You are on page 1of 2

Afinación do punteiro I

O punteiro é o tubo sonoro que nos permite executar a melodía, e o son deste é
producido pola palleta. Os primeiros coñecementos que imos adquirir sobre como variar
a afinación do punteiro van ser os referidos á parte que depende unicamente da palleta.
Como falabamos en volumes anteriores, a palleta é o elemento que produce o son grazas
á súa vibración. Consiste en dúas laminiñas moi finas de cana de bambú, que se colocan
sobre dun tudel metálico (ferrete) amarradas ao mesmo, utilizando corda duns 0,9 mm
untada con pez e un ariño metálico (canga).

No proceso de afinación do noso instrumento resulta imprescindible recoñecer cando


un mesmo son producido por dúas gaitas está ou non afinado. Á hora de afinar a nosa
gaita sempre precisaremos dunha referencia, esta pode ser un diapasón, un afinador
electrónico ou mesmo outro gaiteiro. A opción de tomar a mostra por outro gaiteiro
resulta boa cando só tocan dúas gaitas, recomendamos empregar un afinador electrónico
cando toquemos con outros instrumentos que sexan afinados a unha determinada
frecuencia (o patrón de afinación máis habitual é un son de 440 Hz, o la da escala media
do piano, é dicir, 440 vibracións por segundo).

Dentro do maletín de calquera gaiteiro/a é aconsellable contar cun afinador


electrónico, unha navalla ben afiada, un taco de madeira, papel de lixa (400 de auga),
uns alicates pequenos e máis un carrete de fío bastante fino.

O afinador electrónico é moi doado de entender, prenderémolo e colocarémola


frecuencia que queiramos no calibrador do mesmo. É moi importante ter en conta que a
palleta ao estar construída con cana vaise ver afectada polos cambios de temperatura e
humidade, polo que o calibre (sempre que non haxa que tocar con outro instrumento que
teña unha afinación determinada) pódese variar en función destes factores (1-16ºC 438
Hz; 17-25ºC 440Hz e 26-40ºC 442Hz). Despois, producindo calquera son do punteiro, a
agulla que nos marca a altura de son comezará a moverse de forma que: se queda ao
lado esquerdo a nota estará baixa, se queda no centro estará afinada e se queda no lado
dereito estará aguda.

Antes de comezar o proceso de afinación, é necesario tocar uns minutos para que a
palleta colla o grao necesario de humidade. De seguido comprobaremos no afinador
electrónico a afinación do punteiro (podemos comprobar as notas re grave, la e re
agudo).

As primeiras variacións da afinación no tocante á palleta que imos a ver, van ser as
que dependen da abertura da mesma (esta ten un tope de abertura do que non podemos
pasar, chamado ‘tope oval’, que depende da canga; e máis un tope ao pechala onde o
son xa é moi forzado e incontrolable). Temos que ter coidado con esta operación xa que
unha manipulación continua das láminas provocará unha perda de timbre e vida útil da
palleta:

9 Se pechamos a abertura da palleta mediante a presión dos nosos dedos sobre as


laminiñas desta, ou ben ao facer presión cuns alicates sobre a canga,
conseguiremos que a frecuencia de vibración entre estas sexa máis elevada. Con
esta acción a afinación será máis aguda, a palleta levará menos aire, teremos
menos volume e menor estabilidade para o tempero. Esta acción vai ser máis
acusada nas notas agudas do punteiro.

9 Polo contrario se facemos máis grande a abertura da palleta mediante a presión


dos nosos dedos sobre os laterais das laminiñas da mesma, ou ben ao facer
presión cuns alicates sobre a parte estreita da canga, conseguiremos que a
frecuencia de vibración entre estas sexa menor. Con esta acción a afinación será
máis grave, a palleta levará máis aire e precisaremos dun aumento da presión do
noso brazo para un bo son, teremos moito máis volume, acadaremos maior
estabilidade para o tempero e o timbre será máis rico en harmónicos. Ao igual
que acontecía no apartado anterior, esta acción vai ser máis acusada nas notas
agudas do punteiro.

You might also like