzos, Redondela e A
Coruña, ás que se sumaban Santiago e Ourense no interior.
A pesca, que alcanzara na Idade Media un importante desenvolvemento,
mantívose durante o século XVI, destacando o crecemento de Pontevedra cun
influínte gremio de mareantes que controlaba a salga do peixe. Dende finais do
século XVI, viuse afectada polos ataques ingleses e holandeses. Tratouse dunha
pesca de baixura e con sistemas tradicionais, agás certas campañas do bacallau
de Terranova.
A finais do XVI comezou unha etapa de recesión: crises de subsistencia, malas
colleitas, fames e pestes que provocaron o descenso da pobación. Pero a
introdución do millo, a partir de 1630, abriu unha fase de recuperación sostida
ata mediados do XVIII. A medida que se introducía o millo, dende a costa e cara
ao interior, foi mudando o sistema de rotacións, diminuíndo o barbeito, e
medrando a gandería. Galicia era unha das rexións máis poboadas da monarquía,
con máis dun millón de habitantes.
A sociedade, maiormente analfabeta e agraria, tiña unha estrutura estamental.
Dunha banda, os perceptores das rendas, tanto eclesiásticos como laicos; e
doutra os labregos, que as pagaban. O foro, a renda máis estendida, garantiu o
usufruto da terra aos campesiños, pero perpetuou unha situación de dominio e
explotación social.
· A alta nobreza galega, ligada ás empresas políticas e militares dos Austrias,
destacou polo seu absentismo. Os Andrade, Lemos, Sarmiento e Monterrei
desempeñaron altos cargos na administración (vicerreis, embaixadores).
· O clero foi un grupo especialmente poderoso, nomeadamente os mosteiros.
Percibía unha parte importante das rendas agrarias (foros, décimos) e exercía
unha grande influencia social.
· A fidalguía, pequena nobreza rural (dona dos pazos), foi gañando poder e
riqueza como clase intermediaria entre os posuidores do dominio directo da terra
(xeralmente nobreza e clero), e os labregos (que detentaban o dominio útil) a
quen eles, decote, subforaban as fincas.
· Os labregos, a gran maioría da poboación, traballaban as terras pagando as
rendas e sufrían duras condicións, polo que houbo frecuentes revoltas.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


· Existían tamén outros grupos sociais non privilexiados: mariñeiros, agrupados en
gremios e confrarías; artesáns urbáns, tamén organizados en gremios, e
comerciantes.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


13. O CAMBIO DINÁSTICO E A GUERRA DE SUCESIÓN (causas da guerra,
bandos en conflito, a paz de Utrecht)
A morte de Carlos II de Habsburgo (1700) sen descendecia provocou o inicio dun
conflito internacional coñecido como Guerra de Sucesión (1701-1714) que
provocaría o inicio da Dinastía de Borbón e a fin de dous séculos de reinado da
casa de Austria (Habsburgo).
Carlos II, no seu testamento, nomeou a Filipe de Anjou, neto do rei francés Lois
XIV, sucesor. Pero a nivel internacional o medo á posible unión das coroas
francesa e española levou á formación dun bloque antiborbónico por Inglaterra,
Paises Baixos, Austria e outros territorios, iniciándose así un conflito internacional
que pronto se convertería tamén nunha guerra dentro dos territorios da monarquía
hispánica. A candidatura de Felipe V foi defendida pola coroa de Castela e máis
as provincias vascas e Navarra, e os dereitos da casa de Austria serían
defendidos pola Coroa de Aragón, temerosa ante a política centralista dos
Borbóns.
Ámbolos dous monarcas representaban modelos políticos distintos. Felipe V,
respresentaba o absolutismo monárquico e a centralización do Estado, mentres
que o candidato de Habsburgo representaba a opción foralista de respecto aos
privilexios forais e a autonomía acadados na época da Unión dinástica (s. XV).
A guerra comezou en 1702, sen decantarse por un ou outro bando. En 1702
produciuse a batalla de Rande na Ría de Vigo e en 1704 os ingleses
conquistaron Gibraltar. A iniciativa militar, pasou aos Borbóns coas vitoria claves
de Almansa (1707) ou Villaviciosa (1710).
En 1711 o arquiduque Carlos herdou o Sacro imperio romano xermánico deixando
de ter entón como obxectivo principal a Guerra de Sucesión. Países Baixos e
Inglaterra comezaron a recear dunha posible unión entre España e a Austria
imperial, dentro da súa defensa da teoría do equilibrio continental o cal levaría a
asinar en 1713 a Paz de Utrecht e o fin do conflito cuxos estertores chegarán ata
1714 coa toma definitiva de Cataluña polos Borbóns.
O Tratado de Utrecht recoñecía os dereitos de Felipe V pero a cambio renunciaba
á unión con Francia e os seus dereitos sobre esta coroa. Flandes, Nápoles e
Cerdeña pasaban a Austria (perdendo España os territorios europeos que lle
quedaban) e Inglaterra conseguiría Xibraltar, Menorca e máis os dereitos de
asentos de negros e de navíos de permiso.
A pesar de asinarse a paz internacional, a guerra continuou na Península. Felipe
conquistou Barcelona o 11 de setembro de 1714 (data que se recorda cada
ano na celebración da Diada, ou Día Nacional de Catalunya) e Mallorca e Eivisa
en 1715. Felipe V aproveitou a guerra para a promulgación dos Decretos de
Nueva Planta, impondo a extinción dos foros da Coroa de Aragón, iniciándose así
o proceso de centralización da recén imposta monarquía absoluta.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


14. OS DECRETOS DE NUEVA PLANTA E OS SEUS EFECTOS
A Guerra de Sucesión (1702-1715) supuxo, non só o cambio de dinastía, senón
tamén unha nova organización do territorio hispano. Utilizando o dereito de
conquista, o novo rei Borbón, Felipe V, impuxo os chamados Decretos de Nova
Planta nos distintos reinos da Coroa de Aragón (que apoiaran ao candidato
austríaco). Estes reinos perderon os seus foros, ou lei particulares, implantando
nos mesmos as leis de Castela. Só as Provincias Vascas e Navarra, que
apoiaran ao candidato francés, conservaron os seus foros seculares.
As reformas de Felipe V inspiráronse no exemplo francés, buscando un maior
centralismo do poder político e a uniformidade lexislativa. Segundo foi avanzando
a conquista, fóronse aplicando as reformas: en 1707 os decretos de Nova Planta
aplicáronse en Aragón e Valencia, en Mallorca en 1715 e en Cataluña en 1716.
Os reinos foron transformados en provincias gobernadas en nome do rei por un
capitán xeneral, eliminando o vicerreis (agás o de Navarra).
As aduanas interiores foron suprimidas e os tribunais foron modificados ao
crearse as Audiencias, seguindo o modelo de Castela.
Suprimiuse a autonomía municipal, sendo designados todos los cargos polo rei.
Estendeuse o sistema de corrixidores, xa existente en Castela, como
representantes da autoridade real nos grandes concellos.
Desapareceron as Cortes de cada reino, e só un pequeno número de cidades foi
admitido nas Cortes de Castilla, cuxas funcións quedaron limitadas á xura do
príncipe de Asturias.
O castelán substituíu ao catalán como lingua oficial da Administración.
Por outra banda, creouse unha nova figura administrativa, de orixe francesa, o
Intendente. En cada provincia, tamén en Castela, había unha Intendencia
encargada do mantemento dos exércitos e do fomento económico.
Quíxose, ademais, establecer unha Contribución Única, para que cada provincia
pagase en función da súa riqueza e demografía unha cantidade fixa en impostos
(Catastro de Cataluña, 1715).
Todas estas medidas centralistas e uniformadoras non impediron que seguiran
existindo numerosos particularismos xurisdicionais: Navarra e as provincias
vascas mantiveron os seus privilexios forais; moitos terras e persoas seguiron
pertencendo a señores particulares, que exercían a autoridade e a xustiza sobre
eles; e ademais, os nobres e o clero sempre se negaron, con éxito, a pagar
impostos. Houbo cambios importantes na Coroa de Aragón, que perdeu as súas
leis e institucións históricas, pero o modelo económico e social seguiu a ser o do
Antigo Réxime.
As reivindicacións nacionalistas da actualidade en Cataluña teñen a súa raíz
histórica na perda dos foros cos Decretos de Nueva Planta. Mesmo a Diada (Día
Nacional de Cataluña) o que conmemora é a entrada das tropas de Felipe V en
Barcelona en 1714.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22


15. O REFORMISMO BORBÓNICO EN GALICIA (a matrícula do mar, o arsenal
de ferrol, a apertura co comercio colonial)
Na Galicia do s. XVIII conviviron aspectos do pasado con novidades impulsadas
polas reformas realizadas polos novos reis Borbóns.
Desde o punto de vista militar, Galicia, pola súa situación xeoestratéxica,
converteuse no lugar onde rexeitar os ataques das frotas estranxeiras,
especialmente inglesas. A meirande parte da costa galega foi reforzada con
baterías e castelos.
En 1737 regulamentouse a Matrícula de Mar. Os mariñeiros e pescadores
quedaron sometidos á posibilidade dunha mobilización forzosa. En troques,
quedaban exentos do servizo militar e dos aloxamentos militares. Coa
reorganización do sistema da Matrícula de Mar, en 1748 os mariñeiros pasaron a
depender da Armada, liberándose da xurisdición eclesiástica e señorial. Porén,
quedaron ao servizo da Mariña de Guerra, tendo que interromper o seu traballo
de xeito constante, debido ás continuas guerras.
Desde 1726 Ferrol foi promocionada como base da armada española. A partir de
1746 iniciouse a construción dos estaleiros e do arsenal que converteron a
Ferrol na principal cidade de Galicia. Pasou duns 2.000 hb a principios de século,
a 25.000 a finais do mesmo. Para acoller aos novos habitantes contruíronse os
barrios de Esteiro e o da Magdalena.
Foron habituais os ataques ingleses aos portos galegos, destacando a Batalla de
Rande (1702), durante a Guerra de Sucesión, a invasión inglesa de Vigo en 1719
ou o ataque a Ferrol en 1800.
A apertura do comercio coas colonias americanas favoreceu sobre todo á Coruña.
En 1764 o goberno estableceu na Coruña o Servizo de Correos Marítimos,
encargado de levar correspondencia á La Habana e Buenos Aires, transportando
tamén mercadorías. En 1765 o porto coruñés foi autorizado a comerciar
directamente con América.
Desde o punto de vista da organización territorial, destaca a creación da
Intendencia do Reino Galicia en 1712. Tiña as mesmas funcións que no resto
de España (recrutamento e abastecemento do exército; fomento da economía...)
e converteuse na institución que máis potenciou o crecemento económico de
Galicia.
Ao longo do s. XVIII tamén xurdiron en Galicia iniciativas ilustradas. Entre as
súas características destacan: a moderación das súas propostas, a crítica dos
abusos dos privilexiados e da miseria do campesiñado, a mellora da economía
como principal aspiración e a defensa das particularidades de Galicia. A meirande
parte do ilustrados galegos foron eclesiásticos (Feijóo, Sarmiento...) ou fidalgos
(Cornide). O impacto da Ilustración, como no resto de España, foi moi limitado,
pola oposición dos privilexiados, e a súa influencia foi máis importante como base
teórica do liberalismo que como impulsora de cambios importantes e duradeiros.
O Antigo Réxime mantívose nos seus trazos fundamentais.
IES Eduardo Pondal, curso 2021-22
16. A ILUSTRACIÓN EN ESPAÑA
A Ilustración é un movemento cultural e ideolóxico, característico da Europa do
século XVIII (o 'século das luces'), que defendía, a capacidade da razón
humana para descubrir a verdade e as leis da natureza, e a necesidade de
realizar reformas co obxectivo de incrementar o benestar material do país e
alcanzar a felicidade persoal. As novas ideas, desenvolvidas por unha minoría de
persoas, tiveron unha enorme influencia, sen conseguir rachar co modelo político
e social do Antigo Réxime.
Na segunda metade do s. XVIII, en toda Europa estendéronse as novas ideas
políticas que defendían o reforzamento do poder absoluto dos reis, pero
entendido como un medio para fomentar o benestar dos seus súbditos. O rei
debía ser un déspota, pero un déspota ilustrado. Non se consideraba necesario
contar coa poboación, xa que se entendía que a miseria e ignorancia en que
vivían lles impedía saber cales eran os remedios aos seus males: todo para o
pobo, pero sen o pobo. O exemplo español de déspota ilustrado foi Carlos III.
En España, a oposición dos estamentos privilexiados, clero e nobreza, e a propia
ignorancia do pobo, fixeron fracasar a maioría das reformas ilustradas
promovidas desde o poder. As ideas ilustradas foron exclusivas de certos
sectores da aristocracia ou da burguesía. E tamén dalgúns clérigos, como Feijóo
ou o Padre Sarmiento en Galicia, críticos cos abusos dos privilexiados e
defensores das particularidades de Galicia, mesmo da lingua.
Na primeira metade do século creáronse as Academias, instrumentos de difusión
das 'luces', como as da Lengua, Medicina ou Historia. Durante o reinado de
Carlos III leváronse a cabo reformas, pero sen atacar as bases do Antigo Réxime.
Entre as actuacións destacan a colonización de Sierra Morena, dirixida por Pablo
Olavide, a construción das canles de Aragón e Castela para estender o regadío e
a creación de manufacturas reais e de arsenais, coma o de Ferrol.
Os escritos de Campomanes, Jovellanos (Informe sobre la ley agraria) ou
Cabarrús amosan a súa preocupación pola situación económica do país, á vez
que critican os privilexios estamentais. Tamén algunhas mulleres tiveron un
papel destacado dentro da Ilustración española, como Josefa Amar (defensora do
dereito das mulleres á educación) ou a condesa de Montijo (promotora da cultura
desde o seu salón literario).
Froito do interese polos asuntos económicos e sociais foi a creación das
Sociedades Económicas de Amigos do País, como as de Lugo e Santiago, que
difundían os avances científicos e promovían o desenvolvemento económico.
A Inquisición perseguiu as novas ideas ilustradas, converténdose nun freo das
reformas máis avanzadas. Pero non puido evitar que penetraran en España,
sendo a inspiración do movemento revolucionario que implantou o liberalismo no
século XIX.

IES Eduardo Pondal, curso 2021-22

You might also like